main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/01/201909:14
Educadores de COGAMI.
Santiago de Compostela

COGAMI formou en tecnoloxías a centos de docentes

A confederación COGAMI, entidade envorcada en derrubar todo tipo de barreiras arredor dos colectivos con capacidades funcionais e cognitivas diversas, vén de facer balance do acadado en 2018 co seu programa de actividades para os profesionais da educación, moitas delas centradas (precisamente) en complementar a formación tecnolóxico-dixital dos participantes. Segundo fai saber no seu informe, a confederación forneceu adestramento TIC a 112 docentes, o que se viu complementado con accións de sensibilización para 208 educadores e 1.846 alumnas e alumnos dos centros de ensino

Estas iniciativas de formación foron realizadas en 60 centros de A Coruña, Lugo e Vigo a través dun proxecto denominado Promoción da Educación Inclusiva e de Soporte á Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas por Motivos da súa Discapacidade que financia a confederación estatal COCEMFE a través dos fondos que lle chegan do 0,7% do IRPF, coñecido como X Solidario.

Segundo informa COGAMI, o proxecto estableceu unha rede de titoras ou titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado para a atención do alumnado con necesidades específicas, con apoio das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O obxectivo foi “promover melloras na aprendizaxe e previr o fracaso e/ou abandono escolar nos ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios, grazas á introdución de metodoloxías e tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado”.

Esta rede de titorías encargáronse tamén de “motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no manexo das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que tiña nas súas aulas estudantes que requiren este tipo de soporte”. Ademais, tamén se impartiron contidos ao profesorado para mellorar o coñecemento sobre as tecnoloxías e dispositivos de apoio necesarios para casos concretos, así como as diferentes solucións de accesibilidade para dispositivos a través do software.

08/01/201909:09
Presentación do proxecto.
Barro

En marcha unha nova edición do espazo de coworking de Barro

Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial veñen de impulsar un nova edición, a terceira, do Coworking de Barro, un espazo para o traballo innovador e colaborativo do que abrollan, cada ano, importantes proxectos tecnolóxicos e/ou liderados por mulleres (máis da metade das iniciativas). A nova convocatoria foi dada a coñecer pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, que lembrou que o Coworking de Barro serviu entre outras cousas para alentar a posta en marcha (xa) de 35 iniciativas novas de mercado. A nova edición comezará o 5 de febreiro e rematará a finais de xuño. 

Tal e como sinalou Carmela Silva, “trátase dun proxecto dirixido ás emprendedoras e emprendedores que teñan un proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente”. Tamén lembrou que a través desta iniciativa, que conta cun orzamento de 800.000 euros, a Deputación de Pontevedra pretende “fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen destes espazos de traballo colaborativo, nun período de cinco meses”. 

Silva engadiu que as persoas que participen nesta nova edición terán acceso a 100 horas de formación, concretamente 45 horas de obradoiros formativos, 15 horas de dinámicas grupais, 20 horas de titorías individualizadas coa persoa mentora do proxecto, 10 horas de asesoramento experto e 10 horas de soporte e seguimento. O programa rematará cunha xornada de demostración, un DemoDay, no que as e os participantes presentarán individualmente os seus proxectos.

As emprendedoras e emprendedores tamén poderán acceder a outros servizos de emprendemento promovidos pola Deputación. De feito, en Barro poderán facer uso, de maneira gratuíta, do FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital, onde se dispón dun completo equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc.) e no que se leva a cabo, regularmente, un completo programa de accións formativas específicas para familiarizar ás/aos profesionais con estas tecnoloxías.

07/01/201914:15
Logo CeMIT.
Santiago de Compostela

Crece un 145% o uso da internet entre os galegos de 55 a 64 anos desde 2011

  • Multiplícase case por cinco a porcentaxe de persoas de 65 a 74 anos que empregan a rede no últimos sete anos
  • En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación
  • A idade e a convivencia con nenos son algúns dos factores determinantes no uso e na contratación de internet en Galicia

A idade é un dos factores determinantes no uso da internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de 55 non chegan ao 65%.

A pesar dos case 40 puntos de diferenza entre ambas as franxas de idade, no últimos sete anos esta fenda foise acurtando significativamente. Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.

Para algunhas persoas, maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da internet é inherente á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.

 

Formación e divulgación
Achegar a tecnoloxía ás persoas que están fóra desas franxas de idade e sen convivencia con nenos é un dos obxectivos da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnóloxica (CeMIT), que abriu as súas portas en 2011. Con máis de 320.000 horas de formación impartidas nestes sete anos a rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta co apoio dos 800 aliados dixitais adheridos ao plan entre empresas, entidades públicas e privadas e voluntarios.

Os usuarios da Rede poden acceder ao seu Plan de Formación, presencial ou a través da plataforma de teleformación. Ademais, as aulas desenvolven campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

A rede CeMIT está integrada por preto 100 aulas (98 exactamente) repartidas en 92 concellos presentes en todas as comarcas que ofrecen formación en TIC pública e gratuíta. Actualmente conta con máis de 81.000 usuarios dos cales 20.400 teñen máis de 55 anos.

 

Obxectivos CeMIT 2019
O obxectivo final da Rede CeMIT é acadar que a cidadanía acceda ao mundo dixital, e dotar aos galegos e galegas das capacidades e habilidades dixitais necesarias para facer pleno uso das TIC e aumentar a súa calidade de vida, a empregabilidade, a inserción social e a innovación social dixital.

Dado o bo resultado acadado en 2018, coa colaboración dos máis de 800 aliados dixitais, a Xunta busca en 2019 continuar garantindo e ampliando a capilaridade e universalidade destes servizos de capacitación dixital promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para acadar unha maior variedade de temáticas e actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.

Concretamente, en 2019 está previsto que a Rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 88.000 usuarios e usuarias.

Tamén fomentarase a certificación de competencias dixitais e o desenvolvemento de actividades como o uso seguro da rede, o manexo da administración electrónica, a robótica e programación ou o pilotaxe de drons.

07/01/201914:07
Logo E-Dixgal.
Santiago de Compostela

A plataforma do libro dixital incorpora novos contidos de inglés para os 21.000 alumnos e docentes da iniciativa E-Dixgal

  • A Editorial Pearson ofrece novos recursos multimedia, actividades interactivas e complementarias da materia de inglés para o alumnado así como contidos específicos para o profesorado
  • É unha das medidas previstas para seguir estendendo a educación integramente dixital en Galicia, que xa está presente en 267 centros das catro provincias galegas

 

Os preto de 21.000 alumnos e docentes dos 267 centros educativos integrados na iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar, xa teñen acceso aos contidos educativos de Inglés da Editorial Pearson. A incorporación dun novo provedor da materia de inglés é una das medidas previstas pola Amtega e a Consellería de Educación para seguir estendendo a educación integramente dixital a máis centros.

A incorporación dos contidos da Editorial Person complementa ás 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex Learning e Edebé, integradas xa na plataforma do libro dixital, ás que se suman as unidades, os recursos complementarios e o acceso ao banco de contidos da Editorial Planeta, así como os máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes.

 

Recursos multimedia e actividades interactivas
Dentro de cada unha das unidades didácticas do novo provedor, pódense atopar para 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO o Dixital Book (o libro do alumnado incluíndo os recursos multimedia e as actividades interactivas) e as Activities (as actividades interactivas e complementarias ás actividades do libro do alumnado). Ademais, os docentes dispoñen de material específico, non accesible para o alumnado, como son as programacións solucionarios, guías e similares.

Os contidos de Pearson seguen os estándares actuais de usabilidade da Plataforma Virtual de Aprendizaxe de E-Dixgal, cun deseño áxil e dinámico e poden ser empregados polo alumnado e o profesorado tanto en modo online como offline. Os novos contidos empregan a tecnoloxía responsive, o que permite o seu uso nos ordenadores, tablets, smartphones..., garantindo deste xeito a adaptación a todo tipo de dispositivo.

 

Incremento dun 84% no uso da plataforma dixital
O curso pasado iniciouse a integración progresiva dun paquete de melloras para seguir estendendo a educación dixital a máis centros. Tras a renovación de equipamento, a incorporación dun terceiro provedor de contidos, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria, nos dous primeiros meses do curso actual rexistrouse un incremento do 84% no acceso á plataforma do libro dixital.

A incorporación dun novo provedor da materia de inglés era outra das medidas previstas nesta iniciativa do Abalar, concibido como un proxecto vivo, que evoluciona do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao alumnado en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais.

 

Aulas Dixitais
Actualmente, máis de 900 centros e 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, son Abalar, beneficiando a máis de 120.000 alumnos. O Proxecto Abalar foi concibido como unha iniciativa para transformar o proceso educativo, transformando a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado.

Para conseguilo, Abalar iniciou a súa andaina en 2010 proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e apps para docentes e familias. No curso 2014-2015 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de Educación Dixital E-Dixgal, para estender o libro dixital no ámbito educativo galego.

07/01/201913:58
Muller usando un portátil.
Santiago de Compostela

Máis do 82% dos fogares galegos ten contratado Internet, preto dun 5% máis que o ano anterior

  • Os datos do INE publicados hoxe sinalan que preto do 85% dos fogares con internet optan pola conexión móbil de banda larga, superando a media estatal
  • O 95,3% dos nenos/as galegos de 10 a 15 anos empregan internet, situando á Comunidade no cuarto posto na comparativa autonómica
  • O uso da Rede entre os galegos de entre 65 e 74 anos medra máis dun 8,6% respecto a 2017
  • O 40,4% da poboación galega comprou a través de Internet nos últimos tres meses, o que supón un crecemento do 25,9%
  • Un 68,2% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 16,6% e situando a Galicia na terceira posición no ranking por Comunidades Autónoma
  • Nos concellos de entre 20.000 e 100.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga

 

O 82,6% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,8% con respecto ao ano anterior, superior ao crecemento do conxunto do Estado (3,6%), sendo nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes onde se rexistra o crecemento máis significativo (10,3% de aumento no último ano). Este aumento na contratación de Internet nos fogares galegos permitiu ascender 4 postos na comparativa autonómico en tan só un ano.

Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2018, que recolle tamén que o 95,3% dos nenos/as galegos de 10 a 15 anos empregan Internet, superando a media estatal (92,8%) e ocupando a cuarta posición no ranking por Comunidades Autónomas.

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que os galegos/as de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet e as compras on line pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os maiores galegos de 65 anos.

 

Uso das TIC

Outro dos indicadores que experimenta un dos incrementos máis relevantes son as compras a través da Rede. Un 40,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 25,9% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 8,8% que experimenta a media estatal, Cabe salientar que un 62,7% dos mozos galegos de 16 a 24 anos compran a través de Internet, superando en 8 puntos a media estatal (54,7%)

O 80,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 1,3%, con respecto ao ano anterior. Se ben, o uso de Internet é practicamente universal entre os menores de 34 anos, destaca o crecemento no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sube un 8,6% respecto ao ano anterior.

Unha das conclusións positivas desta última enquisa do INE é a posición destacada da administración electrónica na Comunidade galega. Un 68,2% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 16,6% no último ano e superando a media estatal en 2,8 puntos. Isto sitúa a Galicia na terceira posición no ranking por Comunidades Autónomas.

 

Tipo de conexión e hábitat

Segundo os datos que ofrece o INE, o 82,6% dos fogares galegos ten contratado Internet. Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 84,8% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man, superando a media estatal (83,6%).

Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que nos concellos con poboación de entre 20.000 e 100.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga.

Por outra banda, nos concellos galegos de 10.000 a 20.000 habitantes, rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Así, por exemplo, neste tipo de concellos a conexión de banda larga contratada en Galicia medrou un 10,3% e sitúase no 79,5%, acurtando a distancia coa media estatal en 4,6 puntos porcentuais.

 

Uso das TIC no traballo

Nesta edición, a enquisa do INE incorpora un módulo específico sobre o uso das TIC no traballo. Do total de internautas galegos que declararon traballar a semana pasada, o 65,6% utilizou ordenadores ou dispositivos móbiles, superando lixeiramente a media estatal (64,4%)

As actividades máis realizadas polo menos unha vez á semana foron o intercambio de correos electrónicos ou introdución de datos en bases de datos (o 80,1%), a creación ou edición de documentos electrónicos (o 62,1%).

Pola súa banda, o 15,8% dos traballadores utilizaron outros equipos ou maquinarias automatizados como os utilizados en liñas de produción, de montaxe, distribución ou outros servizos (incluídos os dispositivos portátiles para o control de stock).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS