
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta pon en marcha o Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para promover ata nove medidas artelladas en tres eixes estratéxicos: eliminar a fenda dixital, promover as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado en Galicia.
O plan marca unha serie de obxectivos intermedios para 2025 como que o 70% das persoas conten competencias dixitais básicas, das que cando menos o 50% serán mulleres. Están previstas máis de 60 actividades para a promoción do talento dixital e o fomento da presenza da muller en carreiras e profesións do ámbito tecnolóxico. Ademais, a Rede de Aulas CeMIT está en pleno proceso de transformación para proporcionar unha capacitación apoiada na dixitalización con tecnoloxía. A Rede prevé impartir 140.000 horas de formación dixital e acadar un total de 128.110 usuarios. Para facilitar o acceso a todas estas iniciativas, concederanse un total de 5.744 bonos dixitais para o acceso á conectividade de colectivos vulnerables ata o 2025.
Eliminar a fenda dixital
O primeiro eixe do plan oriéntase ao eliminar a fenda dixital en colectivos vulnerables, persoas maiores e cidadanía en xeral con iniciativas concretas para cada grupo.
Para a alfabetización dos colectivos vulnerables, desenvolverase un programa de inclusión dixital a través da Rede CeMiT, que está a abordar a modernización e transformación dos seus espazos. Ademais, porase en marcha un programa de bonos dixitais que faciliten ás persoas en situación de vulnerabilidade a contratación de internet ou un maior ancho de banda.
Para a inclusión dixital dos maiores o plan contempla dúas actuacións, un programa de concienciación sobre uso de servizos dixitais e ciberseguridade; e outro destinado a mellorar as súas competencias dixitais, acompañándoos no uso de dispositivos e aplicacións.
A cidadanía en xeral poderá beneficiarse da formación dixital a través do Certificado Galego de Competencias Dixitais, que ofrece capacitación e a acreditación oficial das habilidades dixitais en diferentes niveis.
Promover as competencias dixitais dos profesionais
O segundo eixo do plan busca a adquisición, reforzo e actualización das competencias dixitais de todos os profesionais para facilitar unha adaptación proactiva e áxil ás esixencias dun mercado laboral cada vez máis tecnolóxico.
Este obxectivo vehicularase a través de tres iniciativas, as medidas do Plan Reacciona TIC para a favorecer a transformación dixital das pemes; o Plan de Capacitación do Empregado Público e o Marco Galego de Competencias Dixitais, tanto para os traballadores do sector público como para a cidadanía en xeral.
Impulsar as vocacións e o talento dixital
No terceiro eixo do Plan abordarase o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas e o talento dixital avanzado.
Para avanzar neste camiño o plan prevé medidas específicas para fomentar o interese nos estudos STEAM dos máis cativos a través de talleres, encontros e actividades lúdicas, así como campamentos dixitais e Espazos Maker no GaiásTech e a Rede CeMIT dotados con equipamento tecnolóxico interactivo, impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual ou kits de robótica e programación.
Ademais, continuarase co Programa GirlSteam para reducir a fenda de xénero na contorna tecnolóxica e crearanse espazos de coworking e webinars sobre tecnoloxías disruptivas para profesionais.
A inclusión, capacitación e o talento, un compromiso compartido
DigiTalent 2030: Camiña en dixital nace con vocación de ser un instrumento vivo e flexible, conectado á evolución dos desafíos da sociedade galega e ao servizo das necesidades da comunidade.
Para dar cumprimento aos seus obxectivos, o plan incorpora un modelo de colaboración reforzado cos axentes do ecosistema dixital galego que contará coa colaboración das entidades locais, as asociacións e colexios profesionais do eido tecnolóxico da rexión, as universidades, as entidades do Pacto Dixital de Galicia e as empresas do terceiro sector, así como da Rede CeMIT e os voluntarios dixitais.
DigiTalent 2030: Camiña en Dixital fusiona o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e o Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico e toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de acadar unha sociedade máis autónoma dixitalmente, que non deixe a ninguén atrás.
A Fundación ONCE puxo en marcha a campaña #GanasdeXTalentoDigital en redes sociais para animar ás persoas con discapacidade a mellorar a súa formación en tecnoloxía e competencias dixitais e así favorecer a súa incorporación ao mercado laboral.
A campaña busca dar a coñecer o espazo formativo "Por Talento Dixital" que a fundación puxo en marcha e que imparte preto dun milleiro de cursos presenciais e online cada ano.
Esta campaña en redes sociais quere poñer en valor a importancia desta formación para que as persoas con discapacidade teñan maiores oportunidades para atopar un emprego.
A formación que ofrece o programa ten dous niveis, un xenérico en competencias dixitais básicas, e outro con cursos especializados en distintas materias ligadas á tecnoloxía como a ciberseguridade, o big data, a robótica ou a intelixencia artificial.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia continúa a poñer o foco no fomento do talento dixital da nosa comunidade, desta volta con ata quince actividades previstas ata o mes de marzo ao abeiro do Plan DigiTalent. Una vez máis, contará coa implicación do sector TIC galego, que mantén o seu compromiso de colaborar coa Axencia na xeración e a atracción do talento vencellado ás novas tendencias dixitais.
Espertar o interese nas profesións científico-tecnolóxicas entre os máis cativos
Durante a primeira semana do mes marzo, a Amtega traerá de volta unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, no que rapaces e rapazas de 12 a 16 anos poderán visitar os centros de traballo das empresas colaboradoras e poderán experimentar en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo no sector TIC galego.
Doutra banda, durante todo o trimestre e ata o mes de maio, DXC Technology impulsa as Charlas DigiTalent DXC, coas que achega aos centros educativos de Secundaria e Bacharelato a Intelixencia Artificial, a Ciencia de Datos e outras temáticas vencelladas ás novas tendencias dixitais dende a experiencia dos seus profesionais. Ademais, impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, un concurso de programación no que os rapaces e rapazas de 5º de primaria a 4º de secundaria poderán competir por parellas creando un videoxogo con Tecnoloxía Scratch, nesta edición coa misión de combater a crise enerxética a través do “Comando Enerxético”.
Un ano máis, os centros escolares de Galicia teñen a oportunidade de visitar as instalacións do Data Center de Altia, que contan con máis de 400 m² de salas técnicas. Ademais, ata o 31 de xaneiro os centros educativos interesados poden inscribirse na IV GenTech, unha iniciativa que se volve a sumar ao catálogo do Plan DigiTalent este 2023 co obxectivo de achegar ao alumnado de Bacharelato a importancia das profesións tecnolóxicas e as oportunidades laborais que o sector TIC ofrece, dende unha perspectiva real, práctica e inspiradora.
Impulso dos novos perfís dixitais
O catálogo deste primeiro trimestre conta tamén con actuacións dirixidas a promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos perfís dixitais especializados demandados polo mercado laboral.
Neste primeiro trimestre iranse activando programas e accións formativas especializadas, obradoiros e workshops ou novas convocatorias para premios aos mellores Traballos de Fin de Grao e Mestrado, para facilitar a adecuación continua das capacidades dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas ao contexto dixital e ás necesidades reais do tecido empresarial.
Así, Altia volve a poñer en marcha Altia FP Dual, coa que favorece o contacto do alumnado de Formación Profesional co mundo laboral, alternando estancias formativas no Instituto e na empresa. Doutra banda, activa novas edicións de Altia Premia, Altia Staging e Altia Tech Day, tres iniciativas orientadas ao eido universitario co obxectivo común de impulsar o talento en tecnoloxías avanzadas e disruptivas a través da realización traballos de Fin de Grao e Mestrado en liñas de investigación innovadoras, premios de recoñecemento e accións formativas especializadas impartidas polos profesionais da compañía.
Pola súa banda, DXC Technology repite co Observatorio DXC, un programa de asesoramento especializado ao alumnado universitario de disciplinas técnicas para realización de prácticas titorizadas, o desenvolvemento de proxectos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados e a celebración da VI edición do premio DXC ao mellor Traballo Fin de Mestrado en Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.
Ademais, este ano achega ao Plan a novedosa iniciativa DXC Pinchos&Datos, un conxunto de encontros en locais de ocio de Santiago nun formato breve, distendido e altamente participativo, onde o público pode interactuar cos relatores invitados, expertos en novas tendencias dixitais como a tecnoloxía de datos, a Intelixencia Artificial ou a aprendizaxe automática.
Tamén orientado ao eido universitario, NTT Data pon en marcha a iniciativa TFGs solidarios, enmarcada na Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía que a compañía mantén coa Universidade de A Coruña e que ofrece ao alumnado de Enxeñaría Informática a oportunidade de desenvolver Traballos de Fin de Grao que aporten valor á sociedade, a través de temáticas vencelladas ás necesidades tecnolóxicas de organizacións sen ánimo de lucro.
Por último, NTT Data tamén pon en marcha en colaboración con HackABoss o Bootcamp Data Science, un curso intensivo de predición, análise e interpretación de datos para a optimización da toma de decisións; así como o Mestrado de especialización de Formación Profesional Dual en IA e Big Data, que está a impulsar xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.
O centro GaiásTech acollerá en febreiro un ciclo de cinco accións formativas sobre fotografía profesional para redes sociais, creación de infografías ou deseño de páxinas web, enmarcado no programa #MesD.
O #MesDDeseño é unha iniciativa do Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que se desenvolverá durante todos os mércores de febreiro e o primeiro de marzo cunha serie de actividades para todas as persoas interesadas en mellorar as súas habilidades en deseño e creatividade, especialmente emprendedoras e creadoras de contidos. A inscrición é gratuíta e aberta para todo o mundo.
Durante o #MesDDeseño, abordaranse temas como a fotografía profesional para Instagram, o deseño de vídeos profesionais para Instagram e TikTok, a creación de presentacións e infografías en liña con Xenial.ly, o deseño dunha páxina web desde cero con Wordpress.com e a creatividade para redes sociais con Canva.com.
Todos os talleres, de dúas horas de duración, comezarán ás 17:00 h e poderanse seguir en liña. Serán impartidos por Alberto Mandado, consultor especializado en deseño e comunicación con máis de dez anos de experiencia no campo. Toda a información sobre os cursos está dispoñible na páxina web do centro gaiastech gaiastech.xunta.gal.
Ciclo de cinco formacións
A primeira actividade do mes, "Fotografía profesional para Instagram", levarase a cabo o 1 de febreiro e terá como obxectivo axudar a crear fotografías de produto para tendas en liña.
A segunda actividade, que se desenvolverá o 8 de febreiro, leva por título "Vídeos profesionais para Instagram e TikTok" e ten como obxectivo ensinar a gravar e editar vídeos de maneira profesional para negocios ou proxectos utilizando un teléfono móbil.
A actividade do mércores 15 de febreiro no marco do #MesDDeseño será "Presentacións e infografías en liña con Genial.ly". O obxectivo desta sesión é aprender a crear presentacións e infografías atractivas e profesionais en liña utilizando a ferramenta Genial.ly.
O evento do día 22, titulado "Deseña a túa páxina web desde cero con Wordpress.com", ofrecerá un programa completo para aprender a crear unha páxina web desde cero utilizando a plataforma Wordpress.com.
A quinta e última actividade do mesD, "Creatividade para redes sociais con Canva.com", que se levará a cabo o 1 de marzo, ten como obxectivo deseñar un estilo identificativo do negocio para redes sociais. A través da sesión axudarase a buscar inspiración para as creacións, seleccionarase o modelo adecuado para cada proxecto, elixiranse as cores e as tipografías apropiadas e ensinarase como exportar o proxecto para a súa publicación. Tamén se discutirá como programar e publicar en redes sociais.
GaiásTech
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, avogou hoxe por reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización e facer fronte á transformación tecnolóxica experimentada nas últimas décadas.
Así o manifestou na conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado” celebrada na EGAP en Santiago, na que estivo acompañada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez.
Sonia Rodríguez-Campos fixo especial fincapé na incorporación de ferramentas disruptoras derivadas da Intelixencia Artificial (IA), as API ou a aprendizaxe automática no sector público, “que supoñen un cambio de paradigma que nos conduce irremediablemente a unha nova Administración, unha Administración de datos”.
A directora da Escola destacou a necesidade de transformar os perfís profesionais das administracións, requiríndolles aos empregados públicos habilidades “que permitan actuar de xeito áxil ante novos modelos de xestión e procedementos”.
Neste contexto, a directora da EGAP subliñou o importante papel da formación, tanto no sector público coma no privado, “xa que os profesionais do futuro necesitarán non só coñecementos diferentes aos actuais senón tamén novas habilidades”.
Pola súa banda, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, puxo en valor a Estratexia Dixital 2030 de Galicia para consolidar a transición dixital na comunidade galega e que vai permitir crear un marco dixital que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxias e a suma de esforzos. Ademais repasou os grandes avances tecnolóxicos rexistrados en Galicia nos últimos anos, cun 96% da poboación que accede á Administración a través da vía electrónica e máis de 1,4 millóns de cidadáns galegos que empregan o sistema de administración electrónica Chave 365.
Julián Cerviño lembrou os principais retos da Administración dixital no futuro, que pasan por avanzar de forma eficiente nos procesos administrativos, mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e facilitar as relacións entre a Administración e os cidadáns.
Na súa intervención, o catedrático Manuel Arenilla Sáez, autor do libro “La Administración digital”, afirmou que a revolución dixital é “unha oportunidade para refundar a Administración que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade”. O profesor apuntou que “non é posible que se produza a satisfacción efectiva das demandas cidadás da Administración se non se produce un cambio na súa cultura, os seus principios e valores”.
Por último, o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez, destacou o papel da transformación dixital como unha estratéxica básica para aumentar a competitividade no sector privado, xa que permite incrementar a experiencia co usuario, promover a innovación de procesos e a mellora continua, facilitar a colaboración e a axilidade, a eficiencia e a trazabilidade.
A conferencia celebrada hoxe na EGAP iniciou o foro titulado “Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado”, un novo espazo de conversa e debate xurdido ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) e dirixido a fomentar o diálogo entre a esfera pública e privada en ámbitos importantes para a sociedade.