
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta de Galicia destaca a implicación de toda a sociedade, as universidades, as administracións e os sectores de actividade, así como o traballo coordinado do nodo GalicIA, como claves para que A Coruña fose designada hoxe polo Consello de Ministros do Estado como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.
A designación de Galicia como sede da AESIA é un recoñecemento aos esforzos da nosa Comunidade por situarse na vangarda da transformación dixital pese as limitacións de partida relacionadas coas súas características poboacionais e xeográficas. A actual posición de Galicia é o resultado da aplicación de dúas axendas dixitais e, neste momento, da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030).
Precisamente, o eixo transversal da EGD2030 refírese á especialización da nosa Comunidade no coñecemento e na aplicación das tecnoloxías. A instalación da AESIA na nosa Comunidade cumpre e reforza os obxectivos de atraer infraestruturas e entidades de referencia, así como de reter e atraer talento dixital.
A designación da sede en Galicia supón o cumprimento por parte da Xunta de Galicia do mandato recibido en maio do Parlamento para a promoción dunha candidatura galega. Esta tarefa foi encomendada ao nodo GalicIA, formado pola Xunta, as tres universidades públicas e a Eurorrexión.
A Xunta destaca que o nodo GalicIA foi quen de traballar con obxectividade para a selección da mellor candidatura galega e os seus integrantes amosaron criterio e xenerosidade para aceptar unha decisión de carácter técnico e obxectivo que agora se comproba que era a acertada.
Coa sede da Axencia, Galicia introdúcese de cheo na estratexia europea cara ao liderado mundial nunha Intelixencia Artificial fiable e de valores humanistas. A AESIA será a primeira das axencias que se creen en Europa e deberá marcar o camiño a seguir por todas as demais.
Estes obxectivos europeos coinciden cos establecidos por Galicia na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e reforzados por iniciativas como o estudio das tres universidades promovido pola Xunta para analizar o marco ético e normativo axeitado para ese “enfoque europeo” da IA.
A totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online. O incremento máis significativo no último ano rexistrouse no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso a tecnoloxía. Os usuarios e usuarias de internet de entre 65 aos 74 anos acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 %, o dobre que a media estatal (+4,2 %).
O 98,3 % dos nenos e nenas galegos de 10 a 15 anos empregan o ordenador e sitúase á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por Comunidades Autónomas, 5,2 puntos por riba da media estatal. O 95,6 % destes nenos e nenas usaron internet nos últimos 3 meses, tamén por riba da media estatal. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2022, que constata os bos resultados dos indicadores de uso das TIC entre os máis novos.
Son datos da Enquisa e uso TIC nos fogares 2022 do INE, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Uso das TIC: comercio electrónico, e-saúde e Banca dixital
En canto ás compras a través da Rede, un 50,5 % da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses pero no tramo de idade dos 16 aos 34 anos supérase a media do estado en máis de 5 puntos porcentuais xa que o 68,8 % de galegos e galegas de 16 a 24 mercaron por internet nos últimos tres meses, e o 78,3 % dos 25 aos 34 anos.
As actividades máis realizadas nos tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8 % da poboación galega de 16 a 74 anos; recibir ou enviar correos electrónicos (77,5 %) ou ler noticias, xornais ou revistas de actualidade online (76,0 %).
Respecto á saúde, cabe destacar a elevada porcentaxe de uso de servizos online como concertar unha cita cun médico a través dunha páxina web ou dunha app de móbil, que acada unha porcentaxe do 55,3 %, ocupando a sétima posición no ranking por CC.AA. Galicia ocupa esa mesma posición no Acceso a arquivos persoais de saúde (38,7 %)
Cabe salientar especialmente que o 71,9 % dos galegos e galegas utilizan a banca por Internet (incluída a banca móbil), superando a media estatal (69,6 %) en 2,3 puntos e ocupando novamente a sétima posición no ranking por CC.AA.
Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet
O 83,8 % dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das Administracións Públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares. Isto supón un incremento de 18,5 % puntos respecto a 2021, fronte ao 15,5 % da media estatal.
Entre os trámites máis frecuentes, o 68,9 % descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67 %). Un 24,5 % accedeu a información de bases de datos ou rexistros públicos (rexistros catastrais, de empresas…), sendo a terceira Comunidade Autónoma que máis xestiona por Internet estas consultas.
A Internet das cousas
No que se refire á Internet das Cousas, do total de internautas galegos de 16 a 74 anos, o 33,7 % utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar. En concreto, o 21 % empregou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de App (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana...); o 15,2 % electrodomésticos conectados, o 11,2 % sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termóstatos...) e o 6,7 % sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes...).
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o listado das entidades colaboradoras que participarán na xestión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, polo que dende mañá os cidadáns interesados poderán solicitar os bonos.
Co obxecto de facilitar o proceso de solicitude dos bonos, as persoas interesadas poden acudir ao traballador social do seu concello e este encargarase de realizar a solicitude. Non obstante, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos.
A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda longa fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
Os interesados poden coñecer cales son as entidades colaboradas a través do rexistro de operadores-colaboradores accesible a través das seguintes ligazóns:
Esta iniciativa conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
Con este fondo prevense conceder máis de 5.700 bonos polo que, de non esgotarse os bonos dispoñibles nesta primeira convocatoria, porase en marcha unha nova convocatoria para inicios do ano 2023.
Con esta, a Xunta xa ten en marcha as catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables; e a destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.
En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda longa de ao menos 100 Mbps.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a mellora do Centro de Excelencia de Intelixencia de Negocio (CEIN) como proba da aposta de Galicia pola intelixencia artificial da man do talento e da iniciativa privada. Na inauguración das novas instalacións da compañía de DXC Technology, resaltou que a consolidación e expansión do centro, que pasou en seis anos de 50 a 150 traballadores, demostra que Galicia é un referente no eido da tecnoloxía de vangarda e da analítica de datos.
O titular do Goberno galego recordou que a Comunidade demostrou ser precursora cando hai case dez anos se puxo en marcha o Pacto Dixital de Galicia, ao que se sumaron 12 empresas do sector TIC para impulsar o crecemento tecnolóxico, e que esa iniciativa favoreceu a posta en marcha do CEIN, que nada máis inaugurarse quedou pequeno para a demanda que tiña por parte de empresas e organismos para a análise de predición de datos a fin de tomar as decisións máis axeitadas.
A necesidade de obter certezas en tempos de incertezas incrementou a demanda coa chegada da pandemia, de tal maneira que o CEIN non só acrecentou as súas colaboracións coa Administración autonómica -como a análise de predición na prestación farmacéutica ou na atención á dependencia, ademais da plataforma de comunicación É-Saúde- senón tamén estudos de datos solicitados pola banca ou por sectores como o da moda.
Coas ampliadas instalacións do CEIN a Xunta tamén quere redobrar as alianzas coa compañía co desenvolvemento dunha plataforma para a xestión intelixente do dato na Administración autonómica. Permitirá desenvolver o Plan de administración e goberno dixital 2025 e ofrecer produtos e servizos avanzados, facilitar a toma de decisións e a posibilidade de compartir e aproveitar datos públicos non persoais para o desenvolvemento económico e social de Galicia. “O Goberno galego tamén é cliente do CEIN porque somos esixentes coas concesionarias e sabemos o ben que se traballa aquí”, subliñou Rueda.
Estratexia Galicia Dixital 2030
Alfonso Rueda recordou que a Comunidade autonómica conta cuns obxectivos moi ambiciosos na posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, coa que se pretende que o 25 % das empresas e o 50 % das administracións fagan uso de solucións dixitais baseadas na intelixencia artificial, a big data ou a ciberseguridade, e que polo menos o 20 % das empresas do sector TIC galego conten con especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial ou datos.
O sector das TIC, cuns 26.000 traballadores e máis de 3.000 empresas, é chave no proceso de transformación dixital que Galicia iniciou hai máis dun decenio e que na actualidade conta xa co Nodo de Ciberseguridade de Galicia e co Centro de Ciberseguridade de Galicia, ademais do Nodo 5G e o Centro GaiásTech.
O presidente da Xunta recalcou que nada do acadado sería posible de non contar co talento galego que se forma nas universidades e nos centros de investigación. “Entre todos perfilamos un tecido que non fai máis que medrar e que situou a Galicia nunha situación punteira”.
De feito, Alfonso Rueda mostrouse convencido de que a suma do talento e da investigación, xunto coa implicación da iniciativa privada, coloca á Comunidade galega nunha posición dominante no panorama estatal, e que por iso “teño moita confianza en que Galicia poida ser a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial.
A Xunta asinou convenios de colaboración coas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para favorecer que os programas de voluntariado promovidos polo Goberno galego teñan recoñecemento académico mediante o sistema de créditos. O obxectivo é seguir enriquecendo o currículo académico do alumnado a través da formación transversal que achega, por exemplo, o voluntariado, que tamén é unha competencia clave para impulsar o futuro laboral da mocidade.
Grazas a este acordo, todo programa impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude en materia de voluntariado no que participen estudantes universitarios, e sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de horas e así o soliciten, verán acreditadas ditas experiencias mediante o sistema de recoñecemento de créditos do sistema europeo de transferencia subscrito polas tres universidades galegas.
Neste sentido, a Administración autonómica e as institucións académicas comprométense ao recoñecemento das actividades de acción voluntaria mediante a emisión dos certificados de experiencias voluntarias, no caso da Consellería, e posterior acreditación dos créditos que lle correspondan, no caso da Universidade. Cómpre destacar que esta colaboración tamén axuda a complementar os programas propios de solidariedade e voluntariado que xa teñen en marcha as universidades galegas, algúns deles en cooperación coa propia Consellería de Política Social e Xuventude como é o caso de Correspondentes universitarios.
Con este convenio, o Executivo galego dá un paso máis no recoñecemento da acción voluntaria como unha boa experiencia de vida que habilita para achegarse á sociedade desde un punto de vista máis humano e solidario.