main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/12/201809:07
Fernando Suárez.
Santiago de Compostela

O CPEIG fórmanos en datos persoais nun curso da EGAP

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, vai participar no curso monográfico Protección de datos e ciberseguridade, que vén da man da Escola Galega de Administración Pública. E farao o mércores 19, nun relatorio, achegando novos conceptos e recursos de valor sobre datos persoais e protección en liña. O curso desenvolverase os días 18 e 19 de decembro na sede da EGAP en Compostela. Fernando Suárez, ademais, será o encargado da dirección académica da actividade formativa. 

O obradoiro ten como obxecto principal afondar na normativa relacionada coa protección de datos de carácter persoal e a ciberseguridade desde un punto de vista teórico-práctico, “sinalando as novidades existentes e dando conta dos puntos máis esenciais e característicos da súa aplicación na Administración Pública e, en particular, no ámbito do sistema universitario”. En última instancia, búscase botar luz sobre o funcionamento e aplicación da normativa, dando resposta aos posibles conflitos e dúbidas que poidan xurdir do seu seguimento.

17/12/201809:05
Uns nenos con discapacidade visual utilizan unha pantalla interactiva.
Madrid

A ONCE celebra o seu 80 aniversario como un referente mundial da discapacidade

  • En España, cando alguén pensa en "Discapacidade" deseguido vén á mente a ONCE, unha institución que naceu hai 80 anos nos que cambiou a vida de millóns de persoas con discapacidade.

 

Este xoves, coincidindo coa festividade de Santa Lucía, a ONCE celebra os seus 80 anos de historia nos que se converteu nun referente a nivel mundial para as persoas con discapacidade.

Un período no que a organización axudou a mellorar a calidade de vida de millóns de persoas con discapacidade, que se viron acompañadas por esta institución que aos poucos logrou impulsar a integración de todas estas persoas na sociedade.

Neste proceso de integración e inclusión das persoas con discapacidade, en especial das persoas con discapacidade visual, a tecnoloxía xogou, e cada vez faino con maior intensidade, un papel fundamental.

O presidente da ONCE, Miguel Carballeda, afirmaba este mesmo xoves en RNE que para todo o mundo, pero en especial para as persoas con discapacidade, a tecnoloxía "cambiounos a vida totalmente".

"Se para todos é importante (a tecnoloxía), imaxinádevos para as persoas con discapacidade", aseverou Carballeda, quen subliñou a importancia de que a accesibilidade universal pase a ser unha parte fundamental do proceso de creación e construción de calquera produto ou servizo.

"Creo que é importante que todos, de saída, cando cremos algo, cando construamos algo, o fagamos pensando en todas as persoas", sinalou o presidente da ONCE en RNE, xa que asegura que iso é "máis xusto, máis solidario e axúdanos a vivir mellor a todos".

Para celebrar este 80 aniversario, a ONCE aproveitou as redes sociais, onde foi "trending topic", coa publicación duns vídeos nos que repasa a traxectoria da organización desde a súa creación en 1938.

Ademais, utilizou o seu produto máis característico, os cupóns, para festexar estes aniversarios coa edición de 5,5 millóns de cupóns que mostran o labor social da institución.

17/12/201808:47
Participantes da Festa do Nadal.
Lugo

A Deputación de Lugo impulsará a formación TIC para os maiores a través do Servizo de Audiovisuais

A Deputación de Lugo está a blindar a súa política tecnolóxico-social en relación cos maiores da provincia, unha liña de traballo até o de agora despregada pola Fundación TIC. Así o fixo saber o presidente da entidade provincial, Darío Campos Conde, durante o transcurso da Festa do Nadal celebrada na cidade de Lugo, onde tamén concorreu a alcaldesa Lara Méndez. En termos máis concretos, o titular da Deputación referendou e ratificou o compromiso cos maiores do Goberno que dirixe, un compromiso que se materializará en programas para o uso das novas tecnoloxías a través do novo Servizo de Audiovisuais

Esta iniciativa porase en marcha co ano novo, substituíndo o labor da Fundación TIC, en proceso de disolución. “Potenciaremos de maneira sensible esta actividade para achegala aos 67 concellos da provincia”, dixo. Campos Conde fixo este anuncio durante a Festa de Nadal, coa que rematou a encomenda da Deputación á Fundación TIC para xestionar esta actividade. Campos e Méndez compartiron a xornada cos usuarios do InLugo, na que puideron levar a cabo diferentes accións colectivas de lecer, como xogar aos bolos coa X-Box, cantar panxoliñas coa axuda de YouTube ou fotografase en diversas localizacións grazas ao croma. Ademais, levaron un recordatorio especial: unha imaxe de grupo na que pousaron todos os participantes na xornada xunto co presidente e a alcaldesa. Darío Campos engadiu que “a integración da Fundación TIC na Deputación implica un proceso administrativo complexo que vai supoñer unha parada nesta actividade, aínda que agardamos retomala durante o primeiro trimestre de 2019, incluso incrementándoa. Tomamos esta decisión porque cremos firmemente na utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida de todos os veciños da provincia, e moi especialmente dos máis maiores. En pleno século XXI son tan importantes as comunicacións por estrada como a comunicación a través das novas tecnoloxías”.

20.000 solicitudes desde 2013
Desde a súa creación en 2013, os cursos e obradoiros para maiores rexistraron arredor de 20.000 solicitudes, “unha demanda que foi medrando de maneira considerable de ano en ano”. Segundo fixo saber Campos, isto reflíctese en datos como o feito de que no último trimestre de 2018 houbese máis solicitudes ca en todo 2015. “Nas enquisas de satisfacción que se fixeron desde a primeira tempada, a práctica totalidade dos usuarios amosou o seu desexo de repetir os cursos”, sinalou. Para dar resposta a esta demanda completouse a programación con talleres de reforzo. O titular da Deputación tamén lembrou que dende 2016 duplicouse o número das actividades formativas máis solicitadas, que son as relativas ao uso básico do móbil e tableta ou de iniciación á Internet, así como os obradoiros de memoria e de estimulación cognitiva e funcional.

Seis anos cos maiores da provincia
O InLugo xurdiu en 2013 ao abeiro do programa InnovaTe, co-financiado nun 80% con fondos europeos e nun 20 % cos da Deputación. Unha vez rematado en marzo de 2015, a institución provincial asumiu o Plan con fondos propios a través dunha encomenda pola que a actividade pasou a ser xestionada pola Fundación TIC ata este 15 de decembro. Coa disolución da Fundación o 31 de decembro de 2018, a Deputación asumirá directamente esta actividade a través do novo Servizo de Audiovisuais.

17/12/201808:38
Cartel dos premios.
Santiago de Compostela

O Clúster TIC e Laconnetwork convocan a segunda edición dos Premios TIC Galicia

O noso Clúster TIC vén de convocar a segunda edición dos Premios TIC Galicia, dirixidos a salientar e visualizar o traballo ben feito do noso empresariado, das nosas institucións e das nosas asociacións en materia de desenvolvemento e espallamento de novas tecnoloxías da información. Haberá nove categorías e o prazo para presentar candidaturas ás mesmas ficará aberto até o 20 de xaneiro. Trala organización do certame, achegando a súa colaboración, atópase tamén Laconnetwork.

As nove categorías son: Mellor Startup (adicada a aquelas empresas galegas con menos de dous anos de traxectoria); Mellor Desenvolvemento de Software Libre (que pon o foco naquelas compañías que desenvolveran a mellor solución de programación baixo esta licenza); Mellor Campaña de Marketing Dixital (que recoñece aquelas accións de mercadotecnia dixital que foran lideradas por empresas de medios dixitais galegas); Mellor Empresa Tractora (pensado para aquelas compañías que apostan e confían nas startupsgalegas contratando os seus produtos e servizos); Mellor Iniciativa TIC (que busca aquelas asociacións, institucións e organizacións que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e emprendedores); Mellor Innovación (I+D+i) (que distinguirá aqueles organismos, fundacións e asociacións que realizasen os mellores investimentos en innovación en 2018); por último Mellor Internacionalización (que premiará a aquelas empresas galegas que presenten o mellor plan de internacionalización en 2018). 

Ao abeiro das nove modalidades devanditas tamén se inclúen dúas mencións de honra para mostrar o importante labor daquelas persoas e empresas que presenten unha especial implicación co sector TIC galego. Estas son o Premio Lacón Evanxelizador, que se outorgará ás persoas que se impliquen de maneira específica e constante na difusión do sector TIC autonómico e que organizaron con éxito algún dos encontros mensuais Laconnetwork; e o Premio Traxectoria, que recoñece ás persoas que, de maneira recorrente e constante, se impliquen nas TIC galegas. As persoas interesadas en inscribirse deben facelo na páxina web de Laconnetwork até o 20 de xaneiro de 2019. Este será o único método válido para presentar unha proposta aos premios TIC Galicia 2018. 

Todas as candidaturas recibidas até o 20 de xaneiro de 2019 serán avaliadas por un comité de especialistas do sector que terá voz e voto para seleccionar os finalistas. Unha vez pechada a fase de pre-selección, os finalistas elixidos das categorías Mellor Startup, Mellor Desenvolvemento de Software Libre, Mellor Campaña de Marketing Dixital, Mellor Innovación (I+D+i) e Mención especial – Premio Lacon Evanxelizador; serán feitos públicos e procederase a unha votación popular online que terá un peso do 50% sobre o resultado final, o outro 50% será a valoración do comité de especialistas. As categorías Mellor Iniciativa TIC, Mellor Empresa Tractora, Mellor Internacionalización e a Mención Especial – Premio Traxectoria outorgaranse directamente polo comité de especialistas. 

A gala de entrega dos premios TIC Galicia terá lugar no evento anual Laconnetwork 2019.

17/12/201808:08
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O plan de promoción do talento dixital desenvolverá máis dunha trintena de actuacións en 2019

  • DigiTalent porá en marcha novas iniciativas para reforzar a imaxe dos profesionais vinculados ás TI, dinámicas de inmersión tecnolóxica e eventos para potenciar o talento en torno ás novas tendencias dixitais
  • En xaneiro comezarán a impartirse os talleres GenTech para achegar proxectos TIC a estudantes de bacharelato
  • En febreiro abrirase o prazo para inscribirse no Programa Tecnólogo por un día, que recibiu máis dun cento de solicitudes na primeira edición
  • O plan, impulsado pola Amtega en colaboración co ecosistema dixital, abrangue todo o rango de idades para reducir a fenda entre a demanda e a oferta de perfís profesionais dixitais

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, estreará tres iniciativas en 2019 con accións divulgativas para reforzar a imaxe dos profesionais vinculados ás TIC, dinámicas de inmersión tecnolóxica e eventos para potenciar o talento en torno ás novas tendencias dixitais. En total o Plan sumará ata 33 actuacións, das cales 12 son lideradas integramente por empresas.

Entre as novidades de 2019 está a iniciativa do Grupo Kiom a través das súas empresas Sivsa e Coremain que organizará talleres de ideas combinados con demos e actividades lúdicas nas súas instalacións, que permitirán a estudantes de 7-16 anos achegarse a proxectos relacionados con ámbitos como o sanitario, o coche conectado ou os drons.

Televés porá en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa, coa que visitará distintos centros educativos galegos para que alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato se familiaricen coas novas tecnoloxías, que se complementará con visitas á fábrica.

Ademais, o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology organizará no mes de febreiro o Hackaton Big Data & Analytics, en colaboración coa Amtega e Meteogalicia. Un evento orientado a unir a un equipo de analistas, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas enAnalytics & Big Data que competirán durante dous días co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto que se lanzará en xaneiro. O CEIN tamén ofrece asesoramento especializado a titulados universitarios a través do seu programa“Observatorio Tecnolóxico DXC”, desenvolvido conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela.
 

Espertar as vocacións TIC desde idades temperás

Tras o éxito do programa Tecnólogo por un día, con máis dun cento de solicitudes, en febreiro do vindeiro ano abrirase o prazo para que estudantes de 12-17 anos poidan inscribirse na segunda edición deste programa e experimentar en primeira persoa un día de traballo no marco das profesións dixitais.

En decembro completáronse as prazas da primeira edición da iniciativa GenTech, impulsada por Altia, que levará a partir de xaneiro unha serie de talleres aos centros educativos nos que se presentarán proxectos de base tecnolóxica para dar a coñecer as profesións dixitais a estudantes de bacharelato.

Tamén a partir de xaneiro Iecisa desenvolverá DixiXogo, unha serie de actividades e talleres lúdico-formativos nas que os nenos e nenas de 6-14 anos adquirirán habilidades dixitais a través do xogo, e os centros educativos poderán inscribirse en DXC Codes, a fase local dunha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch, organizada por DXC Technology e dirixida a nenos e nenas de toda Galicia de entre 10-14 anos.
 

Desenvolvemento do talento dixital en Galicia

DigiTalent é un plan integral que combina distintas medidas para todo o ciclo vital: a infancia, con medidas para impulsar as vocacións STEM; a xuventude, con actuacións para facilitar a adaptación aos novos perfís dixitais; e a madurez, facilitando a perfís directivos formación, sensiblización e iniciativas para impulsar o emprendemento e a xeración de ideas innovadoras.

O Plan formúlase como unha iniciativa aberta con achegas da propia Administración autonómica e dos axentes do ecosistema dixital, entre os que están as empresas que en 2013 se adheriron ao Pacto Dixital da Xunta para impulsar o crecemento tecnolóxico da Comunidade.

O catálogo de actuacións DigiTalent arrincaba a principios deste curso coincidindo co lanzamento do espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent no que se poden consultar os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas. No seu conxunto, agrega xa un total de 33 iniciativas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS