main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/03/201908:59
Cartel do evento.
Bertamiráns

Bertamiráns será esta finde a capital da robótica educativa

Quen queira introducirse na robótica, a programación e as novas tecnoloxías e as súas potencialidades para o ensino vai ter esta fin de semana unha boa oportunidade para mergullarse nelas. A razón? O desenvolvemento do décimo Seminario Obradoiro Internacional de Materiais Didácticos, que se celebra os días 29 e 30 de marzo en Bertamiráns, o primeiro día no Pazo da Peregrina e o segundo na Casa da Cultura. A cita dupla conta coa colaboración do Concello e coa Nova Escola Galega e o grupo CAVILA en materias de organización. 

O seminario-obradoiro ten a finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) e co obxectivo de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria. Como dixemos, o día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina, no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. A continuación realizarase unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro lúdico-cultural no que se celebrarán os 10 anos do seminario.

Ao día seguinte, o sábado 30, a cita será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica e, de seguido, con obradoiros simultáneos nos que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos. Estes talleres artéllanse en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza neles de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto Realidade virtual e storytelling.

O seminario está dirixido aos docentes dos centros escolares, así como ao conxunto da veciñanza amesá. Aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC. Ademais, permitirá afondar na utilización da robótica tanto nos colexios como nos fogares e nas metodoloxías STEM.

29/03/201908:26
Portada do estudo.
Madrid

O lecer dixital é o servizo máis consumido pola maioría dos usuarios con discapacidade

A partir dos resultados do "Estudo de accesibilidade dos bens e servizos a disposición do público en España, 2017", elaborado pola Fundación ONCE, destácase que o lecer dixital é o servizo máis consumido pola maioría dos usuarios con discapacidade, as boas puntuacións do sector turismo, o avance en mobilidade dos transportes e certa insatisfacción dos usuarios con discapacidade cara á accesibilidade do sector financeiro e de seguros.

Dispoñible na web do Centro Español de Documentación sobre Discapacidade (CEDD) e editado polo Real Padroado sobre Discapacidade, a través do CEDD, o estudo realiza un diagnóstico do estado da accesibilidade dos produc­tose e servizos a disposición do público considerados máis relevantes (alimentación, vivenda, sanidadetransporte, comunicacións, lecer e cultura, ensino, etcétera) a partir dos diferentes estudos, informes e avaliacións dispoñibles e das apor­taciones dalgúns representantes de entidades do sector da discapacidade.

Destacan as boas puntuacións alcanzadas nalgúns apartados do sector turismo, concretamente en restaurantes e hoteis. Segundo o "Observatorio de accesibilidade universal ao turismo en España", (Fundación ONCE, 2017), a pesar dos problemas de acceso e deambulación para persoas con mobilidade reducida, os aloxamentos recibiron unha nota media de sete sobre dez, e os bares e restaurantes, unha valoración ponderada de 6,1 de 10.

No outro lado da balanza, os tres sectores peor valora­dos polas persoas con discapacidade na enquisa online son o transporte; o lecer dixital, a cultura e o deporte, e os seguros e servizos financeiros. Con todo, as diferenzas entre as puntuacións non son moi significativas.

Enquisa Online

Tamén forman parte deste traballo os resultados dunha enquisa online rea­lizada para coñecer a opinión das persoas con discapacidade respecto da accesibilidade dos bens e servizos, na que se profunda en dous ámbitos relevantes como son a contorna sanitaria e o lecer e a cultura.

A consulta online realizada para este estudo revela que, en relación ao acceso dos produtos e servizos relacionados co lecer e coa cultura, o lecer dixital é sen dúbida o medio máis consumido pola maioría dos usuarios con discapacidade (oito de cada dez), fronte ao uso de cinemas, teatros e museos (sete de cada dez) e as actividades deportivas (seis de cada dez).

Nos procesos xestionados de forma presencial é onde os partici­pantes manifestan máis dificultades; sete de cada dez usuarios recoñecen atopar carencias ao acceder aos establecementos e ao realizar procesos de autoservizo nas compras presenciais; fronte a catro de cada dez que atopan barreiras nos procesos de navegación e procura, pago, facturación e seguimento dos servizos e contratación online.

Con todo e con todo iso, o estudo pretende identificar a situación actual para, a partir das conclusións e reco­mendaciones extraídas, coordinar esforzos e poder seguir traballando no desenvolvemento de actuacións que permitan a súa mellora.

O estudo, presentado polo Real Padroado sobre Discapacidade e editado polo Centro Español de Documentación sobre Discapacidade (CEDD), está a disposición dos usuarios de forma gratuíta e online na páxina web do CEDD.

Acceso ao contido completo do traballo: Estudo de accesibilidade dos bens e servizos a disposición do público en España.        

Sobre o Real Padroado sobre Discapacidade

O Real Padroado sobre Discapacidade é un organismo autónomo da Administración Xeral do Estado, que ten encomendada, entre outras funcións recollidas no artigo 3 do seu Estatuto, promover a aplicación dos dereitos humanos, os ideais humanísticos, os coñecementos científicos e os desenvolvementos técnicos ás accións sobre a discapacidade, facilitar a colaboración entre distintas institucións, prestar apoios a organismos en materia de estudos, investigación e desenvolvemento, información, documentación e formación, emitir ditames técnicos e recomendacións e desenvolver actividades como órgano técnico de encontro, reflexión, debate e proposta, así como difundir e promover o máis amplo coñecemento da discapacidade.

29/03/201908:19
Unha nena con discapacidade auditiva segue a clase a través dunha tableta.
Santiago de Compostela

Ability Connect, unha app para facilitar a comunicación de persoas con discapacidade

Ability Connect é unha tecnoloxía para que distintos usuarios poidan compartir contido en texto sobre o que se aplican distintas opcións de accesibilidade, facilitando enormemente a comunicación a persoas con discapacidade visual ou auditiva.

Esta aplicación está especialmente pensada para o ámbito educativo xa que facilita que persoas con discapacidade poidan seguir as explicacións e a materia que se trata na aula dunha forma moito máis accesible.

O texto pódese adaptar para facilitar a súa lectura por persoas con discapacidade auditiva ou visual, ou os dispositivos móbiles pódeno ler no alto para que sexa accesible a persoas cegas.

Os compañeiros de Orientatech probaron este sistema desenvolvido pola Universidade de Alacante en colaboración coa Fundación Vodafone, e publicaron unha exhaustiva análise sobre el, non volo perdades!

29/03/201908:17
Fotografía de varios sobres de votación sobre un calendario marcando o 28 de abril.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía mellora a participación de persoas con discapacidade nas eleccións

É fundamental garantir os dereitos e obrigacións das persoas con discapacidade, como é o dereito para participar na vida política en igualdade de condicións, e para logralo a tecnoloxía é, en moitos casos, un aliado fundamental.

Así será nas próximas eleccións xerais nas que Fiapas colaborará co Ministerio do Interior na instalación de bucles magnéticos naquelas mesas electorais nas que estean designados membros, xa sexa como titular ou como suplente, con discapacidade auditiva que utilicen audífonos ou implantes.

Desta forma, cando se coñezan as persoas que deberán integrar as mesas electorais, os membros que sexan usuarios destas próteses poderán pedir á Xunta Electoral de Zona a instalación dos bucles.

Este organismo transmitirá a petición á delegación ou subdelegación do Goberno, que o comunicará ao Ministerio do Interior, que xestionará a instalación do bucle coa Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas).

Estes bucles magnéticos facilitarán a comunicación ás persoas con discapacidade auditiva usuarias de audífonos ou implantes, sobre todo tendo en conta que os colexios electorais son lugares nos que habitualmente existe moito ruído ambiente.

29/03/201908:01
Foto dos premiados de "Lingua de namorar".
Padrón

Padrón acolle a entrega de premios de 'Lingua de Namorar'

  • O secretario xeral de Política Lingüística, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o delegado territorial da Coruña entregaron onte os galardóns da sétima edición deste certame co que se quere dinamizar o uso do galego nas relacións persoais da mocidade e na internet

 

Tal e como estableceron as bases da sétima edición do certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade Lingua de namorar, Padrón acolleu onte o acto de entrega de premios, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o delegado territorial, Ovidio Rodeiro.

“Que mellor lugar para facer entrega dos premios da que xa é a oitava edición do certame Lingua de namorar ca esta Praza dedicada a Macías O Namorado, un poeta padronés que cantou o seu amor en galego, tal e como vós, premiados e premiadas, fixestes en pleno século XXI, aínda que usando un tipo de texto e un medio de transmisión diferente e adaptado aos novos tempos”, sinalou García Gómez na súa intervención, na que quixo recordar que “o obxectivo de Lingua de namorar, que vai máis aló ca un certame literario ao uso. Con esta iniciativa, as consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social queremos animar as novas xeracións a continuar expresando en galego o que en galego sempre se expresou, os afectos; que os mozos e mozas empreguedes no voso día a día a que foi lingua de trobadores sabendo que é tamén un idioma do século XXI que serve para ser usado en cantos ámbitos e soportes, novos e vellos, se lle presenten”.

Pola súa banda, Cristina Pichel destacou que esta é “a edición das primeiras veces”, posto que é a primeira vez que resulta premiado un mozo de fóra de Galicia, que unha persoa repite galardón por segunda vez (Nee Barros) e, tamén, “é a primeira vez que tecemos sinerxías entre o talento da xuventude galega, posto que a persoa que musicou as mensaxes gañadoras, David Dealonso, foi 2º premio en Xuventude Crea 2018”, sinalou. “Isto demostra”, en palabras da directora xeral, “que os mozos e mozas galegas teñen talento, que se esforzan día a día e que están comprometidos co noso idioma”.

Acompañounos o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira.

Seis premios e unha mención de honra entre case 600 participantes

Recolleron os seus premios, na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e mozas que teñen entre 14 e 19 anos, Nee Barros (Marín, Pontevedra) coa mensaxe “Máis que choiva”; e o segundo e o terceiro premio, respectivamente, Irea Cendán (As Pontes, A Coruña), por “Conto contigo”, e Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por “Tan guapa”. Este último, alumno do IES leonés de Cacabelos, un dos 19 centros de ensino que participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e en Sanabria que impulsan a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

Na categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, recibiuno Navia Rivas (Boimorto, A Coruña) con “Este para min”. O segundo, Darío Rodríguez (Vigo, Pontevedra), por “Amor diglósico”, e o terceiro Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, Ourense), por “A discusión: corazón vs. cabeza”. Nesta categoría recibiu tamén unha mención de honra do xurado María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo), por “Escoiteite”.

Estes seis gañadores e a mención de honra impuxéronse de entre os preto de 600 mozos e mozas que participaron na sétima edición de Lingua de namorar. Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso e no Portal da Lingua galega.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS