main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/01/201908:48
Participantes no programa A Revista.
Santiago de Compostela

O 8 de febreiro remata o prazo para aspirar aos retos de R DiCo Challenge

A Corporación Radio Televisión de Galicia, a AMTEGA e o operador R unen forzas para o desenvolvemento de cinco retos tecnolóxicos para emprendedores e empresas enmarcados na nova aceleradora de contidos dixitais R DiCo Challenge.
Alfredo Ramos, director xeral de R, Rosa Méndez, directora da área de Sociedade Dixital de AMTEGA e Xosé Pereira, director da Área de innovación e negocio da CRTVG, estiveron no programa da TVG A Revista, onde explicaron con detalle esta iniciativa, que busca fomentar a innovación tecnolóxica no eido dos contidos dixitais. Entre os obxectivos destes retos sinalaron o aproveitamento destas iniciativas para mellorar os produtos e servizos, e impulsar o emprego, nun sector que xa reúne a máis de 5.000 traballadores e unhas 900 empresas. 

Televisión de Galicia colabora nos 5 retos pero céntrase nun, unha análise de big dataaplicado ao consumo televisivo. Segundo o director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, o obxectivo é coñecer o comportamento dos usuarios en relación cos medios de comunicación en Galicia e tamén noutros produtos audiovisuais, como os videoxogos. Así mesmo, Pereira explicou que para a realización deste reto a CRTVG porá a disposición dos elixidos os sistemas de medición de audiencias da CRTVG ou das súas canles dixitais.

Dentro dos outros retos, destacan un novo sistema de enriquecemento de contidos deportivos ou a creación de aplicacións para Android TV. Amais, tamén se buscarán solucións para transmitir contidos formativos e divulgativos dun xeito innovador. As ideas para cada un destes retos pódense presentar até o 8 de febreiro na web de startups R Dico Challenge. Ademais, crearase un espazo na Cidade da Cultura para o desenvolvemento das iniciativas.

29/01/201908:38
Candado por riba dun portátil.
Santiago de Compostela

O CPETIG completa en febreiro a súa formación específica para protectores de datos

Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai organizar en febreiro a segunda parte do Curso de Delegado de Protección de Datos (DPO), unha actividade formativa dirixida a especializar e capacitar aos nosos profesionais en todo o relativo á salvagarda da información ao abeiro dos novos soportes (e en relación directa co regulamento europeo vixente). O curso, impartido por AENOR e recoñecido pola AEPD celebrarase os vindeiros días 1 e 2 de febreiro na Cidade da Cultura. 

Nesta segunda fase, continuación das sesións celebradas o pasado mes de setembro, participarán os mesmos asistentes da primeira, ao obxecto de completar a súa formación sobre a figura do DPO. Segundo informa o CPETIG, as dúas vindeiras sesións terán unha duración total de 10 horas, distribuídas entre a tarde do venres, día 1, e a mañá do sábado, día 2, completando así un programa formativo de 30 horas, recoñecido pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) como parte dun dos seus itinerarios para optar ao exame de certificación como DPO. Os contidos da actividade están centrados nos fundamentos e principios do novo regulamento de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas dos responsables e os encargados do tratamento da información e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, na Autoridade de control e no réxime sancionador. 

Obxectivos 
O curso de DPO ofrece unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e os seus fornecedores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para “coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo”. 

Formación recoñecida pola AEPD 
A formación é impartida por AENOR e está recoñecida pola AEPD como válida para a obtención de puntos e posterior presentación ao exame de Certificación DPO. O perfil profesional ao que vai dirixido o curso inclúe a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.

29/01/201908:33
Casa do Concello de Brión. (Galipedia).
Brión

O Concello de Brión comeza o ano con formación TIC para a cidadanía

O Concello de Brión quere comezar o ano con formación en novas tecnoloxías para a cidadanía, poñendo o foco na alfabetización de base. Nesta liña, o Goberno local vén de presentar a súa oferta formativa para o vindeiro mes de febreiro, que inclúe dous cursos que terán lugar na aula CeMIT emprazada na Carballeira de Santa Minia. Trátase dun curso de iniciación a informática, que se celebra os luns e mércores, de 20:00 a 22:00 horas, entre o 11 de febreiro e o 13 de marzo; e un curso de Power Point que se desenvolverá os martes e xoves, de 10:30 a 12:30 horas, do 12 de febreiro ao 21 de marzo. 

En ambos casos, o Concello de Brión oferta 12 prazas por unha cota de 30 euros, cun desconto do 50% para persoas desempregadas: 15 euros. Os dous cursos devanditos terán unha duración de 20 horas lectivas. As inscricións poden formalizarse ata unha semana antes do inicio do curso na Casa da Cultura de Brión, chamando ao 981 50 99 08 ou enviando un correo electrónico a empregobrion@gmail.com.

29/01/201908:28
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

III Hackathon CEIN

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, fiel ao seu compromiso de potenciación e desenvolvemento do sector TIC galego, convoca o III Hackathon Big Data y Analytics, que terá lugar os próximos días 1 e 2 de febreiro de 2019 na Cidade da Cultura de Galicia. Este evento ten como obxectivo unir a equipos de analistas, estudantes universitarios, emprendedores e emprendedoras e todo tipo de persoas con inquietudes no ámbito de Intelixencia Artificial, Big Data &  Analytics co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto exposto inicialmente.

Nesta edición, o desafío basearase en expor e desenvolver ideas que permitan mellorar a calidade de vida da cidadanía para partir da análise de datos meteorolóxicos, que serán proporcionados por Meteogalicia. A rede de estacións meteorolóxicas, ademais de xerar un gran volume de datos históricos de multitude de variables, tamén ofrece información en Near Real-Time dun subconxunto de magnitudes físicas cun gran potencial para ser usadas en diferentes ámbitos da vida diaria. As fontes de datos que poderán ser utilizadas durante o evento están detalladas nas bases do Hackathon, que poden consultarse en www.hackathon-cein.com.

Equipos multidisciplinares
As propostas desenvolveranse en grupos multidisciplinares de traballo integrados por un mínimo de 3 persoas a un máximo de 5, contando co asesoramento técnico de profesionais de  DXC quen, como empresa organizadora, facilitará na medida do posible apoio loxístico para a realización dos distintos proxectos, mediará en cuestións derivadas dos mesmos e asegurará o cumprimento e acatamento das normas necesarias para o seu correcto desenvolvemento.

A cantidade máxima de participantes virá delimitada polo espazo dispoñible, ata un máximo de 30 persoas. Os participantes poden inscribirse en equipos ou de maneira individual. Promóvese a inscrición en equipos multidisciplinares. Os integrantes que se inscriban individualmente poderán sumarse a un equipo ou formar un durante a primeira xornada.

Aínda que a organización proverá dun lugar de traballo, tomas de corrente, conexión wifi a Internet e datasetscada equipo participante deberá levar a súa propia ferramenta de traballo: equipos informáticos como ordenadores portátiles, tablets e/ou outros compoñentes para crear os seus produtos ou solucións, e calquera outro tipo de hardware ou software que requiran para poder traballar no proxecto.

Ao termo da segunda xornada, cada equipo fará unha breve exposición (durante 5-10 minutos) da súa solución. Un xurado experto formado por membros de DXC Technology e os organismos colaboradores avaliará e seleccionará os gañadores.

Máis información e inscricións en www.hackathon-cein.com.

28/01/201914:27
Susana López Abella.
Monforte de Lemos

A Xunta incide na importancia de facer chegar á mocidade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe no IES Río Cabe de Monforte, a exposición do premio María Josefa Wonenbuger Planells.

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia de visibilizar e facer chegar á mocidade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía.

Susana López Abella, visitou esta mañá no IES Río Cabe de Monforte, a exposición do premio María Josefa Wonenbuger Planells, onde lembrou que a Xunta creou un premio para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade.

A titular de Igualdade destacou que a visibilización da actividade desta muller e do seu triunfo é unha combinación gañadora, por iso debese seguir recoñecendo ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras. Polo que dende o Goberno galego considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS