main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/01/201908:11
Cartel do evento.
A Coruña

A Fundación Paideia abre este xoves un ciclo de conferencias sobre IA

A capacidade das máquinas para analizar información, tomar decisións e permitir que investigacións que até o de agora eran inviables sexan unha realidade, son cuestións que espertan o noso interese pero que, tamén, achegan unha serie de desafíos que debemos ter en conta. Avaliar todas estas cuestións, e outras moitas máis, é un dos obxectivos do ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial que organiza a Fundación Paideia e cuxa primeira sesión celébrase esta mesma semana, o xoves 17 de xaneiro, da man de Amparo Alonso, investigadora do CITIC, catedrática da UDC e presidenta de AEPIA. O ciclo, que será presentado por Alonso, estenderase até o mes de abril. 

Durante o evento deste xoves e nas seguintes citas, abordaranse os principais conceptos relacionados coa Intelixencia Artificial e o papel que van xogar os algoritmos, os datos, a robótica e a información a gran escala (o Big Data) na sociedade actual e futura, e as súas aplicacións e repercusións nos eidos laboral, económico, social, político, persoal, etc. Así mesmo, afondarase nas implicacións éticas que van supor os algoritmos, a Intelixencia Artificial e a utilización dos datos e como vai afectar todo iso aos cidadáns e ao control social.

O ciclo, como dixemos, comeza este xoves coa conferencia Intelixencia Artificial: O futuro que xa é presente, que impartirá o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da Universidade de Nottingham, Humberto Bustince. A asistencia ao ciclo é gratuíta previa inscrición en www.paideia.es/eventos. A cita será na sede da fundación no número 17 da praza de María Pita, entre as 19.30 e as 21.30 horas. 

16/01/201907:50
Cartel do evento.
Ourense

O CPEIG e a ESEI de Ourense celebran este sábado a Hora do Código

Este sábado día 19 de xaneiro o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (ESEI) van xuntar forzas, novamente, para pór de relevo a importancia de familiarizarnos coa programación dende idades temperás: unhas prácticas e uns coñecementos que nos serán de gran utilidade para calquera eido profesional polo que optemos. Esta mensaxe será o leit motiv da Hora do Código, unha celebración internacional impulsada pola entidade Code.org e que na nosa terra ten un dos seus principais (e históricos) valedores no CPEIG. 

A xornada conmemorativa do sábado dará acubillo a un conxunto de actividades e obradoiros dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 18 anos. O obxecto é achegar á rapazada “dunha forma lúdica e divertida á programación”, á tecnoloxía de impresión en 3D e á programación de pequenos dispositivos.

As actividades, que son totalmente gratuítas, desenvolveranse a longo do día (nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico, Campus de Ourense). Toda a información sobre o evento e inscrición está dispoñible na web: http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.

Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG. 

A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación aberta. 

15/01/201908:28
Alberto Núñez Feijóo nas instalacións de Televés.
Santiago de Compostela

Televés mostra perante o Goberno galego o seu ambicioso proxecto de Industria 4.0

presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitaron hoxe o Centro Tecnolóxico de Televés Corporación en Santiago de Compostela. Durante o seu percorrido polas instalacións da empresa galega, referente en equipamentos de telecomunicación e tamén en ámbitos punteiros de saúde dixital e o envellecemento activo (nos que se insire por exemplo Activage), o presidente e o conselleiro puideron coñecer os detalles dun novo e ambicioso proxecto de Televés: o proxecto Corp4Future, destinado a transformar as empresas da corporación en empresas integramente 4.0. 

Segundo se lembrou no percorrido polas dependencias de Televés, Corp4Future ten un investimento inicial estimado de 23 millóns de euros, unha cifra que “supón un esforzo investidor moi superior dada a especial aposta da empresa por unha industria galega de referencia internacional”, engadiuse na visita, que permitiu ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Economía e Industria coñecer os avances da compañía en robótica colaborativa, loxística automatizada e integración entre enxeñaría, fábrica e cliente. Nun plano máis concreto, os responsables da corporación detallaron perante Feijóo e Conde as potencialidades de rendemento e medre que están a pór en xogo os novos procesos integrados por Televés: procesos tecnolóxicos e industriais baseados en Internet das Cousas (IoT), analítica de información a gran escala (Big Data) ou realidade aumentada, que permitirán ao grupo “dar un chimpo cualitativo en eficiencia, sustentabilidade e competitividade, dándolle acceso a novos mercados altamente competitivos”.

Santiago Rey destacou “a ambición do proxecto Corp4Future” e asegurou que, con el, as empresas da compañía que participan no mesmo “poderán competir con éxito en sectores como servizos sociosanitarios, eSaúde, eficiencia enerxética ou aeronáutica”. Así mesmo, explicou, “permitirá deseñar e fabricar produtos cada vez máis orientados ás necesidades de comunicación, lecer, saúde e benestar dos cidadáns en contornas cada vez máis integradas con dispositivos e tecnoloxías IoT”. Este proxecto, apuntou, “supón un exemplo para o resto das empresas da corporación e un aliciente para a mellora continua e o avance nestas novas tendencias”.

Corp4Future
Corp4Future conta co apoio da Xunta de Galicia, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente. O proxecto suporá o desenvolvemento duns 120 novos perfís laborais, con “importantes oportunidades de formación e desenvolvemento profesional”. Os obxectivos xerais da iniciativa son os seguintes: aplicación e mellora dos procesos produtivos a través do uso de novas tecnoloxías (tales como realidade aumentada, robótica colaborativa ou novos métodos de fabricación), deseño e desenvolvemento de novas funcionalidades e novas tecnoloxías (Monolithic Microwave Integrated Circuits -MMIC- ou Internet das Cousas -IoT-, etc.), apertura de novos mercados e consolidación dos tradicionais (principalmente difusión multimedia e equipamento de medida), mellora dos sistemas de información e da comunicación entre a corporación e os seus clientes ou, tamén, desenvolvemento dun prototipo global dentro do grupo que sirva como demostrador das novas capacidades adquiridas e do paradigma de Industria 4.0.

15/01/201908:20
O director de relacións institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz, a directora de Galicia de Telefónica, Marta Menéndez, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o responsable de accesibilidade da Asociación Auxilia, Aquilino González, e Luis Rojo, de relacións institucionais de Fundación Telefónica.
Lugo

A Fundación Telefónica distingue a Lugo como cidade Mapcesible

Lugo hai tempo que ten alicerces firmes para ser unha cidade intelixente, tal e como puidemos comprobar as repetidas veces que falamos do proxecto Lugo Smart City: unha iniciativa para converter a cidade en galega nunha urbe mellor xestionada, mellor comunicada, máis sustentable, máis áxil e eficiente na súa relación coa cidadanía, máis participativa e cun tráfico máis ordenado. Porén, o Goberno local entende que a aposta smart ten que vir ligada, tamén, a un factor que lle dá sentido e sustento: a accesibilidade.Precisamente o compromiso de Lugo coa accesibilidade vén de ser recoñecido hoxe como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica

Deste xeito, a urbe galega únese por dereito propio á sobranceira listaxe de localidades estatais que locen o devandito distintivo de “Mapcesible”, que é, tamén, o nome dunha aplicación móbil colaborativa para mapear a liberación de atrancos en España e que foi desenvolvida pola Fundación Telefónica en colaboración con COCEMFE e o Centro Lescer e co apoio técnico de Ilunion. A ferramenta, segundo informa a dita operadora, conta xa con máis de 21.000 puntos accesibles en todo o ámbito español, incluíndo restaurantes, centros de saúde, museos, cinemas, praias, prazas de estacionamento ou baños públicos. Arestora, a aplicación (dispoñible para iOS e Android) tira partido de 14 conxuntos de datos abertos de organismos oficiais, entre os que se atopa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e unha manchea de concellos de gobernos autonómicos. O obxectivo co que naceu a ferramenta foi o seguinte: crear unha plataforma intuitiva e doada de empregar para que calquera persoa, teña ou non mobilidade reducida, poida mapear a non existencia de obstáculos nos lugares que visita, ou, tamén, consultar as valoracións para planificar os seus desprazamentos diarios. 

Entre os elementos que motivaron o devandito recoñecemento de Lugo figuran os seguintes: beirarrúas ampliadas, transporte público adaptado ou prazas de aparcadoiro reguladas, entre outras actuacións. 

Un equipo formado por Voluntarios Telefónica e un grupo de persoas con mobilidade reducida da Asociación Auxilia de Lugo, acompañados pola alcaldesa Lara Méndez; Aquilino González, responsable de accesibilidade da Asociación AUXILIA, Joan Cruz, director de relacións institucionais de Fundación Telefónica; Marta Menéndez, directora autonómica de Telefónica Galicia; e Luis Rojo, responsable de relacións institucionais de Fundación Telefónica, foron os encargados de mapear hoxe a accesibilidade de diferentes espazos da cidade. No seu cometido, empregaron a devandita aplicación móbil Mapcesible. 

Unha comunidade que medra
A día de hoxe a plataforma Mapcesible conta con máis de 21.000 puntos ceibes de atrancos. Ademais dos lugares subidos polos propios usuarios, máis de 3.800 mapcesibilistas, a aplicación incorpora 14 datasets de organismos oficiais. O proxecto, que naceu da colaboración de máis de 700 voluntarios Telefónica, ten a súa orixe na necesidade de pór de relevo a accesibilidade como un problema de todas e todos, poñendo o foco no potencial participativo e visualizador da tecnoloxía. Isto comezou a fraguarse no Centro Lescer (especializado en rehabilitación neurolóxica e de dano cerebral), onde se estaban a desenvolver obradoiros de rehabilitación para persoas que perderan mobilidade por diversas enfermidades. Segundo informa Telefónica, unha das claves de Mapcesible é que está aberto a toda a sociedade, permitindo así que calquera persoa se converta en voluntario dixital e poida colaborar coa accesibilidade mapeando novos lugares, logrando sensibilizar á sociedade de que a accesibilidade é cousa de todos.

14/01/201913:52
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Día da internet Segura 2019

O Día da internet Segura, "Safer Internet Day" (SID, polas súas siglas en inglés) é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro co obxectivo de promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre os nenos e os novos. O SID celébrase o segundo día da segunda semana do segundo mes do ano e reúne a millóns de persoas de todo o mundo para impulsar cambios positivos e concienciar acerca da seguridade na internet, organizando distintos eventos e actividades.

Este día non só pretende a creación dunha Internet máis segura, senón unha Internet mellor, para convertela nun espazo no que todos fagamos uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa. O SID diríxese a nenos e novos, pais e titores, profesores, educadores e traballadores sociais, así como ás empresas e responsables políticos, animándoos a participar de forma activa na creación dunha Internet mellor.

En 2019 celébrase o 5 de febreiro. Co obxectivo de celebrar o carácter positivo da internet, o lema 2019 "Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura", convídanos a sumarnos ao movemento global, participar e aproveitar o mellor da internet para unir persoas.

Desde Internet Segura for Kids (IS4K), como parte da rede panaeuropea INSAFE de Centros de Seguridade na internet, estas son as actividades que realizaremos para celebrar este día.

 

Participa no noso concurso "CyberChallenge Internet Segura"

O concurso ten como finalidade que os menores, adultos e centros educativos se unan á campaña do Safer Internet Day 2019, para promover o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías, baixo o lema "Unha Internet mellor comeza contigo: Convivindo con respecto para unha Internet segura". 

Se estas interesado en participar, deberás idear unha frase de concienciación sobre seguridade e o uso seguro das TIC e reflectila nun vídeo a modo de challenge no que se inclúa música, un baile, apareza representada a tecnoloxía e que cumpra os requisitos indicados nas bases do concurso.

Existen tres categorías de participación:

  • MENORES E ADULTOS: O vídeo será realizado por menores acompañados de adultos (a partir 18 anos).
  • ADULTOS: O vídeo será realizado unicamente por adultos (a partir de 18 anos).
  • CENTRO EDUCATIVO: O vídeo será realizado a nivel de centro educativo.

Unha vez creado o vídeo, deberás envialo por correo eletrónico, como adxunto, a con contacto@is4k.es o asunto "Concurso CyberChallenge Internet Segura". No caso de que supere os 20MB, podes facilitarnos a ligazón a través dun correo electrónico á mesma dirección, descrita anteriormente, para poder descargalo desde un servidor de almacenamento na nube. Tes de prazo ata o 20 de xaneiro, así que empeza a pensar no teu vídeo. Ademais, facilitámosche materiais multimedia que poderás incluír nos teus vídeos: toolkit #CyberChallenge SID2019.

E se queres difundir o vídeo nas túas redes sociais, non te esquezas de utilizar os hashtag #SID2019 e #CyberChallenge

Para os gañadores

Durante a celebración do acto, o 5 de febreiro de 2019, comunicaremos cal é o mellor vídeo de cada categoría, premiando aos participantes con:

  • Premio para a categoría de MENORES E ADULTOS: Cámara 360º para cada integrante do grupo.
  • Premio para a categoría de ADULTOS: Cámara 360º para cada integrante do grupo.
  • Premio para a categoría de CENTRO EDUCATIVO: Cheque regalo en material tecnolóxico por valor de 1.000 euros (IVE excluído) para o centro.

 

Charlas de concienciación en ciberseguridade

Grazas á colaboración dos nosos Cibercooperantes realizaranse charlas de concienciación en centros de toda España, abarcando temas como a privacidade, o ciberacoso ou o uso seguro e responsable das TIC.

Queres que vaiamos dar unha charla ao teu centro" Solicita a túa charla completando o formulario Busco Cibercooperante e envíanolo por correo electrónico á dirección cibercooperantes@is4k.es.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS