main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/12/202219:13
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A primeira Asemblea Xeral do Nodo CIBER.gal fai balance das actuacións e avanza novas iniciativas dirixidas ás administracións públicas e empresas

  • O Nodo CIBER.gal celebrou esta semana a súa primeira Asemblea Xeral, xuntando a todos os seus socios fundadores e membros vinculados ao ecosistema de ciberseguridade de Galicia
  • O Nodo CIBER.gal puxo en valor as máis de 40 iniciativas de concienciación, difusión e fomento do talento que se desenvolveron, ademais da futura posta en marcha do Centro de Excelencia de Ciberserguridade

Preto de 50 persoas en representación de entidades dos sectores tecnolóxico, da investigación, do coñecemento, da industria e de organizacións públicas referentes en ciberseguridade en España coma o Centro Criptolóxico Nacional, xuntáronse esta semana para celebrar a I Asemblea Xeral do Nodo Galego de Ciberseguridade.

Na mesma, o Nodo CIBER.gal puxo en valor o esforzo e cooperación de todas as entidades que se enmarcan no ecosistema creado na súa contorna, pois son a chave do éxito acadado en todas e cada unha das iniciativas celebradas e executadas no contexto de CIBER.gal.

Destacan principalmente actividades e iniciativas enfocadas cara a concienciación, capacitación e formación, cara a difusión e posta a disposición de información, cara o fomento do talento, a facilitación de servizos de ciberseguridade e tamén o impulso á industria deste sector.

Concienciación

No primeiro deles, englóbanse preto de 20 iniciativas, e cómpre resaltar a posta en marcha do grupo de traballo das empresas, que acadou uns resultados de máis de 500 profesionais inscritos e máis de 300 beneficiarios cun elevado grao de satisfacción xeral situado preto do 9 sobre 10. Cabe mencionar o deseño e execución de dous cursos superiores, un do eido da ciberseguridade e outro no eido da protección de datos persoais, ambos destinados a persoal público, nos cales a demanda de prazas nalgunha das edicións incluso chegou a triplicar a oferta.

Tamén na categoría de concienciación se destaca a iniciativa de #CiberEsther, en colaboración coa TVG, co obxectivo de capacitar e concienciar á sociedade sobre a ciberseguridade, que acumula máis de 650.000 visitas nas distintas canles. Outra das iniciativas destacadas nesta categoría é a organización do Encontro CIBER.gal, que en ambas edicións acadou máis de 3.500 inscricións, preto de 50 actividades distintas e a participación de máis de 6.000 escolares no Concurso Ciberseguridade no Cole!

Difusión

No eido da difusión, posta a disposición de información e colaboracións en iniciativas de referencia, no marco do Nodo executáronse máis de 20 actividades. Resaltan entre elas a creación da súa propia web, que aglutina información de interese e actualidade relativa á seguridade da información, e a adhesión á Rede Nacional de SOCs.

Fomento do talento

O fomento do talento tamén é un obxectivo presente no Nodo, polo que CIBER.gal apoiou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade no lanzamento dos Cursos de Especialización en Ciberseguridade, que hoxe en día se atopan en 4 lugares distintos de Galicia. Na contorna do Nodo tamén se deseña e coordina a facilitación de servizos de ciberseguridade, destacando a execución do proxecto de servizos de ciberseguridade a entidades locais dende decembro do 2021 e acordos con entidades colaboradoras de CIBER.gal para a posta a disposición gratuíta de plataformas e ferramentas para mellorar o nivel de ciberseguridade das empresas de Galicia.

Por suposto, resáltase a importante labor de impulso á industria da ciberseguridade enmarcada no contexto de CIBER.gal, na cal é destacable a próxima creación do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia e a participación na convocatoria RETECH no eido da ciberseguridade, que da man de Cataluña e a Comunidade Valenciana, foi un dos 11 proxectos seleccionados polo Goberno Central.

En relación ás próximas liñas de actuación para a continuidade de iniciativas de CIBER.gal, no curto prazo destacan a constitución e posta en marcha do grupo de traballo da Administración Pública, a continuidade de actividades enmarcadas no grupo de traballo das empresas, e a posta en marcha do proxecto común no marco da iniciativa RETECH.

Pódense consultar os detalles da memoria de actividades no seguinte enlace: https://gaiastech.xunta.gal/sites/default/files/documents-cibergal/MemoriaActividadeCIBERgal.pdf.

19/12/202217:45
Gandeiro usando unha tablet.
Santiago de Compostela

A Xunta adopta novas medidas para facilitar os despregamentos de internet no rural

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución para facilitar aos concellos a interpretación da lei do Solo e a lei xeral de Telecomunicacións
  • Trátase dunha resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Urbanismo que permitirá axilizar a xestión das autorizacións para os despregamentos de redes de fibra óptica
  • Permitirá resolver os problemas detectados en moitos municipios nos que os operadores se limitan a dotar de servizo ás edificacións máis accesibles, quedando excluídos os inmobles máis illados das redes existentes
  • Esta actuación súmase ás desenvolvidas pola Administración autonómica iniciadas coa Lei galega de impulso e ordenación das infraestruturas de Telecomunicacións

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución para facilitar a interpretación que se debe facer da lei do Solo de Galicia e a lei xeral de Telecomunicacións, respecto dos despregamentos das redes de telecomunicacións en núcleos rurais.

A resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo foi asinada hai uns días polos respectivos responsables de ambos departamentos, Julián Cerviño, e Encarna Rivas, co obxectivo de axudar aos concellos na xestión das autorizacións para os despregamentos de redes de fibra óptica nas zonas rurais.

Esta resolución permitirá resolver os problemas detectados en moitos municipios nos que os operadores se limitan a dotar de servizo ás edificacións máis accesibles, que son as que dispoñen actualmente de infraestrutura de cobre, quedando excluídas desta cobertura os inmobles máis illados das redes existentes. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221219/AnuncioG0532-091222-0004_gl.html

Esta nova actuación segue a liña iniciada pola Xunta coa aprobación da Lei galega de impulso e ordenación das infraestruturas de Telecomunicacións e seu desenvolvemento normativo, coa que vén impulsado medidas en colaboración cos concellos para facilitar o despregamento das infraestruturas de telecomunicación en Galicia.

Conectividade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica está tamén a traballar nas actuacións financiadas cos fondos MRR que permitirán complementar as actuacións que leva a cabo o Estado para lograr os obxectivos de conectividade establecidos por Europa, como é o de dotar de internet de altas prestacións a toda a poboación e aos sectores produtivos.

Neste sentido, a Xunta xa ten en marcha as catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables; e a destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.

En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda longa de ao menos 100 Mbps.

13/12/202216:12
Pantallazo da web de Competencias Dixitais.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais coa Xornada Inaugural do plan de capacitación para o persoal formador na EGAP e na rede CeMIT

  • A Axencia para a Modernización de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública inauguran con este acto a capacitación dos primeiros formadores e formadoras do Marco galego de competencias dixitais
  • A xornada acadou un gran interese e foi seguida en formato presencial e en streaming por máis de 100 persoas formadoras na EGAP e na Rede CeMIT
  • O Marco galego de competencias dixitais é unha transposición e adaptación do Marco Europeo de Competencia dixital que acredite o nivel de aptitude dixital

Máis dun centenar de formadores e formadoras na EGAP e da Rede CeMIT participaron hoxe na Xornada  inaugural do Marco Galego de Competencias Dixitais celebrada no Edificio Fontán na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e retransmitida en streaming para facilitar a participación de todas as persoas interesadas.

Con este acto, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e no que tamén participou a Escola Galega de Administración Pública, deuse comezo á formación en ComDix dos Axentes TIC da Rede CeMIT e dos titores e titoras da EGAP -docentes que serán os encargados de formar nas competencias dixitais e na certificación asociada tanto á cidadanía coma ao persoal empregado público-.

Durante a xornada déronse a coñecer todos os detalles do novo Marco Galego de Competencias Dixitais, así como o papel que terá a Rede CeMIT e a EGAP coma entidades colaboradoras do novo Marco.

Para finalizar o acto, e antes do café networking dispoñible para todas as persoas asistentes, deuse paso a unha rolda de preguntas que permitiu aclarar as dúbidas formuladas sobre a posta en marcha do Marco galego de competencias dixitais.

Tras esta sesión, o persoal docente da Rede CeMIT e da EGAP poderá participar no curso online de autoformación “ComDix Iniciación - Formación para o persoal formador no Marco Galego de Competencias dixitais” e durante a segunda quincena de febreiro está prevista a realización do exame final presencial.

O Marco galego en liña co Marco europeo

O Marco Galego de Competencias Dixitais establece os coñecementos, habilidades e actitudes necesarios para desenvolverse no mundo dixital, tanto en ámbitos persoais, profesionais, educativos e de cidadanía. Está baseado no modelo DigComp, definido pola Unión Europea, adaptado á realidade e necesidades de Galicia.

Parte fundamental deste Marco é a Certificación Galega de Competencias Dixitais, co obxectivo de servir como sistema de acreditación da competencia dixital da cidadanía galega. Estruturarase en diferentes niveis de aptitude, do máis básico o máis avanzado, e permitirá refrexar o grado de coñecemento e habilidade dunha persoa respecto ao mundo dixital.

Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, que busca aumentar a calidade de vida e o empoderamento da cidadanía a través do uso das tecnoloxías dixitais.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como organismo impulsor do Marco galego de competencias dixitais, tamén participará no “Estudo de Viabilidade dunha Certificación Europea de Habilidades Dixitais (EDSC)“ impulsado pola Comisión Europea.

12/12/202213:02
Imaxe dunha videoconferencia con Papá Noel desde una aula CeMIT.
Santiago de Compostela

A Rede CeMIT conectará a preto de 1.000 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel a través de videoconferencia

  • Alumnado de entre 3 e 7 anos de 24 concellos das catro provincias participarán nesta actividade entre os días 12 e 21 de decembro
  • A Rede CeMIT dará soporte técnico á conexión con Laponia como vén realizando dende o ano 2007

Entre os días 12 e 21 de decembro 830 alumnos de educación infantil de 24 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, presentes en todas as comarcas galegas.

Así, os escolares de Educación Infantil de Celanova e Sarreaus serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT destes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará o luns 12 de decembro a partir das 10 da mañá, cunha duración de media hora en cada localidade.

Por toda Galicia

Nos seguintes días, ata o 21 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Arzúa, Bearíz, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Catoira, Corcubión, Fisterra, A Fonsagrada, Leiro, Marín, Monterroso, Muros, Ortigueira, Riotorto, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo, ata completar así as 24 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 830 nenos e nenas en 34 sesións

O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu decimoquinto aniversario e que conta cun gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, será facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día de Guitiriz ou da Asociación Aspromor de Ortigueira

Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Neste sentido, a rede conta con máis de 100.000 usuarios, dos cales o 59,77% son mulleres. Desde 2011 impartíronse preto de 500.000 horas de formación. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

09/12/202220:47
Cartel da iniciativa.
Ribeira

A Aula CEMIT de Ribeira promove durante este Nadal dous cursos para a rapazada

A Aula CeMIT de Ribeira vai dar cabida durante estas festas de Nadal dous cursos destinados á rapazada, ambos entre os días 26 de decembro e o 5 de xaneiro. O primeiro deles, titulado Iníciate na informática, está dirixido a nenos e nenas de 7 a 10 anos e celebrarase entre as 10 e as 11.30 horas. Nel os asistentes poderán aprender a navegar por Internet, animar as súas fotos, escribir ou debuxar a través dun ordenador.

O segundo, que se celebra de 12 a 13.30 horas, terá por título Inicio á edición de vídeo e terá como usuarios a rapaces e rapazas de 11 a 15 anos, que aprenderán a montar un vídeo con Kdenlive.

As inscricións, gratuítas, abrirán o vindeiro luns 12 de decembro, podéndose formalizar en liña a través da web da aula.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS