main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/02/201909:13
Probas do proxecto RECUPERA.
Santiago de Compostela

Colle corpo definitivo o proxecto galego RECUPERA para rehabilitar persoas con dano neurolóxico

Os días pasados foron días de lanzamentos e comercializacións de innovación galega. A empresa Balidea protagonizou dous destes lanzamentos: o da tecnoloxía desenvolvida ao abeiro do proxecto TOURAL (xunto con Situm, Nordesía e S-REC) e, tamén, o dos resultados obtidos con RECUPERA, unha iniciativa igualmente liderada por Balidea e que serviu para dar forma a un sistema de apoio na rehabilitación de doentes de dano neurolóxico a través dunha ferramenta que combina robótica e máis realidade virtual.

O proxecto RECUPERA culminou esta semana tres anos de traballo. Tal e como sinalamos no seu día, reflectindo no 2016 a súa presentación no Hospital POVISA de Vigo, consiste nun ambicioso proxecto que ten un dos seus piares fundamentais nun robot con capacidade para ser aplicado clinicamente en procesos de recuperación de persoas vítimas de doenzas como ictus ou accidentes cerebro-vasculares. Incorpora, amais, un sistema de realidade virtual envolvente para permitir aos usuarios recrear actividades concretas do seu quefacer diario e prepararse, deste xeito, para levalas a cabo no plano real. RECUPERA foi liderado por Balidea en colaboración co Hospital POVISAAimen Centro Tecnolóxico e as empresas DGHi3Te e Ficción Producciones

Os resultados presentáronse os días pasados en Aimen Centro Tecnolóxico, onde se lembrou que RECUPERA xorde como continuación do proxecto Fisiorob e que foi concibido para asistir aos pacientes en todas as fases da súa recuperación: desde a máis crítica (cando non hai capacidade neuromotora apreciable), pasando pola etapa onde comeza a haber movemento pero non resistencia, até a fase previa á alta médica, cando malia terse rexistrado importantes avances, aínda non hai control motriz dabondo. 

Segundo explicou Balidea, en 2018, a última anualidade do proxecto, finalizouse o desenvolvemento da tecnoloxía coa integración dos principais subsistemas: “Conseguiuse un prototipo totalmente funcional que une unha contorna de realidade virtual con exercicios avanzados, un sistema de sensores inerciais para a localización en 3D, un control mellorado e un sistema informático que integra control, interface gráfico e almacenamento en BBDD”, detallou a empresa de Santiago, engadindo que durante o último ano realizáronse probas con persoas sas, “co obxectivo de demostrar que o aparello mostra información obxectiva de valores cinéticos e cinemáticos, que non é lesivo e que os parámetros poden mellorar co adestramento”. Ademais, grazas a estas probas xeraranse patróns de comportamento que permitirán comparativas entre pacientes reais e os datos de persoas sas. 

O proxecto contou cun orzamento de 862.390,17 €, co-financiado en 456.636,17 € pola Axencia Galega de Innovación e apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para fomentar a cooperación entre as empresas e os demais axentes do sistema galego de innovación, co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

04/02/201907:56
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Amtega e o Sector TIC poñen en marcha cinco novas actuacións do plan DigiTalent para impulsar as vocacións STEM

  • Tras abrir o prazo de inscrición da segunda edición de Tecnológo por un día, que remata o 8 de febreiro, comezan as novas actividades de 2019
  • Arranca Acerca-T, unha iniciativa de Televés para achegar as telecomunicacións e robótica a 100 alumnos de secundaria e bacharelato cunha unidade móbil que visitará diferentes centros educativos
  • Desde febreiro IECISA organiza DixiXogo, un conxunto de actividades e talleres lúdico-formativos para fomentar as habilidades dixitais dos máis novos a través do xogo
  • Da man de SIVSA e Coremain 60 estudantes de entre 12 e 17 anos achegaranse a proxectos relacionados co coche conectado, á programación e ás telecomunicacións
  • Lanzarase a competición internacional de programación DXC Codes para que nenos e nenas de 10-14 anos se acheguen á ciencia, á tecnoloxía, enxeñería e ás matemáticas dunha forma atractiva e divertida
  • Estas actuacións súmanse a GenTech, que ofrece máis de 20 sesións dixitais orientadas a alumnado de bacharelato

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coas empresas do sector tecnolóxico pon en marcha cinco novas actividades do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent. Nos primeiros meses do ano, cobran especial relevancia as iniciativas orientadas á infancia e adolescencia para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas, que se suman a outras xa en marcha. 

Así a semana pasada a Amtega abriu o prazo de inscricións da segunda edición programa Tecnólogo por un día, que permitirá a nenos de 12 a 17 anos experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais.

Ademais, está en marcha GenTech, de Altia, con 20 sesións dixitais aos centros educativos para achegar ao alumnado de bacharelato presentacións de profesionais TIC que lles trasladarán a súa experiencia desde unha perspectiva real, práctica e inspiradora co obxectivo de potenciar o seu xene tecnolóxico.

 

Inicio da ruta Acerca-T polos centros educativos
Durante este mes de febreiro a empresa Televés iniciará a ruta Acerca-T, poñendo en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa coa que visitará catro centros educativos das catro provincias galegas.

Ademais a unidade tamén terá presencia nas oficinas centrais de Televés, que servirán como ubicación accesible para todos os nenos/as da área de influencia, ofrecendo un total de 100 prazas nesta edición e tamén terán oportunidade de visitar a fábrica da empresa en Santiago de Compostela.

Acerca-T está  orientada a alumnos e alumnas de ESO e bacharelato, en quendas con capacidade de ata 10 persoas nas que poderán participar estudantes de centros educativos distintos dentro do radio de acción da unidade móbil sempre que haxa prazas dispoñibles. As localizacións, datas e instrucións para participar nesta actividade poden consultarse no espazo web DigiTalent https://amtega.xunta.gal/vocacions-cientifico-tecnoloxicas-infancia-e-ad....

Ciclo de talleres lúdico-formativos DixiXogo 
A iniciativa DixiXogo liderada pola empresa Iecisa, ofrece a nenos e nenas de 6 a 14 anos a posibilidade de aprender e adquirir habilidades dixitais a través do xogo con talleres de distintos niveis de dificultade, desde os máis básicos con Lego WeDo ata os máis avanzados con MindStoms e Robobo. 

Estas actividades terán lugar no centro de innovación La Molinera de Ourense e nas instalacións do Corte Inglés de Vigo, A Coruña (Marineda City) e C.C. Santiago de Compostela; ademais estes dous últimos centros contarán cun espazo Lego permanente de robótica educativa. Os 5 talleres planificados ata o de agora ofrecerán un total de 75 prazas. Todos os detalles dos talleres, localizacións e instrucións para participar estarán dispoñibles na web https://www.iecisa.com/es/DigiTalent. 

Inmersión tecnolóxica do alumnado
A empresa SIVSA Solucións Informáticas e Coremain poñen en marcha FUTURELAB+FUNCODE e O Core das TIC respectivamente, unha serie de talleres nas instalacións destas empresas nos que se realizarán actividades prácticas experimentando os procesos de creación e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas.

Os participantes de FUTURELAB+FUNCODE poderán achegarse a proxectos relacionados co coche conectado ou a programación e os que se decanten por O Core das TIC coñecerán de cerca iniciativas relacionadas co ámbito das telecomunicacións. Estes talleres ofrecen 60 prazas para estudantes de entre 12 e 17 anos e celebraranse desde marzo ata finais de curso. O prazo de inscrición está aberto desde o 1 de febreiro a través dos formularios dispoñibles nos seguintes espazos web: https://www.sivsa.com/site/digitalent/ e http://www.coremain.com/core-tic/.

 

Competición internacional DXC Codes
DXC Technology impulsa DXC Codes, unha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch para nenos de 10 a 14 anos, cuxa primeira fase local será organizada pola delegación de DXC Technology en Santiago de Compostela para nenos de toda Galicia. Está previsto que durante este mes de febreiro se publiquen os retos de programación, que son definidos a nivel global, e se abra o prazo de inscricións para os interesados en participar no concurso.

Catálogo de actuacións DigiTalent 2018/2019
O catálogo de actuacións DigiTalent está dispoñible no espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas.

01/02/201915:00
Logo CeMIT.
Santiago de Compostela

A rede CeMIT celebra o Día de Internet segura cunha programación especial de actividades

  • A Rede e os seus aliados dixitais súmanse a esta conmemoración cunha planificación especial en aulas das catro provincias para promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías
  • O 5 de febreiro celebraranse charlas en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, coa Asociación Galega de Software Libre e co mentor dixital Jose M. Lozoya
  • As actividades estenderanse ata mediados de febreiro en aulas das catro provincias

A Rede CeMIT celebra o Día de Internet Segura cunha programación especial de actividades das Aulas CeMIT, sumándose así a un evento que se ven celebrando desde o ano 2004 na Unión Europea e que actualmente conmemórase internacionalmente.  

 

As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como obxectivo principal apoiar a creación dunha internet máis segura e mellor, para convertela nun espazo no que todos fagamos uso da tecnoloxía de modo máis responsable, respectuoso, crítico e creativo.

 

Actividades programadas

Ao longo do día 5 de febreiro, terán lugar as seguintes charlas programadas na rede CeMIT grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020: Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), a Asociación Galega de Software Libre (Agasol), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e o mentor dixital D. José M. Lozoya.

  • Aula CeMIT de Barreiros, Lugo, impartida polo aliado dixital AETG
  • Aula CeMIT de Pontedeume, A Coruña, impartida polo aliado dixital  AETG
  • Aula CeMIT de Redondela, Pontevedra, impartida polo aliado dixital AETG
  • IES A Guía, de Vigo, impartida polo aliado dixital AGASOL
  • Aula CeMIT de Celanova, Ourense, impartida polo aliado dixital CPEIG
  • Aula CeMIT de Leiro, Ourense, impartida polo aliado dixital CPEIG
  • Aula CeMIT de Pontevedra, impartida polo mentor dixital D. José M. Lozoya

Ademais, na semana centrada nesta data internacional desenvolveranse noutras aulas CeMIT de Galicia diversas actividades, que poderán consultar a través da web http://cemit.xunta.gal, como son:
Aula CeMIT de Abegondo, A Coruña (día 5 e 6 de febreiro): realizará unha actividade propia e impartirase unha charla coa colaboración dun Cibercooperante do programa Internet segura for Kids do INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridad).

  • Aula CeMIT de Castro Caldelas, Ourense (do 4 ao 7 de febreiro): desenvolverá diversas charlas, proxeccións de vídeos, xogos e dinámicas de grupo.
  • Aula CeMIT de Fisterra, A Coruña (12 de febreiro): impartirase unha charla coa colaboración dun Cibercooperante do INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridad)
  • Aula CeMIT de Ribadeo, Lugo, participarase nun seminario en liña (webinar) sobre o  Uso seguro de Internet: precaucións e métodos de protección, en colaboración co programa CyLdigital da Junta de Castilla y León.

O único requisito para poder asistir a todas estas actividades gratuítas e programadas nas aulas CeMIT é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello ou a través da web http://cemit.xunta.gal. 

 

 

A Rede CeMIT

A Rede está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

 

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

 

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 800 aliados dixitais.

01/02/201908:03
Presentación da app.
Madrid

A Fundación Vodafone España lanza "Mínimo", unha aplicación para axudar ás persoas con discapacidade auditiva

  • Esta solución gratuíta está dirixida a usuarios de próteses auditivas e de implantes cocleares que teñan a necesidade de adestrar a súa capacidade de discriminación auditiva
  • Baséase na oposición de parellas mínimas, é dicir de palabras que só difiren por un só fonema
  • Creada por Entha e a Fundación Dálles a Palabra co apoio e colaboración da Fundación Vodafone e Aptent

 

A Fundación Vodafone España presentou esta mañá, xunto con Fundación Dálles a Palabra, Aptent e Entha, a aplicación "MÍNIMO", unha app para axudar ás persoas con discapacidade auditiva. O acto tivo lugar no salón de actos da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e contou coa presenza de Ana Lima, Secretaria de Estado de Servizos Sociais.

MÍNIMO é unha aplicación móbil gratuíta de auto-adestramento auditivo centrada na comprensión da fala que pode ser utilizada en calquera momento e lugar. Está dirixida a usuarios de próteses auditivas e de implantes cocleares que necesiten adestrar a súa capacidade de discriminación auditiva mediante a oposición de parellas mínimas, é dicir de palabras que difiren por unha só fonema.

Tan só en España hai máis dun millón de persoas con algún tipo de discapacidade auditiva. No mundo estímase que 360 millóns de persoas padecen algún grao de hipoacusia.

A solución pode utilizarse para o traballo con nenos ou adultos que presentan xordeira, dificultades gnósicas ou de discriminación auditiva, dislexia fonolóxica, etc. É tamén unha ferramenta útil para logopedas, audioprotesistas, outros profesionais da audición e da linguaxe e educadores no seu labor de tratar os trastornos de audición e de fala.

A aplicación foi creada por Entha e a Fundación Dálles a Palabra co apoio e colaboración da Fundación Vodafone España. O desenvolvemento foi levado a cabo por Aptent. A aplicación é accesible e está dispoñible de maneira gratuíta en Google Play e Apple Store.

 

Funcionamento da app

O adestramento consiste en escoitar unha palabra e seleccionar entre unha parella de mínimos opostos, é dicir dúas palabras que só difiren por un fonema, aquela palabra que se cre que se reproduciu. A aplicación indicará ao usuario se a resposta é correcta ou incorrecta antes de mostrar o seguinte par ou conxunto de palabras.

A app permite adestrar con diferentes voces (home ou muller) e tamén con diferentes contornas e niveis de ruído. Ademais, permite ao usuario practicar sen a necesidade de estar cun profesional ou unha persoa que o axude.

A app rexistra todos os resultados de cada exercicio informando o usuario a porcentaxe de acertos e mostrando que palabras non puido diferenciar correctamente.

Para os profesionais, a aplicación permite organizar os resultados por cartafoles para poder realizar un seguimento da aprendizaxe de cada paciente ao longo do tempo.

A app actualmente conta con 23 tipos de exercicios diferentes, organizados segundo a dificultade. A solución permite ao administrador incorporar novos pares ou conxuntos de palabras a un exercicio xa existente e mesmo crear novos exercicios.

01/02/201907:46
Casa de Galicia en Madrid.
Madrid

A Xunta activa a solicitude de Chave365 na Casa de Galicia en Madrid

  • Súmase aos 444 centros públicos nos que se pode solicitar presencialmente o sistema que evita o uso de certificados electrónicos nas xestións online coa Xunta e no acceso a E-saúde
  • O usuario só precisa darse de alta no servizo e recibe no seu móbil unha clave de acceso e un código de sinatura, que empregará xunto co seu NIF para acceder á sede electrónica
  • Desde a súa posta en marcha en 2015 acumula máis de 118.000 usuarios

A Casa de Galicia en Madrid súmase aos 444 centros públicos, entre oficinas de rexistro e centros de saúde, nos que se pode solicitar presencialmente o servizo Chave 365. O sistema, que entrou en funcionamento en outubro de 2015, simplifica a xestión telemática coa Administración facilitando uso de claves concertadas para realizar xestións online, ben a través da sede electrónica da Xunta ou para consultar os servizos dispoñibles na plataforma E-saúde. 

A Xunta puxo en marcha este servizo ante as dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías quedasen excluídas dos servizos electrónicos. En pouco máis de tres anos, máis de 118.000 persoas empregan Chave 365 como sistema de identificación e sinatura electrónica sinxelo con garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.

Para acceder a Chave 365 o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben online a través da sede electrónica ou ben presencialmente en calquera dos 444 centros habilitados 

Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión,  introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automáticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.

Toda a información sobre o uso de Chave365 está dispoñible no espazo eServizos da web da Xunta https://www.xunta.gal/chave365/que-e así como o mapa coa distribución dos centros nos que se pode solicitar o servizo presencialmente. 
 
Plan de Administración e Goberno Dixital 2020
A consolidación dunha Administración dixital é o obxectivo das actuacións do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que busca culminar o traballo realizado nos últimos catro anos en materia de administración electrónica e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS