
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a súa listaxe de ferramentas informáticas no CDTIC Virtual coa inclusión de FacturaScripts.
Esta nova solución do CDTIC Virtual (https://www.mancomun.gal/solucion-tic/facturascripts/) está deseñada para axudar aos usuarios na planificación de recursos empresariais e na administración da relación cos clientes.
Entre as funcionalidades máis destacadas desta aplicación atópanse a capacidade de engadir, segundo estamos a crear unha factura ou un albará, clientes á nosa lista, produtos ao noso catálogo e mesmo xerar asentos contables; a realización de cálculos automáticos de prezos e custos de venda; ou a capacidade de xerar orzamentos que posteriormente se poden converter en pedidos, albarás e/ou facturas. Trátase dunha ferramenta completamente accesible dende calquera dispositivo que teña un navegador web que conta tamén cun amplo catálogo de plugins e unha activa comunidade de colaboradores.
Centro Demostrador TIC Virtual
O CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.gal/cdtic-virtual), posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, constitúe un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.
Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Zabbix, unha ferramenta de software libre para seguimento de equipos e redes; Nextcloud, un servizo para compartir arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; PrestaShop, unha plataforma web de comercio electrónico (e-commerce); Alfresco, un software de xestión documental profesional; e Tenda en liña con WordPress, unha ferramenta ideal para comercios cun catálogo pequeno, unha opción moito máis eficaz e funcional que outras alternativas no mercado para este tipo de negocios.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese. Ata o momento xa o fixeron máis de 100 empresas usuarias do CDTIC Virtual.
A empresa galega SDweb, con sede en Santiago e especializada en desenvolvemento web e formación-comunicación dixital, vén de obter un importante recoñecemento pola súa plataforma eHabilis, innovador sistema para a aprendizaxe a distancia (e-learning) e a xestión de datos na nube. A distinción veu da man da Fundación Transforma España, da que forman parte a Asociación Para el Progreso de la Dirección (APD), La Caixa, Banco Santander, Grupo Cofares, Telefónica ou Adecco, entre outras organizacións. A fundación sitiou a eHabilis entre as dez mellores iniciativas tecnolóxicas especializadas na xestión do talento e do coñecemento. A orixe deste logro está na participación de eHabilis no certame Talent Summit, impulsado por Transforma España.
Este recoñecemento é especialmente significativo se temos en conta que chega nun importante intre de medre e espallamento para a empresa compostelá, que vén de inaugurar na capital galega unha factoría de software de máis de douscentos metros cadrados para afianzar o seu proxecto de crecemento e expansión a novos mercados dende Santiago.
Con case dez anos no mercado, a compañía tecnolóxica galega SDweb Solucións Dixitais está especializada en tecnoloxías TIC para impulsar a capacitación e o adestramento. Os seus ámbitos principais de actividade son, polo tanto, a innovación, a especialización, o re-investimento de beneficios e máis a orientación a produtos tecnolóxicos.
Segundo nos conta Antonio Carro, director xeral da empresa compostelá, eHabilis é unha plataforma de xestión do coñecemento corporativo na nube cun amplo espectro de aplicación. O seu principal obxectivo é “transformar o modelo tradicional de xestión do coñecemento nas organizacións, esencialmente dominado pola simple execución de plans anuais de formación, en moitas ocasións sen dispor dunha información clara e obxectiva das necesidades reais dunha organización”. A base de eHabilis, unha das súas principais razóns de ser, é mudar o devandito enfoque “cara a un modelo que permite a estas organizacións sacar o máximo partido ao coñecemento do seu equipo humano, antepondo o descubrimento e difusión do coñecemento interno á procura de coñecemento no exterior; e implementando unha estratexia lúdica de aprendizaxe grazas ao concepto de gamificaciónque incorpora en todos os seus niveis”, explica Antonio Carro.
Para Brais Martínez, responsable de Produto de eHabilis e responsable de Desenvolvemento de Negocio en SDweb, a participación no Talent Summit 2018 supuxo “un respaldo moi importante ao duro traballo realizado até a data polo equipo humano que desenvolve a plataforma eHabilis, dado que crear e difundir no mercado un produto tecnolóxico que sexa recoñecido como vangardista é realmente difícil”.
Pola súa banda Ricardo Della-casa, responsable da sede da empresa en Barcelona, pon o foco na “elevada competencia que existe na carreira por desenvolver solucións cada vez mellores e máis eficientes, onde é moi difícil manterse nas primeiras posicións de forma continuada”.
En opinión de Juan Casanova, responsable de Tecnoloxía da plataforma, “chegamos ata aquí grazas a que contamos con persoas moi cualificadas e implicadas no proxecto, que ademais están apoiadas por unha visión e investimento constante da compañía en innovar e desenvolver nova tecnoloxía”.
Varias entidades, encabezadas por HP, participarán este venres nun "streaming" solidario de 24 horas no que coñecidos "gamers" e "youtubers" participarán en distintas competicións co obxectivo de recadar fondos para transformar o á de oncoloxía pediátrica do Hospital da Paz en Madrid nunha nave espacial.
Esta acción forma parte do proxecto "A Paz en órbita", desenvolvido por Juegaterapia e que trata de facilitar as estancias hospitalarias dos máis pequenos convertendo os hospitais en mundos de cor e fantasía.
Con este obxectivo, L3TCraft organizou, coa axuda de HP, Movistar+, Twitch e ESAT-Valencia, este "streaming" solidario no que coñecidos "youtubers" como Chincheto, Tonacho, Alexelcapo, Sarinha ou Ethieen xogarán durante 24 horas a diferentes xogos.
Este evento terá lugar na casa dos Movistar Riders, no Matadoiro de Madrid, e ademais do "streaming" haberá distintos retos e música da man de Tonacho.
Os participantes poderán compartir consellos e recomendacións, e convidarán aos que estean a seguir o evento para unirse á causa facendo chegar as súas propias doazóns. Entre todos os que participantes sortearanse uns medallóns exclusivos creados para esta ocasión, e outros premios achegados polos organizadores.
Ademais, o chef Paco Roncero, cociñeiro con dúas estrelas Michelín e tres soles Repsol abrirá as cociñas para preparar un menú que lles dea forzas para as 24 horas do "streaming".
Todo cun mesmo obxectivo, axudar aos nenos para soportar as súas estancias no á de oncoloxía pediátrica do Hospital da Paz.
O impulso do I+D+i será o ano que vén un dos principais eixos de actuación da Fundación ONCE para seguir mellorando a calidade de vida das persoas con discapacidade, tal e como consta na actualización do Plan Estratéxico para o horizonte 2018-2021, aprobado este xoves nunha reunión do Padroado da Fundación ONCE.
Esta reunión do Padroado, máximo órgano de goberno da Fundación ONCE, estivo presidida por Miguel Carballeda, presidente do Grupo Social ONCE, e contou coa presenza de S.A.R. a Infanta Dna. Margarita. No encontro estiveron presentes tamén Ana Isabel Lima, secretaria de Estado de Servizos Sociais, e Jesús Celada, director xeral de Políticas de Discapacidade, a quen se nomeou novos patróns en representación do Goberno.
Durante a reunión, Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE, puxo de manifesto a importancia de que os cidadáns con discapacidade poidan utilizar as tecnoloxías. "As persoas con discapacidade non podemos quedarnos fóra desta cuarta revolución industrial que estamos a vivir, e que está baseada na expansión da tecnoloxía. Desde a Fundación ONCE somos conscientes de que campos como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía e a internet das cousas, entre outras, son unha oportunidade tanto para a integración laboral das persoas con discapacidade, como para a mellora da súa calidade de vida", manifestou.
Desde esta perspectiva, o padroado da Fundación ONCE acordou que o impulso do I+D+i producirase de forma transversal e terá sempre o obxectivo de poñer ás persoas con discapacidade no centro da innovación. Así, promoveranse estratexias de impacto que axuden a que a información sobre produtos de apoio e solucións tecnolóxicas de accesibilidade chegue de forma efectiva aos usuarios.
A Fundación ONCE estudará tamén a posta en marcha dun programa de intercambio de profesionais con outras organizacións nacionais e internacionais do ámbito da innovación, o emprendemento social e/ou a accesibilidade co ánimo de coñecer outras experiencias.
Por último, no próximo exercicio lanzarase un programa de contidos, accións e proxectos de capacitación para o emprego nas profesións dixitais dirixido a persoas con discapacidade. Este programa chega trala fase piloto da Academia Dixital, un proxecto posto en marcha pola Fundación ONCE en 2018 co obxectivo de formar en novas tecnoloxías a mozas con discapacidade e que, nesta etapa, finalizaron un total de 120 alumnos.
Juan González, investigador do Centro Tecnolóxico Gradiant (onde dirixe a área de Seguridade e Privacidade), resultou gañador a semana pasada dunha das batallas de hackers máis referenciais a nivel estatal e europeo. Estamos a falar do desafío-certame Hacker Battle, celebrado ao abeiro das XII Xornadas do Centro Criptolóxico Nacional STIC CCN-CERT-CNI. Organizado polo Equipo de Resposta ante Emerxencias Informáticas do CCN, o CERT, este evento de carácter anual estivo centrado en seguridade informática e durante os días 12 e 13 de decembro reuniu en Madrid a máis de 2.700 profesionais e expertos en ciberseguridade.
A cita foi no cinema Kinépolis de Madrid. O investigador de Gradiant (baixo o sobrenome B0rneira) enfrontouse nun duelo en directo a Bruno Chenoll (Camos) onde ambos tiñan que ir superando diferentes retos de protección tecnolóxico-dixital nun tempo determinado. Despois dos 25 minutos estipulados que marcaba a proba (máis unha prórroga concedida polo público de 10 minutos adicionais), ningún dos dous adversarios conseguiu finalizar todas as probas. Malia todo, o investigador de Gradiant foi quen chegou máis lonxe, polo que se proclamou vencedor.
Para chegar a esta fase final, os participantes tiveron que demostrar a súa capacitación e adestramento nas Atenea Xornadas, plataforma de retos de seguridade creada en exclusiva para o evento. Nela, os participantes enfrontáronse desde o 30 de novembro até o 3 de decembro a 20 probas de distinta dificultade e temática, como o cifrado de información, e esteganografía forense, a análise de tráfico ou o reversing. Foi Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade da CNN-CERT, o encargado de facer a entrega do premio Atenea ao investigador galego, agradecendo a participación dos máis de 5.000 participantes de Atenea 2018.