main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/03/201910:27
Fotografía da mesa dun restaurante.
Santiago de Compostela

Tecnoloxía que le as cartas de restaurantes a persoas con discapacidade visual

A tecnoloxía permite que as cartas dos restaurantes sexan facilmente accesibles para as persoas con discapacidade visual, aínda que son poucos os establecementos que son conscientes da importancia de facilitar o acceso a todas as persoas.

Por esta razón as consultoras expertas en accesibilidade Equalitas Vitae e Bask For All desenvolveron o proxecto "Menú para Todos" que ofrece dunha forma sinxela crear versións accesibles das cartas dos restaurantes.

Por mor deste proxecto, a empresa pública Fomento de San Sebastián, a Asociación de Hostalería de Gipuzkoa e a Asociación Retinosis Gipuzkoa Begisare decidiron apostar por el para mellorar a accesibilidade dos establecementos da rexión subvencionando o custo deste servizo para os 25 primeiros restaurantes que se adherisen.

Na primeira convocatoria foron 16 os restaurantes que se apuntaron de forma gratuíta ao proxecto e que xa contan cunha versión da súa carta en voz, PDF accesible por lectores de pantalla e en Braille.

A forma na que funciona esta tecnoloxía é moi sinxela. Nestes restaurantes, que se suman a outros establecementos da Rioxa e de Áraba, hai unha serie de códigos QR que ao ser captados polas cámaras dos teléfonos móbiles dos usuarios dirixen á persoa con discapacidade á versión accesibles da carta, xa sexa locutada, en braille ou a un documento accesible polo lector de pantalla do smartphone.

18/03/201910:25
Un home con audífono utiliza o seu smartphone e o seu computador portátil.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía intelixente axuda ás persoas con discapacidade auditiva

A revolución da tecnoloxía intelixente acaba de empezar e cada vez chega a un maior número de dispositivos permitindo unha personalización do seu uso e facilitando o seu manexo e accesibilidade.

No caso dos dispositivos pensados para persoa con discapacidade, a chamada "intelixencia" da tecnoloxía é moi importante, xa que permite adaptarse ás necesidades de cada un dos usuarios.

Un exemplo moi claro é o dos audífonos e os implantes que utilizan moitas persoas con discapacidade auditiva e que nos últimos anos foron multiplicando as súas capacidades grazas ao desenvolvemento da tecnoloxía.

Así o recolle a Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas) que destaca a importancia destes avances con motivo do Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores.

Este tipo de dispositivos son moi importantes para os seus usuarios, tanto porque lles facilita a comunicación co resto do mundo como porque pasan moitas horas conectados a eles.

Por iso, a chegada da tecnoloxía intelixente supuxo toda unha revolución que, non só mellorou a calidade do son que recibe o usuario, senón que tamén multiplicou as opcións para mellorar a súa vida.

Manexar o audífono desde o teléfono móbil, controlar o volume, adaptalo a distintos ambientes, conectalo cun smartphone ou cun micrófono para mellorar a capacidade de seguir conversacións en ambientes ruidosos.

As posibilidades que ofrece a tecnoloxía intelixente aplicada aos audífonos son enormes e seguirán aumentando nos próximos anos mellorando, con iso, a calidade de vida dos seus usuarios.

18/03/201910:02
Participantes na formación.
Vigo

A Fundación Telefónica formou a vinte vigueses en programación con Java

Fundación Telefónica e o Concello de Vigo celebraron a clausura do cursoDesenvolvemento web con Java, impartido pola operadora de telecomunicacións ao abeiro do programa Conecta Emprego da Fundación Telefónica, orientado a formar en competencias dixitais de carácter profesional á veciñanza da cidade. No obradoiro, organizado xunto co Goberno vigués (todo o programa local Conecta Emprego), participaron unha vintena de persoas.

Os asistentes á actividade formativa, maiores de idade e con estudos básicos, medios e superiores (21% ESO e bacharelato, 43% FP grao superior, 14% de licenciatura e grao e 21% de mestrado e posgrao), tiveron a oportunidade de ampliar a súa empregabilidade grazas a capacitárense, no curso, nun eido laboral tan demandado como o da programación Java, co que verán achandado o camiño para conseguir un emprego no ámbito tecnolóxico. De feito, a Fundación Telefónica e o Concello lembraron que dous dos alumnos do obradoiro xa atoparon traballo no sector antes de rematalo. Ao longo do itinerario de formación, que se celebrou ao longo de tres meses, os alumnos adquiriron coñecementos e habilidades que xa lles permiten desenvolver aplicacións web multiplataforma, utilizando a linguaxe Java. De feito, lembra Telefónica, “hoxe en día programar nesta linguaxe está a converterse nun valor engadido para calquera programador”. Durante a clausura e entrega de diplomas interviñeron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz, quen sinalou a oportunidade da formación en empregos dixitais nunha localidade que é motor de emprego da comarca: “Vigo e os seus concellos veciños son motor do emprego laboral galego e na fundación cremos que este núcleo industrial ofrece un escenario para a nova empregabilidade de primeira magnitude”, comentou. Polo que se refire a Conecta Emprego, é unha plataforma de formación en competencias dixitais que supón unha oportunidade laboral salientable, segundo recalca a fundación “polas alianzas establecidas con empresas e organizacións que precisan incorporar ao seu persoal persoal formado en tecnoloxía e desenvolvemento web”. Para os cursos, os alumnos contan coa colaboración das empresas tecnolóxicas da comarca.

O plan de estudos consiste nunha formación troncal, centrada en arquitectura de aplicacións web, que inclúen o seu deseño e integración web, o desenvolvemento da capa cliente, coñecementos sobre o sistema de xestión de datos MySQL e metodoloxías áxiles. Tras realizar os cursos específicos, os alumnos reciben formación en habilidades para a empregabilidade ao longo de todo o itinerario formativo, como o impulso da intelixencia emocional, o traballo en equipo, a marca persoal, a procura de emprego 2.0 ou como realizar unha entrevista de traballo de maneira efectiva. Durante o tres meses de duración, os candidatos seleccionados reciben tamén unha formación teórico-práctica sobre tecnoloxías e metodoloxías de programación utilizadas na industria e validadas polas empresas colaboradoras. A formación conta coa participación de expertos e referentes no sector da programación. Como broche final, os alumnos repartidos en equipos realizarán proxectos que parten da necesidade real dunha empresa da Comunidade, coa que colaboran activamente para a súa realización. Todos os módulos formativos son presenciais e ademais os alumnos poden seguir formándose fose da aula. O programa traballa en tres ámbitos: selección, formación e incorporación nas empresas e conta cunha plataforma web.

18/03/201909:57
Compliance.
A Coruña

A Coruña acolle en maio un congreso sobre cibercrime e seguridade dixital

A Coruña vai acoller os días 22 e 23 de maio o Congreso de Cibercrime e Seguridade Informática, que organiza o Colexio de Avogados de A Coruña (ICACOR) no salón de actos da súa sede (rúa Federico Tapia 11, A Coruña) e máis o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), SF Formación, a World Compliance Association e Smart Human Capital. Neste congreso estudaranse ferramentas para protexernos dos delitos informáticos, a nivel individual e empresarial, ou para examinar a nova perspectiva de defensa, entre outras cuestións. 

Segundo lembra o CPEIG sobre a relevancia das temáticas a tratar, “a delincuencia a través das novas tecnoloxías, xunto ao tráfico de drogas, é a que máis beneficios reporta ao crime nestes momentos”. No congreso porase o foco en actividades delitivas concretas e como atallalas, como por exemplo os timos das cartas nixerianas, a suplantación de identidade ou os delitos contra os activos inmateriais das empresas (como a propiedade intelectual ou industrial).Respecto á contribución do CPEIG, a vogal do colexio, Pilar Vila Avendaño, ofrecerá o xoves 23 de maio, ás 18:00 horas, un relatorio sobre os problemas prácticos das periciais relacionadas coas novas tecnoloxías

O evento tamén contará (o primeiro día) coas intervención de Luis Vázquez Seco (fiscal delegado de Cibercrime na Fiscalía Provincial da Coruña), Luis Jurado Cano (avogado e socio en Perseus e RC Abogados), Alberto González (sarxento da Garda Civil e xefe do Grupo de Estafas Informáticas na Comandancia da Garda Civil da Coruña). O segundo día participarán Óscar de la Cruz Yagüe (comandante da Garda Civil da Unidade Central Operativa), Ángel Pablo-Avilés de la Rosa (xefe de seguridade en Smart Human Capital e ex compoñente do Grupo de Delitos Telemáticos da UCO, Garda Civil).

18/03/201907:49
Mariña, unha das Tecnólogas por un día.
Santiago de Compostela

Un total de 65 estudantes serán Tecnólogos por un día durante o mes de marzo, grazas ao Plan Digitalent da Amtega

  • Rapazas e rapaces de 12 a 17 anos compartirán unha xornada laboral con profesionais de grandes empresas do sector TIC en Galicia
  • Nesta segunda edición, que incrementou un 71% o número de prazas, rexistráronse máis de 200 solicitudes de 50 centros educativos
  • Abrirase unha terceira convocatoria no segundo semestre do ano
  • É unha das iniciativas do Plan DigiTalent para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos

Un total de 65 estudantes de 12 a 17 anos terán unha oportunidade única de experimentar en primeira persoa unha xornada laboral con profesionais das grandes empresas do sector TIC en Galicia, co obxectivo de mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas e a percepción que os máis novos teñen delas.
 

Trátase da segunda edición do Programa “Tecnólogo por un día”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent.

 

Máis de 200 solicitudes de 50 centros educativos galegos

As cifras de participación nesta actividade superaron as 200 solicitudes, o dobre que na edición anterior. Preto de 50 centros educativos de máis de 25 concellos desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado. 

 

A través do persoal docente, inscribíronse máis de 200 alumnos e alumnas interesados en participar no programa. As prazas asignáronse aplicando o resultado dun sorteo público, considerando as preferencias dos nenos e nenas participantes.

 

 

Colaboración das empresas TIC

Tras finalizar o período de inscrición, é a quenda das empresas TIC. Durante este mes de marzo, a propia Amtega e as empresas TIC están a acoller aos participantes ofrecéndolles a oportunidade de mergullarse nos seus proxectos tecnolóxicos, a través dos cales os nenos e nenas coñecerán de cerca as aplicacións das TIC no mundo empresarial e participarán na rutina diaria e actividades que os profesionais teñan na axenda, como sesións de traballo, reunións con socios ou clientes tecnolóxicos, etc. 

 

Os 65 rapaces e rapazas seleccionados desenvolverán unha xornada de traballo na propia Amtega e nas 14 empresas colaboradoras (distribuídos en 20 centros de traballo distintos): 3.14 Financial Contents; ALDABA Servicios Profesionales; Altia.; CINFO Contenidos Informativos Especializados; Coremain; Dos Espacios Internet Consulting; DXC Technology Spain.; everis Spain; Orange; R Cable y Telecomunicaciones Galicia; SIVSA, Soluciones Informáticas; Sixtema, Soluciones y Proyectos de Información; Tecalis Innovación e Televés.

 

 

Próxima convocatoria no segundo semestre de 2019

En total, no curso 2018/2019, e tras estas dúas primeiras edicións de “Tecnólogo por un día”, máis de 100 nenos/as terán a oportunidade de experimentar en primeira persoa un día de traballo nunha empresa tecnolóxica: 38 prazas ofertadas na primeira edición e 65 prazas nesta segunda, o que implica un 71% máis que na primeira quenda.

Tras o éxito acadado nas dúas primeiras edicións do programa “Tecnólogo por un día”, a Amtega poñerá en marcha unha nova convocatoria no segundo semestre de 2019 para achegar os máis novos ás profesións TIC. 

 

Nesta nova quenda procurarase contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM. Para iso, reservarase un terzo das prazas para as nenas co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as máis novos

 

 

Catálogo de actividades DigiTalent 2018/19

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, “DigiTalent”, concibiuse como un plan de actuacións vivo e conectado coa realidade galega en canto á xeración e retención do talento vinculado á economía dixital.

 

En concreto, o Programa “Tecnólogo por un día” súmase ao resto de actividades que conforman o seu catálogo 2018/2019 dispoñible no espazo web amtega.xunta.gal/digitalent, onde se irá publicando toda a información sobre o detalle das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS