main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/01/201911:45
Persoas con discapacidade facendo o camiño.
Madrid

A Fundación ONCE presenta en Fitur un proxecto para mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago

  • A Fundación ONCE presentará en Fitur o Camiño de Santiago para todos, un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade do denominado Camiño Francés, o máis visitado polos peregrinos, que incluirá unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade visual ou intelectual.

 

O proxecto, para cuxa execución a Fundación ONCE está a traballar en colaboración coas comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés de Santiago, presentarase o vindeiro venres, 25 de xaneiro, ás 13.30 horas, no estand de Turespaña da Feira Internacional de Turismo.

 

Camiño de Santiago para todos

Como icona do Camiño de Santiago para todos, deseñouse un elemento en 3D que representa a unha peregrina e que será a imaxe identificativa dos puntos do camiño que conteñan información accesible (carteis e balizas beepcons).

Os peregrinos dispoñerán desta información a través da actualización e renovación da aplicación do Camiño de Santiago do Instituto Xeográfico Nacional, que esta sendo levada a cabo por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, e que contén datos culturais e prácticos sobre cada unha das etapas (albergues, monumentos, etc.), xunto a unha Guía do Peregrino que detalla o que se debe coñecer antes de comezar a realizar algunha das rutas do camiño.

A todo isto engadirase un apartado sobre "Información turística accesible" co contido dos elementos asociados á cartelería ou beepcon.

Tanto o sistema de beepcons como o tamaño da cartelería permitirán que os peregrinos detecten o punto informativo sen necesidade de achegarse demasiado a el, ou, mesmo, sen que estea visible. Desta forma, poderán detectar balizas nun radio de entre 15 e 30 metros mediante un sistema que os conducirá ata elas.

Estas balizas utilizaranse para sinalizar puntos clave do Camiño, como bifurcacións ou entradas a municipios. En canto á cartelería, ofrecerá información relativa á propia aplicación (que é e onde descargala), así como ao momento concreto no que se atopa o usuario.

Para acceder a esta información, os paneis dispoñen de códigos vumark.

Ademais, a app permite ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade vinculada ao tramo do camiño no que se atope.

A Fundación ONCE impulsará este proxecto no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en Madrid do 23 ao 27 de xaneiro. Así, están previstos diversos actos en colaboración con Aragón (día 23 de xaneiro ás 10.30), A Rioxa (24 de xaneiro ás 10.30), Navarra (día 24 de xaneiro ás 12.00) e Castela e León (día 25 de xaneiro ás 11.00). Tamén se presentará o acordo xa subscrito coa Xunta de Galicia (día 23 de xaneiro ás 12.30).

22/01/201910:41
Unha muller coida dunha muller maior en cadeira de rodas nun parque.
Madrid

A tecnoloxía axuda a aprender a coidar a persoas con ELA

  • A Fundación Luzón - Unidos contra a ELA creou unha plataforma dixital de formación dirixida a coidadores familiares de persoas enfermas de ELA e co obxectivo de que adquiran os coñecementos necesarios para ofrecer o mellor coidado posible e proporcionar unha boa calidade de vida.

 

A tecnoloxía converteuse nun das principais canles de formación xa que facilita que as persoas interesadas poidan participar nos cursos dunha forma que sexa compatible co seu ritmo de vida.

Así o creron na Fundación Luzón - Unidos contra a ELA, que puxo en marcha a primeira plataforma formativa nesta materia en España, á que denominou EscuELA.

O obxectivo da EscuELA é, por unha banda, mellorar a atención que as persoas enfermas dela reciben dos seus coidadores familiares, o que redunda nunha menor necesidade de ingreso hospitalario e nunha mellora da súa calidade de vida.

Así mesmo, os propios coidadores conseguen unha maior seguridade á hora de aplicar os coidados, o que lles dá máis tranquilidade redundando tamén nunha mellora da súa calidade de vida.

Todo o material formativo foi desenvolvido por profesionais de distintos ámbitos, como a psicoloxía, o traballo social, a terapia ocupacional ou a medicina, coa participación de distintas entidades como a Fundación Miquel Valls, o Hospital Universitario de Bellvitge, o Hospital Clínico Universitario de Valencia, BJ Adaptacións ou Irisbond.

Sen dúbida unha iniciativa fantástica que permite mellorar a atención das persoas enfermas dela á vez que mellora a calidade de vida tanto dos enfermos como dos seus coidadores familiares.

22/01/201908:37
Momento do Foro Tecnolóxico de Emprego do ano pasado.
Vigo

O Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo chegará á súa XIX edición en marzo

Foro Tecnolóxico de Emprego da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo celebrará a súa XIX edición entre os días 13 e 15 de marzo, grazas ao traballo de 19 coordinadores e 50 estudantes que unen esforzos dende o pasado mes de outubro para levar adiante esta cita para o alumnado das escolas de enxeñaría do campus de Vigo e empresas.

Na pasada edición participaron 50 empresas e entregáronse preto de 2.000 currículos. O obxectivo deste ano é superar esas cifras e dende a organización móstranse satisfeitos co traballo realizado durante estes meses na procura desta meta. Ademais de conferencias e obradoiros, o foro contará de novo coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos seus futuros empregadores. Nestes momentos son arredor de 20 as firmas que xa confirmaron a súa participación, pero o prazo de inscrición non remata ata o día 2 de febreiro e a maioría acostuman a anotarse durante o mes de xaneiro. De entre todos os currículos que o alumnado entregou no foro do ano pasado, moitos deles conseguiron grazas a isto a súa primeira experiencia laboral.

22/01/201908:32
Pantallazo da web do Camiño de Santiago.
Santiago de Compostela

O uso da rede wifi nos albergues públicos do Xacobeo rexistrou un incremento de preto do 150% no último ano

  • Tamén medrou o número de visitas á web do Camiño de Santiago e ao portal de Turismo de Galicia, que son cada vez máis visitados por usuarios estranxeiros
  • Avánzase así no cumprimento dos obxectivos do Plan Smart Camiño que persegue consolidar as TIC como útiles ferramentas na ruta

 

Durante o último ano os peregrinos que pernoitaron nalgún dos albergues públicos do Xacobeo fixeron un maior uso da rede wifi gratuíta dispoñible nestes establecementos. Así o demostran os datos dos últimos 12 meses que reflicten un incremento dun 148,32% no uso deste servizo, cada vez máis empregado polos peregrinos para completar información útil para a súa viaxe ou compartir a súa experiencia durante o Camiño de Santiago.

Xunto á rede wifi –que pasou de máis de 150.000 usuarios en 2017 a máis de 380.000 o ano pasado–, tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no Plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para responder ás necesidades do peregrino do século XXI.

Así, medrou o número de usuarios da web caminodesantiago.gal, que mantivo a súa curva de crecemento durante o ano e superou os 300.000, o que supón un incremento do 68,5%. Destaca especialmente o incremento de visitantes á páxina web procedentes de países como Italia, primeiro en consultas e que supón case o 20% do tráfico total. Séguenlle os usuarios de Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Francia, Arxentina, Brasil ou México.

Estas iniciativas alíñanse coas medidas do Plan Director do Camiño de Santiago, a folla de ruta posta en marcha desde a Consellería de Cultura e Turismo que está a desenvolver numerosas melloras na Ruta Xacobea coa vista posta no Xacobeo 2021. Conta entre as súas liñas de acción co impulso ao desenvolvemento das TIC para facilitar a experiencia da peregrinación, como o uso da rede wifi ou a aplicación do Camiño, entre outras.

 

Medran as visitas da web turística

Xunto a estes datos, tamén a web informativa sobre a oferta turística (turismodegalicia.gal) rexistrou un notable incremento de visitantes durante o último ano. Pasouse de 1,8 millóns de usuarios a máis de 2 millóns, o que supón un aumento de case un 10%. Oito de cada dez usuarios da páxina web son españois, pero medran de xeito considerable varios países estranxeiros. É o caso de Portugal, en cabeza e que no último ano rexistrou unha suba de case o 40%. Séguenlle Italia, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Reino Unido ou Arxentina.

22/01/201908:26
Unha nena, entre dúas mulleres, usando gafas de realidade virtual.
Ourense

Até 360 persoas participaron na Hora do Código organizada polo CPEIG e a ESEI de Ourense

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense foi tomada o sábado 19 por rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos, todas e todos co obxectivo compartido de converterse en programadoras e programadores, ou sexa, en usuarios pero tamén en construtores da sociedade dixital. Falamos da celebración galega do acontecemento internacional A Hora do Código, impulsado a nivel mundial pola organización Code.org e, a nivel galego, pola ESEI de Ourense e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A cita desenvolveuse entre as 9.00 e as 19.30 horas na sede da ESEI e acolleu a participación activa de 360 persoas e a celebración de tres ducias de sesións didácticas para nenas e nenos acompañados das súas familias

En termos máis concretos, participaron (formándose como vindeiras construtoras e construtores da revolución dixital) un total de 263 rapazas e rapaces (113 nenas e 155 nenos) cunha media de idade de nove anos, acompañados polos seus proxenitores. O programa que se puxo á súa disposición foi salientable polo número, a calidade e a variedade das actividades: até 34 sesións que abrangueron desde o uso de drons e a programación até a impresión 3D ou a realidade virtual. As actividades desenvolvéronse durante a mañá e a tarde do sábado en diversos espazos do edificio Politécnico coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por docentes especializados nas novas tecnoloxías no ámbito educativo.

A finalidade da xornada foi achegar dunha “forma lúdica e divertida” o mundo da programación ás xeracións máis novas. Ademais, buscábase estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas tendo en conta que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas da vida, desde o lecer á educación, pasando polo xeito de comunicarse e de obter coñecemento e desenvolvérense. 

Francisco Rodríguez, tesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, salientou os días previos á celebración da Hora do Código que esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona”. Durante a celebración impartíronse diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cinema e vídeo en 3D, impresión en 3D, drons, realidade virtual, Nenoos Tech ou iniciación ao desenvolvemento de videoxogos. 

Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG. 

A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS