main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/01/201914:20
Sinatura do convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Fundación Once únense para favorecer a accesibilidade universal no Camiño de Santiago

  • No marco deste proxecto, implementarase unha solución dixital para que persoas invidentes ou con problemas de visión poidan percorrer as etapas do Camiño Francés
  • Este acordo está enmarcado nun proxecto global a nivel estatal e Galicia é a primeira comunidade que o asina
  • O departamento autonómico investirá máis de 24.000 euros para este fin

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou esta mañá un convenio de colaboración co vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, para a cooperación e inclusión social de persoas con discapacidade co obxectivo de desenvolver a accesibilidade universal no Camiño de Santiago a través do proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino. “Queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva; que calquera persoa poida sentirse peregrino, adentrarse nas súas etapas e durmir nos seus albergues”, afirmou o conselleiro.

Este proxecto aplicarase no Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e Galicia é a primeira comunidade autónoma que asina este convenio.

Así, no marco deste acordo, implementarase unha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos percorridos asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesibles asociados aos seus puntos de interese e a integración de ditos contidos dixitais cunha aplicación accesible de guiado sensorial. A finalidade deste traballo é que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil accesible capaz de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición accesible dos puntos de interese para facilitarlles o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno.

Ademais, desenvolverase unha versión accesible da aplicación do Instituto Geográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.

Este acordo, forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros. Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago que identifica entre os retos da peregrinación xacobea a mellora da acollida ao peregrino para asegurar a satisfacción das súas necesidades e a mellora da accesibilidade.

O titular do departamento autonómico agradeceu á Fundación ONCE a súa colaboración, destacando que “xuntos, derrubamos barreiras en favor da integración e facilitamos o acceso e a estancia a todos os peregrinos”.

Pola súa banda, o vicepresidente executivo da Fundación ONCE destacou a importancia de promover a accesibilidade universal no ámbito turístico e cultural, “un esforzo necesario para o desenvolvemento pleno das persoas con discapacidade e para a súa inserción real e efectiva na sociedade”, apuntou Alberto Durán.

 

Referentes do turismo inclusivo

O Plan de accesibilidade turística da Xunta de Galicia dedica un apartado específico ao Camiño de Santiago con sete liñas estratéxicas que se suman ás catro coas que conta en xeral o destino Galicia. O documento proporciona ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal. Ademais das medidas físicas postas en marcha, no plan proponse deseñar produtos e rutas de turismo accesible, impulsar campañas de sensibilización para lograr a complicidade da sociedade e do sector, entre cuxos profesionais se promoverá a formación en lexislación sobre accesibilidade e atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas.

Cómpre destacar que a Xunta, en colaboración coa ONCE, leva instaladas máis de 1.600 placas e atrís que dispoñen de altorrelevos, braille e pictogramas, entre outras características, para que calquera peregrino poda guiarse de xeito independente polo interior e exterior dos albergues. Estes elementos instaláronse en todas as estancias: habitacións, aseos, duchas, cociña, comedores, salas comúns, tendais, zonas de paso restrinxido…

Así mesmo, baixo a marca Descubre o teu propio Camiño, o Camiño Francés ofrece a posibilidade de que peregrinos en cadeira de rodas poidan contratar un servizo para facer diversas etapas en Galicia e León. Esta iniciativa é resultado do proxecto europeo Saber Universal no que participa a Xunta e que se desenvolve no principal itinerario xacobeo e no camiño de San Benedito de Italia. En total, habilitáronse cinco paquetes para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e público senior. No caso de Galicia, a viaxe vai dirixida a grupos mixtos, compostos por dúas persoas en cadeira de rodas que peregrinarán con handbikes eléctricas e híbridas, que adaptarán ao seu ritmo a peregrinación e irá acompañados de dúas ou tres persoas en bicicleta. Poderán sentir así a emoción final do Camiño de Santiago, cubrindo etapas entre León e Santiago de Compostela, con aloxamento en hoteis de tres estrelas, hostais e albergues accesibles.

31/12/201808:28
Cables RJ45 enchufados nun switch.
Santiago de Compostela

Último mes para solicitar as axudas da Xunta para dotar de banda larga ultrarrápida a autónomos e empresas illadas en zonas do rural

  • O 31 de xaneiro de 2019 rematará o prazo no que poden realizar a súa solicitude empresas e autónomos que non dispoñan de internet de cando menos 30 Mbps.
  • A Xunta destinará 600.000 euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
  • É a segunda convocatoria desta liña de axudas enmarcada no Plan de Banda Larga da Xunta, que complementa á actuación lanzada en 2016 para dotar de conexión a internet de ata 350 Mbps a 81 polígonos industriais

Os autónomos e empresas illadas en zonas do rural galego que estean interesados nas axudas para a dotación de banda larga ultrarrápida teñen un mes para poder realizar a súa solicitude.

O próximo 31 de xaneiro porase fin ao prazo estipulado por esta nova convocatoria, que se publicou o pasado 9 de novembro no Diario Oficial de Galicia, e que forma parte da segunda actuación posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

Os interesados poderán presentar solicitude de forma individual, e como novidade desta segunda convocatoria tamén o poderán facer en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos que se ubican en localizacións próximas.

Despois dos 500.000 € postos a disposición para as subvencións desta liña concedidas no 2017, a Amtega destina á segunda convocatoria outros 600.000 euros máis. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 € por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 €.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
 

Prazos e características da convocatoria

O prazo de solicitude, que comezou o pasado 10 de novembro, rematará o próximo 31 de xaneiro. Os interesado teñen aínda un mes por diante para presentar as súas solicitudes.

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
 

Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas

Esta medida forma parte da segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.

Deste xeito, tralo remate do mes de outubro de 2018 hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

Ademais, o Plan da Xunta conta cunha terceira actuación que se puxo en marcha neste ano 2018 e consiste en despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Con este investimento público, que subvenciona o 90% dos custos do despregamento, facilitarase o acceso a redes de máis de 100 Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, que beneficiarán a máis de 439.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño.
 

Plan de Banda Larga 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100 Mbps.

28/12/201811:29
Presentación de StorySign.
Madrid

Huawei presenta StorySign

  • Huawei colabora en España coa CNSE no apoio e difusión do proxecto StorySign para favorecer o acceso sen barreiras dos nenos xordos á lectura.

 

Huawei, líder tecnolóxico mundial, presentou en Madrid da man da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) o seu proxecto StorySign, unha aplicación que ten como obxectivo axudar aos nenos xordos a aprender a ler para que poidan gozar xunto cos seus pais da maxia dos contos.

O acto de presentación, celebrado na Casa do lector en Madrid, contou coa participación da comunicadora e actriz Pilar Rubio, embaixadora principal do proxecto StorySign en España.

O director de márketing de Huawei, Ramiro Larragan, destacou o papel que xogou o emprego de intelixencia artificial no desenvolvemento da aplicación StorySign e mostrouse confiado de que "ao crear conciencia sobre os problemas da alfabetización dos nenos xordos, conseguiremos animar a máis xente a colaborar con este proxecto que estamos a impulsar en España a través da CNSE."

A vicepresidenta da CNSE, María Jesús Serna, sinalou que "a lingua de signos ten un impacto favorable no hábito lector. Dota ás persoas xordas de máis habilidades de expresión e favorece a aprendizaxe da lingua escrita. A nosa finalidade é conseguir máis e mellores lectores xordos, e para iso, é preciso un esforzo como o que fixo Huawei ao incluír a lingua de signos como unha lingua máis nos círculos lectores".

Pola súa banda, Pilar Rubio interveu no evento explicando o seu compromiso con esta causa, que contribuíu a visibilizar a través das súas redes sociais, onde anima aos seus seguidores para subir un vídeo felicitando o Nadal en lingua de signos.

 

StorySign, unha app desenvolvida xunto á comunidade xorda

En España hai 1.064.000 persoas xordas, das cales un 7% teñen entre 6 e 15 anos.

A presenza da lingua de signos na lectura xoga un papel clave non só no seu acceso ao texto escrito, senón na súa motivación cara aos libros.

Así mesmo, permite liquidar posibles dificultades de lectoescritura e contribúe a que contos e relatos poidan transmitirse de xeración en xeración ao compartilos en familia. Un amplo sector do colectivo de persoas xordas mostra dificultades en materia de comprensión lectora.

Segundo o psicólogo e psicolingüista Marc Marschark, fundador da publicación Journal of Deaf Studies and Deaf Education, só un 10% das persoas xordas adultas conseguen ser bos lectores. Unha cuestión que se debe, en gran medida, a que os procesos que se activan nas persoas xordas durante a lectura difiren dos dos lectores oíntes. Por iso, a lingua de signos xoga un papel fundamental neste proceso.

Huawei traballou no desenvolvemento da aplicación StorySign coa Unión Europea de Xordos e as súas respectivas organizacións locais en Europa Occidental; coa editorial Penguin Random House, e con Aardman, especialistas en animación.

No caso de España, Huawei está a colaborar coa CNSE no apoio e difusión deste proxecto, que ten como obxectivo favorecer un acceso sen barreiras á lectura para os nenos xordos, e conseguir doazóns para futuros proxectos relacionados con este ámbito.

Coa axuda do divertido avatar Star e utilizando o poder da intelixencia artificial de HuaweiStorySign traduce as palabras dos contos compatibles con esta aplicación á lingua de signos, ofrecendo aos nenos unha experiencia de lectura perfecta.

Os usuarios unicamente deben colocar o seu teléfono sobre as palabras do conto e o avatar Star traducirá as palabras impresas á lingua de signos, axudando a pais e nenos a aprender a ler xuntos ao seu propio ritmo.

A app StorySign está dispoñible para todos os dispositivos Android e pódese descargar gratuitamente desde Huawei AppGallery e desde Google Play Store en 10 linguas de signos diferentes.

A App inclúe un clásico da literatura infantil por cada idioma.

En España actualmente está dispoñible o título "Onde está Anuncio"", de Eric Hill. Con este proxecto,

Huawei espera que no futuro haxa máis contos dispoñibles traducidos á lingua de signos.

Para máis información sobre StorySign e sobre como colaborar con esta iniciativa, visita a páxina we de storysign.com.

Ata finais de decembro poderanse realizar doazóns a través desta páxina web, que se destinarán ao apoio de proxectos de alfabetización de nenos xordos en toda Europa, entre os que se atopan o desenvolvemento de máis contos para StorySign.

26/12/201814:11
Moza traballando nun portátil.
Santiago de Compostela

Galicia, no quinto posto en contribución de empresas TIC ao conxunto do Estado

O Goberno central, a través do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (Ministerio de Economía e Empresa), vén de lanzar a nova edición do Informe anual do sector TIC e dos contidos (PDF)O estudo salienta polos datos positivos que guinda, tanto a nivel estatal como a nivel de comunidades. Para comezar, mostra un medre do 2,3% para o sector TIC, durante o ano 2017, o que confirma “o intre de dinamismo e espallamento” no que están mergulladas as empresas dixitais. E máis tendo en conta que esta circunstancia do crecemento é a cuarta vez consecutiva que se repite. 

Polo que se refire a Galicia, tamén hai datos. Por exemplo, que estamos no quinto posto a nivel estatal en materia de número de firmas TIC. En termos máis concretos, achegamos o 5% do total de empresas do sector, só por detrás de Madrid e Catalunya (que aportan xuntas o 54%) e Andalucía e Comunidade Valenciana (ambas o 9%). Volvendo á información estatal, hai parámetros de gran interese, como por exemplo o da creación de emprego. Neste punto, o estudo sinala que os postos de traballo xerados ascenderon o ano pasado un 5,3%, até situarse en 496.761 persoas, o que supón un incremento por quinto ano consecutivo do número de persoas empregadas. Aumenta tamén o número de empresas, que sumaron 34.004, cun crecemento do 2,5%. Polo que se refire ao investimento realizado no ano 2017, incrementouse nun 1,9%, acadando os 18.267 millóns de euros. En resumo, o sector TIC e dos contidos achega á economía española 44.497 millóns de euros, é dicir, o 4,2% do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado.

26/12/201808:16
Pantallazo da web.
Santiago de Compostela

A Xunta activa o servizo de cita previa online nas oficinas principais de rexistro

  • Os cidadáns poden reservar a través do portal da Xunta o día e hora na que realizar as súas xestións nos rexistros de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo
  • Estes rexistros concentran máis do 50% da entrada de documentación na Xunta de Galicia e están equipados para dixitalizar os documentos que os cidadáns entregan en papel

Os cidadáns xa poden reservar cita previa online nas oficinas principais de rexistro. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración e Xustiza veñen de poñer en marcha o servizo de cita previa a través de internet nos rexistros de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

A través do enlace https://www.xunta.gal/cita-previa os usuarios poden reservar de xeito sinxelo o data e a hora na que poden realizar as súas xestións. So é preciso seleccionar a oficina, o trámite, indicar o número de follas que se van dixitalizar e cubrir os datos persoais que se solicitan.

Cómpre lembrar que estes rexistros concentran máis do 50% da entrada de documentación na Xunta de Galicia e están equipados para dixitalizar os documentos que os cidadáns entregan en papel, iniciando así o expediente dixital dese procedemento, que se enviará en formato electrónico ao departamento responsable da súa xestión, reducindo tempos de espera e evitando perdas ou extravíos. Ese expediente dixital, almacénase no Arquivo Electrónico Único, onde estará accesible online dun xeito seguro e controlado polos empregados públicos como polo propio interesado.

Con este servizo búscase evitar esperas innecesarias a aquelas persoas que optan pola tramitación presencial. Cómpre lembrar o incremento da tramitación online que no primeiro semestre deste ano situouse por riba da presencial.

 

Funcionario habilitado e reformulación das Oficinas de Rexistro

Aínda que o uso dos servizos dixitais está cada vez máis estendido, as xestións online non poden supoñer unha barreira para ningún cidadán na súa relación coa administración. Por iso entre as obrigas que establecen as Leis 39 e 40 está a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de Oficinas de Atención á Cidadanía, nas que se prestará asistencia aos cidadáns nas xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital.

En liña co anterior está a figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poidan realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.

A Administración do futuro máis inmediato busca ter unha visión integral do cidadán, que estea no centro de todo o proceso e que non sexa un actor máis. Conseguilo dará resposta á demanda da sociedade de ter ao seu alcance unha administración máis transparente, proactiva e con máis e mellores servizos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS