
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Red.es vén de facer públicas as solicitudes ás axudas ao desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G lanzada pola entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa. Segundo fai saber, a resposta do sector foi ampla, ao recibirse un total de once peticións. Como lembraremos, esta convocatoria está dotada cun orzamento máximo de 20 millóns de euros para dous proxectos piloto e co-finánciase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a cargo do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).
Na ducia de empresas que participan na convocatoria atópase a galega Cinfo, empresa emprazada no edificio CITIC da Coruña e centrada en servizos de analítica de vídeo e intelixencia artificial para o ámbito da televisión.
As solicitudes, que representan un orzamento agregado de 128 millóns de euros, responden na súa meirande parte a unións temporais de empresas (UTE) e, tal e como esixía a convocatoria, oriéntanse a un ámbito territorial de actuación. As empresas e institucións que concorren ás axudas son Orange, Nokia, IECISA, Vodafone, Ericsson, Telefónica, Telnet, Cinfo, Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada, Idronia Multimedia, Huawei, Axión, Mola TV, Montcau Produccions, Inspide, Etra, BAY, ZTE, Xfera Móbiles, NAE Comunicacions, Deep Technology, Unmaned Teknologies, Fundación Valenciana para a Investigación, Promotora de Redes Compartidas, Euskaltel, Universidade de Navarra, Centro Tecnolóxico CEIT-IK4, Datik, Fundación Vicomtech, Atrebo e Compañía del Tranvía de San Sebastián.
Segundo informa Red.es, as propostas presentadas abranguen múltiples casos de uso que aproveitan as vantaxes da tecnoloxía 5G en sectores como servizos de saúde, seguridade e emerxencias, audiovisual e multimedia, vehículos conectados, agricultura, Industria 4.0, turismo, aplicacións de realidade virtual e aumentada, control de drons, acceso fixo por radio ou supervisión de infraestruturas. Tras a fase de subsanación, que conclúe o día 14, procederase á avaliación das propostas aplicando os criterios previstos nas bases.
A EOI (Escola de Organización Industrial) e o IGAPE veñen de pór en marcha, co novo ano, a cuarta edición do espazo de traballo colaborativo (coworking) de Celanova e Terras da Limia. A iniciativa, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria e o IGAPE, abranguerá sete meses de actividade: dende este mes de xaneiro até xullo deste mesmo ano. Contará con diferentes tipos de accións capacitadoras para axudar a converter os proxectos dos participantes en realidades innovadoras de mercado: obradoiros sobre metodoloxías áxiles, sobre micromecenado, sobre estratexias de comunicacións en redes sociais, sobre creatividade e innovación ou sobre mercadotecnia dixital.
Tamén haberá seccións de formación en grupos dirixidas exclusivamente aos participantes do coworking e nas que se traballará con materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos do espazo de innovación colaborativa de Celanova e Terras da Limia. Tamén se traballará con recursos financeiros para emprendedores, habilidades de comunicación, xestión do talento, etc.
A maiores, achegarase un servizo de asesoramento (mentoring) por parte de expertos e centrado en acompañar ás emprendedoras e emprendedores no deseño de modelo de negocio e na posta en marcha e optimización do proxecto, “dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño”.
Amais, celebraranse actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas empresariais, contando coa experiencia doutros emprendedores/expertos e empresarios. Asistencia de acceso libre. Como peche á edición celebrarase unha xornada de demostración (Demo Day) durante a cal presentaranse os proxectos participantes no espazo de coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.
Estímanse en 22 as emprendedoras e emprendendores que poderán participar nesta convocatoria.
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, recomeza este ano con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Se antonte dimos conta das 21 accións preparadas para a comarca de Vigo (nos centros SmartPEME de Ponteareas, Vigo e O Porriño) e onte das 14 actividades previstas para Pontevedra e a contorna de Lalín, hoxe centrámonos en Cambados e nas súas 7 citas profesionais coas TIC. Haberá oportunidades para adestrarnos en ecommerce, mercadotecnia móbil e estratexias dixitais de venda avanzadas.
As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. O primeiro dos obradoiros de Cambados este ano será Xestiona o teu negocio dende o móbil e desenvolverase o xoves día 10, a partir das 19 horas. O seguinte será o martes 15 de xaneiro, cando a partir das 19 horas terá lugar o curso Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet. O terceiro curso do ano será Chatbots: A automatización da atención ao cliente, a celebrar o 17 de xaneiro, ás 18 horas. A seguinte semana, Cambados acollerá O márketing móbil e a súa importancia no sector turístico, o martes 22 de xaneiro, ás 17 horas, e Social Media Listening: o que se di do teu negocio en Internet, o xoves 24 ás 19 horas. Por último, o martes 29 de xaneiro, ás 17 horas, celebrarase o obradoiro Google Calendar, moito máis que unha axenda e o xoves 31 de xaneiro, ás 19 horas, Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva.
A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O Concello da Coruña presentou onte o programa de actividades de xaneiro para o espazo de dinamización xuvenil da Sagrada Familia: un completo feixe de accións creativas, divulgadoras e innovadoras que abranguen obradoiros, cinefórum, xogos e torneos de videoxogos. O contido e formatos dos diferentes puntos do programa, dado a coñecer onte pola concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, foi proposto pola propia mocidade usuaria do centro, que contribúe coa súa participación activa a converter o espazo de dinamización nun espazo autónomo.
A programación arrincou con dúas propostas de lecer: os xogos en grupo do 4 de xaneiro e unha sesión de cinema na tarde do día 5. O venres 11 haberá un obradoiro sobre xardinería e o sábado 12 un encontro no que realizar tatuaxes de henna, actividade que se repetirá tamén o sábado día 26. Na seguinte semana, o venres 18, haberá un taller sobre modelaxe e, por último, os rapaces e as rapazas poderán medir as súas habilidades cos videoxogos nun torneo de XBOX. O centro, que está localizado no cuarto andar do centro social da Sagrada Familia, “naceu dunha necesidade do barrio, da carencia de espazos e proxectos para a xente nova, e converteuse en poucos meses nun punto de encontro e referencia para varios colectivos”, explicou Delso. O espazo abre durante as tarde de martes a domingo, en horario de 17.00 a 21.00, mentres que os venres e sábados, días nos que se desenvolven os obradoiros, conta cun horario de apertura ampliado ata as 23.00 horas. Para máis información sobre o punto de encontro da mocidade na Sagrada Familia, pódese visitar o apartado de mocidade da web municipal.
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, volve con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Se onte dimos conta das 21 accións preparadas para a comarca de Vigo (nos centros SmartPEME de Ponteareas, Vigo e O Porriño), hoxe é a quenda de informar das actividades previstas para Pontevedra e a contorna de Lalín. Serán, en total, 14 obradoiros tecnolóxico-dixitais a desenvolver nas sedes de SmartPEME en Lalín e máis na cidade do Lérez (na sede da Deputación): sete actividades en cada unha das localidades.
As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. As quendas para a cidade de Pontevedra son as seguintes: martes 8 de xaneiro, Google Calendar, moito máis que unha axenda, ás 19 horas. O xoves, 10 de xaneiro ás 18 horas, será a quenda de Crea unha páxina profesional con Wordpress. O curso Plugins de WordPress para mellorar a túa web impartirase o martes 15 ás 19 horas. O martes 22, ás 17 horas, terá lugar Marketing de contidos: como xerar unha estratexia efectiva. Esa mesma semana, o xoves 24 ás 19 horas, vaise impartir o obradoiro Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console. O curso Iniciación ao deseño gráfico chega o martes 29 ás 18 horas. Por último, o xoves 31 ás 19 horas, impartirase Social Media Listening: O que se din do teu negocio en Internet. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
A primeira cita do mes na oficina SmartPeme de Lalín terá lugar este martes 8 de xaneiro, ás 19.00h, en concreto o curso Como promover o teu propio evento en redes sociais. A segunda cita será esa mesma semana, o 10 de xaneiro, cando a partir das 19.00h celebrarase Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas. O martes 15 de xaneiro, ás 17.00h, desenvolverase en Lalín o curso Xestiona o teu negocio dende o móbil e o xoves 17 de xaneiro, ás 19.00h Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva. O seguinte obradoiro será Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet, o xoves 24 de xaneiro ás 18.00h. Por último, o martes 29 de xaneiro ás 19.00h impartirase o curso Chatbots: A automatización da atención ao cliente e o xoves 31 de xaneiro, ás 17.00h, O márketing móbil e a súa importancia no sector turístico. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.