
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Un total de 16 alumnos e alumnas formáronse e accederon a un emprego nos últimos seis meses en Desenvolvemento de Aplicacións con Tecnoloxía Web, grazas a un obradoiro de emprego xuvenil que apoia a Xunta en colaboración co Concello.
Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar este taller Costa Web, promovido polo concello de Ferrol. Os alumnos comezaron a formación no mes de setembro e concluíron en marzo, tras seis meses de formación teórica e práctica. Grazas a este obradoiro levouse a cabo o redeseño da páxina web do Centro de Emprego do Concello de Ferrol.
O delegado territorial comezou por felicitar aos participantes: “porque tivestes a oportunidade de traballar seis meses meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Neste senso, resaltou a importancia da colaboración entre administracións públicas para impulsar a formación e a calidade do emprego en Galicia.
Ovidio Rodeiro admitiu que este tipo de actos “supoñen unha especial satisfacción para a Xunta, sempre comprometida na busca de oportunidades para a xuventude”. “Tendes agora a oportunidade de demostrar que soubestes aproveitar esta oportunidade”, sinalou, antes de pedirlles aos 16 alumnos que non se desanimen “na profesión de buscar un emprego”. Rematou agradecendo ao persoal docente “o esforzo por tratar de transmitir, xa non só os coñecementos, como o espírito de loita e emprendemento que vai a levar a estes rapaces a encarrilar o seu futuro profesional”.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
Temos nova web sobre educación científico-tecnolóxica e sobre as vantaxes de iniciar unha andaina educativa e profesional ligada á investigación, o coñecemento avanzado e o desenvolvemento. A nova páxina, STEMbach, vén da man dunha das institucións galegas que envorca máis esforzos en incidir en estimular as vocacións e as capacidades da xuventude en eidos como a informática, a robótica, a eSaúde, a Industria 4.0 ou a sustentabilidade enerxética: a Universidade da Coruña.
O espazo en liña vai adicado ao novo Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, ou STEMbach, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que se oferta por primeira vez neste curso nun total de quince centros educativos galegos.
Na páxina, ademais de información de interese sobre a nova liña formativa pre-universitaria, os titores e o alumnado dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación que se ofrecen desde a Universidade da Coruña: máis de 50 propostas realizadas por once facultades e escolas diferentes situadas tanto no Campus da Coruña como no Campus de Ferrol. Os proxectos, que poden realizarse de maneira individual ou colectiva e contarán cunha posterior defensa pública, están aliñados cos tres campus de especialización da UDC, o Campus Innova, o Campus Sustentabilidade e o Campus Industrial, e serán co-dirixidos por unha persoa docente pertencente á Universidade da Coruña.
Segundo se engade dende os ditos campus, “o alumnado galego matriculado neste bacharelato poderá desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas tan diversos e interesantes como o comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, a mellora da mobilidade viaria das cidades, os robots autónomos, a impresión 3D no deseño industrial, a radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano, a procura de novos compostos antitumorais, a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria, ou as tecnoloxías lingüísticas, entre outras liñas de traballo. Outro dos obxectivos da web é facilitar a coordinación entre a Universidade da Coruña e os quince centros galegos que imparten o STEMbach co fin de “organizar de maneira conxunta visitas, xornadas, obradoiros, seminarios ou calquera outra actividade complementaria de formación”.
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña vai acoller esta semana o evento Informática para tod@s, organizado pola investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Laura M. Castro, entre outros. A iniciativa, que vai celebrar a súa cuarta edición, desenvólvese os días 28 e 29 de marzo e ten o obxectivo de promover o papel da muller no ámbito da tecnoloxía en español.
O evento está enmarcado dentro do ACM-W, un comité internacional cuxa misión é fomentar a participación da muller en todos os aspectos do campo da informática. En 2016, ACM-W: Informática para tod@s uniuse a este conxunto de celebracións a nivel nacional, para mostrar a importante e imprescindible contribución feminina na computación e facilitar o encontro e intercambio de ideas con persoas que comparten o castelán como lingua. A investigadora do CITIC Laura M. Castro foi unha das fundadoras da iniciativa, formando parte do comité organizador dende a súa primeira edición.
O programa de Informática para tod@s está composto por charlas, sesión de pósters, paneis de discusión e feira de emprego. Contará con doce relatoras de referencia no ámbito tecnolóxico; entre elas atópase Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicacións referente en España en Intelixencia Artificial e Big Data e membro do Comité Asesor Científico do CITIC.
A robótica crea e reforza vencellos, estimula capacidades e vocacións e fomenta o intercambio de coñecemento entre xente de distinta idade e formación. Por estas e outras razóns, a Escola Universitaria Politécnica (EUP) do Campus de Ferrol vai organizar esta semana, o xoves 28, a segunda edición do seu Torneo de Robótica. A cita dará comezo ás 9.30, cando o director do centro da UDC, Andrés Piñón, reciba aos máis de 170 estudantes de secundaria, bacharelato e FP que participan no certame.
Nesta segunda edición, concorre alumnado do IES Cabo Ortegal, de Cariño; dos IES Eduardo Blanco Amor e Rego da Trabe, de Culleredo; dos IES Ferrol Vello, Sofía Casanova e Catabois, de Ferrol; do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do IES Ortigueira, de Ortigueira; do CPI de Atios, de Valdoviño; e mais do CIFP Ferrolterra. Divididos en 39 equipos, os estudantes terán que superar tres retos: un sigue-liñas con obstáculos, a proba do varrendeiro e unha competición de sumo. No primeiro desafío, o robot terá que seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles atrancos que se interpoñan no seu camiño. Na segunda das probas, os participantes empregarán algoritmos semellantes aos que utilizan as aspiradoras smart ou as máquinas de cortar o céspede para varrer todos os obxectos do taboleiro (acadará a maior puntuación aquel equipo que consiga o obxectivo marcado no menor tempo posible). Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun combate no que deben expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo. O robot empregado será un Mbot Ranger.
O xurado estará integrado polo profesorado e alumando da Escola Universitaria Politécnica. A entrega de premios terá lugar no salón de actos do centro ás 13:00 horas. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, será a encargada de pechar a cita.
Segue adiante, vento en popa, o proxecto educativo-tecnolóxico CreaR. A iniciativa, dirixida aos pequenos da casa (mostrándolles os beneficios da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e tamén aos maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova), chegará o sábado 30 de marzo a Vilanova de Arousa, logo do seu paso por Carballo.
Segundo lembra a firma R, organizadora do proxecto, as sesións terán continuidade até finais de ano, con novas actividades sobre Intelixencia Artificial e programación e charlas didácticas noutras cidades e vilas da nosa terra. Respecto da cita deste sábado en Vilanova, os obradoiros de robótica (dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos), desenvolveranse de 11:00 h a 13:00 h no Centro de Desenvolvemento Local, no Pazo de Vista Real, coa finalidade de “potenciar a creatividade nos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias coma o traballo en equipo ou a oratoria”.
A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Vilanova, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipa ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo.
Por certo que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.
Os novos talleres e as charlas do programa CreaR arrincaron a súa andaina o pasado 23 de febreiro en Carballo, e logo da cita de Vilanova e até o final de ano, visitarán tamén as localidades de Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón. O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes. Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.