
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A aposta polo galego na docencia conta con novas axudas. Así o fixo saber os días pasados o Goberno galego, a través das consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional. Estamos a falar de dúas ordes da Secretaría Xeral de Política Lingüística no DOG que consisten na achega de axudas para o fomento da lingua galega no ensino, tanto para centros de titularidade pública como para centros de titularidade privada. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto até os días 13 e 25 de febreiro, respectivamente. Un dos criterios sobre os que se fai fincapé é o emprego das novas tecnoloxías da información no devandito cometido de difusión e emprego da lingua.
Ambas as convocatorias teñen a finalidade de “contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2018/2019 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades”. O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia).
Sobre os criterios de valoración, os equipos ou o profesorado encargado da dinamización lingüística nos centros educativos que desexen optar a estes apoios deberán presentar un proxecto de actuación de cuxa valoración dependerá sobre todo a contía (un máximo de 800 euros) que obterán para desenvolvelo. Terase en conta tamén o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto.
Teranse en conta o grao de implicación nos proxectos candidatos por parte dos distintos membros da comunidade educativa; o nivel de utilización das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC); o grao de colaboración con outros centros educativos, así como con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto; a realización de actividades plurianuais e a tipoloxías das actividades propostas.
O martes 5 de febreiro, ás 22.30h, con motivo do Día Internacional da Internet Segura, Odisea estrea O meu pesadelo online, serie que recrea casos reais de estafas e suplantación de identidade na web.
Ademais, na app de Odisea VR poderase ver o documental Zero Days VR, premiado cun Emmy no ano 2018, que dá a coñecer, desde unha perspectiva diferente, a historia de Stuxnet, o primeiro verme informático capaz de danar a infraestrutura do "mundo real".
Os perfís falsos nas redes sociais están á orde do día e están a dar lugar a situacións tan surrealistas como perigosas.
O meu pesadelo online recrea algunhas das estafas reais máis coñecidas, que son un exemplo extremo de como Internet cambiou as relacións sociais. Así, cada martes de febreiro, ao longo de catro episodios, a serie mostra algúns dos problemas que envolven á sociedade actual na chamada era dixital.
A Xunta pon en marcha este ano una nova edición do Plan para reforzar a formación do empregado público no ámbito da Administración dixital e da Protección de datos con preto de 2.000 horas a través de 67 cursos en formato presencial, online e mixto.
Esta medida enmárcase nas actuacións do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co que se está a consolidar o proceso de transformación dixital da Administración autonómica, no que traballan a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O Plan formativo, que se realiza en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, incrementa en máis dun 66% o número de horas con respecto a 2018 e tamén o número de cursos, ofrecendo un 20% máis que na edición anterior.
Os cursos abordan diferentes aspectos da Administración dixital tanto vinculados ás novidades introducidas polas lei 39/2015, como os centrados na implantación de novos sistemas da administración dixital (notificacións electrónicas, dixitalización de rexistros...) ademais dos relativos ao novo decreto de protección de datos, con formación específica para os delegados de protección de datos.
Máis formación, maiores niveis de uso
A importancia da formación no sector público autonómico reflíctese na futura Lei de Administración Dixital de Galicia, actualmente en tramitación, que contempla un Plan de Capacitación Dixital para garantir aos empregados públicos o acceso á formación necesaria para desempeñar as súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.
O sistema de indicadores do Plan apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro como fóra da Administración. A nivel interno no ano 2018 os empregados públicos realizaron 6,4 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 44% máis que en 2017; rexistraron máis de 300.000 notificacións electrónicas, máis do triple que en 2017 e asinaron 2,7 millóns de documentos electrónicamente. Por parte dos cidadáns, as xestións online superaron as 470.000, o que supuxo un incremento do 47%.
Precisamente, un proxecto europeo denominado Facet busca mellorar a atención a persoas maiores fráxiles a través da tecnoloxía, cun seguimento no seu fogar para reducir as visitas ao médico e mellorar a calidade de vida dos pacientes.
O Hospital Universitario de Xetafe forma parte deste proxecto e puxo en marcha un estudo a través do seu servizo de xeriatría e da súa fundación de investigación biomédica para desenvolver un sistema online de seguimento.
A idea é desenvolver unha aplicación para o móbil dos usuarios que se comunica cunha serie de sensores que se colocan no fogar ou o lugar de residencia da persoa maior con fraxilidade para monitorar a súa evolución en parámetros como a mobilidade, a nutrición ou o seguimento do tratamento.
Esta aplicación da "e-Health" busca mellorar o tratamento das persoas maiores que deben acudir de forma habitual ao médico, á vez que se impulsa a súa calidade de vida e autonomía.
De maneira complementaria ás recomendacións lanzadas con motivo da celebración do Día Europeo pola Protección de Datos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan este 28 de xaneiro a terceira edición do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO. O certame organízase con motivo da devandita celebración europea, dirixida a facermos fronte común para acadar unha sociedade dixital máis segura e confiable.
Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.
Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, darase a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións organizadoras: http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/.
Na primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia. Os gañadores foron na categoría de 1º- 2º da ESO Eva Riveiro Formoso co traballo Oinc, que cursaba naquel momento segundo da ESO no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela; e na categoría 3º- 4º ESO resultou premiado Gustavo López Leyenda co traballo PISOTE, cursando o pasado ano 4º da ESO no CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela. Na segunda edición, celebrada en 2018, recibiron os premios Paula Ledo de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo (Ourense) co traballo O perigo das redes sociais; na categoría do primeiro ciclo de Secundaria gañou o premio Sara Álvarez, alumna de 2º da ESO do IES O Couto de Ourense, co traballo Peket; e na categoría do segundo ciclo de Secundaria fíxose coa vitoria Carlos López, alumno de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, co traballo Xosé Manuel Agudo.