
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade da Coruña colaboran para achegar a Galicia a un dos máximos expertos internacionais en materia de ciberseguridade, o estadounidense David FInn, actualmente director executivo da organización CleanApps.org. O vindeiro 20 de marzo as 12 da mañá no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, acollera o relatorio de Finn Who else can join the data privacy war on the side of consumers? It’s not who you think: Construíndo unha internet limpa e segura.
A xornada contará o historia de internet e a ciberseguridade, como naceron os problemas co malware e o fraude nas apps e cales son as perspectivas de futuro para afrontar eses problemas. Ao final da charla abrirase unha quenda de preguntas moderada polo catedrático J. Andrés Faíña, do Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD). Esta actividade está dirixida a un público amplo, incluíndo persoal directivo de empresas, administracións públicas e representantes da sociedade civil, así como do ecosistema da innovación de Galicia.
O relatorio, que se impartirá en inglés con tradución simultánea, está aberto ao público en xeral é de balde pero con aforo limitado polo que é necesaria a inscrición previa na web do CDTIC ou mediante a súa aplicación dispoñible nas plataformas Android e iOS, así como a través do correo electrónico cdtic@xunta.gal.
Sobre David Finn
David Finn é doutor en dereito pola Universidade de Harvard e experto en ciberseguridade, foi fiscal federal na cidade de Nova York e estivo traballando durante 16 anos dirixindo equipos de loita contra o cibercrime en Microsoft. Actualmente, é director executivo de CleanApps.org, unha organización que promove desenvolvemento responsable de apps, así como a privacidade e seguridade dos consumidores.
O 21 de marzo na Coruña
O programa de David Finn en Galicia complétase con outro seminario sobre ciberseguridade, de carácter máis técnico, que se celebrará na Coruña o día 21 de marzo, de 18:30 a 19:45 horas , baixo o titulo A new approach to cleaning up the internet: and what cybersecurity companies, developers, and non-profit institutions must do to make it happen. Este seminario está organizado polo Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) xunto ca Cátedra R en Ciberseguridade UDC-UVigo, a Cátedra Luis Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de economía e empresa da UDC e a Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O seminario terá lugar na Facultade de Economía e Empresa, Campus de Elviña, A Coruña e terá prioridade para asistir o alumnado de doutoramento e dos mestrados de Innovación e Administración de Empresas, así como empresas e especialistas en ciberseguridade.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor chave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de facer pública a licitación do servizo de deseño, desenvolvemento, implantación e demostración dunha plataforma de experiencias tecnolóxicas interactivas no ámbito formativo para nenas e nenos entre 6 e 16 anos, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (AMT-2019-0021). O prazo para a presentación de propostas remata o vindeiro 8 de abril.
En xullo pasado, a CRTVG e AMTEGA asinaron un convenio para levar a cabo accións conxuntas de innovación tecnolóxica dirixidas aos centros de ensino galego. CRTVG e AMTEGA impulsarán a modernización e innovación tecnolóxica nos colexios de educación primaria e secundaria a través da creación dunha plataforma dixital para contidos interactivos. Con este fin, desenvolverase a tecnoloxía necesaria para incorporar novidades como as segundas pantallas, creando contidos específicos baseados na realidade aumentada, realidade virtual para dispositivos móbiles, etc. As dúas institucións públicas levarán a cabo tamén un segundo proxecto de análise de datos, que procese os comportamentos e necesidades da audiencia para a posterior creación de canles multimedia audiovisuais que satisfagan as súas demandas, a través da análise de Big Data.
Esta acción encádrase, na CRTVG, dentro da Área de Innovación e Negocio e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo. Este acordo, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Feder Galicia 2014-20, terá unha vixencia de catro anos, prorrogables, en que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica precisa para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela. O orzamento destinado será de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80 % con Fondos Feder, e CRTVG contribuirá con 650.000 euros ao acordo.
En 2017 as exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia supuxeron uns ingresos de máis de 105 millóns de euros, o dobre do rexistrado catro anos antes, en 2013 con 50,7 millóns de euros. Son parte dos datos expostos onte pola mañá no Parlamento de Galicia pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta destacou que a Administración autonómica leva impulsando a dixitalización da Comunidade desde 2009 coas medidas e plans recollidos na súa Axenda Dixital nun marco de colaboración público-privada co sector tecnolóxico.
Neste sentido Pereira lembrou que a Xunta traballa directamente con máis de 100 provedores tecnolóxicos, entre os que hai empresas galegas, nacionais e multinacionais, desenvolvendo diferentes iniciativas de calado para a dixitalización dos servizos públicos, da economía e da inclusión e a capacitación dixital da sociedade.
Pacto Dixital
Destacou o papel da Administración como catalizador do sector e a importancia entre as sinerxias e a colaboración entre as empresas como elemento clave na busca de novos mercados e no crecemento do sector tecnolóxico galego. Neste sentido lembrou que en 2013 a Xunta asinou co Cluster TIC de Galicia e outras 13 empresas galegas, nacionais e multinacionais un Pacto Dixital para atraer investimento á Comunidade, impulsar a colaboración entre as grandes e pequenas empresas para favorecer a internacionalización destas últimas e o desenvolvemento de proxectos tractores para economía galega.
Cinco anos de crecemento
Pereira destacou a importancia desta colaboración para un hipersector tecnolóxico como o galego cun 82% de empresas de 2 ou menos empregados. A directora da Amtega referiuse na súa intervención ao último informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia, que recolle que o crecemento das exportacións no sector en Galicia, o dobre entre 2013 e 2017, así como o incremento de empresas e traballadores.
En 2018 o Hipersector TIC acadou os 23.308 traballadores, o que supuxo 1.335 traballadores no último ano. É a maior cifra de emprego rexistrada polo Hipersector TIC nos 5 últimos anos. O crecemento no emprego no último ano prodúcese, principalmente, no sector TIC que dá emprego a 18.163 traballadores e experimenta un incremento do 7,7% no último ano mentres que o sector Contidos conta con 5.145 traballadores/as e recupera a tendencia ascendente, cun aumento do 0,7% no último ano.
O Hipersector TIC conta actualmente con 3.474 empresas, rexistrando un aumento do 9,9% desde 2013. Estas cifras sitúan a Galicia como a quinta comunidade autónoma cunha maior cifra de empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana.
Incremento do valor engadido bruto e das exportacións de bens
O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 9,1% no último ano e supera xa os 1.300 millóns de euros. Isto representa un crecemento moi significativo, por primeira vez, nos últimos 6 anos e indica unha tendencia positiva que garda relación co incremento no número de empresas e traballadores/as.
É preciso salientar que este incremento produciuse tanto no sector TIC como no sector Contidos. O VEB do sector TIC achégase ao 1.100 millóns de euros, cun crecemento do 9,4% no último ano. No caso do sector Contidos supera os 211 millóns de euros, cun aumento do 7,6% no último ano.
A actividade económica que acada unha maior cifra de exportación, un ano máis, corresponde á fabricación de equipos de telecomunicacións, acadando o 44,5% das exportacións do Hipersector TIC en Galicia.
En 2017 as exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia supuxeron uns ingresos de máis de 105 millóns de euros, o dobre do rexistrado catro anos antes, en 2013 con 50,7 millóns de euros. Son as cifras que sinala o Estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, que aglutina as empresas tecnolóxicas e de contidos da Comunidade, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe indica que en 2018 o Hipersector TIC acadou os 23.308 traballadores, o que supuxo 1.335 novos traballadores no último ano. É a maior cifra de emprego rexistrada polo Hipersector TIC nos 5 últimos anos. O crecemento no emprego no último ano prodúcese, principalmente, no sector tecnolóxico que dá emprego a 18.163 traballadores e experimenta un incremento do 7,7% no último ano mentres que o sector de contidos conta con 5.145 traballadores e recupera a tendencia ascendente, cun aumento do 0,7% no último ano.
O Hipersector TIC galego conta actualmente con 3.474 empresas, rexistrando un aumento do 9,9% desde 2013. Estas cifras sitúan a Galicia como a quinta comunidade autónoma cunha maior cifra de empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Do total de empresas o 75,6% realizan actividades no sector TIC e o 24,4% no de Contidos.
Incremento do valor engadido bruto e das exportacións de bens
O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 9,1% no último ano e supera xa os 1.300 millóns de euros. Isto representa un crecemento moi significativo, por primeira vez, nos últimos 6 anos e indica unha tendencia positiva que garda relación co incremento no número de empresas e traballadores.
É preciso salientar que este incremento produciuse tanto no sector TIC como no sector Contidos. O VEB do sector TIC achégase ao 1.100 millóns de euros, cun crecemento do 9,4% no último ano. No caso do sector Contidos supera os 211 millóns de euros, cun aumento do 7,6% no último ano.
A actividade económica que acada unha maior cifra de exportación, un ano máis, corresponde á fabricación de equipos de telecomunicacións, acadando o 44,5% das exportacións do Hipersector TIC en Galicia.
Distribución do emprego por provincias e xénero
A análise provincial indica que A Coruña, cun 57,2%, e Pontevedra, cun 28,9%, son as que concentran un maior número de traballadores do Hipersector TIC. Nos últimos cinco anos, todas as provincias galegas experimentaron unha evolución positiva. Cabe salientar que dos 1.335 empregados incorporados ao Hipersector TIC no ano 2018, 836 creáronse na Coruña, o que representa un 62,6% dos novos traballadores.
Respecto á actividade onde se rexistrou o maior incremento de traballadores no último ano, destaca o das “Actividades da tecnoloxía da información e do servizo informativo”, que aumentou un 17,4%, superando os 10.250 empregados.
A análise do emprego segundo o xénero no Hipersector TIC indica que un 66,1% son homes fronte a un 33,9% de mulleres. Esta fenda de xénero faise máis patente no sector TIC, no que a porcentaxe de mulleres é do 31,6% mentres que no sector contidos, as mulleres representan o 41,9%. O crecemento durante o ano 2018 segundo o xénero foi do 6,8% no caso dos homes e do 4,7% para as mulleres.
A profesora titular de Dereito Civil da Universidade de Granada e patroa da Fundación Dereito e Discapacidade, Esperanza Alcaín, sinalaban o pasado luns que "as administracións non só están obrigadas a implementar a normativa en materia de accesibilidade de webs e aplicacións móbiles do sector público, senón que tamén teñen que esixir o seu cumprimento a toda a sociedade".
Así se manifestou esta experta durante a presentación dunha guía xurídica e técnica de orientación para o cumprimento do Real Decreto 1112/2018, do 7 de setembro, co que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva (UE) 2016/2102, do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de outubro de 2016, sobre a accesibilidade de webs e aplicacións para dispositivos móbiles dos organismos do sector público, que inclúe a Administración Xeral do Estado, administracións autonómicas e locais, as entidades públicas e privadas dependentes delas, as universidades públicas, a Administración de Xustiza, o Congreso dos Deputados, o Senado, o Consello de Estado, o Consello Económico e Social, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas, o Defensor do Pobo e o Banco de España, entre outros.
A obra foi publicada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e pola Fundación Dereito e Discapacidade e foi elaborada pola profesora Esperanza Alcaín e por María Asunción Arrufat, doctoranda na Universidade de Granada e especialista en accesibilidade universal. O acto de presentación foi na sede de Servimedia, e contou coa participación, ademais das autoras da guía, do presidente do CERMI, Luís Cayo Pérez Bueno, e do director do Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación da ONCE, (CTI), Guillermo Hermida. O encontro foi conducido polo director xeral da axencia de noticias, José Manuel González Huesa.
A profesora Esperanza Alcaín explicou que se propuxo elaborar a guía para facilitar o cumprimento da lexislación, "facilitando así que se poidan cumprir os prazos, porque non só contén información xurídica, senón tamén criterios técnicos para que as webs e apps sexan accesibles". Ademais, reclamou que se dea formación aos traballadores de todas as administracións para que se coñeza a normativa e que deste xeito se poida cumprir a accesibilidade das webs e tecnoloxías.
María Asunción Arrufat destacou como un dos avances máis importantes da lexislación o feito de que as administracións estean obrigadas a poñer en marcha unha canle a través do cal as persoas con discapacidade poidan solicitar información sobre os seus criterios de accesibilidade, pedir material accesible ou expor queixas e suxestións sobre accesibilidade das webs. "As persoas con discapacidade necesitan a accesibilidade, e iso é algo que se ten que garantir. Esta guía é próxima e sinxela para aplicarse", engadiu Arrufat.
"Morte social" se a accesibilidade das webs e das tecnoloxías non se cumpre
Pola súa banda, o presidente do CERMI comentou que "a transformación dixital é profundamente liberadora e emancipadora para as persoas con discapacidade, pero para iso, ten que estar concibida e aplicada en clave de accesibilidade universal", debido a que pola contra, aumenta a fenda dixital, conseguindo o efecto contrario. "En certa maneira, a exclusión das novas tecnoloxías é a morte social para as persoas con discapacidade, porque se nos priva dun ben fundamental na sociedade, tanto no presente como no futuro", aseverou.
Na súa opinión, a normativa actual introduce avances importantes, "a pesar de que queda camiño por percorrer". Entre estes aspectos positivos atópase o feito de que por primeira vez se estendan as obrigacións ás aplicacións móbiles, algo que só afectaba antes as páxinas webs e ás redes sociais. Así mesmo, subliña que coa nova Lei de Contratos do Sector Público, as administracións xa non poderán contratar servizos que non sexan accesibles. Agora, segundo expuxo Pérez Bueno, débese esixir que se cumpran os prazos "e cando se vulneren os dereitos, as persoas con discapacidade, as familias e as organizacións poden denunciar".
Por último, o director do CTI fixo tamén fincapé na relevancia de que as apps móbiles tamén estean incluídas nas obrigacións legais, porque segundo indicou, realízanse cada vez máis operacións a través de dispositivos móbiles. Ao seu xuízo, débese garantir a accesibilidade de todas as opcións, para que as persoas con discapacidade tamén poidan elixir libremente como queren conectarse en cada momento.
Guillermo Hermida fixo un chamamento para que cando se cre unha web ou unha app se teña en conta desde o principio o deseño para todas as persoas. "Hai que acabar con mitos como que a accesibilidade é cara, porque cando se fai desde o comezo, non é así. O caro é facer unha web non accesible e logo refacela para incluír criterios de accesibilidade", concluíu.