
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Vigo, ao Startup Day da aceleradora Es-Conecta -enmarcada nun proxecto transfronteirizo no que participa a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal- onde asegurou que Galicia suma, así, unha nova aceleradora á súa rede StartIN. O elemento diferenciador é que está centrada na economía social con proxectos de empendemento que teñen como protagonistas ás persoas.
No Startup Day, seleccionaranse os 18 proxectos que pasarán á seguinte fase e que, polo tanto, accederán a un programa de catro meses no que se lles ofrecerá formación específica tanto individual como colectiva, sesións de titorías e mentorización, networkings e mesas redondas para o intercambio de experiencias e apoio e asesoramento para acceso a financiamento. O obxectivo é ofrecer aos participantes a preparación e coñecementos precisos que lles permitan reducir o tempo de posta en marcha e a consolidación do seu proxecto para desenvolvelo con garantía de éxito. Así, adáptase ás peculiaridades propias dos proxectos de economía social, primando as iniciativas centradas nas persoas e na sociedade.
Conde destacou que se trata dun sector estratéxico: “Queremos que sexa un elemento vertebrador da economía galega”. De feito conta con 3000 entidades que xeran 14.500 postos de traballo directos. O conselleiro referiuse á Estratexia da Economía Social coa que se poñerán en marcha 25 medidas cun investimento de 73M€ para aumentar nun 10% as entidades de economía social activas e un 20% os empregos vencellados.
Neste sentido, hoxe abre o prazo para o programa Aprol Economía Social co que se pretende incentivar ás cooperativas e sociedades laborais para que incorporen novos socios e axudar ás persoas desempregadas para que traballen con carácter indefinido neste tipo de entidades. Destinaranse 2M€ para beneficiar a 60 entidades e 150 persoas.
O Concello de Fene está a realizar obradoiros divulgativos nos centros educativos para fomentar o uso racional responsable das novas tecnoloxías. As actividades, que veñen da man da Concellería de Benestar Social e Igualdade, desenvólvense baixo o epígrafe Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC. As sesións comezaron este mes de xaneiro e prolongaranse ata febreiro. O programa, amais de Fene, tamén está a abranguer os colexios e institutos de Neda e Mugardos, coa participación activa de cadanseu Goberno local.
Segundo informa o Concello de Fene, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira (11 e 18 de xaneiro e 1 de febreiro); CEIP Centieiras (23 de xaneiro e 6 de febreiro); Jorge Juan (24 e 31 de xaneiro); IES Fene (8 de febreiro) e CEIP O Ramo (12 de febreiro). Como complemento das sesións co alumnado tamén están previstas sesións para as familias naqueles centros escolares nos que exista demanda e se reúna a un grupo superior ás dez persoas. Segundo informan os impulsores do programa divulgativo común, este ten a súa base na necesidade de difundir o emprego en positivo das novas tecnoloxías da información e de Internet, “instrumentos clave na vida diaria das persoas, das súas relacións sociais, familiares, laborais, educativas, etc”.
Porén, é unha realidade que o mal uso destas ferramentas achega unha serie de riscos a ter en conta, sobre todo para a xuventude. “Utilizadas axeitadamente representan unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento e a comunicación, pero tamén implican riscos que é necesario coñecer e saber previr”, engade a Concellería de Benestar Social de Feme, explicando que “a través destes obradoiros, trátase de informar e formar ao alumnado no uso sensato e responsable das redes”. Os obradoiros están dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de Secundaria e con eles búscase “proporcionar ao alumnado contornas de uso saudable e boas prácticas en TIC; fomentar a identificación, prevención e control dos riscos e situacións de acoso nas redes; a elaboración dunha guía didáctica en soporte dixital dirixida á prevención de adiccións dixitais; promover accións informativas e formativas en colaboración coas ANPAS e proporcionar pautas educativas de uso responsable das novas ferramentas”. Os obradoiros inclúense no programa Saúde na Escola que impulsan os Concellos de Fene, Mugardos e Neda coa colaboración da Consellería de Sanidade.
Até 245 persoas, repartidas en 18 grupos, participarán nos cursos de manexo do teléfono móbil que organiza o Concello de Carballo xunto coa Cruz Vermella (que coordina o voluntariado preciso para desenvolver os obradoiros), unhas actividades formativas que segundo informa o Goberno local, provocaron “unha avalancha de solicitudes”. O Concello engade que a maior parte das solicitudes son de veciños e veciñas da vila de Carballo, pero finalmente haberá cursos en 10 parroquias: Ardaña, Artes, Cances, Carballo, Entrecruces, Lema, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela, nas que se acadou o número mínimo de inscricións.
Segundo explica o Concello, aos veciños dos lugares nos que non foi posible completar o grupo ofreceráselles a opción de acudir a outra parroquia. Os talleres de manexo do teléfono móbil constarán de tres sesións de dúas horas de duración cada unha. Haberá cursos todos os martes e xoves a partir do 7 de febreiro e até principios de xullo, aínda que, en función da dispoñibilidade do voluntariado, os prazos poderían acurtarse. O Concello agradeceu a colaboración da Cruz Vermella e tamén do movemento asociativo das parroquias, que se encargou da difusión da actividade e da recollida de inscricións.
O obxectivo destes cursos é familiarizar á xente maior do termo municipal coas novas ferramentas dixitais, moi indicadas para permitirlles unha mellor comunicación, un contacto máis directo coa xente da súa contorna (e doutras contornas), unha serie de ferramentas útiles para a vida diaria e, sobre todo, unha actividade cognitiva que favoreza o bo estado de saúde. Os cursos responden á alta demanda que experimentan outras actividades semellantes de envellecemento activo e a peticións concretas dos consellos parroquiais.
A Fundación ONCE presentou este venres en Fitur o "Camiño de Santiago para todos", un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade do denominado Camiño Francés, o máis visitado polos peregrinos, que incluirá unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade visual ou intelectual.
A secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Oliver, e o presidente do Grupo Social ONCE, Miguel Carballeda, foron os encargados de dar a coñecer esta iniciativa, que conta coa colaboración de cinco comunidades autónomas -Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia- e catro ministerios. Tamén participaron no proxecto Microsoft España, a Asociación Municipios do Camiño de Santiago e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago.
Na súa intervención, Oliver destacou a ampla participación de diversas entidades neste proxecto. "É o exemplo perfecto de colaboración público-privada levada a un extremo de excelencia", recalcou. Na súa opinión, trátase dunha iniciativa "marabillosa". "Douvos os parabéns a todos por ser capaces de chegar a este punto de sofisticación e anímovos a seguir colaborando".
Neste traballo conxunto asegurou que teñen un aliado no Goberno de España e nesta Secretaría de Turismo para seguir traballando. "Cremos firmemente que a accesibilidade é moi importante no turismo e por suposto moi importante para moitas persoas".
Na mesma liña, Carballeda agradeceu o traballo conxunto de institucións públicas e privadas para poñer en marcha este proxecto, "que axuda ás persoas, fainas máis libres e facilita as súas vidas". Neste sentido, sinalou que hai moito tempo que hai peregrinos con discapacidade facendo o Camiño de Santiago, "pero botando de menos algunhas cuestións" que se tratan de mellorar con esta iniciativa. Preténdese conseguir, engadiu, "un camiño máis accesible, un camiño máis xusto, onde podamos compartilo as persoas que temos discapacidade cos que non a teñen" e gozar así máis da experiencia. Finalmente, Miguel Carballeda asegurou que os artífices do "Camiño de Santiago para todos" deben sentirse satisfeitos "de algo feito aquí para os cidadáns que poidan necesitalo, non só do noso país, senón de todo o mundo", xa que veñen de todas partes.
O acto contou tamén coa participación do vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán; o director xeral de Políticas de Discapacidade e director do Real Padroado sobre Discapacidade, Jesús Celada; os representantes de cada unha das cinco comunidades polas que transita o Camiño de Santiago francés, e a presidenta de Microsoft España, Pilar López.
O proxecto
Como icona do "Camiño de Santiago para todos", deseñouse un elemento en 3D que representa a unha peregrina e que será a imaxe identificativa dos puntos do camiño que conteñan información accesible (carteis e balizas beepcons). Os peregrinos dispoñerán desta información na aplicación do Camiño de Santiago do Instituto Xeográfico Nacional, que está a renovar ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade para engadir, entre outras melloras, un apartado sobre "Información turística accesible" co contido dos elementos asociados á cartelería ou beepcons. Ademais, haberá unha Guía do Peregrino que detalla o que se debe coñecer antes de comezar a realizar algunha das rutas do camiño.
Tanto o sistema de beepcons como o tamaño da cartelería permitirán que os peregrinos detecten o punto informativo sen necesidade de achegarse demasiado a el, ou, mesmo, sen que estea visible. Desta forma, poderán detectar balizas nun radio de entre 15 e 30 metros mediante un sistema que os conducirá ata elas. Estas balizas utilizaranse para sinalizar puntos clave do Camiño, como bifurcacións ou entradas a municipios. En canto á cartelería, ofrecerá información relativa á propia aplicación (que é e onde descargala), así como ao momento concreto no que se atopa o usuario. Para acceder a esta información, os paneis dispoñen de códigos vumark.
Ademais, a app permite ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade vinculada ao tramo do camiño no que se atope.
A descrición do proxecto pode verse no seguinte vídeo:
https://www.youtube.com/watch"v=JO50SHLIeUc&feature=youtu.be
https://www.youtube.com/watch"v=tNE9gH9vhdg&feature=youtu.be
O vindeiro sábado Cangas do Morrazo vai poder presumir de ser a primeira vila galega en contar cun museo do videoxogo, o MUVI, que busca combinar diversión e estudo a partes igual grazas á iniciativa dos irmáns Jacobo e Galo Martínez, que dende os anos 80 gozan dos videoxogos e manteñen unha completa colección de xogos e trebellos que converteranse nunha ferramenta para divulgar a cultura do videoxogo.
Os responsables do MUVI están convencidos de que os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, e queren compartir a súa visión co mundo con esta iniciativa que finalmente adopta a forma dun museo. Este proxecto está integrado na asociación Retrogalaicos (de aí que participasen en Retrosantiago, Retrovigo e Faneka Gaming), pretende adherises a videoxogos.gal, e finalmente poderá amosar a súa colección ao público aproveitando a apertura do espazo Trebella, que reservou 50 metros cadrados para a exposición da colección de consolas e xogos, así como para a organización de charlas, exposicións e outros eventos que organice o MUVI nos espazos multifuncionais de Trebella en determinadas fins de semana.
A apertura do espazo de traballo Trebella, na rúa Andalucía, 10 de Cangas, terá lugar o día 2 ás 12:00 horas, nunha festa de inauguración na que actuarán en acústico La casa de los ingleses, acollendo tamén a sede unha mostra de arte contemporánea de Mauro Trastoy, Santi Jiménez e Begoña Pastoriza.