
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal iniciará o vindeiro día 8 un curso de balde organizado pola Asociación TIC Ferrolterra que instruirá sobre Deseño e web e impartirase até o 12 de abril na sede da Confederación no polígono Río do Pozo de Narón. A actividade terá unha duración de dez horas, de 20:00 a 22:00 horas de luns a venres, e cada alumno terá que levar o seu propio ordenador portátil.
Os contidos do curso inclúen formación sobre coñecementos básicos de imaxe (utilización da cor, nocións de deseño), sobre como realizar a imaxe dos produtos e servizos, a documentación necesario para crear unha imaxe corporativa (tarxetas, carteis e folletos) e Internet na imaxe corporativa (uso das redes sociais e creación e mantemento dunha páxina web con posicionamento en servidores).
A partires do 23 de abril continuará o ciclo formativo con cursos sobre impresión 3D e Photoshop. En todos os casos a inscrición pode realizarse chamando por teléfono ao 981 33 33 22 ou por correo electrónico.
Representantes de sete países reúnense do 1 ao 3 de abril no centro da Orde Hospitalaria de San Xoan de Deus de Cracovia, no segundo encontro de coordinadores de LETITBE. Un proxecto con financiamento Erasmus da Comisión Europea para mellorar a vida das persoas con discapacidade a través da innovación e a tecnoloxía dixital.
Nesta ocasión reuníronse 16 participantes que inclúen coordinadores de LETITBE nos centros para persoas con discapacidade de San Xoan de Deus implicados, membros da Fundación Xoan Cidade, o responsable da oficina Hospitality Europe, un centro das Irmás de San Benito Menni e un responsable da Fundación Vodafone.
En total son sete os países que están a traballar conxuntamente para atopar solucións a problemas da vida cotiá que afrontan as persoas con discapacidade en España, Polonia, Irlanda, Alemaña, Austria, Portugal e Bélxica.
Este proxecto pon no centro a estas persoas, sendo elas as protagonistas de decidir e probar aqueles apoios e solucións tecnolóxicas que consideran importantes para as súas propias necesidades, como cociñar, viaxar en transporte público, comunicarse ou ir ao cinema.
Todo iso realízase a través da plataforma Mefacilyta, creada pola Fundación Vodafone, que colabora no desenvolvemento e mellora desta aplicación, que é de uso gratuíto e pode descargarse en diferentes dispositivos como smartphones e tablets.
O programa LETITBE ten unha duración de dous anos e desenvólvese en cinco centros de atención de persoas con discapacidade de San Xoan de Deus en España, Irlanda, Alemaña, Austria e Polonia, ademais dun centro das Irmás Hospitalarias en Portugal.
Na parte de coordinación participan a Fundación Xoan Cidade desde Madrid e a Oficina Hospitality Europe en Bruxelas, e conta coa colaboración da Fundación Vodafone España.
Acompañados por membros do noso equipo percorreron as instalacións da nosa sede central e puideron experimentar o traballo que se desenvolve en áreas de proxectos I+D+i, sistemas ou desenvolvemento para coñecer de preto o funcionamento dunha empresa tecnolóxica e o labor dos seus profesionais, levándose así unha fotografía completa da nosa actividade.
Forman parte dos 65 alumnos galegos, de entre 12 e 17 anos, que ao longo deste mes están participado na actividade Tecnólogo por un día, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020 (DigiTalent), e que ten como obxectivo fomentar as vocacións STEM, achegando aos máis novos as profesións científico-tecnolóxicas.
Dous destes alumnos, cóntannos como viviron a experiencia.
Xoel Moure, 16 anos, estudante do IES Castelao
"A miña intención é estudar unha FP en informática ou TIC e pareceume moi interesante poder participar nesta iniciativa e coñecer como se traballa nunha empresa TIC por dentro. Foi unha experiencia moi positiva e repetiríaa sen dubidalo porque che permite ver cos teus propios ollos como é o traballo e ter a oportunidade de que cho expliquen".
Hugo Álvarez, 14 anos, estudante do IES Monte Carrasco
"Gústame estar cos computadores e a tecnoloxía en xeral. De maior quero dedicarme ao mundo TIC, non teño claro aínda a rama, pero si que a algo relacionado coa tecnoloxía, e pareceume interesante coñecer como se traballaba nunha empresa TIC".
Esta é a segunda edición da iniciativa e rexistrou máis de 200 solicitudes de 50 centros educativos de máis de 25 concellos galegos, o que supón o dobre que na primeira.
A Amtega poñerá en marcha unha nova convocatoria no segundo semestre de 2019 para continuar achegando aos mozos ás profesións TIC. Nesta nova quenda procurarase contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM, reservando un terzo das prazas para nenas co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional destas mozas polas profesións TIC.
En SIVSA esperamos que esta sexa a primeira doutras moitas visitas de mozos interesados no sector TIC e que, con ela, contribuamos a fomentar a súa vocación por este apaixonante mundo, poñer un pouco de luz nas súas dúbidas profesionais e, sobre todo, atraer moito talento TIC entre as futuras xeracións.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación (AETG), en colaboración coa axencia AMTEGA, vén de convocar a nova edición do seu Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, 2019, destinado a recoñecer as mellores contribucións no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación a prol da solidariedade, a integración e o activismo, poñendo o foco na inclusión social e dixital e na igualdade de oportunidades. O galardón será entregado no marco da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra o 31 de maio na Coruña (edición número 24) da man do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG).
Volvendo ao devandito galardón TIC solidario, a AETG lembra que as candidaturas deben ser entregadas antes das 10.00 horas do 15 de abril e estar especialmente dirixidas a potenciar fomento das tecnoloxías facilitando o seu emprego para contribuír, deste xeito, “á diminución da fenda dixital, poñendo en marcha iniciativas empresariais ou sociais de desenvolvemento, fabricación ou servizos, que incorporen un elevado nivel do uso das TIC con produtos e/ou servizos que melloren a calidade da vida das persoas”. Así, os proxectos deberán dar resposta a demandas sociais dirixidas á mellora de áreas concretas, ou ben estar dirixidos ao benestar e a calidade de vida das persoas e da sociedade en xeral. Valoraranse especialmente aquelas contribucións que atendan a colectivos en risco de exclusión dixital.
O premio, que ten carácter honorífico, é pois un incentivo para recoñecer as accións emprendidas por empresas, entidades ou particulares para “que as persoas e comunidades sexan cada vez máis dixitais mediante o acceso, uso e apropiación das TIC”, sinala a AETG. En termos máis concretos, teranse moi en conta as seguintes características nos proxectos: presentación e claridade na exposición, calidade na proposta, grao de innovación tecnolóxica ou científica, resolución de retos sociais, orixinalidade e carácter innovador da idea, público obxectivo que se vería beneficiado pola solución do proxecto, participación efectiva das persoas beneficiarias da solución TIC, aplicabilidade e pragmatismo para a obtención dos resultados nos colectivos aos que vai dirixido o proxecto, a súa madureza, a súa accesibilidade en custo para o usuario final ou a súa viabilidade comercial, entre outros parámetros.
Onte presentouse o Informe da Sociedade Dixital en España 2018 elaborado pola Fundación Telefónica, no que recollen os indicadores sociais máis relevantes que conforman o panorama da sociedade dixital á vez que analizan a evolución dos servizos dixitais e infraestruturas no ámbito estatal.
Datos relativos a Galicia
Pero os datos recollidos no informe tamén serven para facer un retrato da sociedade galega, destacando que un 62,7% dos galegos de entre 16 e 24 anos compran a través da Internet superando en 8 puntos a media estatal, mentres que o 40,4% da nosa poboación tería realizado a adquisición dalgún produto ou servizo a través da Internet nos últimos 3 meses, o que supón un crecemento interanual do 25,9% (mentres que a media estatal está nun 8,8%). Temos así que Galicia está a medrar no uso do comercio electrónico, sendo a nosa mocidade a que ten unha maior afinidade a esta forma de mercar.
O informe da Fundación Telefónica recolle que o 82,6% dos fogares galegos teñen contratado un servizo de acceso á Internet, considerándose que o usa da Internet é practicamente universal entre os menores de 34 anos, aínda que entre os galegos de entre 65 e 74 anos tamén se rexistrou un importante incremento (8,6%) con respecto ao ano anterior. No relativo á interacción coas Administracións Públicas, Galicia consegue situarse no terceiro posto de comunidades autónomas a nivel estatal, acadando un meritorio 68,2%, o que supón un crecemento interanual do 16,6% e unha posición un 2,8 puntos superior á media.
WhatsApp domina as comunicacións persoais en España
Se analizamos a España en xeral vemos como o móbil segue a ser o corazón da tecnoloxía, pechando o mes de setembro de 2018 cun parque de 53,4 millóns de liñas móbiles, ou sexa, 114 liñas por cada 100 habitantes. Tamén salientan que a cobertura das redes 4G xa chega ao 97,2% da poboación, mentres que nas comunicacións fixas a fibra óptica até o fogar xa ten unha cobertura do 71%, superando amplamente a países como Reino Unido, Alemaña ou Francia.
Pero a proliferación de liñas móbiles non indica un maior uso dos servizos de voz, senón que o informe tamén incide nunha tendencia moi asentada: a preferencia da mocidade pola mensaxería instantánea. Aseguran que o uso de mensaxes case dobra ao de chamadas por móbil e fixo, cun 60% da poboación que envía mensaxes instantáneos varias veces ao día, mentres que só un 24% fai varias chamadas polo móbil e só un 12% faría o mesmo polo fixo. Nesta liña sosteñen que o 96,8% dos mozos españois de entre 14 e 24 anos empregan o WhatsApp como canle preferente para comunicarse con familiares e amigos. Un detalle significativo no informe de 2018 é o relativo aos cambios no consumo televisivo, de xeito que o consumo audiovisual diante do televisor comeza a igualarse ao doutras pantallas (ordenadores, móbiles e tabletas), e tamén está a medrar moito o consumo en Smart TV.