main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/01/202319:10
Mans tecleando en dous portátiles.
Santiago de Compostela

A EGAP analiza os efectos da transformación dixital no sector público e privado

  • A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá mañá venres ás 12.30 horas a conferencia A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado
  • No acto participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Sáez, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez
  • A conferencia inicia o foro Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado e encádrase nas actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá mañá venres a conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado” coa finalidade de analizar os efectos da transformación dixital nas organizacións públicas.

A conferencia terá lugar na sede da EGAP en Santiago entre as 12.30 e 14.00 horas, e participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez.

O catedrático Manuel Arenilla Sáez é autor do libro “La Administración digital” no que analiza a revolución dixital como unha oportunidade para refundar a Administración pública que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade.

Esta conferencia inicia o foro Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado e enmárcase dentro das actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) creado no 2022 para formar e investigar en aspectos económicos nucleares do sector público.

25/01/202318:54
Participantes na reunión.
Bruxelas

A Xunta promove en Bruxelas o debate sobre o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial

  • A Fundación Galicia Europa acolleu hoxe na capital comunitaria a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”
  • Expertos da Comisión, do Parlamento e da Representación Permanente de España en Europa, así como da Universidade de Santiago, debateron sobre o marco legal que está a elaborar a Unión Europea
  • Un estudio elaborado polas tres universidades públicas da nosa Comunidade destaca que Galicia estase situando como unha rexión precursora á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas
  • O alto funcionario da DG CONNECT da Comisión Europea Martin Ulbrich destacou a importancia dos estándares e códigos de conducta voluntarios para empresas e administracións como complemento da Lei europea de IA

A sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu hoxe a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”, promovida pola Xunta de Galicia, na que representantes da Comisión Europea, do Parlamento, do Goberno de España e da Universidade debateron sobre o papel das Comunidades Autónomas ante o desenvolvemento da intelixencia artificial.

Na xornada participou o responsable de políticas da DG-CONNECT, da Comisión Europea, Martin Ulbrich; a eurodeputada Pilar del Castillo; o Conselleiro de Transformación Dixital da Representación Permanente de España na UE (REPER), Carlos Romero; e o profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Almeida. O debate estivo moderado pola directora da Oficina de Apoio Estratéxico e de Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), María Bobillo.

O alto funcionario da DG CONNECT Martin Ulbrich destacou durante a súa intervención a importancia da creación de estándares e códigos de conducta voluntarios por parte de empresas e administracións para aqueles usos da intelixencia artificial que, ao non ser considerados de alto risco, non se verán afectado pola nova lei.

Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular no Parlamento Pilar del Castillo anunciou que agarda que a proposta sobre a nova Lei europea de IA poida estar lista a finais de febreiro para ser sometida ao pleno da Cámara, como paso previo a ser sometida ao procedemento de co-decisión. Sen embargo, engadiu que o proceso está a ser lento pola existencia de desacordos en aspectos como a conveniencia de crear unha oficina europea de IA ou sobre a prohibición de prácticas relacionadas coa identificación biométrica a tempo real, a vixilancia paliativa, o coñecemento emocional e os auto-riscos en aspectos como os algoritmos aplicados a medios de comunicación, saúde ou pago e cobro de débedas.

O conselleiro da REPER Carlos Romero incidiu en que a regulación europea non terá soamente un carácter restritivo, senón tamén incentivador. As empresas poderán testar os seus sistemas, o que incidirá na súa eficiencia e na mellora da súa produtividade e competitividade.

Durante a súa intervención, o profesor de Dereito Administrativo e responsable das políticas de protección de datos da Universidade de Santiago Marcos Almeida avanzou algúns dos resultados do “Estudo sobre o marco ético e normativo e o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia”. Este traballo, que será presentado nas próximas semanas, é o resultado dun convenio asinado pola Xunta de Galicia coas tres universidades públicas da nosa Comunidade.

Marcos Almeida destacou que a Lei que prepara a UE ten a virtude de estar perfectamente integrada no actual marco legal sobre protección de datos, e o que fai é adaptalo a cuestións concretas como a intelixencia artificial ou a identificación biométrica.

O marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial debe incluír mecanismos sociais de control, segundo destacou Marcos Almeida. Neste sentido, defendeu a creación de escenarios de proba de sistemas de intelixencia artificial nos que a sociedade poida participar.

A directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, tamén se referiu as conclusións do estudio elaborado polas tres universidades, que indican que “Galicia estase situando como rexión precursora e á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas”.

07/01/202314:20
Persoa maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

O uso da rede entre as persoas de 65 aos 74 anos crece o dobre da media estatal e supera o 70 %

  • Os galegos de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online
  • Galicia ocupa a sétima posición na concertación de citas sanitarias por internet e supera en dous puntos a media estatal no emprego da banca online
  • Crece o uso das canles dixitais coa Administración, que empregaron o 83,8 % dos internautas galegos no último ano
  • O 33,7 % de galegos xa utiliza dispositivos ou servizos de domótica do fogar, principalmente altofalantes, electrodomésticos conectados e administración de enerxía

Os usuarios de internet de entre 65 aos 74 acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 % -o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %-. É o incremento máis significativo rexistrado no último ano, precisamente, no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía. Cómpre destacar o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Hai 6 anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que empregaban internet situábanse no 27,9 %. 

Os galegos de 16 a 34 superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online. O 98,3 % dos nenos galegos de 10 a 15 anos empregan o ordenador e sitúanse á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por comunidades autónomas, 5,2 puntos por riba da media estatal.  

O 95,6 % destes nenos usaron internet nos últimos 3 meses, tamén por riba da media estatal. Son parte dos últimos datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2022, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- e que constatan os bos resultados dos indicadores de uso das TIC entre os máis novos. 

Uso das TIC: comercio electrónico, e-saúde e banca dixital

En canto ás compras a través da rede, un 50,5 % da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de internet nos últimos tres meses, pero no tramo de idade dos 16 aos 34 anos supérase a media do Estado en máis de 5 puntos porcentuais, xa que o 68,8 % de galegos de 16 a 24 mercaron por internet nos últimos tres meses, e o 78,3 % dos de 25 aos 34 anos.

As actividades máis realizadas nos tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8 % da poboación galega de 16 a 74 anos; recibir ou enviar correos electrónicos (77,5 %); buscar información sobre bens e servizos (76,7 %); ou ler noticias de xornais ou revistas de actualidade online (76,0 %).

Respecto á saúde, cabe destacar a elevada porcentaxe de uso de servizos online, como concertar unha cita cun médico a través dunha páxina web ou dunha app, que acada unha porcentaxe de 55,3 %, ocupando a sétima posición no ranking por CC.AA. Galicia ocupa esa mesma posición no acceso a arquivos persoais de saúde (38,7 %). 

Cabe salientar especialmente que o 71,9 % dos galegos utilizan a banca por internet (incluída a banca móbil), superando a media estatal (69,6 %) en 2,3 puntos e ocupando novamente a sétima posición no ranking por CC.AA. 

Interacción coas administracións públicas a través de internet

O 83,8 % dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das administracións públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares. Isto supón un incremento de 18,5 % respecto a 2021,  fronte ao 15,5 % da media estatal. 

Entre os trámites máis frecuentes, o 68,9 % descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67 %). Un 24,5 % accedeu á información de bases de datos ou rexistros públicos (rex. catastrais, de empresas…), sendo a terceira comunidade autónoma que máis xestiona por internet estas consultas.  

A internet das cousas

Do total de internautas galegos de 16 a 74 anos, o 33,7 % utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar. En concreto, o 21 % empregou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de app (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana...); o 15,2 % electrodomésticos conectados, o 11,2 % sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termostatos...) e o 6,7 % sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes...).

02/01/202318:41
Momento dun evento no GaiásTech.
Santiago de Compostela

Máis de 6.200 persoas e preto de 700 empresas beneficiáronse das actividades do GaiásTech, o centro da Xunta para impulsar a transformación dixital

  • Inaugurado en xuño de 2021, na Cidade da Cultura, leva celebradas máis de 150 actividades
  • Ten ao dispor de cidadáns, empresas e entidades un Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia con información sobre máis de 300 empresas do sector TiC
  • O GaiásTech é un espazo dedicado á demostración e á experimentación en tecnoloxías avanzadas

Máis de 6.200 persoas e preto 700 empresas beneficiáronse das actividades do centro GaiásTech en ano e medio. Desde a súa posta en marcha en xuño de 2021 e ata decembro de 2022, o Gaiástech organizou máis de 150 actividades. O Centro, situado na Cidade da Cultura de Galicia, concibiuse como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.

O centro está á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Ten tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.

A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, conta cun espazo de inmersión interactivo, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada así coma o uso de material disruptivo coma impresoras 3D, drons ou gafas de realidade virtual. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos.

O centro ofrece servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software libre na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorpora tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funciona, así mesmo, como un centro de asesoramento que pon a disposición da industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada.

De xeito paralelo a este espazo físico, GaiásTech dispón dun “xemelgo dixital” no que se localiza a axenda tecnolóxica de Galicia, ademais de dispoñer dos seus propios espazos virtuais e actividades e permite a retransmisión e participación non presencial en calquera actividade.

Mapa de capacidades dixitais

O GaiásTech tamén ofrece un Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

Actualmente, conta con 325 entidades, 478 produtos, 904 servizos e 77 tecnoloxías. Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade.

A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve ás entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Pódese acceder ao mapa desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.

O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar as empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector e constituír un escaparate cara ao exterior.

GaiásTech é un dos instrumentos fundamentais da Estratexia Galicia Dixital 2030 para impulsar a especialización tecnolóxica, promover o talento dixital, fortalecer o hipersector TIC, impulsar as novas tecnoloxías disruptivas, como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G, e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivo.

O centro e as súas actividades e servizos pódense coñecer a través da plataforma gaiastech.xunta.gal, que centra os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego.

27/12/202219:45
Barra de direccións dun navegador.
Santiago de Compostela

Máis do 97% dos concellos galegos conta con sede electrónica

  • A porcentaxe de municipios con este servizo, esencial na dixitalización da administración, incrementouse en preto dun 23% en catro anos
  • O 94,7% dos concellos galegos conta cun portal de transparencia, preto dun 9% máis que en 2019
  • No ano 2021 o teletraballo estaba presente en preto do 70% dos concellos da Comunidade
  • Ademais, o 29% das entidades locais suprimiu a obriga de achegar algunhas documentacións para realizar trámites e o 51,1% substituíu a obriga de achegar documentos por declaracións responsables
  • Afiánzase o uso das redes sociais nas comunicacións coa cidadanía con Facebook á cabeza, seguida de Instagram e YouTube

A dispoñibilidade de sede electrónica nos concellos de Galicia continúa á alza. Nos últimos 4 anos, os municipios con este servizo incrementáronse nun 22,7%. En 2021 a práctica totalidade (97,3%) dos concellos galegos xa dispoñen dunha sede electrónica fronte ao 79,3% do ano 2017.

Son datos recollidos no informe bianual “Estatística da administración dixital nos concellos galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que rexistra datos de 2021.

Sedes electrónicas e procedementos tramitados

En 2021 a práctica totalidade dos concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico (99,6%). Respecto do ano 2019, incrementáronse a maioría dos servizos dispoñibles nas sedes electrónicas municipais, especialmente as “comunicacións administrativas entre a entidade e os cidadáns e outras AAPP” que experimentaron un crecemento do 11,1%, ou a “disposición de formularios electrónicos de inicio de trámites”, que tivo un crecemento do 7,3% nos últimos dous anos.

No 2021 os concellos galegos que contan cun catálogo de procedementos dispoñibles a través de internet, acadaron o 66,4%.

Vantaxes da Administración electrónica

Grazas á dixitalización, nos últimos dous anos, o 29% dos concellos suprimiu obrigas de achegar algunha documentación (DNI, certificación de obrigacións tributarias, familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.).

Ademais, durante o 2021 un 51,1% dos concellos substituíu por declaracións responsables algúns dos documentos que había que achegar (certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc.).

Comunicación e participación da cidadanía

O correo electrónico é a canle de comunicación máis empregada nos concellos galegos cun 98%. Por outra banda, incrementouse o emprego das redes sociais con Facebook á cabeza, cunha porcentaxe de uso do 84,8%, seguida de Instagram cun 37% e de Youtube cun 34,3%.

No 2021 a acción máis común de participación coa cidadanía foi a posibilidade de realizar queixas e suxestións dende a web, presente nun 56,9% de concellos.

Entre 2019 e 2021 a porcentaxe de concellos con portal de transparencia creceu case un 9%, rozando o 95%.

Equipamentos, aplicacións e teletraballo

No ano 2021 avanza a dixitalización dos procedementos máis comúns. As aplicacións con maior presenza nos concellos galegos son: o “Padrón de habitantes” (100%), a de “Contabilidade” (98,8%) e a de “Rexistro da entidade” (98,5%). A aplicación con maior crecemento nos últimos dous anos foi a “Xestión on line de Plenos” que no 2021 obtén un 24,4%, o que supón un crecemento do 84,8% respecto ao 2019.

Só un 4,2% dos concellos sufriron un incidente de ciberseguridade no ano 2021, sendo os concellos de máis de 50 mil habitantes os que máis incidentes sufriron.

En canto ao uso das tecnoloxías disruptivas nos concellos galegos, o 17,6% dispoñen de servizos de Cloud Computing e preto do 21% de sistemas IoT aplicados a medidores intelixentes, control e xestión do alumeado público ou do rego e subministro da auga.

Con respecto ao teletraballo no ano 2021, o 69,8% dos concellos galegos contaban con empregados e empregadas que traballaban de xeito telemático.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS