
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Federación Nacional de Instaladores e Integradores de Telecomunicaciones (FENITEL), organizaron hoxe unha xornada para presentar o Plan Renove ICT, posto en marcha pola Xunta de Galicia.
Esta xornada contou coa participación de asociacións e profesionais interesados nestas axudas (enxeñeiros, arquitectos, instaladores e administradores de fincas), para divulgar estas medidas ás que poden optar as comunidades de propietarios, principais beneficiarios das mesmas. Galicia conta con máis de 20.000 edificios que poderían optar a estas axudas.
Esta iniciativa busca eliminar as barreiras para a prestación de servizos avanzados no fogar e incorporar ICT adaptadas ás novas redes ultrarrápidas, especialmente nos edificios de maior antigüidade. O plan está dirixido a edificios ou conxuntos de edificios suxeitos ao réxime de propiedade horizontal que estiveran concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000, antes da entrada en vigor do Real Decreto 279/1999 de 22 de febreiro.
O Plan Renove ICT conta cun orzamento de 4 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
A liña de axudas sufraga ata o 70 % dos investimentos e gastos necesarios para presentar os proxectos subvencionables, o que inclúe a elaboración do proxecto, dirección de obra e certificación final, memorias e informes técnicos; ademais de todos os traballos vinculados á empresa instaladora. Se contemplan tres liñas de actuación, en función do equipamento a instalar, instalación completa, parcial ou adaptada exclusivamente á banda larga ultrarrápida.
Está previsto que se publique a convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas.
A Xunta de Galicia tende a man ao Goberno central na posta en marcha da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), e considera que as Administracións autonómicas deben participar activamente nos órganos de goberno da Axencia, que terá a súa sede na Coruña, segundo destacou hoxe a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo.
Bobillo formulou esta proposta ante o director xeral de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Salvador Estevan. Ambos participaron esta mañá nunha xornada sobre a “actualización da Axenda España Dixital 2026: avances e novos eixos” organizada por Socinfo Digital no Instituto Nacional de Administración Pública.
A responsable de Planificación da Axencia galega resaltou a importancia do desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e fiable nas Comunidades autónomas en aspectos que son da súa competencia, como a Administración dixital, a educación, a sanidade ou o fomento das competencias dixitais da cidadanía.
Neste sentido, fixo un repaso polos avances da dixitalización de Galicia na última década, que permitiron que tanto a Administración, como a sanidade, a educación ou a xustiza en Galicia acadaran ou estean a punto de acadar a universalización dos seus servizos.
María Bobillo destacou, entre os retos da Xunta cara ao futuro, a especialización tecnolóxica da Comunidade, eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030. Esta especialización implica o desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías disruptivas, entre elas a intelixencia artificial ou a xestión intelixente do dato. De aí a importancia de participar activamente na primeira experiencia europea de posta en marcha dunha axencia estatal para a súa supervisión.
A aposta de Galicia pola intelixencia artificial reflíctese en aspectos como o de ser unha das tres primeiras Comunidades autónomas de España en dispoñer dunha estratexia propia de IA.
María Bobillo destacou tamén o papel do Nodo GalicIA na configuración dunha candidatura sólida para acoller a AESIA, que foi o resultado dun mandato que a Xunta recibiu do Parlamento de Galicia para postular á nosa Comunidade.
Na xornada que hoxe tivo lugar en Madrid tamén participaron o director xeral do Insitituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), Félix A. Barrio; o director do sector de Administracións Públicas de Ibermática an Ayesa, Alejandro Rodríguez e o vicerreitor de Estratexia e Universidade Dixital da Universidade de Murcia, Pedro M. Ruiz.
A difusión entre empresas e profesionais de Galicia dos últimos avances en tecnoloxías intelixentes, neurotecnoloxía, estratexia empresarial, deseño ou marketing dixital, centrará nos próximos meses a actividade do Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia.
Este centro, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sostible.
Neste contexto, o Centro GaiásTech organizará o vindeiro 28 de febreiro a xornada: “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”, que se celebrará na Cidade da Cultura. O obxectivo deste evento é reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.
A xornada contará con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: blockchain, big data, internet das cousas, intelixencia artificial e realidade virtual.
Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.
Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. O prazo para facelo xa está aberto e a inscrición é de balde.
Actividade do GaiásTech
O GaiásTech está a programar para este ano actividades orientadas a favorecer a través do coñecemento a transformación dixital das empresas de Galicia, das administracións públicas e da sociedade.
Entre estas actividades atópanse os talleres en neurotecnoloxía, “Neurotecnoloxía: conectando a mente a un ordenador. Introdución e práctica”, que se levarán a cabo o vindeiro venres 24 de febreiro. Desenvolverase tamén un ciclo de formación sobre as Tecnoloxías de lean e dixitalización, “LEAN E DIXITALIZACIÓN: a simbiose do método e a tecnoloxía “, programado para o mes de marzo. Para as vindeiras semanas celebraranse as últimas sesións do #MesDDeseño “Formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais”. Neste eixo, o GaiásTech tamén está preparando una programación específica no eido da iniciativa #MesD para o marketing .
GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou hoxe destinar algo máis de 400 mil euros a subvencionar este ano actividades nos 35 centros que xa acadaron as condicións para ser consideradas aulas de referencia da rede CeMIT. Estas subvencións irán destinadas á realización de actuacións en materia de inclusión dixital da cidadanía, sobre todo en ámbitos rurais.
Estas subvencións están enmarcadas no convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que prevé destinar 813.000 euros anuais entre 2023 e 2025 ás administracións locais a través da Fegamp. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondéndolles ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha subvención de 15.000 € e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251 €.
O acordo coa Fegamp forma parte do Plan de reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT, actualmente en marcha, e que suporá un investimento de 22.776.304 € ata 2025 para abordar a transformación física e arquitectónica dos centros, a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro, a posta en marcha dun novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptar a estratexia formativa ao novo Marco galego de competencias dixitais.
Dotación tecnolóxica punteira
Está previsto que nas vindeiras semanas as aulas da Rede CeMIT conten con equipamento tecnolóxico innovador composto por impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.
Marco galego de competencias
A Rede CeMIT é un dos instrumentos clave para acadar o obxectivo marcado polo Compoñente 19.I1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España de formar a máis de 45.000 persoas ata 2025. E neste senso, o pasado mes de decembro de 2022 abriuse a convocatoria da actividade «ComDix Iniciación - Formación para persoal formador» que rematará neste mes de febreiro coa primeira proba presencial que dará acceso aos formadores da Rede CeMIT a capacitar e certificar a cidadanía no novo Marco de competencias dixitais.
Por último, reforzaranse os servizos dixitais (os espazos web do proxecto, a plataforma formativa en liña...) e o seu soporte e mantemento, como medida transversal para contribuír ao fortalecemento de todas as liñas de actuación. Con este fin, a Axencia licitou un acordo marco para a elaboración de contidos formativos e ou desenvolvemento de plataformas e servizos dixitais cun orzamento de 1.620.450 €.
Máis de 100.000 persoas usuarias
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 96 centros en 52 comarcas. Conta con máis de 100.000 persoas usuarias. Delas, un 59,62 % son mulleres e destaca o uso maioritario por parte das persoas que teñen entre 45 e 54 anos, que supoñen un 22,86 % dos usuarios totais. As persoas de 55 e máis anos representan o 27,82 % dos usuarios, unha porcentaxe que se incrementou nun 31 % desde os inicios da Rede CeMIT, xa que en 2012 era do 21 %.
Na Rede ofertáronse, desde 2011, máis de 500.000 horas de formación que, unidas ás restantes iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para lograr a inclusión dixital, contribuíron a que o 87,1 % dos galegos e galegas empreguen internet, segundo os últimos datos do INE. Esta porcentaxe supón un incremento de máis do 85 % con respecto ao dato de 2010, cando a usaba o 47 %.
A Oficina de Software Libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia defende o papel deste modelo aberto e colaborativo como axente facilitador para o fomento de vocacións tecnolóxicas entre as mulleres.
Con tal obxectivo, esta Oficina desenvolverá un programa de actividades específicas, que se presentarán o luns, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia hoxe, 11 de febreiro.
A presentación farase en liña, a través do GaiásTech, ás 12:00 horas do vindeiro luns 13 de febreiro. Pódese atopar toda a información para seguir o evento nesta ligazón.
A oficina de software libre da Amtega vén realizando diferentes actividades para poñer en valor a participación das mulleres na tecnoloxía, fundamentalmente a través do software libre, e tratando de fomentar a participación das mesmas no eido das STEAM. Aproveitando a celebración internacional do día da muller e a nena na ciencia, nesta presentación farase un repaso de todas as iniciativas que se están a levar a cabo, e presentaranse as iniciativas que se poñerán en marcha a partir deste ano.
Entre as liñas habituais que se veñen desenvolvendo están as orientadas a mostrar exemplos de mulleres referentes no ámbito da tecnoloxía, a través de diferentes formatos coma entrevistas, faladoiros ou actividades de fomento da tecnoloxía en centros educativos. Como principal novidade está prevista unha nova liña orientada a abrir espazos de diálogo con colectivos especificamente dedicados a esta labor, grupos e asociacións de mulleres no ámbito da tecnoloxía, que serán as protagonistas dos Faladoiros de Mancomún durante todo este ano 2023.
Do mesmo xeito tamén se abrirán liñas de diálogo con colectivos de mulleres emprendedoras, para recoller as súas necesidades e tratar de abrir novas liñas de actuación que lles axuden a incorporarse ao mundo da tecnoloxía, como por exemplo un repositorio de recursos sobre software libre e emprendemento.
Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
Hoxe, 11 de febreiro, celébrase este día internacional, co que se pretende facer visible o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEAM (polas súas siglas en Inglés: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas), creando referentes que axuden a fomentar estas ramas como posible elección profesional das nenas.
Tamén serve esta efeméride para dar a coñecer os factores que afectan á situación actual das mulleres nestas áreas, fomentar boas prácticas que axuden a eliminar as barreiras que aínda existen e acadar unha igualdade de xénero real nestes eidos.
A importancia do Software Libre nas áreas STEAM
O carácter aberto e colaborativo elimina certas barreiras de entrada á tecnoloxía, barreiras que si existen no caso do software privativo.
As comunidades de software libre son unha boa maneira de achegarse á tecnoloxía, xa que permiten aprender e tamén achegar dende o primeiro momento nun entorno inclusivo. A maioría das comunidades de proxectos de software libre teñen códigos de conducta que recollen a igualdade, a inclusión e a diversidade como principios fundamentais. Existen ao redor destas comunidades tecnolóxicas numerosos grupos enfocados ao fomento da participación das mulleres na tecnoloxía e na ciencia.