
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
No Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra hoxe luns 28 de xaneiro, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera «de vital importancia» que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que 2018 xa seguiu unha clara tendencia nesta materia, pois foi o ano da protección da información co Regulamento Europeo de Protección de Datos e a aprobación da Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía dos Dereitos Dixitais. «Estas melloras e cambios na normativa sumáronse a outros fitos noticiosos preocupantes acontecidos o pasado ano, como a comercialización de datos persoais de Facebook ou Cambridge Analytica» –engade.
O CPEIG elaborou unha listaxe de recomendacións para contribuír a unha sociedade da información na que a cidadanía sexa consciente de todas as oportunidades e riscos que ofrece a Internet:
A iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar continúa desenvolvendo as liñas de actuación marcadas o curso anterior para estender a educación integramente dixital en Galicia. Entre as medias previstas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación está a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual. Esta semana quedaba conformado o grupo de traballo que desenvolverá a iniciativa.
A Cidade da Cultura acolleu a xuntanza, na que participaron a directora da Amtega, Mar Pereira, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do profesorado, Iván Mira, o director xeral de Everis de Asturias e Galicia, Jesús Lage, e o director xeral de R en Galicia, Alfredo Ramos, xunto cunha decena de profesores de diferentes materias e centros educativos galegos para realizar unha primeira aproximación de necesidades, liñas de traballo e obxectivos no medio prazo.
Este equipo multidisciplinar abordará a xeración de contidos dixitais aproveitando as capacidades técnicas e innovadores dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Galicia, e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego así como as súas necesidades. Así, o profesorado realizará a proposta de contidos (materia, curso, unidade didáctica e metodoloxía pedagóxica), e definirá os obxectivos, competencias, esquemas e materiais adicionais. Sobre esta base as empresas TIC e do audiovisual implicadas elaborarán recursos aplicando as tecnoloxías máis innovadoras: realidade aumentada, realidade virtual, simulación, gamificación, intelixencia artificial, aprendizaxe personalizada e adaptativa...
A previsión é que antes de que remate este curso o propio profesorado do grupo de traballo empregue os contidos na aula para comprobar o seu valor pedagóxico e a súa validez no proceso de ensinanza-aprendizaxe dos centros educativos de Galicia. Unha vez validados, os contidos serán distribuídos a toda a comunidade educativa galega a través das plataformas do Proxecto Abalar.
Recursos multimedia e actividades interactivas
Ademais das 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex Learning e Edebé, e os máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes, e integrados xa na plataforma do libro dixital dende o comezo do proxecto, neste curso sumáronse as unidades, os recursos complementarios e o acceso ao banco de contidos da Editorial Planeta, e os contidos educativos (Dixital Book, libro do alumnado incluíndo os recursos multimedia e as actividades interactivas, e Activities, as actividades interactivas e complementarias ás actividades do libro do alumnado) de Inglés da Editorial Pearson. Adicionalmente puxéronse en marchas novos contidos dixitais personalizados (Smart) do proveedor Netex Learning.
O uso destes novos contidos, tanto dos novos proveedores incorporados, como dos contidos Smart, xa alcanza a un 35% dos usuarios do proxecto, a pesares de atoparse no primeiro ano de uso dentro do proxecto.
Incremento dun 84% no uso da plataforma dixital
O curso pasado iniciouse a integración progresiva dun paquete de melloras para seguir estendendo a educación dixital a máis centros. Tras a renovación de equipamento, a incorporación dun terceiro provedor de contidos, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria, nos dous primeiros meses do curso actual, rexistrouse un incremento do 84% no número de usuarios que acceden á plataforma do libro dixital respecto ao curso pasado, alcanzando un uso diario por parte do alumnado e profesorado actualmente participante no proxecto próximo ao 88%.
A incorporación dun novo provedor da materia de inglés era outra das medidas previstas nesta iniciativa do Abalar, concibido como un proxecto vivo, que evoluciona do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao alumnado en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais
Aulas Dixitais
Actualmente son Abalar (aulas dixitalizadas con encerado dixital, proxector, equipo para o posto do profesor e conexión a Internet) máis de 6.000 aulas de 5º e 6º de Educación primaria, toda Educación Secundaria e Bacharelato de 900 centros públicos, beneficiando a máis de 120.000 alumnos. O Proxecto Abalar foi concibido como unha iniciativa para transformar o proceso educativo, transformando a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado.
Para conseguilo, Abalar iniciou a súa andaina en 2010 proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e apps para docentes e familias. No curso 2014-2015 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de Educación Dixital E-Dixgal, para estender o libro dixital no ámbito educativo galego.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre hoxe o prazo de inscrición de Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para reducir a fenda entre a demanda e a oferta de perfís profesionais dixitais en Galicia.
Dirixido a estudantes de 12 a 17 anos, Tecnólogo por un día, ofrece a posibilidade de experimentar en primeira persoa un día de traballo nunha empresa tecnolóxica. Desde hoxe e ata o próximo 8 de febreiro está aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent.
As 65 prazas dispoñibles nesta edición asignaranse aplicando o resultado dun sorteo considerando as preferencias dos participantes e, posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto con eles para concretar a data e o horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Visitas a preto de 20 centros de traballo
Unha vez rematado o período de inscrición, as visitas ás empresas desenvolveranse entre o 18 de febreiro e o 22 de marzo, datas nas que se acollerá nos 19 centros de traballo das empresas colaboradoras aos 65 participantes que resulten seleccionados nesta edición. Ao longo destas xornadas o alumnado participará directamente das actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.
Incremento dun 71% das prazas
Tecnólogo por un día comezou este curso 2018/19 cunha gran acollida, rexistrando máis de 100 solicitudes de inscrición de máis de 20 centros educativos distintos. O alumnado participante na primeira edición tivo a oportunidade de coñecer de cerca a aplicación das TIC en sectores como a administración, a educación, a industria ou o transporte, entre outras.
A valoración recibida por parte destes rapaces apunta a que o seu grao de satisfacción coa actividade foi moi alto. Todos volverían a repetir a experiencia e máis do 85% considera que participar na actividade lle ten axudado a aclarar as súas dúbidas vocacionais.
Así, debido a esta boa acollida e o interese espertado, a Amtega xunto co sector TIC galego traballaron conxuntamente para incrementar as prazas nunha segunda edición do programa, ampliando a oferta nun 71%.
Nesta ocasión, repiten experiencia as organizacións que xa se implicaron no seu comezo Altia, everis, Televés e a propia Amtega, e cóntase coa participación de 11 novos colaboradores: Coremain, DXC Technology, Orange, R, Sivsa e os socios do Clúster TIC Galicia, 3.14 Financial Contents, Aldaba, Cinfo, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.
Un Plan vivo
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan vivo e conectado coa realidade galega en canto á xeración e retención do talento vinculado á economía dixital.
Este Plan articúlase a través dun catálogo, de máis dunha trintena de actuacións que abranguen todo rango de idades, no que colaboran coa Amtega todos os axentes do ecosistema dixital destacando a implicación das empresas asinantes do Pacto Dixital que lideran integramente unha ducia destas actuacións.
Catálogo de actuacións DigiTalent
O catálogo de actuacións DigiTalent está dispoñible no espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas. Catro meses despois do seu lanzamento a principio deste curso 20 actuacións xa se puxeron en marcha ou están listas para activarse e reforzouse con 4 novas iniciativas que contribúen aos obxectivos do Plan DigiTalent.
A Xunta de Galicia e a Fundación ONCE presentaron este mércores en Fitur o acordo de colaboración subscrito por ambas as entidades para que o denominado Camiño de Santiago Francés sexa accesible para todas as persoas.
Para iso será necesario actualizar a aplicación do Camiño de Santiago desenvolvida polo Instituto Xeográfico Nacional que contén datos culturais e prácticos sobre cada unha das etapas (albergues, monumentos, etcétera). Agora engadirase un apartado sobre "Información turística accesible" co contido dos elementos asociados á cartelería ou beepcon. Ademais, a app permitirá ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade vinculada ao tramo do camiño no que se atope.
Na presentación do convenio, que tivo lugar este xoves no estand de Galicia en Fitur, estiveron presentes Román Rodriguez González, conselleiro de Cultura e Turismo; Cecilia Pereira, conselleira delegada do Xacobeo e comisaria do Xacobeo 2021; José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, e Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE.
En base a este acordo, as dúas entidades colaborarán para deseñar actividades, programas e accións para impulsar o uso da tecnoloxía por parte de persoas cegas ou con discapacidade visual grave.
Estes programas centraranse especialmente no acceso á tecnoloxía das persoas maiores que teñen unha discapacidade visual, que son quen máis dificultades atopan á hora de utilizar estas ferramentas.
A primeira actividade que realizarán de forma conxunta Cibervoluntarios e a ONCE será unha experiencia piloto na delegación territorial da ONCE en Madrid que incluirá talleres sobre o uso de aplicacións básicas.