main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/03/201908:47
Furgoneta que se pode conducir cun joystick.
Salamanca

A Fundación ONCE impulsa a innovación social co apoio a catro emprendedores en Startup Olé 2019

  • Ademais, expoñerá unha furgoneta que se conduce con joystick e que facilita o manexo do vehículo ás persoas que non poden utilizar un volante

 

A Fundación ONCE aposta decididamente polo emprendemento e a innovación social como unha das ferramentas para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Proba diso é a súa participación en Startup Olé 2019, que terá lugar en Salamanca desde mañá ata o xoves, 28 de marzo, co seu apoio a catro emprendedores e coa exposición dunha furgoneta que se conduce cun joystick. Así, os asistentes a esta V edición de Startup Olé poderán coñecer a catro emprendedores que presentarán as solucións prácticas que deseñaron co fin de resolver algúns dos problemas aos que se enfrontan persoas con discapacidade na súa vida diaria. 

 

En concreto, estas solucións proceden de WorkingMinds, Gaido, Showleap e Timpers. A primeira delas, WorkingMinds, é unha startup dedicada á investigación no campo da saúde mental, que ofrece "tratamentos psicolóxicos online de calidade a prezos moi alcanzables". Pretende desenvolver o primeiro algoritmo de intelixencia artificial capaz de diagnosticar con precisión algúns trastornos mentais e está a levar a cabo para iso un estudo piloto con tres hospitais de Madrid. Esta empresa proponse eliminar barreiras económicas e físicas para proporcionar acceso a diagnóstico e terapia de precisión a todas as persoas que viven cun trastorno mental. 

 

Pola súa banda, Gaido é un software que axuda no día a día a persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA), mediante o estímulo do desenvolvemento e a aprendizaxe, ademais do apoio ao traballo diario de familiares e profesionais. 

Xorde da necesidade de contar cun conxunto de ferramentas visuais que se adapten ás necesidades reais das persoas con TEA e que conecte a quen os rodea co fin de conseguir un mellor desenvolvemento e unha evolución máis eficiente.

 

En canto a Showleap, trátase dun mecanismo que traduce o signado dunha persoa xorda a texto ou voz mediante un dispositivo con cámara (PC, tableta e, en próximas evolucións, ata un móbil). Actualmente, aliméntase dunha base de datos con 30.000 mostras de diferentes signantes e estase traballando en converter os signos en frases utilizando intelixencia artificial. 

 

Finalmente, Timpers é a marca dunhas zapatillas deportivas deseñadas por persoas cegas, que fan fincapé en texturas, materiais e partes relacionadas co sentido do tacto. Levan o nome escrito en braille.

 

Furgoneta conducida por joystick

Doutra banda, este evento tamén servirá como marco para expoñer o prototipo dunha furgoneta que se conduce con joystick e que permite así o seu manexo a persoas que por problemas motrices non poden utilizar un volante. O vehículo conta coa adaptación de todas as funcións primarias e secundarias necesarias para permitir que unha persoa con graves problemas de mobilidade poida manexalo con total efectividade e seguridade. Por unha banda, instalouse unha rampla que deixa que o usuario acceda coa súa cadeira de rodas ata o posto de condución, o que implica a automatización da porta de acceso, unha plataforma elevadora e unha ancoraxe automática da cadeira. 

 

Así mesmo, incluíronse dispositivos de manexo das funcións primarias do vehículo -acelerador, freo, dirección- a través de interfaces tipo joystick- que poden ser de catro vías con todas as funcións accionadas desde unha mesma panca ou de dispositivos de dúas vías (para acelerador/freo ou para dirección) e/ou minivolante. Tamén se xestionan as funcións secundarias -posta en marcha, luces intermitentes, claxon, etcétera- a través de matrices de sons e símbolos activables por unha botoneira ubicable nun lugar de fácil manexo para o usuario ou mesmo con instrucións por voz. A condución por joystick é o sistema máis avanzado que existe para as persoas que queiran manexar un vehículo desde a súa propia cadeira, sexa cal for a súa discapacidade.

 

O vehículo estará situado na rúa Fonseca da cidade charra.

27/03/201908:33
Logo Codix.
Santiago de Compostela

Nova convocatoria de probas de avaliación presenciais para a obtención do CODIX

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abrirá o xoves 28 de marzo o prazo de inscrición nas probas libres de avaliación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria enviada ao Diario Oficial de Galicia e que sairá publicada previsiblemente o mércores 27 de marzo, con preto de 600 prazas en diversas localidades de Galicia

Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía en xeral que, ben pola súa experiencia ou pola súa formación adquirida por diferentes medios (cursos, academias, autoformación, etc), xa posúe os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

A inscrición poderá realizarase por internet a través dunha nova publicada na web do CeMIT a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o xoves 28 de marzo ata o xoves seguinte, 4 de abril inclusive, sendo necesario estar dado de alta como usuario/a da rede CeMIT para formalizar a mesma.

 

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para establecer a prelación por orde alfabética e publicarase a relación provisional de persoas admitidas con dereito a matriculación na páxina web da rede CeMIT, así como un número axeitado de reservas naquelas localidades que teñan máis solicitudes que prazas dispoñibles.

 

As persoas admitidas recibirán un correo electrónico coas instrucións necesarias para a súa matriculación: deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,37 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non aboen a devandita taxa ou non xustifiquen a exención da mesma por estar inscrito como demandante de emprego ou ter unha minusvalía do 33% ou superior.

Estes serán os lugares, días e horas de realización das probas, donde poderedes inscribirvos a partir do xoves 28 de marzo nas ligazóns que se habilitarán enriba do nome de cada localidade.

É importante resaltar que soamente se poderá presentar unha solicitude de inscrición por persoa participante, sendo excluídos os que figuren inscritos en máis dunha localidade ou horario.

27/03/201908:18
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CDTIC da Amtega organiza o 3 de abril unha sesión sobre facturascripts dirixida ás empresas

  • Esta aplicación, unha das que o CDTIC pon a disposición das empresas, facilita a planificación de recursos e a administración da relación coa clientela
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

 

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o día 3 de abril, en horario de 16.30 a 18.30, nas súas instalacións de Santiago a sesión demostradora “Xestiona o día a día da túa empresa con Facturascripts” (https://cdtic.xunta.gal/facturascripts2019).

O obxectivo desta xornada é presentar FacturaScripts, un programa fácil, accesible e potente, que permite levar ao día a contabilidade da empresa sen moito esforzo. Da man da consultora informática Ítaca Software Libre, explicarase ás persoas asistentes o funcionamento básico dos módulos de FacturaScripts e exporase un caso de xestión empresarial, ademais de realizar un exercicio de carácter práctico.

Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

FacturaScripts, presente no CDTIC Virtual

FacturaScripts é unha das ferramentas informáticas dispoñibles para as empresas no CDTIC Virtual e está deseñada para axudalas na planificación dos seus recursos empresariais e na administración da relación coa clientela.

Entre as funcionalidades máis destacadas desta aplicación atópanse a capacidade de engadir, segundo estamos a crear unha factura ou un albará, clientes á nosa lista, produtos ao noso catálogo e mesmo xerar asentos contables; a realización de cálculos automáticos de prezos e custos de venda; ou a capacidade de xerar orzamentos que posteriormente se poden converter en pedidos, albarás e/ou facturas. Trátase dunha ferramenta completamente accesible dende calquera dispositivo que teña un navegador web que conta tamén cun amplo catálogo de plugins e unha activa comunidade de colaboradores.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

26/03/201908:07
Presentación do evento.
Carballo

O público do Carballo Interplay poderá ver 34 webseries de todo o mundo

Xa vai quedando menos para o Carballo Interplay, o festival bergantiñán de contidos dixitais e webseries que se celebra a vindeira semana. Onte celebrouse no consistorio a presentación da sexta edición do festival, na que se fixo fincapé na relevancia do certame a nivel galego e estatal: é o máis importante da súa temática nos dous devanditos niveis. Tamén se destacou a calidade da sección oficial (con referenciais webseries procedentes de todo o mundo: 34) e máis os esforzos postos para conseguir un programa ateigado de actividades: encontros, obradoiros, relatorios e espectáculos nos que “aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet”.

Amais, púxose o foco no carácter accesible do Carballo Interplay, cuxas actividades son novamente de balde e de entrada libre para todos os seareiros (até completar aforo) agás a formación e a programación profesional, para as que hai que inscribirse previamente. O concelleiro de Promoción Económica da vila, Xosé Regueira, dixo que “grazas ao Interplay, o nome de Carballo é coñecido e recoñecido en moitos ámbitos e en moitas latitudes”. Pola súa banda, o alcalde da localidade, Evencio Ferreiro, abundou na capacidade do evento para conquistar ao público “de Carballo, de Galiza e de máis alá”. Amais, a directora do Interplay, Sonia Méndez, explicou que na sección oficial do festival o público poderá ver unha selección de 34 webseries de todo o mundo e que, no programa de actividades, contarase coa presenza (por primeira vez en Galicia) das cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López, “referentes no sector dos contidos dixitais e no feminismo”, que son quen de congregar a millóns de seguidoras e seguidores nas redes sociais e que ofrecerán no festival un espectáculo “de humor con trazas de musical fallido”, Hermostra, o venres 5 de abril no Pazo da Cultura de Carballo. 

Pola súa banda, María Yáñez, responsable de actividades do Interplay, recordou que o festival pon o foco, “unha vez máis”, nas mulleres creadoras. Por este motivo, xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital, Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman, que falarán de até que punto a sororidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de todas as idades e de todo o mundo. Manuel Bartual e El Hematocrítico, a familia Prieto Flores ou David Sainz e Teresa Segura son algúns dos nomes propios que completan o programa desta edición. Yañez explicou, tamén, que na súa sexta edición o Interplay seguirá a apostar pola creación de series web en Galicia a través de dúas das súas iniciativas: o Campamento Kamikaze que se desenvolverá dende comezos de semana en Razo e o Premio a proxectos de webserie en galego, cuxos finalistas déronse a coñecer onte mesmo. A comedia Válgame Deus! dirixida por Rubén Rodríguez e protagonizada por David Perdomo; a serie futurista Amnesia das novísimas Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin; a resposta ás fake news que propón A mafia da verdade, de Cristina Moreira; e a historia do peculiar millenial Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo, competirán no pitching público que terá lugar o xoves 4 no auditorio da Casa da Cultura de Carballo, perante o xurado formado por Sandra Lesta, Nati Juncal, Enrique Lojo e Xosé Regueira.

Amais, polo Interplay pasarán Marcos López, creador dunha das canles máis populares do Youtube en galego, Telejaita; Miguel Silva Conde, gañador do premio Youtubeir@s 2018 con Aquel-e; Laura Cruxeiras, que triunfa nas redes facendo cancións, humor e reivindicación feminista co dúo Branca e Tinta; o artista coruñés Edu Fernández, a medio camiño entre a videocreación, a parodia e a seriedade de calquera youtubeiro profesional que se fixo viral en 2015 con Chica de la Coru; a crítica feminista e queer Olaxonmario; a xornalista da TVG Alba Mancebo; e mais a actriz e presentadora María Mera, moi activa nas redes sociais, nas que se converteu nunha verdadeira influencer da maternidade. Tamén compartirán as súas experiencias na rede as actrices Lucía Regueiro, María Vázquez e Iria Sobrado, entre outras.

26/03/201907:50
Cartel do evento.
Lugo

O Ludus Gaming Festival converterá Lugo en capital galega e estatal dos videoxogos

Quen queira videoxogos, empregalos, desfrutalos, falar deles ou mesmo crealos, vai ter unha boa oportunidade para facer todo isto esta fin de semana, en Lugo, grazas ao encontro Ludus Gaming Festival, en palabras do Concello e Ebone, organizadores do evento, cita indispensable para os seareiros das aventuras gráficas, das consolas e do lecer dixital en calquera das súas manifestacións. Ludus Gaming Festival celebrarase na Casa do Deporte o venres, 29 de marzo, de 17:00 a 22:00 horas, o sábado 30 de marzo, de 11:00 a 22:00 horas e o domingo, 31, de 11:00 a 20:00 horas.

A cita está enmarcada na programación do Concello para potenciar as novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ao mundo dixital, e está aberto tanto á mocidade como a público familiar que queira gozar co lecer dixital.A cita foi presentada a semana pasada pola edil de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen fixo fincapé en que se trata dunha xuntanza de balde e que un dos seus obxectivos fundamentais é poñer o foco (e salientar) o papel educativo, desenvolvedor e enriquecedor do videoxogo, que é algo máis que unha actividade lúdica, posto que formarnos neste eido (como programadores, deseñadores, artistas, guionistas, etc) introdúcenos en contornas de traballo moi innovadoras e ábrenos grandes oportunidades profesionais e de emprendemento. A isto cómpre engadir o potencial dos videoxogos e das súas metodoloxías como instrumentos de utilidade para todo tipo de contribucións formativas e de ensino: o que se coñece como gamificación. 

O Concello prevé, esta fin de semana, a participación de internautas e video-xogadoras/es procedentes de toda España, uns 5.000 asistentes a este festival. En termos máis concretos, a cita contará con tres grandes áreas. Por unha banda, unha área formativa e lúdica, que busca poñer a disposición da veciñanza “unha serie de propostas formativas que permitan o acceso ao coñecemento de novas tecnoloxías dende unha perspectiva teórica-práctica, que satisfaga ademais o desexo de aprender e facilite a oportunidade de experimentar e probar in situ os elementos que compoñen unha aproximación á tecnoloxía e aos xogos”. A segunda área é a divulgativa, técnica e de demostración, que ten o obxectivo de fornecer ao público de datos relevantes sobre tendencias, produtos e recursos da tecnoloxía. A maiores, activarase un espazo libre (free zone) que configurará un emprazamento específico para o xogo de balde. 

Estas son as oito zonas nas que se artellan as tres devanditas áreas: zona torneos (con catro torneos e co obxectivo de que participen até 1.500 xogadores e xogadoras), zona obradoiros (acollendo un taller de programación e de voo de drons e un obradoiro de robótica), zona free play (con máis de 20 postos de xogo para distintas videoconsolas: PS4, Xbox One ou Nintendo Wii), zona retro arcade (configurada en modo de xogo libre, asistida por monitores que orientarán aos asistentes, e contando con ata 6 postos retro con máis de 1.500 videoxogos arcade vintage), zona simulador e VR (onde o público poderá gozar de experiencias racing car con ata 4 simuladores e xogos de realidade virtual aumentada con outras 4 simuladores de realidade virtual), zona animación, zona filmoteca-visualización (organizarase nas xornadas de venres e sábado sesións-marathon nas que se poderán ver diferentes contidos audiovisuais relacionados con StarWars, Marvel ou Hero) e zona mainstage (un escenario acompañado dunha pantalla LED onde terán lugar algunhas das accións descritas anteriormente).

Asemade, haberá un área Food & Truck no exterior do pavillón (con servizo de comida) e unha ocioteca.

Respecto do programa, contará coa presenza de referenciais youtubers e videogamers. En concreto, formarán parte do evento ZormAn, con máis de 1,4 millóns de subscritores na súa canle, Álex Alguacil, campión do mundo de PES e Aidy García Cortés, que conta con máis de 19.000 seareiros en Twitter e é xogador do club Giants Gaming.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS