main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/01/201908:08
Fragas do Eume.
Santiago de Compostela

A Xunta completa a dixitalización de seis parques de Galicia e catro aulas da natureza

  • Unha plataforma tecnolóxica facilita os contidos divulgativos de cada espazo natural, que se poden visualizar a través de videowalls ou pantallas informativas
  • Ademais, en función das súas necesidades e posibilidades, as aulas e parques dispoñen de mesas interactivas e dispositivos de realidade virtual
  • A iniciativa complétase con novas versións do portal ‘Galicia Natural é Única’ e da aplicación que permite selar dixitalmente o Pasaporte Natural

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de completar a dixitalización de cinco parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza. En total, son os 10 espazos que xa están dotados con solucións tecnolóxicas innovadoras para facilitar aos visitantes o acceso á información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada parque ou aula dun xeito lúdico e atractivo.

Xa se completou a instalación e posta en funcionamento da cartalería  e os contidos dixitais no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, no Complexo Dunar de Corrubedo, o Invernadeiro, a Serra da Enciña da Lastra, a Baixa Limia-Serra do Xurés e Monte Aloia e as catro aulas da natureza que ofrecen información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos. En breve as Fragas do Eume sumaranse a esta iniciativa de dixitalización.

Unha plataforma de contidos permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. A distribución deste equipamento realizouse en base a un estudo previo de necesidades e posibilidades de cada un dos espazos naturais contemplados no proxecto, que inclúe, tamén, solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual. 

 

Portal e aplicación
Ademais, estes contidos serán accesibles desde outras canles como o portal Galicia Natural e Única e a aplicación dos parques. No marco deste proxecto, tanto a web como a app ofrecen xa novas versións. O novo portal ampliou os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e catro espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta “espazos imán”.

A aplicación dos parques naturais de Galicia, dispoñible en IOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visitan os parques. Coa nova app de Galicia Natural e Única lévase a cada dispositivo móbil unha nova experiencia para gozar plenamente en primeira persoa a experiencia de visitar os espazos imán, identificados no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que son os parques galegos así como o monumento natural da Praia das Catedrais, as zonas de especial protección dos valores de Carnota-Monte Pindo, Canóns do Sil; as Reservas da Biosfera de Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón; a Reserva Transfronteiriza Gerés-Xurés, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a Serra do Courel.

 

Premiar a visita
A Xunta de Galicia defende que coñecer o patrimonio natural que atesouran os parques galegos son unha das mellores ferramentas para asegurar a súa conservación. Nese sentido, quere premiar os esforzos dos visitantes que se achegan aos parques galegos; polo que se darán tres premios ás tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital.

O galardón consistirá nunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia, unha oferta extensa e variada que ofrece, aloxamentos de turismo rural, experiencias de restauración, visitas guiadas, rutas fotográficas ou ornitolóxicas, actividades que combinan o deporte e o turismo, a través do senderismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; ademais de visitas a covas, aldeas ou adegas. Para ampliar a información destas experiencias ecoturísticas pódese consultar a web: http://galicianaturaleunica.xunta.gal/es/experiencias-naturais.

 

Axenda Dixital 2020
A dixitalización dos parque naturais enmárcase nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego para consolidar a dixitalización de servizos públicos, e sectores estratéxicos para Galicia. Ao igual que todos os procesos de dixitalización que desenvolve a Axencia Pública, esta iniciativa abordouse dun xeito integral e cun enfoque global, que permita evolucionala nun futuro. 

18/01/201908:23
Cartel do evento.
Carballo

O Concello de Carballo e a Cruz Vermella achegarán as TIC aos maiores

O Concello de Carballo quere que as novas tecnoloxías estean o máis preto posible das persoas maiores, favorecendo unha das principais vertentes do que se coñece como envellecemento activo. Con este obxectivo, en colaboración coa Asemblea Local da Cruz Vermella, o Goberno local vai pór en marcha unha serie de cursos de manexo de teléfonos móbiles en todas as parroquias nas que exista un mínimo de inscricións. O programa de obradoiros comezará o mes que vén. 

Segundo informa o Concello, para tentar abranguer o máximo de territorio e ao meirande número de persoas potencialmente participantes, nos últimos días enviáronse cartas informativas ás asociacións das diferentes parroquias pedindo a súa colaboración, así coma a dos consellos parroquiais, na difusión da iniciativa. Tamén se colocarán carteis nos vindeiros días en todas as parroquias.  A idea é familiarizar á xente maior do termo municipal coas novas ferramentas dixitais, moi indicadas para permitirlles unha mellor comunicación, un contacto máis directo coa xente da súa contorna (e doutras contornas), unha serie de ferramentas útiles para a vida diaria e, sobre todo, unha actividade cognitiva que favoreza o bo estado de saúde. Os cursos responden á alta demanda que experimentan outras actividades semellantes de envellecemento activo e a peticións concretas dos consellos parroquiais.

As persoas interesadas en participar nas actividades formativas de manexo dos teléfonos móbiles poden inscribirse ata o 25 deste mes cumprimentando a ficha que pode descargarse da web do Concello, e que tamén estará dispoñible e poderá entregarse na Casa do Concello e no Pazo da Cultura, así coma nos centros sociais das parroquias.

En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada parroquia. En cada grupo poderán participar entre 8 e 12 persoas e, segundo explica o Concello, en principio impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.

18/01/201908:18
Muller usando un portátil.
Santiago de Compostela

O negocio do sector dos contidos dixitais subiu un 16,3%

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), xestionado pola entidade pública Red.es, vén de publicar o seu máis recente informe sobre o estado de saúde da industria española dos contidos dixitais. No estudo salientan as cifras que moven ao optimismo, aínda que tamén resulta preocupante o feito de que as cifras deste sector suban a costa de facer que as doutras industrias decrezan (por exemplo o sector editorial tradicional). Como dato sobranceiro, atópase o seguinte: o volume de negocio do sector subiu un 16,3% e acadou 11.467 millóns de euros. Tamén medra o número de empresas, o emprego e o investimento, até chegar ás 9.785 compañías, 105.760 persoas e 655 millóns.

Por outra banda, o informe reflicte un importante avance do proceso de dixitalización dos sectores de videoxogos, vídeo e música a nivel mundial, con taxas de transformación cara aos novos métodos de xestión, comunicación, promoción e venda do 88%, 68% e 66%, respectivamente. Sen saírnos do positivo, o estudo mostra un parámetro con datos positivos que levaba anos sen telos (dende 2012): por primeira vez dende hai case oito anos, o investimento en negocio dixital do sector dos contidos creceu, logrando unha cifra de 655 millóns de euros, un 9,2% máis que en 2016.

Videoxogos
Nun plano mis detallado, a industria española dos videoxogos continuou coa súa evolución positiva e alcanzou os 713 millóns de euros, un 15,6% máis que en 2016. Do total de ingresos xerados pola venda de produtos distribuídos a través de medios ou canles dixitais, os xogos para dispositivos móbiles descargables representaron en 2017 o 76,5%.

Música
En canto á música, a súa facturación ascendeu até os 247 millóns de euros, un 50,3% máis que en 2016. A comercialización de música a través de medios dixitais superou con distancia á venda tradicional, chegando a representar case o 61% das vendas de música.

Cinema e vídeo
O 71,5% dos ingresos xerados polo sector do cinema e do vídeo correspondéronse ao negocio dixital (3.443 millóns de euros, un 17,6% máis que en 2016). O informe salienta que un pouco menos da metade da facturación das actividades dixitais do sector do cinema e do vídeo en España concéntrase nas actividades de produción cinematográfica e de vídeo (44,3%).

Audiovisual
Respecto ao sector audiovisual, o observatorio destaca que en España a facturación das actividades de programación e emisión de televisión en 2017 situouse en 3.970 millóns de euros, un 7,7% máis. A televisión terrestre representou o 46,2% dos ingresos (1.836 millóns de euros), crecendo por cuarto ano consecutivo. O volume de negocio da TV IP, con todo, crece a pasos axigantados a partir de 2014. En 2017, esta modalidade xa representou un 32,7% dos ingresos totais do sector da televisión, cunha cifra de 1.298 millóns de euros (un 25,6% máis que o ano anterior).

Publicacións
As actividades dixitais procedentes do sector das publicacións alcanzaron un volume de negocio de 1.260 millóns de euros, un 74,3% máis que en 2016. A edición de xornais pasou a concentrar a maior parte da facturación de negocio dixital do sector das publicacións (42,4%), por diante da edición de libros (33,6%).

18/01/201908:10
Muller usando un smartphone e un portátil.
Santiago de Compostela

Esta semana remata o prazo para presentarmos candidaturas aos Premios TIC Galicia

Clúster TIC pecha esta mesma semana o prazo de presentación de candidaturas para a segunda edición dos premios TIC Galicia, organizado en colaboración con Laconnetwork co obxectivo de mostrar o esforzo das organizacións, institucións e empresas galegas ligadas ao sector das novas tecnoloxías. Segundo explica a organización do certame, as empresas e emprendedores interesados poderán inscribirse até o domingo 20 (inclusive) na páxina web de Laconnetwork. Terán que acreditar o labor levado a cabo durante 2018 nos eidos do deseño, o desenvolvemento e a implantación de procesos ou servizos galegos focalizados na innovación e no uso das TIC.

As nove categorías son: Mellor Startup (adicada a aquelas empresas galegas con menos de dous anos de traxectoria); Mellor Desenvolvemento de Software Libre (que pon o foco naquelas compañías que desenvolveran a mellor solución de programación baixo esta licenza); Mellor Campaña de Marketing Dixital (que recoñece aquelas accións de mercadotecnia dixital que foran lideradas por empresas de medios dixitais galegas); Mellor Empresa Tractora (pensado para aquelas compañías que apostan e confían nas startupsgalegas contratando os seus produtos e servizos); Mellor Iniciativa TIC (que busca aquelas asociacións, institucións e organizacións que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e emprendedores); Mellor Innovación (I+D+i) (que distinguirá aqueles organismos, fundacións e asociacións que realizasen os mellores investimentos en innovación en 2018); por último Mellor Internacionalización (que premiará a aquelas empresas galegas que presenten o mellor plan de internacionalización en 2018). 

Ao abeiro das nove modalidades devanditas tamén se inclúen dúas mencións de honra para mostrar o importante labor daquelas persoas e empresas que presenten unha especial implicación co sector TIC galego. Estas son o Premio Lacón Evanxelizador, que se outorgará ás persoas que se impliquen de maneira específica e constante na difusión do sector TIC autonómico e que organizaron con éxito algún dos encontros mensuais Laconnetwork; e o Premio Traxectoria, que recoñece ás persoas que, de maneira recorrente e constante, se impliquen nas TIC galegas. Como dixemos, todas as candidaturas recibidas até o 20 de xaneiro de 2019 serán avaliadas por un comité de especialistas do sector que terá voz e voto para seleccionar os finalistas. Unha vez pechada a fase de pre-selección, os finalistas elixidos das categorías Mellor Startup, Mellor Desenvolvemento de Software Libre, Mellor Campaña de Marketing Dixital, Mellor Innovación (I+D+i) e Mención especial – Premio Lacon Evanxelizador; serán feitos públicos e procederase a unha votación popular onlineque terá un peso do 50% sobre o resultado final, o outro 50% será a valoración do comité de especialistas. As categorías Mellor Iniciativa TIC, Mellor Empresa Tractora, Mellor Internacionalización e a Mención Especial – Premio Traxectoria outorgaranse directamente polo comité de especialistas. 

A gala de entrega dos premios TIC Galicia terá lugar no evento anual Laconnetwork 2019.

18/01/201908:03
Visita dos conselleiros ao polo aeroespacial de Galicia.
Rozas (Lugo)

O polo das Rozas xa ofrece tecnoloxías plenamente operativas e eficaces contra os lumes

polo aeroespacial de Galicia, emprazado nas Rozas (Castro de Rei, Lugo), mostrou este mércores 16 de novembro os avances de dúas tecnoloxías innovadoras para a prevención dun dos grandes dramas do noso medio natural: os incendios. Na cita participaron empresas, investigadores e representantes públicos, entre os que se atopaban o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, que salientaron o alto nivel de resposta que achega o polo aeroespacial respecto das “necesidades reais da Administración”. Os conselleiros asistiron á demostración do helicóptero non tripulado Lúa e do sistema contra incendios Einforex, impulsados por Babcock. A esta visibilidade cada vez maior dos traballos que se están a realizar nas Rozas (unha visibilidade que espertou xa o interese doutras Comunidades Autónomas) cómpre engadir as probas de simulación do Targus de Indra iniciadas previamente.

Segundo se lembrou na visita dos conselleiros, o sistema Einforex FF (FireFighting) vén da man de Babcock e das empresas Soldatec, Itmati, Coremain, Cinfo, Veoline e Pildo; consistindo nun sistema experto de monitoraxe de frotas aéreas e terrestres que axuda na toma de decisións en operacións de extinción de incendios e fornece de plena operatividade mesmo nas condicións de traballo ou comunicativas máis adversas. A tecnoloxía, que xa foi probada nun operativo real de loita contra o lume en Corrubedo (Ribeira), pode ser manexada integralmente dende un helicóptero de coordinación da Xunta, facilitando en tempo real a súa posición e fornecendo de continuo imaxes e vídeos da operación. A previsión é integrala o antes posible aos dispositivos galegos da loita contra os incendios. Na cita nas Rozas probouse o helicóptero non tripulado Lua, xunto con varios compoñentes que, a xuízo dos conselleiros, “convérteno no único sistema con capacidade de capturar e procesar en tempo real información dixital de vídeos e imaxes tanto no espectro visible como infravermello”. 

Durante a estadía no polo, Conde destacou “o avance do polo aeroespacial de Galicia posto en marcha en 2015” e que, desde entón, “leva mobilizado 50M€ dos 165 previstos coas actuación que están en marcha e programadas, mentres que o programa de I+D promove, até o de agora, 20 proxectos nos que traballan 262 persoas”. Conde fixo fincapé nas boas previsións para o ano entrante. Segundo sinalou, en 2019 o polo das Rozas volverá ter “un papel central”, xa que se destinan 18,1M€ para seguir avanzando e consolidando este proxecto, “a través de iniciativas como o parque industrial, a aceleradora aeronáutica ou o novo espazo formativo de Rozas”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS