
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Un dos aspectos máis importantes para as persoas con discapacidade auditiva que utilizan próteses como audífonos ou implantes é como axustalas para ofrecer unha mellor calidade de son.
Normalmente, estes axustes realízanse polos expertos en clínicas ou locais similares que non representan os ambientes nos que habitualmente se atopan os usuarios, polo que a experiencia cambia moito cando a persoa con discapacidade auditiva sae da clínica.
Para mellorar o proceso polo que se axustan estes dispositivos, a tecnoloxía volve ser clave. Así o creron no departamento de ORL da Clínica Universidade de Navarra, que creou unha cabina de audiometría capaz de reproducir os ambientes reais nos que se moverá habitualmente o usuario.
Esta cabina utiliza a tecnoloxía 3D para recrear escenarios de escoita que imitan os de contornas reais, de maneira que as exploracións para analizar a audición do paciente achéganse moito máis á realidade.
Desta forma, cando posteriormente se axustan os audífonos e implantes ás necesidades da persoa con discapacidade, o resultado é moito máis satisfactorio.
Esta invención permitiulle á doutora Melisa Vigliano, que representa ao centro navarro, recibir o premio que outorga a Confederación Española de Persoas Xordas (Fiapas) na área de sanidade.
A Comunidade de Madrid instalará na estación de Gran Vía do Metro os chamados "tornos do futuro", que incorporan toda a tecnoloxía para facilitar o acceso a todas as persoas, incluíndo ás persoas con discapacidade e ás persoas maiores.
Estes tornos serán máis accesibles tanto a persoas con discapacidade sensorial, como a aquelas cunha discapacidade cognitiva, xa que facilitará o uso, o que facilitará tamén o paso a moitas persoas maiores que teñen dificultades para manexar a tecnoloxía.
Os novos dispositivos que se inaugurarán na entrada a esta estación incorporan pantallas de información, luces led e un sistema de validación do billete "fácil, entendible e visible".
O sistema baséase nunha serie de cores que se iluminan en función do estado da máquina e de se se validou a entrada ou hai algún problema.
A instalación dos novos tornos inclúese no proxecto Estación 4.0, que busca renovar o equipamento da rede do Metro de Madrid.
Ademais dos novos tornos, este plan recolle a aplicación da última tecnoloxía noutras áreas da rede de Metro como as estacións, os trens, os postos de mando, os centros de procesamento de datos ou a rede de datos global.
A operadora Telefónica, a través da súa Rede de Cátedras, impulsa un ano máis HackForGood, o encontro interuniversitario que se celebra de maneira simultánea en varias cidades e que consiste en xuntar hackers de toda España para desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras que dean resposta a máis dun centenar de retos sociais expostos para construír un mundo mellor. Vigo, Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, As Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Salamanca, Cáceres e Cidade-Real acollerán esta sétima edición 2019.
HackForGood conta co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade de Vigo, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars. O encontro interuniversitario celebrarase os días 21, 22 e 23 de marzo en 10 cidades españolas de forma simultánea durante 48 horas. Na listaxe de sedes, hai presenza galega: o Teatro da Cidade Universitaria da Universidade de Vigo. HackForGood estrutúrase ao redor de desafíos ou proxectos de innovación social denominados “retos” que poden ser propostos por calquera persoa ou entidade a través da web http://www.hackforgood.net e que a organización asignará a un equipo de hackers para que traballen na iniciativa durante o transcurso do encontro.
Durante HackForGood 2019 valorarase a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., ademais da creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o impacto social das mesmas. Con todo iso, os participantes poderán acceder a tres categorías de premios: locais, nacionais e Big Day.
O ano pasado, os gañadores a nivel estatal foron os responsables de Frigde Ligero, un proxecto centrado en facilitar a experiencia de compra e consumo alimenticio aos invidentes para mellorar a súa autonomía; ParticleAI, un sistema centralizado baseado en Intelixencia Artificial con capacidade para analizar, controlar e predicir o estado de partículas en suspensión, pole e contaminación a partir de grandes cantidades de datos históricos co obxectivo de mellorar a calidade de vida da sociedade; Read2Hear, unha aplicación para persoas con deficiencias auditivas que permite recoller a voz e traducila en modo texto mediante un dispositivo que pode integrarse nunhas lentes e, finalmente, Small Portable Defibrillator, un desfibrilador moi pequeno que se conecta directamente co móbil do usuario, avisando aos sanitarios coa localización do dispositivo, así como o diagnóstico do afectado e consellos para a persoa que estea a asistir ao paciente.
O 32,7% da cidadanía galega empregou o pasado ano a Internet para solicitar unha cita nun centro de saúde da rede de atención primaria do Sergas, unha porcentaxe superior en algo máis de 5 puntos porcentuais á da media do resto de España, onde o emprego do sistema de citas a través da rede telemática é do 27,6%. Así se desprende dos datos do Barómetro sanitario correspondente ao ano 2018 publicado polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.
O 45% da cidadanía galega enquisada refire que emprego o teléfono para solicitar unha cita co seu médico de cabeceira, mentres que un 19% dos galegos a solicitou de forma presencial, acudindo directamente ao seu centro de saúde (a nivel nacional, esta porcentaxe sitúase no 25,3%).
Segundo o datos do Barómetro sanitario, o 17% dos enquisados en Galicia (16,2% na media do SNS) manifesta que foron atendidos polo seu médico de cabeceira o mesmo día que pediron a cita; un 50% refire que foi atendido ao día seguinte (en España a media é do 31,3%) e un 28% di que pasou máis dun día (a nivel nacional, a media sitúase no 46,1%). Máis da metade, en concreto o 51,2% indica que lle pareceu ben que o atenderan o día en que lle deron a cita (a nivel nacional, a media é do 32,9%), mentres que un 48,8% houbese preferido que fose antes. No resto de España esta porcentaxe sitúase no 66,1%.
A meirande parte da cidadanía galega que participou o pasado ano na enquisa do Barómetro sanitario destaca que puido participar, tanto como o desexou, nas decisións, no ámbito da atención primaria, sobre o seu problema de saúde e o seu tratamento. En concreto, esta porcentaxe sitúase no 81,2%, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Estado; e o 90,6% subliña que o profesional sanitario de atención primaria (en concreto, o seu médico de cabeceira) deulle a oportunidade de facer preguntas ou de formular preocupacións. Tamén é valorado cun notable o coñecemento do historial e o seguimento dos problemas de saúde de cada usuario (7,49 puntos sobre 10) e a información recibida polo paciente sobre o seu problema de saúde (7,56 sobre 10).
Cun notable tamén son valoradas, no ámbito da atención primaria, cuestións como os coidados e atención recibida do persoal médico (7,60 puntos), a recibida polo persoal de enfermería (7,61), a confianza e seguridade que transmite tanto o persoal médico (7,70) como o de enfermería (7,57) así como o tempo dedicado polo médico a cada paciente (7,32 puntos sobre 10). E en xeral, os 88,1% dos enquisados considera boa o moi boa a atención recibida nas consultas de atención primaria.
Cómpre destacar que preto do 47% da cidadanía galega enquisada tamén refire, pola súa experiencia persoal, como moi boa ou boa a comunicación entre o médico ou pediatra de atención primaria, o especialista e o ingreso nun hospital, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Sistema Nacional de Saúde.
Hábitos de vida saudables
Ademais, e segundo se desprende dos datos do Barómetro sanitario referido ao pasado ano, os enquisados na nosa comunidade autónoma manifestan nun 45% o seu médico de cabeceira ou o persoal de enfermería de atención médica lle da habitualmente ou case sempre consellos sobre alimentación e hábitos de vida saudables.
En relación co tabaco, e en concreto cos cigarros electrónicos, o 82,3% dos enquisados oíron falar destes dispositivos; máis da metade consideran que poden supoñer un risco para a saúde e un 65% considera que a venta tanto dos cigarros electrónicos como o tabaco sen combustión en lugares públicos debería regularse de igual forma que se fixo co tabaco tradicional.
Ademais, preto do 40% dos enquisados manifestan que se debería ampliar a lista de lugares onde debería estar prohibido fumar. Entre o listado proposto, o 78,6% cree que se debería prohibir esta práctica nos coches particulares só cando viaxen menores de idade; o 67,6% faría extensible a prohibición cando viaxen nos vehículos particulares tamén outras persoas e un 54,3% non deixaría fumar nin en estadios de fútbol, nin noutros centros deportivos ao aire libre.
Por quinto ano consecutivo, a Fundación Vodafone España segue impulsando o programa "Yo me prep@ro", desenvolvido por DOWN España en colaboración con Fundación Vodafone España. Trátase do proxecto máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en novas tecnoloxías da información a mozos e adultos con síndrome de Down. O obxectivo que se persegue con este programa inclusivo é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias e, en definitiva, a súa inclusión social. Desde o ano pasado, "Yo me prep@aro" incorpora a realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down. De feito, a edición deste ano é #Virtualjob, facendo alusión ao devandito elemento tecnolóxico.
Este martes, os técnicos de 19 entidades asociadas a DOWN España recibiron unha formación na sede da Fundación Vodafone España para coñecer as novidades do proxecto para poder trasladalas a cada unha das súas sedes. Nesta ocasión, o programa compleméntase cunhas lentes de realidade virtual, a través das cales se simulan dous escenarios. Un deles é unha entrevista de traballo, na que o usuario das lentes atoparase ante unha situación que podería ser real e que lle servirá como adestramento ante unha futura entrevista de traballo. A outra representa casos de emerxencias que poidan presentarse no lugar de traballo.
A formación, na que se atopaban Pedro Martínez, director do programa "Yo me prep@ro", Mari Satur Torre, directora xeral da Fundación Vodafone España, Tomás de Andrés, Director de Innovación Dixital e Rosana Menendez, Responsable de Comunicación e Proxectos Sociais da fundación, centrouse en "facer que profesionais aprendan a utilizar as lentes e as súas aplicacións para poder formar aos seus alumnos", explica Martínez.
"A idea é que poidan formar a mais de 250 persoas para conseguir, polo menos, que o 30% deles teña unha oportunidade laboral en entrono ordinario", engadiu.
As 19 entidades federadas a DOWN España que recibiron a formación son: Aspanri DOWN, DOWN Castelló, DOWN Sevilla e provincia, DOWN Vigo, DOWN Granada, DOWN Córdoba, DOWN Málaga, DOWN Toledo, FUNDOWN, DOWN Ourense, ASSIDO Murcia, DOWN Coruña, DOWN Valladolid, FUNDABEM, DOWN Xerez Aspanido, DOWN Sabadell ANDI, DOWN Palencia, DOWN Principado de Asturias e DOWN Ávila.
Un proxecto de éxito
O proxecto "Yo me prep@ro" alcanzará nesta quinta edición o maior número de alumnos con síndrome de Down implicados nun programa de formación en TIC. Serán 240 persoas as que, no transcurso das 700 horas formativas impartidas no programa, adquirirán coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles.
Os novos participantes sumaranse aos 960 mozos de edicións anteriores que recibirán un reforzo á súa formación, sumando un total de 1202 alumnos que se beneficiarán do programa nesta nova edición.
Como complemento á súa formación, os alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna. DOWN España adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto. Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto "Yo me prep@ro" conseguirá durante os seus cinco anos de execución un total de 367 insercións en empresas ordinarias de todo o país.
Convenio marco
A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito o 8 de novembro de 2013 entre a Fundación Vodafone España, Plena Inclusión e DOWN España para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.
Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fai especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e sesións formativas e de divulgación.