main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/03/201913:45
A conselleira de Educación participou na apertura da xornada ‘Educación Dixital’.
Santiago de Compostela

Galicia salienta a importancia da capacitación tecnolóxica do alumnado, en especial das rapazas

  • O evento presenta boas prácticas e formas concretas de usar as TIC para apoiar e realzar o proceso de ensino-aprendizaxe

 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na apertura da xornada formativa Educación Dixital, dirixida ao profesorado de todos os niveis educativos e incluída dentro da estratexia Edudixital 2020. O lema da xornada, en conmemoración do 50 aniversario da chegada á Lúa, e en relación aos avances en materia educativa e o esforzo e traballo docente, foi Un pequeno paso é un gran paso.

A titular do departamento educativo da Xunta salientou a importancia da capacitación tecnolóxica do noso alumnado, en especial de fomentar as vocacións STEM entre as rapazas para rematar coa fenda dixital de xénero, un dos principais obxectivos da Consellería. Así mesmo, indicou que no contexto da educación dixital outro dos retos do seu departamento é o de axudarlle “ao noso alumnado, nativo dixital, a utilizar a tecnoloxía ao seu favor e a tirar proveito de todo o seu potencial, mellorando tamén a convivencia nos espazos virtuais nos que socializa con naturalidade, e nos que precisa ferramentas que o axuden a construír e protexer a súa identidade dixital”.

A conselleira explicou que é necesaria a colaboración de toda a comunidade educativa para acadar os devanditos obxectivos e, moi particularmente, a de docentes como os que participan hoxe na xornada, que axudan a descubrir, canalizar e potenciar o talento individual. Neste sentido Carmen Pomar salientou a importancia de xerar e motivar procesos de aprendizaxe no alumnado e promover un ambiente propicio na escola que permita formar a nenas e nenos “para un mundo laboral no que o 65% dos empregos que se van desempeñar aínda non existen”.

 

Coñecementos e boas prácticas

A xornada, que se celebra no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, mestura conferencias, obradoiros, aulas abertas e presentación de experiencias de centros de toda Galicia arredor do emprego das novas tecnoloxías no ensino. Organizada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), ten como obxectivo reforzar as competencias profesionais docentes en relación coas tecnoloxías da información e a comunicación. Deste xeito, o evento permite que o profesorado actualice os seus coñecementos neste eido, comparta boas prácticas, experimente con novos dispositivos e metodoloxías e reflexione sobre as implicacións sociais e educativas do uso das novas ferramentas.

O evento conta coa participación de persoas divulgadoras, docentes e formadoras que presentarán boas prácticas e formas concretas de usar as TIC para apoiar e realzar o proceso de ensino-aprendizaxe e para empoderar ao alumnado. Deste xeito, o relatorio inicial, INSPIRA STEAM. Nunca permitas que a imaxinación limitada dos demais te limite, corre a cargo de Lorena Fernández; mentres que Juan Francisco Álvarez abordará o kit básico do docente competente dixitalmente e Pedro Cifuentes será o encargado da conferencia Sentido da marabilla, motor educativo do século XXI. Pola súa parte, Beatriz Calavia impartirá dúas charlas arredor dos ciberdelitos e da identidade e reputación dixital, na modalidade de ‘sala aberta’, un espazo para o debate e a reflexión onde os participantes poden compartir o seu punto de vista de xeito máis ou menos informal sobre un tema dado.

No referido aos obradoiros, Marco Vélez afondará na edición de vídeo e o chroma key, Pedro Cifuentes na narrativa gráfica en contextos dixitais e Andrea Doural amosará a posibilidade de vivenciar un xogo de fuga no terreo educativo a través da figura de María Victoria Moreno.

Canto ás experiencias de centro, presentarán as súas o CPI As Mirandas (Ares), o CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), o CIFP Ferrolterra (Ferrol), os CPR Santa Xoana de Lestonnac e Sagrado Corazón (ambos de Ferrol), o IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), o CPI Ramón Piñeiro (Láncara), o IES Ribadeo Dionisio Gamallo (Ribadeo), o CEIP Valle-Inclán (O Grove), o CEIP Noalla (Sanxenxo), o CEIP Frián-Teis (Vigo) e os IES do Castro e Álvaro Cunqueiro (ambos da cidade da oliveira).

22/03/201914:03
startups R DiCo Challenge.
Santiago de Compostela

Arrinca Startups R Dico Challenge con cinco proxectos empresariais que aplican os contidos dixitais a diferentes ámbitos

  • Esta aceleradora é unha das actuacións do Plan de Impulso aos Contidos Dixitais, Dico Mindset da Amtega
  • Cuicui Studios, M International e Adiviña Producións, o centro tecnolóxico Gradiant e o emprendedor Mario Pérez inician a fase de aceleración das súas iniciativas que terminará a finais deste verán cun “Demo Day”
  • Entre os obxectivos principais da aceleradora están o rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudarlles a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado
  • Os cinco proxectos poderían ter como primeiros clientes ao operador galego e á CRTVG

 

A aceleradora de contidos dixitais Startups R Dico Challenge, impulsada polo operador galego e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ponse en marcha cos cinco proxectos selecccionados polo comité evaluador do programa (2 representantes de R e 2 da Amtega, coa colaboración e asesoramento da CRTVG, que mentorizará un dos retos).

As cinco iniciativas dan resposta aos retos lanzados a final de ano para ofrecer solucións en retransmisións de eventos deportivos, aplicacións para Android TV, contidos formativos innovadores e Big Data aplicado ao consumo televisivo. Entre os obxectivos principais da aceleradora están o rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudarlles a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, mesmo con R como primeiro cliente.

 

Os cinco finalistas

En resposta ao reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, o proxecto elixido foi Futboleando.Gol, de M International. O piloto, ‘mentorizado’ por Diego Rodríguez Devesa, responsable de contidos televisivos de R, propón un servizo de retransmisión automatizada en diferido de partidos de fútbol basee, integrado coa plataforma de distribución de contidos de R e do grupo Euskaltel.

Na contorna do reto 2, aplicacións para Android TV, foi seleccionado o proxecto Brain Games TV, promovido por Cuicui Studios e ‘mentorizado’ por Antonio Rato, responsable de televisión na área de Innovación de R e do grupo Euskaltel. A proposta é desenvolver unha aplicación de Android TV de xogos de Brain Training adaptados ao formato televisivo, integrada na plataforma de R.

Para o reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, escolleuse o proxecto de Adiviña Producións, FVR- Fila de Realidade virtual. ‘Mentorizado’ por Leticia Sánchez, directora de Televisión do grupo Euskaltel, FVR contempla o desenvolvemento dun servizo viable de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180º.

No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, o comité evaluador decidiuse pola proposta de Mario Pérez, Visualización Big Data, que ‘mentoriza’ Esther Medina, Xefa do servizo de Innovación na contorna dixital da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de recolección e análise masivo de datos orientado á mellora da programación televisiva.

Finalmente, no apartado de reto aberto escolleuse FaceIDNN, promovido polo centro tecnolóxico Gradiant e ‘mentorizado’ por José Cadavid, responsable de Plataforma e Big Data do grupo Euskaltel. Neste caso, a idea é desenvolver un piloto dun sistema de retención/fidelización (onboarding) de novos clientes utilizando tecnoloxías de recoñecemento facial que eviten a suplantación de identidade (anti-spoofing) para confirmar automaticamente a identificación dos usuarios.

 

Aceleración

Os elixidos terán á súa disposición os seus respectivos mentores e poderán optar á axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento das propostas. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar á beira do operador galego durante este tempo.

Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Quen desenvolva o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

Esta primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances conseguidos. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.

 

Plan Dico Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.

22/03/201910:11
Cartel dos premios.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone España convoca a XIII Edición dos "Premios Vodafone á Innovación"

  • Outorgaranse tres premios dotados con 15.000 euros cada un
  • O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 21 de xullo de 2019

 

A Fundación Vodafone España convoca a XIII Edición dos seus "Premios Vodafone á Innovación" co obxectivo de promover e desenvolver proxectos de innovación en TIC para mellorar a calidade de vida de sectores da poboación que se atopen nunha situación de vulnerabilidade ou nunha posición de risco de caer na exclusión social.

A finalidade da convocatoria é a de apoiar a aparición de servizos innovadores, especialmente dirixidos ao beneficio dos devanditos grupos, que poidan ter unha ampla repercusión polo seu interese, novidade e potencialidade na promoción da transformación dixital, así como a súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas.

Os premios clasificaranse nas seguintes categorías:

  • Premios "Connecting for Good": outorgaranse dous premios "Connecting for Good" aos proxectos tecnolóxicos innovadores que supoñan unha solución ante un reto ou problema de amplo impacto social, sustentable, e para calquera ámbito: educación, emprego, saúde, participación cidadá, etc. En ambos os proxectos teranse en conta os criterios de accesibilidade (deseño para todos) e apoio á transformación dixital.

Poderanse presentar proxectos de innovación tecnolóxica desenvolvidos en calquera soporte (app, web, plataforma...). Terán que terminar a súa fase de definición e estar listos para comezar a súa fase de execución, ou comezala xa na data de entrega.  

  • Premio á Traxectoria no uso das TIC: esta categoría supón un recoñecemento especial a persoas, entidades ou institucións públicas ou privadas que utilizasen a tecnoloxía en proxectos de gran impacto social. Os candidatos serán propostos exclusivamente pola Fundación Vodafone e/ou polo xurado destes premios.

Cada un dos premios están dotados con 15.000 euros e unha escultura conmemorativa.

Ademais, a categoría "Connecting for Good" será premiada con presenza no Mobile World Congress 2020.

A estes premios poden presentarse proxectos desenvolvidos en España desde o ano 2017 e ata a data da convocatoria e que non fosen premiados noutras convocatorias da Fundación Vodafone España.

O prazo para a presentación de proxectos estará aberto ata o 21 de xullo de 2019.

Bases desta edición, formulario para presentar candidaturas e instrucións.

Un xurado formado por personalidades da Administración, a investigación e a empresa valorará o carácter innovador da solución, o público obxectivo que se podería ver beneficiado e a súa posible escalabilidade a outros grupos vulnerables, e a súa sustentabilidade técnica e económica.

O fallo do xurado notificarase antes do 20 de setembro de 2019.

22/03/201910:05
Ilustración baseada no concepto de intelixencia artificial.
Santiago de Compostela

Nova edición de AI for Good de Microsoft: Tecnoloxía para un mundo máis accesible

Microsoft anunciou unha nova edición do seu programa AI for Good, un concurso no que a compañía recoñece os proxectos máis interesantes baseados na intelixencia artificial dirixidos a lograr un mundo máis accesible e máis sustentable.

Os proxectos que participan neste concurso deben ir dirixidos a empoderar ás persoas con discapacidade ou a mellorar a sustentabilidade ambiental.

Desta forma, Microsoft busca nova tecnoloxía que axuda ás persoas con discapacidade e impulse a súa inclusión en todos os ámbitos: social, familiar e laboral.

En edicións anteriores destes premios foron premiadas iniciativas tan interesantes como Seeing AI, un programa que identifica os obxectos que captan as cámaras dos teléfonos móbiles para axudar a persoas con discapacidade visual.

Os que queiran participar nesta edición de AI for Good teñen de prazo ata o próximo 24 de abril para presentar os seus proxectos.

O xurado elixirá os máis destacables baseándose nun 50% na orixinalidade da idea, nun 20% na súa viabilidade e nun 30% na complexidade para a súa implantación.

22/03/201909:06
Vista cenital de xente traballando con portátiles.
Vigo

Comezan os novos retos de HackForGood con Vigo como epicentro galego

Dende este xoves e até o sábado estase a celebrar nunha decena de cidades españolas o evento HackForGood, encontro interuniversitario de Telefónica (a través da Rede de Cátedras) que consiste en xuntar hackers de toda España para desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras que dean resposta a máis dun centenar de retos sociais expostos para materializar unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria. Vigo, Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, As Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Salamanca, Cáceres e Cidade-Real acollerán esta sétima edición 2019. 

No caso de Vigo, a cita será inaugurada oficialmente pola directora de Galicia de Telefónica, Marta Menéndez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa, este venres, ás 10:30 h., no Teatro Cidade Universitaria do Campus. Estarán acompañados por José Cidrás, director da Cátedra de Telefónica da Universidade. HackForGood conta co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade de Vigo, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars. HackForGood estrutúrase ao redor de desafíos ou proxectos de innovación social denominados “retos” que poden ser propostos por calquera persoa ou entidade a través da web http://www.hackforgood.net e que a organización asignará a un equipo de hackers para que traballen na iniciativa durante o transcurso do encontro. 

Durante o HackForGood 2019 valorarase a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., ademais da creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o impacto social das mesmas. Con todo iso, os participantes poderán acceder a tres categorías de premios: locais, nacionais e Big Day.

  • Premios HackForGood Locais (concederanse aos mellores equipos de cada unha das sedes ou cidades, o último día de HackForGood).
    • Primeiro premio: 1.000 euros. Segundo premio: 600 euros. Terceiro premio: 400 euros.
  • Premios temáticos sede Vigo.
    • Premio á Innovación Social: 500 euros. Premio á Innovación Enerxética: 500 euros. Premio Sustentabilidade: 500 euros. Premio Medio Ambiente: 500 euros. 
  • Categoría Premios HackForGood Big Day (concederanse aos 3 mellores equipos de entre todos os gañadores dos Premios Locais que se significaron pola súa continuidade e resultados obtidos desde a súa presentación a HackForGood).
    • Primeiro premio. 4.800 euros. Segundo premio: 3.200 euros. Terceiro premio: 1.200 euros.
  • Categoría Premios Premios HackForGood Nacional: (concederanse aos 3 mellores equipos de entre todos os gañadores dos Premios Locais).
    • Primeiro premio: 3.200 euros. Segundo premio: 2.400 euros. Terceiro premio: 800 euros. Bolsa Universidade Politécnica de Madrid (50% -valorada en 3.000 euros).
  • Premio Innovación Sustentable de Telefónica (5 tabletas iPad).
  • Premios Blockchain for Good Telefónica.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS