main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/01/201909:26
LitterDrone nunha praia.
Vigo

A UVigo ultima os seus sistemas LitterDrone para a loitar contra o lixo mariño

O proxecto LitterDrone, posto en marcha en 2017 pola Universidade de Vigo (Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, GPI-RV) e liderado polo investigador Fernando Martín, vén de culminar unha fase relevante do seu desenvolvemento: a relativa ao sistema de procesamento das imaxes xeradas por drons. Como lembraremos, o obxectivo da iniciativa é “unir o coñecemento do persoal investigador, as empresas e a sociedade” para facer seguimento dos refugallos no mar con drons e tecnoloxías avanzadas para a análise das imaxes obtidas. Os días pasados, varias praias das Illas Cíes serviron como escenario para a realización (con éxito) das probas. En breve os grupos de investigadores implicados darán conta dos resultados finais do seu traballo. 

O proxecto, no que tamén xogan un papel relevante o grupo I-markt (Ecobas) da Universidade de Vigo, a empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas, funciona do seguinte xeito: aplicando as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para conseguir imaxes que logo procesaranse para a detección de posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras. Isto permitirá localizar o lixo e axilizar o traballo do persoal encargado da limpeza. 

Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da Universidade de Vigo, explica que a parte principal do proxecto era desenvolver un software que procese as imaxes de dron para atopar e clasificar residuos mariños. Segundo fai saber, “esta parte foi todo un éxito, e contamos cun programa que aproveita as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para obter imaxes e procesalas para detectar posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”. Isto, di, permite “saber onde hai lixo e de que tipo para axudar ao persoal encargado da limpeza”. 

A idea deste proxecto, impulsado ao abeiro da convocatoria europea BlueLabs, nace do plan de seguimento do Ministerio para facer seguimento dunha serie de praias de todas as provincias costeiras, dúas delas en Pontevedra: Rodas e A Lanzada. Esta campaña de control realizábase de xeito tradicional, inspeccionando as praias e, coa proposta de Litterdrone preténdese achegar as novas tecnoloxías para a localización e identificación do lixo. O proxecto desenvolveuse durante dous anos cun orzamento de total de 392.657€, do que a Unión Europea achegou 312.998€.

14/01/201909:16
Cartel da iniciativa.
A Coruña

Altia ofrece á mocidade cursos sobre tecnoloxía avanzada

A xente máis nova ten unha oportunidade para achegarse ás tecnoloxías máis avanzadas da man da compañía galega Altia mediante un programa de cursos formativos ofertado pola propia compañía de novas tecnoloxías. O dito programa consiste nunha serie de actividades de adestramento impartidas por profesionais de Altia sobre tecnoloxías avanzadas aplicadas en proxectos reais da propia empresa con sede na Coruña.

A proposta de Altia chega baixo o nome de #AltiaTechDay, un conxunto de workshops para dar a coñecer os seus coñecementos máis punteiros en tecnoloxía aos futuros profesionais do sector, coa finalidade de potenciar o talento e formar a estudantes en tecnoloxías novas coas que a compañía traballa en proxectos reais.

Deste xeito Altia segue adiante co seu compromiso en canto a formación dixital e o desenvolvemento profesional impartindo varios obradoiros centrados en tecnoloxías innovadoras de uso en proxectos reais como React. Js, Drupal, Docker, Joomla ou Design Thinking. Segundo informa a empresa galega, estas actividades de capacitación dan resposta ás necesidades do mercado á hora de enfrontarse aos novos retos empresariais. “Apostamos pola innovación e a investigación, e estamos á vangarda da atracción do talento para colaborar en proxectos dixitais como é o caso de Smart City Lugo que impulsan a transformación das cidades”, destaca Tino Fernández, presidente de Altia. Máis polo miúdo, estes workshops de Altia levaranse a cabo coa colaboración de diferentes organismos e institucións educativas entre as que se atopan: a Facultade de Informática da UDC, as Escolas Técnicas das Universidades de Valladolid, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Alacante, o IES Teis (Vigo), o IES Cebem (Vigo), o IES Julián Marías (Valladolid), o EGIBIDE (Vitoria-Gasteiz) o IES Nuestra Señora do Pilar (Madrid), o IES Clara del Rey (Madrid) e o IES Virgen de la Paloma (Madrid). Engadir que as formacións botaron a andar en decembro e prolongaranse polo menos durante o 2019.

14/01/201908:14
Unha nena que sufriu acoso utiliza un teléfono móbil.
Madrid

A tecnoloxía contra o acoso escolar a nenas con discapacidade

O paso polo colexio pode ser un momento duro para moitos nenos con discapacidade, polo que a Fundación Cermi Mulleres propúxose aproveitar a tecnoloxía para tratar de axudar ás nenas que estean a sufrir acoso no seu centro educativo.

A fundación anunciou que está a traballar no desenvolvemento dunha aplicación móbil que axude ás nenas a loitar contra o acoso escolar que se produce por razón de discapacidade.

Esta app terá o nome de "MeRespetas" e contará con todas as axudas de accesibilidade para garantir que calquera nena con discapacidade a poida utilizar.

O calendario da Fundación Cermi Mulleres contempla que a aplicación estea dispoñible nos próximos meses para que as nenas poidas acceder a ela de forma gratuíta a través das principais plataformas de apps.

Para o desenvolvemento desta ferramenta, a entidade conta coa axuda do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

14/01/201907:53
Re-acciona TIC.
Santiago de Compostela

A Xunta activa con 725.000€ en 2019 o Re-acciona TIC para facilitar a mellora da competitividade no eido da industria 4.0

  • As pemes que queiran optimizar a súa modernización e innovación tecnolóxica poderán acollerse á nova convocatoria, que se acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia
  • Ata o 14 de febreiro está aberto o primeiro prazo para as compañías interesadas
  • A Xunta, mediante os programas Re-acciona e Re-acciona TIC, concedeu durante o ano pasado axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en empresas galegas

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, activa unha nova convocatoria do Re-acciona TIC para apoiar ás empresas que buscan mellorar a súa competitividade mediante as solucións que aportan as TIC e a Industria 4.0, programa que, xunto co ReAccciona, concedeu durante o ano 2018 axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en pemes galegas.

A presentación de solicitudes de axudas para a nova convocatoria do Re-acciona TIC, ao abeiro das bases reguladores publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), estará aberta ata o 14 de febreiro.

Ao longo deste ano, activaranse en total catro convocatorias deste programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, nas que o Igape ofertará servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0, ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción. Entre as catro convocatorias prevese destinar ao redor de 725.000 euros en axudas.

A través dos programas Re-acciona TIC e Re-acciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.

A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0 que está a desenvolver a Xunta e que establece cinco plans de impulso para a modernización do tecido empresarial galego con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas de innovación tecnolóxica, formación e financiamento.

11/01/201912:05
Cartel da iniciativa.
Ames

Ames comeza ano iniciando á cidadanía en Internet e ofimática

O Concello de Ames comeza ano con formación tecnolóxica para a cidadanía, poñendo o foco na alfabetización dixital de base. Ou sexa, en botar abaixo o primeiro e máis decisivo atranco no camiño da democratización TIC. Segundo informa o Goberno local, serán tres novos cursos para o primeiro trimestre do ano, todos eles co nexo común de ser tres obradoiros específicos sobre aspectos útiles da Sociedade do Coñecemento. Desenvolveranse na Aula de Informática do Milladoiro, que xa ten aberto o prazo de inscrición

A oferta está formada por unhas xornadas de iniciación a Internet, que se realizarán en xaneiro, un curso sobre o procesador de textos Writer para nenos e nenas para febreiro, e un obradoiro de mecanografía en marzo. As xornadas de iniciación a Internet van dirixidas a persoas maiores de 16 anos. Esta formación, de seis horas de duración, desenvolveranse os días 23, 24, 28 e 29 de xaneiro en dúas quendas, de 10.00 a 11.30h ou de 18.00 a 19.30h. Ofértanse 10 prazas por quenda.

Por outra banda, no mes de febreiro está prevista a realización dun curso sobre o procesador de textos Writer pensado para nenos e nenas de 9 a 12 anos. Este obradoiro de seis horas terá lugar do 25 ao 28 de febreiro, en horario de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10. Finalmente, a programación trimestral complétase coa realización dun obradoiro de mecanografía para maiores de 16 anos. Este último curso, de unha duración de catro horas, desenvolverase do 25 ao 28 de marzo, en horario de 10:00h a 11:00 horas ou de 18.00 a 19.30h. Ao igual que os anteriores, o número de prazas dispoñibles será de 10 por quenda. O prazo de inscrición para estes obradoiros de balde está aberto até que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. O Concello salienta que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para ter praza é preciso estar empadroado no termo municipal de Ames. As inscricións poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de participación no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS