main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/12/201808:02
Sinatura do convenio.
A Coruña

R, a UDC e a UVigo xuntan forzas para crear unha cátedra en ciberseguridade

Un escenario de investigación e divulgación dende onde dar relevantes pasos en materia de protección en liña. Este sería un dos obxectivos da iniciativa conxunta presentada onte pola operadora galega R e máis as universidades de Coruña e Vigo: a Cátedra R en Ciberseguridade. O proxecto, que foi dado a coñecer polos reitores Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo), e por Alfredo Ramos, director xeral de R, basea boa parte do seu fundamento en tres razóns de peso: temos unha puxante comunidade de investigadores universitarios que son expertos en metodoloxías para facer máis seguras as comunicacións, temos unha compañía que é referente en comunicacións de vangarda (R) e, en terceiro lugar, temos un ámbito, o da ciberseguridade, que é unha gran porta da entrada profesional para os nosos estudantes. 

A cátedra, que sería a primeira interuniversitaria existente en Galicia quere promover “o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. Nun plano máis concreto, Abalde, Reigosa e Ramos lembraron que o seu fin último é “adaptar ese coñecemento ás necesidades das empresas, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”. O reitor da Universidade da Coruña resaltou a importancia da protección das tecnoloxías e as comunicacións na sociedade actual e futura.: “A conectividade a través de Internet e a utilización das redes sociais fai que sexa máis necesario que nunca dispor de coñecemento e recursos humanos que permitan facer fronte aos problemas que a nova situación provoca”. 

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo salientou que “para a nosa institución, que leva anos traballando no ámbito da ciberseguridade, é moi importante participar nesta Cátedra, que ademais reforza a nosa colaboración coa Universidade da Coruña, coa que compartimos docencia e investigación neste mestrado”. Reigosa tamén puxo o foco no “aumento de ciberataques” destes últimos tempos, e de como este fenómeno “precisa da incorporación de profesionais expertos en protección”. Alfredo Ramos fixo fincapé na relevancia do acordo entre as tres partes, que “marca un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abre un vieiro que propiciará a aplicación práctica na sociedade de todo o coñecemento sobre seguridade informática”. 

A Cátedra, segundo fixeron saber, vai ter unha manchea de liñas de actuación, entre as que cómpre destacar as que citamos deseguido: 

  • Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
  • Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas Universidades)
  • Creación de espazos para a difusión e o debate sobre ciberseguridade 
  • Capacitación en competencias relacionadas coa protección en liña tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas. 

Amais, no eido da formación e a difusión está programado cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica...etc.

Por outra banda, no plano da I+D, impulsaranse liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, estatal e europeo; apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades. Unha comisión de seguimento encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio.

19/12/201807:52
Presentación dos hubs de innovación dixital.
Santiago de Compostela

O DOG recolle as bases para a selección de proxectos de Hubs de innovación dixital

A Xunta dá un novo paso para fortalecer o sistema de I+D+i de Galicia coa publicación no Diario Oficial de Galicia da primeira edición para impulsar a creación de Hubs de innovación dixital, converténdose na primeira Administración española en realizar unha convocatoria específica para poñer en marcha esta nova iniciativa.

Os Hubs de innovación dixital son unha nova ferramenta contemplada na Iniciativa Europea de Dixitalización Industrial para lograr que a innovación dixital poida ás empresas. Permitirán aliñar, de xeito eficiente, o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados facilitando, á súa vez, que a industria e as pemes poidan incorporar e integrar na súa estratexia de negocio diferentes servizos de innovación e tecnoloxías. No caso do modelo galego de Hubs, as bases da convocatoria (de concorrencia competitiva) contemplan como requisitos mínimos que as agrupacións que os promovan conten cunha entidade representante da oferta, outra da demanda e outra da transferencia e que algunha empresa tractora forme parte desta alianza.

A iniciativa que se presente deberá estar orientada, como mínimo, a dúas cadeas de valor para Galicia no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e cubrir a I+D de tecnoloxías de tipo disruptivo cun importante potencial para a industria galega. Ademais, aínda que o seu ámbito de actuación será rexional, búscase a súa operatividade nun contexto interrexional de cooperación e que o traballo desenvolvido teña impacto, por tanto, na rede europea de hubs, coa finalidade de que a economía galega poida gañar tamaño e presenza na contorna europea. As solicitudes poderán presentarse por calquera das entidades promotoras do Hub, desde hoxe e ata o 1 de febreiro.

A valoración realizarase en base a criterios relacionados coa visión estratéxica, a proposta operativa e a capacidade técnica tendo sempre presente a súa contribución no avance da RIS3. A selección dun proxecto de Hub resultante desta convocatoria suporá o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico, que será o requisito necesario para o acceso aos instrumentos de apoio público que se porán en marcha e que se concretan, en 2019, no acceso á capacitación e financiamento das actuacións necesarias para a súa posta en marcha a través da sinatura de convenios; e a partir de 2020 con financiamento á súa actividade, xa sexa a través de proxectos de I+D+i, servizos para PEME ou infraestruturas. O seu acceso estará sempre condicionado ao cumprimento de requisitos específicos xa que o obxectivo é crear modelos de negocio sostibles. 

Coa posta en marcha desta nova ferramenta, para a que Europa reserva 300 millóns de euros no período 2018-2020, Galicia agarda dar un paso máis na súa transformación dixital e posicionarse nunha situación de vantaxe competitiva no mercado global da economía do coñecemento. A Comunidade gañará en competitividade, creará emprego cualificado e incrementará o peso da actividade industrial sobre o PIB galego, a través deste modelo colaborativo aberto, e participativo, no que as empresas terán un papel protagonista.

Hai que salientar que para o período 2021-2027, Europa contará cun programa específico para financiar todo o que ten que ver co eido dixital, Digital Europe, dotado con preto de 9.200 millóns de euros. As alianzas creadas en torno aos Hubs posibilitarán que o coñecemento dea resposta ás necesidades do tecido produtivo. Este será o que marque os retos e o sistema de innovación dará as respostas e solucións para incorporar as novas tecnoloxías nas estratexias das PEME. Así, cada participante poderá extraer beneficios específicos: maior competitividade para a o tecido industrial grazas a novas tecnoloxías adaptadas ás súas necesidades; oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos que desenvolvan os novos produtos; e oportunidades de valorización do coñecemento xerado nos centros tecnolóxicos e de I+D+i.

As bases definíronse tras as oito manifestacións de interese recibidas no anuncio realizado no mes de agosto con propostas lideradas pola Asociación para o Fomento da Investigación Cerámica en Galicia (AFICEGA), Asociación Clúster Naval Galego (ACLUNAGA), Fundación Clúster Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), Clúster TIC Galicia, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Clúster Saúde Galicia (CSG).

18/12/201813:57
Fernando Suárez.
Santiago de Compostela

O presidente do CPEIG achéganos ás claves da protección de datos nun curso da EGAP

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, vai achegar o seu coñecemento aos participantes no curso monográfico Protección de datos e ciberseguridade, que vén da man da Escola Galega de Administración Pública. E faino este 19 de decembro, compartindo co público asistentes novos conceptos e recursos de valor sobre datos persoais e protección en liña. O curso desenvólvese hoxe e mañá na sede da EGAP en Compostela. Fernando Suárez é o encargado da dirección académica da actividade formativa. 

O obradoiro ten como obxecto principal afondar na normativa relacionada coa protección de datos de carácter persoal e a ciberseguridade desde un punto de vista teórico-práctico, “sinalando as novidades existentes e dando conta dos puntos máis esenciais e característicos da súa aplicación na Administración Pública e, en particular, no ámbito do sistema universitario”. En última instancia, búscase botar luz sobre o funcionamento e aplicación da normativa, dando resposta aos posibles conflitos e dúbidas que poidan xurdir do seu seguimento.

A xornada de mañá mércores comezará ás 9:30 horas coa intervención do delegado de Protección de datos da USC, José Luis Fernández. Ás 11:00 horas celebrarase a conferencia do delegado de Protección de datos do Sergas, Jorge Prado. E finalmente, Fernando Suárez pechará o curso, ás 13:00 horas, co seu relatorio titulado Ciberseguridade e protección de datos de carácter persoal, onde explicará o termo transformación dixital, a importancia da seguridade da información e as normativas de aplicación. 

O presidente, ao fío da súa intervención no curso, avánzanos que a seguridade da información “é cousa de todas e todas”, non é unicamente responsabilidade das unidades tecnolóxicas nin da dirección das organizacións, senón que todo o persoal debe estar “implicado, concienciado e formado” xa que a persoa usuaria, aínda que é a peza máis feble da cadea, pode aplicar medidas de protección para manter a información que manexa ordenada, actualizada e segura. E engade: “A seguridade da información é o conxunto de medidas preventivas e reactivas das organizacións e dos sistemas tecnolóxicos que permiten resgardar e protexer a información buscando manter a confidencialidade, dispoñibilidade, integridade, autenticidade e rastrexabilidade dos datos almacenados ou transmitidos e dos servizos que os sistemas ou redes de información ofrecen”.

Ademais, Fernando Suárez falará dos aspectos máis destacados nunha xestión do risco para identificar as posibles ameazas á información, a probabilidade de que sucedan e o impacto da materialización da ameaza, “sempre usando medidas de seguridade proporcionais aos riscos dos sistemas de información”. Segundo fai saber, “ninguén queda a salvo dos ataques informáticos, polo que é preciso protexerse xa que as consecuencias poden ser catastróficas para a organización”.

18/12/201809:35
App Hacesfalta.
Madrid

Atopa o voluntariado que máis te necesita con "Hacesfalta"

En que podo axudar? En ocasións ocorre que as persoas solidarias non saben onde dirixir o seu tempo e esforzo no mundo do voluntariado. Pero todas as persoas teñen algunha calidade útil para os demais, xa sexa unha habilidade persoal, social, ou profesional. E iso é suficiente para empezar a axudar.

Por iso a Fundación Hazloposible ofrece aos cidadáns a App Hacesfalta, coa que poderán descubrir o tipo de actividade perfecta para cada persoa. Porque se pode axudar de moitas formas, e seguro que nesta app atopan a que mellor encaixe con elas.

En Hacesfalta.org as ONG que necesitan apoio voluntario publican cada ano máis de 7.000 ofertas e a elas apúntanse anualmente máis de 64.000 cidadáns dispostos a colaborar.

En Hacesfalta.org a comunidade de persoas solidarias crece cada ano, chegando a día de hoxe a contar con máis de 850.000 persoas dispostas a colaborar por medio do voluntariado.

As opcións de voluntariado e as formas de colaboración cambian cada día, motivadas en moitos casos polos cambios sociais e tamén tecnolóxicos.

E se hai unha xeración que se proclama comprometida, sen deixar atrás a outras, é a millennial: unha xeración dixital, hiperconectada e con alto compromiso social e valores éticos.

Os mozos millennials son persoas nadas nun mundo dixital, afeitas acceder a contidos desde calquera lugar ou dispositivo e usuarios de apps. Pero ademais esta xeración caracterízase polo seu sentido crítico, o seu compromiso social e o modo colaborativo de entender a súa achega social.

Nesta xeración por suposto hai persoas de todo tipo pero se algo as identifica é a conciencia colectiva sobre os problemas sociais mundiais e unha actitude proactiva que os fai participes do cambio.

Por iso Hazloposible pon a disposición de millennials, e non millenials, unha app que reúne moitas das súas necesidades: un lugar onde atopar onde e como colaborar, accesible desde calquera lugar e dispositivo, con opinións e valoracións de usuarios que fomentan a transparencia das organizacións, a posibilidade de colaborar e propoñer iniciativas solidarias... pero o máis importante, un espazo onde atopar o voluntariado que máis se axusta ás súas características e preferencias persoais.

Hacesfalta.org xa conta con preto de 300.000 mozos dispostos a colaborar e grazas a esta App seguro que moitos máis decidirán sumar o seu tempo para xerar impacto a través do voluntariado.

Ademais Hacesfalta.org ofrece a posibilidade de facer voluntariado virtual con moitas organizacións, que buscan un apoio voluntario en labores que poden realizar desde a súa casa ou desde o seu lugar de vacacións.

A campaña "Se queres, poden" conta co apoio de Atresmedia.

Vídeo da campaña "Se queres, poden".

18/12/201808:06
Sinatura do convenio.
Carballo

O centro de emprendemento TIC de Carballo terá capacidade para 18 proxectos

A Deputación da Coruña, como avanzamos os días pasados, vai impulsar en Carballo un espazo de traballo cooperativo centrado nas tecnoloxías da información: un innovador centro de coworking que sexa un referente de servizos, ferramentas TIC e novos contidos dixitais. A semana pasada soubemos máis detalles sobre a iniciativa. O motivo? A sinatura do acordo entre as dúas entidades (Deputación e Concello) para facer realidade o proxecto, inserido na Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo da Deputación, da que tamén forman parte Oleiros, Brión e Boiro. 

Na formalización do convenio participaron o presidente da entidade provincial, Valentín González, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Segundo fixeron saber, o proxecto suporá un investimento de 93.750 euros, dos que o 80% (75.000 euros) serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende). Con estes fondos, sinalou o titular do Goberno provincial, adaptarase un espazo de preto de 160 metros cadrados dispoñible no complexo do Fórum Carballo con capacidade para acoller ata 18 novos proxectos empresariais, cuxa actividade de negocio estará vencellada co sector tecnolóxico ou da innovación. Como dixemos, o centro terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademais de contar con espazos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a. A maiores, o espazo de traballo colaborativo utilizará as infraestruturas do Fórum Carballo que sexan necesarias para desenvolver as súas actividades (salas de formación, auditorio, salas de reunións, despachos...). Nesta primeira fase levaranse a cabo accións de adecuación das instalacións do Fórum para acoller o centro (sistemas de filtro de luz natural para as fiestras, dotación de mobiliario de oficina, habilitación da zona de recepción e despacho do técnico de dinamización), contratación do persoal encargado da xestión do centro e elaboración do regulamento de funcionamento do centro. Nunha segunda fase levarase a cabo o proceso de capacitación e selección dos usuarios do centro, a implantación da imaxe corporativa e accións de promoción e difusión. Na última, o equipo técnico analizará as necesidades específicas dos proxectos empresariais implantados e desenvolverá un programa formativo e traballos de mentoring para a consolidación e desenvolvemento dos proxectos empresariais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS