main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/03/201908:26
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Igualdade, o CESGA e o CPEIG lanzan un concurso para fomentar as vocacións TIC femininas

Igualdade, o CESGA e o CPEIG volven xuntar forzas para tirar abaixo calquera tipo de barreira que se interpoña entre as mulleres e as novas tecnoloxías da información, poñendo o foco na necesidade de impedir que o sector TIC siga a verse desprovisto da imprescindible presenza das rapazas. Este é o compromiso conxunto que alenta cada ano a actividade internacional ICT-Go-Girls! (cuxa celebración galega vén da man do CESGA e da Secretaría de Igualdade, coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) e este é o espírito que impulsa a primeira edición do concurso#ApuntasTech?, presentado onte

A actividade, que terá o obxectivo de promover as vocacións tecnolóxicas femininas, colle pulo coa experiencia conxunta de Igualdade e o CESGA impulsando a dita iniciativa ICT-Go-Girls! (dende 2013) e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción de las Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), facendo fincapé en lograr que as mulleres alcancen una presenza igualitaria no ámbito dixital. Isto tense materializado en accións dirixidas a rapazas de entre 10 a 15 anos, franxa de idade o CESGA e Igualdade consideran “chave” para “mudar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre las rapazas”. O concurso ApuntasTech? pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicadas para “poder reunir as mellores propostas”, e xerar un catálogo dinámico que permita traballar as tecnoloxías de “forma amena”, sobre todo na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Logo está previsto elaborar unha escolma das mellores propostas e publicalas con licenza aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos en liña.

Bases e máis información
O concurso conta con 4 categorías, 2 para estudantes (primaria, secundaria e bacharelato) e 2 para adultos (centros educativos e outros centros/institucións) e estará aberto a recibir propostas ata o día 15 de abril. Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits. Toda a información sobre o mesmo pódese obter na súa páxina web: www.ictgogirls.eu/apuntastech

Este certame sitúase ao abeiro das actividades para celebrar o sétimo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day) o vindeiro 25 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet. Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada en www.ictgogirls.eu/dia-rapazas-nas-tic/.

Organización e colaboracións
O concurso está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters! así como a tenda online Bricogeek.com.

21/03/201916:45
Alberto Núñez Feijóo.
Santiago de Compostela

Feijóo salienta que a Lei de Administración Dixital permitirá universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais

  • Salienta que permitirá acadar un marco normativo único, baseándose en tres principios: só unha vez, proactividade e automatización
  • Asevera que as oficinas de rexistro e atención á cidadanía transformaranse en espazos de asesoramento e apoio, axudando aos cidadáns nas xestións online coa Administración
  • Destaca a creación da figura do funcionario habilitado, da persoa habilitada, a sede electrónica única e, dentro desta, a carpeta do cidadán

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do Proxecto de Lei de administración dixital de Galicia, que permitirá consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais.

Logo de precisar que o novo texto inicia o seu trámite parlamentario tras o período de exposición pública, e tras ser aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais, Feijóo asegurou que esta lei permitirá acadar un marco normativo único, baseándose en tres principios: só unha vez, é dicir, evitará reclamar datos que xa ten a Administración; proactividade, isto é, empregarase a información que a Administración ten para prestar servizos personalizados e adiantarse ás necesidades do cidadán; e automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.

Como outra das principais novidades, o presidente da Xunta subliñou que as oficinas de rexistro e atención á cidadanía transformaranse en espazos de asesoramento e apoio, axudando aos cidadáns nas xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación, como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Así mesmo, crearase a figura do funcionario habilitado, que permitirá que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Para facer isto posible, a nova norma prevé a creación dun Rexistro electrónico xeral de apoderamentos. E tamén da persoa autorizada, un terceiro que conta coa autorización dunha persoa para ter relacións coa administración pública no seu nome.

En relación á sede electrónica única, cómpre resaltar que a lei consolídaa como punto de acceso único, sinxelo e accesible na rede para calquera recurso ou servizo da Administración, dando gran relevancia á carpeta do cidadán. Non en van, na nova sede xa se configura como o espazo privado entre cidadáns e empresas, no que poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites administrativos; e, nesta carpeta estará toda a información de carácter persoal e administrativo dispoñible na administración pública. 

“Aspiramos deste xeito a que esa proactividade se traslade nun futuro a conseguir que a Administración ofreza información que pode ser de interese para o cidadán baseándose nos datos que obran no seu poder”, explicou o presidente da Xunta, co obxectivo de inverter o hábito de que sexa o cidadán o que chame á porta da Administración.

Con respecto á capacitación dixital, Feijóo asegurou que a futura lei definirá, por vez primeira, a creación dun marco galego de competencias dixitais. “Os cidadáns poderán acreditar os seus coñecementos neste eido e mellorar as súas competencias ao igual que facemos, por exemplo, para certificar o galego co modelo Celga”, dixo.

Nesta liña, resaltou que o documento contemplará a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público, que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.

Tamén con respecto aos empregados públicos, esta norma sentará as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público e contará cos medios para o desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo e mobilidade.

Ademais, regulará o funcionamento dixital interno: o Arquivo Electrónico Administrativo será o elemento que albergará os expedientes do sector público autonómico en tramitación e os finalizados; e a plataforma de interoperabilidade pasaXe! será o nodo de intercambio de datos e documentos entre administracións públicas.

“Estamos a falar dunha medida que facilitará o intercambio de información entre administracións e que evitará ao cidadán ou á empresa presentar documentos por duplicado dependendo de se trata cunha administración ou outra”, abundou, lembrando que a plataforma de interoperabilidade Pasaxe! evitou en 2018 a presentación de 6,4 millóns de documentos.

Co obxectivo de facilitar esta comunicación, Feijóo avanzou tamén a creación dun Mapa de interoperabilidade das administracións públicas galegas, que permitirá avaliar a documentación máis demandada e priorizar a incorporación de novos servizos a PasaXe!. Así, a Lei suporá a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente dixital.

En relación á infraestrutura dixital, o responsable do Goberno galego subliñou que o Centro de Procesado de Datos e a rede corporativa da Xunta constitúen a infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á administración dixital. Así, a lei establecerá que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas.

O novo documento prevé ademais o fomento da innovación dixital para impulsar novas formas de prestar servizos e incrementar a satisfacción dos usuarios. Para iso, crearase un foro de innovación dixital no que poderán participar empregados da Administración.

Por último, e para o seguimento dos avances, a norma contemplará a creación dun sistema de indicadores da administración dixital así como a potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Feijóo concluíu recordando que este proxecto de lei enmárcase no Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, posto en marcha en 2015, cun investimento de 27,7 millóns de euros en cinco anos.

Unha vez completado, permitirá -ademais dunha Administración accesible para os cidadáns 24 horas, 365 días ao ano-, un aforro superior aos 41 millóns de euros ao ano.

21/03/201908:41
Imaxe dos trofeos dos premios da Fundación Seres.
Madrid

Nova edición dos Premios Seres á innovación e compromiso social de empresas

A Fundación Seres convocou a décima edición dos seus premios á innovación e o compromiso social das empresas que destacan iniciativas dirixidas a persoas en risco de exclusión e que en moitos casos teñen un gran compoñente tecnolóxico.

A fundación abriu xa o prazo para presentar as candidaturas a estes galardóns que premian proxectos concibidos para alcanzar unha sociedade mellor, construír valor para todos e ser un acelerador do progreso económico e social.

Os premios recollen casos reais de proxectos dirixidos a colectivos en risco de exclusión, como persoas con discapacidade, persoas nunha situación próxima á pobreza, inmigrantes ou persoas maiores.

Para a concesión dos premios o xurado ten en conta o valor social e empresarial, o carácter innovador e a integración dos proxectos na estratexia da compañía.

As empresas interesadas poden presentar as súas candidaturas ata o 7 de maio. Nesta décima edición a fundación creou unha categoría especial dirixida ás empresas que levan máis de 10 anos formando parte de Seres.

21/03/201908:31
David Finn.
Santiago de Compostela

O experto internacional en ciberseguridade, David Finn, inicia unha serie de relatorios tecnolóxicos da Amtega

  • O director executivo da organización CleanApps.org abordou onte os retos para facer fronte aos ciberataques, a fraude en internet e as fake news
  • Doutor en dereito pola Universidade de Harvard, Finn foi fiscal federal na cidade de Nova York e un dos responsables da loita contra o cibercrime en Microsoft durante 16 anos

Baixo o tíutlo: "Who else can join the data privacy war on the side of consumers? It’s not who you think: Construíndo unha internet limpa e segura” o director executivo da organización CleanApps.org, David Finn contou a historia de internet e a ciberseguridade, como naceron os problemas co malware e o fraude nas apps e cales son as perspectivas de futuro para afrontar eses problemas.

Finn, un dos máximos expertos internacionais en materia de ciberseguridade, chegou a Galicia da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade da Coruña. Con esta xornada, a Amtega inicia unha serie de charlas de expertos a nivel mundial en distintos ámbitos tecnolóxicos co obxectivo de fomentar a reflexión, achegar o debate á rúa e analizar os retos da sociedade actual.

 

Sobre David Finn
David Finn é doutor en dereito pola Universidade de Harvard e experto en ciberseguridade, foi fiscal federal na cidade de Nova York e estivo traballando durante 16 anos dirixindo equipos de loita contra o cibercrime en Microsoft. Actualmente, é director executivo de CleanApps.org, unha organización que promove o desenvolvemento responsable de apps, así como a privacidade e seguridade dos consumidores.

 

O 21 de marzo na Coruña
O programa de David Finn en Galicia complétase con outro seminario sobre ciberseguridade, de carácter máis técnico, que se celebrará na Coruña o día 21 de marzo, de 18:30 a 19:45 horas , baixo o titulo “A new approach to cleaning up the internet: and what cybersecurity companies, developers, and non-profit institutions must do to make it happen”. Este seminario está organizado polo Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) xunto coa Cátedra R en Ciberseguridade UDC-UVigo, a Cátedra "Luis Fernández Somoza" para a internacionalización dos estudos de economía e empresa da UDC e a Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O seminario terá lugar na Facultade de Economía e Empresa, Campus de Elviña, A Coruña e terá prioridade para asistir o alumnado de doutoramento e dos mestrados de Innovación e Administración de Empresas, así como empresas e especialistas en ciberseguridade.

 

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

20/03/201908:15
Fotografía dunha tableta Feelif.
Austria

A tecnoloxía e a discapacidade protagonistas nos World Summit Awards

Os premios World Summit Awards convertéronse nun referente en canto ao recoñecemento de proxectos ligados á innovación dixital e nesta edición a tecnoloxía e a discapacidade convertéronse en protagonistas grazas a dúas iniciativas desenvolvidas en Estonia e en Xapón.

Os World Summit Awards desta edición galardoaron os teléfonos e tabletas táctiles de Feelif deseñadas para persoas cegas, que contan con cuadrillas que mediante a vibración e o son permiten aos usuarios detectar as formas que aparecen na pantalla.

O outro dos proxectos seleccionados nestes premios foi Wheelog, un servizo desenvolvido en Xapón que mellora a mobilidade das persoas que utilizan cadeiras de rodas.

Os World Summit Awards son uns premios organizados pola organización sen ánimo de lucro ICNM de Austria e conta co financiamento parcial da Unión Europea.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS