main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/12/201820:10
Presentación da app.
Santiago de Compostela

A Mesa lanza unha app para salientar os negocios lingüisticamente responsables co galego

Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe unha aplicación informática para facilitar, coa axuda dos móbiles, a localización dos negocios que usen ou promovan a nosa lingua: lingüísticamente responsables e comprometidos. A ferramenta foi dada a coñecer polo presidente da entidade, Marcos Maceira, acompañado da directora de Abertos ao galego, Celia Armas, e mailo deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra, Xosé Leal. Segundo avanzaron, trátase dun recurso tecnolóxico que “quere pór en valor a presenza da nosa lingua nos establecementos comerciais e de servizos”, e que está dispoñible (de balde) para dispositivos con Android ou iOS. 

Na presentación tamén fixeron fincapé na sinxeleza da ferramenta, “moi intuitiva” e doada de usar no seu cometido de localizar (no mapa ou en modo busca) os negocios que empregan o galego. Ademais, a app filtra procuras tanto por nome como por categorías, permitindo ás usuarias e usuarios puntuar (do 1 ao 5) o uso que se fai da lingua galega na atención oral, escrita e virtual de estabelecementos e comercios. Tamén se poden facer comentarios adicionais, “para ampliar a precisión da valoración”, informaron Maceira, Armas e Leal, engadindo que a aplicación é unha ferramenta en desenvolvemento que se irá mellorando co uso da cidadanía: “Fica aberta a novas incorporacións, que se poden cursar a través dun sinxelo formulario dixital”.

Segundo fixo saber Maceira nun plano máis concreto, a nova app xorde co obxectivo de que o público valore e priorice o consumo e uso de servizos proporcionados en estabelecementos lingüisticamente responsables.

A aplicación móbil forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego, até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego, en palabras da Mesa, “acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosando á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos”.

17/12/201814:46
Mapa "Delegados Me @dministro 2.0".
Madrid

Comeza a formación online dos "Delegados Me @dministro 2.0"

  • A Federación Nacional ASPAYM e a Fundación Vodafone España impulsan o proxecto "Me @dministro 2.0" que ten como obxectivo a promoción da autonomía persoal e a diminución da fenda dixital a través do apoio e a formación en NNTT.
  • Nesta edición, formaranse a un total de 11 delegados de 7 entidades ASPAYM

 

Federación Nacional ASPAYM (Asociación de persoas con lesión medular e outras discapacidades físicas) e a Fundación Vodafone España están a levar a cabo o plan de formación denominado "Me @dministro 2.0: a e-Administración para a inserción laboral".

Igual que sucedeu en "Me @dministro", creouse unha rede de formadores, chamados "Delegados Me @dministro 2.0", que expandirán os coñecementos adquiridos na formación online que comeza hoxe, luns 17 de decembro, e que será impartida por unha persoa con discapacidade, denominada como "Delegado Experto".

Para esta edición, contamos coa participación de sete entidades ASPAYM (Castela e León, Córdoba, Comunidade Valenciana, Cuenca, Granada, Principado de Asturias e Toledo), nas que se formará a un total de 11 "Delegados Me @dministro 2.0".

Esta formación online realizarase a través dunha plataforma web creada para o proxecto (http://formacion.meadministro.aspaym.org/), terá unha duración aproximada de 13 horas con contidos teóricos e prácticos mediante o apoio de guías e material multimedia, e outorgarase un certificado de aproveitamento para os "Delegados Me @dministro 2.0" expedido pola Fundación Vodafone España.

Durante este período de aprendizaxe, que terminará a finais do mes de xaneiro, traballarase sobre dous grandes bloques temáticos, identidade dixital e sistemas de identificación electrónica e servizos electrónicos e produtos de apoio, co obxectivo de capacitar aos "Delegados Me @dministro 2.0" cos coñecementos suficientes para que eles, posteriormente, poidan ensinar aos "usuarios finais" mediante a realización de cursos presenciais.

Este proxecto encádrase no convenio marco asinado entre a Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos (PREDIF) e a Fundación Vodafone España, para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral, que teñan como obxectivo mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade física e orgánica.

17/12/201814:38
Instalacións de Coren.
Ourense

As empresas preseleccionadas para o reto presentado por Coren en Galicia Open Future coñecen o funcionamento da compañía

  • Durante tres días estudarán de preto a proposta da cooperativa ourensá no marco da aceleradora impulsada pola Xunta en colaboración con Telefónica
  • Despois de Pescanova e Finsa, trátase da terceira gran empresa que lanza unha proposta a emprendedores, startups e pemes
  • Os participantes deben propor solucións no ámbito da dixitalización e optimización dos procesos na área porcina de Coren
  • A iniciativa forma parte de StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras a través da cal a Administración autonómica apoiou nos últimos cinco anos preto de 900 proxectos de emprendemento, que contribúen ao desenvolvemento dunha industria innovadora e competitiva

 

Representantes de empresas, centros tecnolóxicos e universidades responsables de sete propostas presentadas para a proposta de Coren dentro da última convocatoria da aceleradora Galicia Open Future terán oportunidade de coñecer en profundidade durante tres días a cooperativa galega e as particularidades do reto que expón.

As empresas e entidades que participan son Agropecuaria Girona; o centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Merasys, de Vigo; a alianza entre Torusware e a startup Biostatech, de Santiago e A Coruña; o proxecto emprendedor Smart Pig, de Santiago de Compostela; a Universidade de Lleida; e a startup Ymaging, de Barcelona. Hoxe estiveron acompañadas polo director do Igape, Juan Cividanes, e representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Despois de Pescanova e Finsa, Coren é a terceira gran empresa galega que, dentro de Galicia Open Future, lanza un reto dirixido a emprendedores, startups, pemes e organismos de investigación de todo o mundo. A solución que busca a compañía do sector agroalimentario enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina. En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e identificación do porco, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado.

O obxectivo desta convocatoria é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado do porco, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada animal. A consecución destes obxectivos permitirá a Coren obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo.

Galicia Open Future, impulsada pola Xunta en colaboración con Telefónica, forma parte de StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras a través da cal a Administración autonómica apoiou nos últimos cinco anos preto de 900 proxectos de emprendemento, que contribúen ao desenvolvemento dunha industria innovadora e competitiva.

17/12/201813:55
Presentación de Coruña Dixital.
A Coruña

Coruña Dixital chega á súa terceira edición

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, deu a coñecer esta mañá as novidades do programa Coruña Dixital, que comeza unha terceira edición de actividades co obxectivo de «activar novas comunidades e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade que traballan en torno a novas prácticas culturais, creativas e sociais que se producen pola influencia do desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías».

Esta rede contará nos primeiros meses «cun espazo propio con programación regular e outras actividades no Centro Ágora» que funcionará de referencia para continuar coa divulgación e o apoio á comunidade dixital local. «Alí compartirá sinerxías cunha iniciativa apoiada polo Goberno local como é a oficina de cooperación audiovisual, unha aposta do Concello coa Academia Galega do Audiovisual, proxectos arredor das novas tecnoloxías e a reflexión audiovisual que converxen no Centro Ágora», avanzou Sande, que incidiu tamén en que este espazo favorecerá a conexión entre as persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento de proxectos innovadores. Co inicio desta terceira edición de Coruña Dixital coincide tamén a activación da programación do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) para este ano, que comeza mañá co encontro ​Que hai en Internet? no que participan o tuitero coruñés El Hematocrítico e o responsable de proxectos audiovisuais de Zemos98, Felipe G. Gil.

Tal e como indicou o responsable municipal, que compareceu acompañado do coordinador da iniciativa, Sergio Lago, e do xerente da empresa adxudicataria, Diego Parajó, Coruña Dixital é unha proposta que permite vincular moitas das iniciativas que, nese eido, se desenvolven na cidade e que «cadraba moi ben con outras formulacións realizadas dende outras áreas do Goberno local como o Co-Lab e que permitía activar novas comunidades e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade con axentes, procesos e experiencias inspiradoras». Neste sentido, Lago indicou que a maneira de colaborar e participar, que ata o momento se realizaba a través de encontros e talleres, vai cambiar este ano, ao dispoñer dun espazo permanente de traballo, o que permite abordar cuestións nas que profundar durante varios meses e en diferentes grupos como son as novas narrativas dixitais na rede, o videomapping, gamificación e a aplicación da realidade aumentada en moitos aspectos culturais.

«Nos primeiros dous anos estivemos traballando en liñas como o movemento de software libre, no que mesmo se creou un novo grupo, CoruñaHacks, novas aplicacións de uso social ou no movemento maker, no que a asociación BricoLabs conseguiu un espazo permanente na Domus», lembrou. O relanzamento dos grupos de traballo e as novidades na programación daranse a coñecer a través da páxina web da iniciativa.

17/12/201812:07
Pedro Duque.
Madrid

Un programa busca impulsar a innovación de pemes e centros tecnolóxicos

  • Pedro Duque, ministro de Ciencia, Innovación e Universidades presentou hoxe en Madrid o novo Programa Cervera, que ten como obxectivo financiar con 600 millóns de euros a innovación de pequenas e medianas empresas e centros tecnolóxicos.

 

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades lanzou o novo Programa Cervera, para financiar con 600 millóns de euros a innovación de pequenas e medianas empresas e centros tecnolóxicos.

Segundo anunciou o seu titular, Pedro Duque, na sede ministerial, estes recursos distribuiranse en 500 millóns en créditos a pemes e midcaps, 80 millóns para un fondo de garantía que faciliten os créditos ás empresas e 20 millóns en subvencións para unha convocatoria para centros tecnolóxicos.

Duque presentou o programa -acompañado da directora xeral de I+D+I, Teresa Riesgo, e do director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), Javier Ponce- ante máis de 200 asistentes procedentes do ámbito empresarial, académico e investigador.

No transcurso do acto, o ministro anunciou que a convocatoria para os centros tecnolóxicos publicarase durante o primeiro trimestre de 2019 e sinalou que o obxectivo do novo programa é fortalecer a actividade dos mellores centros tecnolóxicos e fomentar a innovación empresarial en España. Mellorar o uso do financiamento orzado para incentivar a transferencia de coñecemento á sociedade foi unha das prioridades do Ministerio.

 

Financiamento público

Mediante este programa financiaranse con 500 millóns de euros en créditos proxectos de I+D realizados por pemes e midcaps -en colaboración con centros tecnolóxicos- cun tramo non reembolsable do 33% da axuda e unha cobertura financeira de ata o 85% do orzamento elexible. Para iso, está prevista un financiamento público de 250 millóns de euros en 2019 e 250 millóns para 2020.

Nunha segunda fase, o CDTI será a entidade que xestione a convocatoria de axudas a centros tecnolóxicos, que sairá no primeiro trimestre de 2019, impulsando a súa integración no sistema de I+D+I.

Mediante esta convocatoria, outorgarase por primeira vez financiamento basal para os centros tecnolóxicos, cunha dotación de 20 millóns de euros de subvencións para potenciar as capacidades dos centros tecnolóxicos nas denominadas tecnoloxías prioritarias Cervera: materiais avanzados, eco-innovación, transición enerxética, fabricación intelixente, tecnoloxías para a saúde, cadea alimentaria segura e saudable, deep learning, intelixencia artificial, redes móbiles avanzadas, transporte intelixente e protección da información.

Na súa intervención, Duque puxo en valor o decisivo papel que representará o Programa Cervera como impulsor do desenvolvemento tecnolóxico destas áreas consideradas estratéxicas para España.

Ademais, o ministro destacou a alta capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas españolas para afrontar proxectos que impliquen retos complexos, como evidencia que as pemes españolas sexan líderes á hora de recibir financiamento do programa europeo de investigación e innovación, Horizonte2020.

 

Axentes dinamizadores

Sobre os centros tecnolóxicos, Duque cualificounos como os principais axentes dinamizadores da ciencia e a innovación, sendo o medio polo que as empresas acceden a investigación de calidade e permítelles obter servizos tecnolóxicos e de innovación que incrementan a competitividade e a súa internacionalización.

Por primeira vez, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o CDTI deseñaron un programa innovador a través dos denominados fondos de provisións técnicas que permitirá ás empresas acceder ao financiamento sen apenas presentar garantías, grazas a un fondo de provisión de 80 millóns de euros. Por conseguinte, realizouse un esforzo conxunto para proporcionar ás empresas as mellores condicións posibles de financiamento.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS