
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A perda da audición é un problema que afecta a unha boa parte da poboación mundial, pero a tecnoloxía pode xogar un rol moi importante para salvar tal eiva, e para avanzar neste eido Google presentou un par de novas aplicacións para Android: Live Transcribe e Amplificador de son.
Live Transcribe é unha aplicación moi práctica para xente con problemas de audición, para ter unha maior autonomía nas súas interacción diarias facendo uso do micrófono do smartphone para escoitar o que se di ao seu redor en máis de 70 linguas e dialectos, transcribíndoo a texto en tempo real. Amais, está aplicación tamén fai o contrario, ou sexa, que permite que unha persoa poida teclear o que quere dicir para que o smartphone fale por el. Esta nova ferramenta comeza hoxe a súa distribución en probas.
O Amplificador de son é outra ferramenta de grande utilidade, que permite mellorar o son recibido polo micrófono do smartphone para así escoitalo mediante auriculares, conseguindo unha experiencia de escoita mellor. Esta ferramenta facilita manter conversas en lugares con moito ruído potenciando os sons baixos, personaliza a experiencia auditiva axustando o audio ou a configuración do micrófono cunha interface sinxela e reduce os ruídos non desexados ou que poden provocar distraccións.
O programa intégrase en Android 9, de xeito que podemos empregalo dende Configuración -> Accesibilidade -> Amplificador de son.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) informa no Día de Internet Segura, que se celebrará mañá martes 5 de febreiro, sobre a necesidade de aumentar a concienciación da sociedade e o investimento das empresas en ciberseguridade, que deben estar preparadas ante un posible ciberdelito, que segundo asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, “actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas”.
O Día de Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID, polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos.
Para destacar o carácter positivo de Internet, o lema de 2019 é "Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura". O obxecto da efeméride é impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela nun espazo no que todas as persoas e entidades –nenos e mozos, país e titores, profesores, traballadores sociais, empresas ou institucións e responsables políticos– fan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa.
En concreo o presidente do CPEIG destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital” –sinala–.
Ademais, o CPEIG –como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020– colabora nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartirán mañá martes, 5 de febreiro, dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez impartirá a charla na Aula CeMIT de Celanova (Parque As Triguerizas, s/n) a partir das 12:00 horas, e Julio Mosquera a actividade na Aula CeMIT de Leiro (rúa Padre Eiján, s/n) ás 12:00 horas.
Recomendacións para unha Internet Segura
Aproveitando a celebración internacional desta efeméride, o CPEIG asegura que conectarse a Internet de forma máis segura é posible, aínda que se deben tomar unha serie de precaucións, tanto as persoas adultas como os máis pequenos:
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron hoxe un novo encontro de traballo con representantes do sector das TIC, encabezados polo presidente do Clúster galego, Antonio Rodríguez del Corral, para continuar avanzando no desenvolvemento dun polo industrial das tecnoloxías da información e a comunicación que acelere a transformación dixital da economía galega.
Tal e como se lembrou na reunión, esta iniciativa pode configurarse como unha oportunidade para avanzar na xeración dunha economía máis competitiva, desde o punto de vista da innovación, dos procesos e dos produtos. Os obxectivos que se perseguen coa a creación deste polo son dar resposta ás demandas do tecido industrial e de coñecemento no sector; activar proxectos de I+D vertebradores, e atraer novos investimentos a Galicia; situando a Comunidade como un referente na innovación TIC a nivel internacional.
O sector das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia está composto por máis de 22.000 traballadores, máis de 3.400 empresas e supón un 2,1% do produto interior bruto da Comunidade. Ademais, conta co apoio de cinco centros tecnolóxicos. A área metropolitana da Coruña concentra arredor da metade da facturación do sector, e máis do 40% do emprego TIC de Galicia, polo que se configura como a zona idónea para a localización do novo polo industrial.
Durante o encontro, defendeuse a necesidade de concretar o proxecto, tanto con respecto aos contidos necesarios para que sexa un verdadeiro revulsivo; como con respecto a que debe ser desenvolvido da man do conxunto da industria TIC, dous requisitos previos indispensables antes de decidir a localización precisa do polo industrial das TIC na Coruña.
Así, na reunión concretáronse tres ámbitos de traballo para centrar o proxecto: a identificación de novas oportunidades en materia de talento, un eido no que colaborarán tanto a Consellería de Economía, Emprego e Industria como a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega; desde o punto de vista dos espazos, a definición dunha proposta estruturada e ordenada das necesidades do sector; e traballar sobre o mapa de capacidades instaladas, a través das infraestruturas colaborativas (fab labs) ou outros elementos para responder ás necesidades do sector.
O apoio a esta iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta co sistema galego de I+D+i, con cuxa colaboración se puxeron en marcha a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o Plan Galicia Innova 2020 e a Axenda Industria 4.0. Nestas follas de ruta a transformación dixital da industria galega se configura como un obxectivo transversal no que o sector TIC se converte nun aliado estratéxico.
Os teléfonos móbiles simples perderon gran parte do seu protagonismo, e aínda que a día de hoxe seguen usándose, os smartphones desprazáronos. Ata tal punto que os atopamos en todos os segmentos de idade, desde os usuarios máis novos ata os de idade máis avanzada, e é neste último segmento onde adoitan xurdir problemas á hora de interactuar cos móbiles. Tal vez por ser demasiado complexos ou por outros inconvenientes, como o tamaño do texto.
O que vos traemos a continuación é unha guía para lograr adaptar teléfonos con Android para o uso en persoas maiores. Unha guía na que descubrir se o teléfono ten xa instalado un modo fácil que poder activar, ou para adaptar o teléfono con distintos mecanismos, tanto internos como en forma de aplicacións de terceiros. Como de costume, sentídevos libres de achegar o voso gran de area nos comentarios, por se usades outros métodos ou coñecedes aplicacións alternativas. Imos alá.
O Clúster Audiovisual Galego comezou o ano dando importantes impulsos ao proxecto AudienceLab Big Data, concibido, como o seu nome indica, para pór en marcha unha tecnoloxía que posibilite a captación, xestión e análise eficaz de datos sobre consumo audiovisual nas novas plataformas de definición de contidos. A idea é tirar proveito deste coñecemento xerado e avaliado para medir o consumo audiovisual da mocidade nas novas canles e, en última instancia, definir patróns e optimizar produtos á súa disposición.
Amais do devandito, o proxecto ten como obxectivo dar a coñecer o consumo audiovisual da xente nova, de entre 6 e 18 anos, no emprego das novas tecnoloxías como son as redes sociais ou as plataformas de distribución onDemand, e como revolucionou o uso dos teléfonos móbiles intelixentes e as tabletas o consumo audiovisual.
O Clúster promove este proxecto, que conta con financiamento do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e no que tamén participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as empresas Adivina Producciones, Cinfo, Congo Producciones, CRTVG e Ficción. O Clúster engade que o grande interese suscitado por parte de todos os participantes neste proxecto fai “que xa se estea a valorar a súa continuidade e amplialo a máis empresas”.
O funcionamento ao detalle
AudienceLab Big Data tenta capturar, xestionar grandes volumes de datos (Big Data) de consumo audiovisual para logo identificar as rutinas diarias de consumo a través de técnicas avanzadas de análise da información. O sistema proposto permitirá realizar un perfil sociolóxico de consumo televisivo nos mozos en todas as plataformas e, desta maneira, “poder establecer as pautas de comportamento audiovisual”, explica o Clúster, engadindo que para o devandito reto desenvolverase unha nova solución tecnolóxica que permita a medición dos patróns de consumo dos mozos nas novas tecnoloxías. “Esta ferramenta será de grande utilidade para o sector audiovisual, ofrecendo un sistema de medición non dispoñible ata o momento e buscando un efecto demostrador para o mesmo”, informa.