main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/03/201908:52
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Convocado o X Premio PFC e Mestrado en Enxeñaría Informática cunha dotación económica de 1.000 € para o gañador

  • Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta
  • Poderanse presentar traballos ata o 10 de maio e o premio entregarase no marco da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que se celebrará o 28 de xuño en Santiago de Compostela

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados ou mestrados en Enxeñaría en Informática.

Tal e como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Mestrado en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal.

Mediante a organización deste premio, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistir de balde á "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

 

Noite da Enxeñaría en Informática

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio organizará o día 28 de xuño en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

14/03/201908:46
Cartel do evento.
Redondela

Redondela acolle esta semana dúas charlas do CPEIG sobre Internet segura

Concello de Redondela (a través do Departamento de Ensino e de Novas Tecnoloxías) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) van organizar esta semana dúas charlas de balde sobre Internet segura e sobre as mellores maneiras que nais, pais, profesorado e escolares teñen de garantila no seu quefacer dixital diario. As sesións celebraranse o xoves, día 14, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira (Paseo Xunqueira, s/n) ás 20:00 horas, e o venres, día 15, no Auditorio do Multiusos Piñeiral do Crego (Camino do Piñeiral, 22. Chapela) ás 20:00 horas.

O vogal da xunta de goberno do CPEIG, Iván Luis Vázquez, será o experto enxeñeiro informático que impartirá as conferencias, destinadas principalmente “a promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”. A xeito de adianto do miolo da charla, Iván Luis Vázquez salienta a importancia da ciberseguridade, a privacidade e o uso seguro das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación na contorna dixital, e polo tanto, na súa vida cotiá. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”, sinala, facendo fincapé na importancia de que a rapazada conte con supervisión para as súas experiencias en liña, sobre todo en idades temperás, co fin de axudar aos menores a “identificar que contidos non son os axeitados para eles, todo isto grazas ao apoio e indicacións dos seus pais ou titores”.

O CPEIG aproveitou a organización destas xornadas en Redondela para lembrar algunhas recomendacións que debemos ter en conta: 

  • Cómpre instalar un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios. 
  • Debemos actualizar cada pouco os equipos. De forma habitual xorden ameazas e non hai máis remedio que instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa maneira de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración, sinala o CPEIG 
  • Contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Debemos lembrar que os contrasinais teñen que ser distintos para cada un dos servizos. “É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras”, explica o colexio, engadindo que “como método de axuda”, podemos usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.
  • Engadir controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. Para o colexio, “é importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son; os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web non axeitados”. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á Rede. 
  • Usar as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, enderezos postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.
14/03/201908:40
Participantes no Foro Tecnolóxico de Emprego.
Vigo

Comezou na UVigo o Foro Tecnolóxico de Emprego con máis de medio cento de empresas participantes

Xa está aquí a nova edición, a número 19, da gran cita galega da oferta e a demanda de profesionais da innovación. Estamos a falar do Foro Tecnolóxico de Emprego, en cuxa nova entrega van ter parte activa máis de medio cento de empresas, desde o 13 ata o 15 de marzo. Unha vez máis e como non podía ser doutro xeito tendo en conta que se trata dunha feira tecnolóxica, boa parte das firmas participantes (moitas delas galegas) son do sector das novas tecnoloxías ou de sectores lindeiros, por exemplo Indra, Marine Instrument, EDF Solar, Applus+, Ernst&Young, Televés, Everis, Altia, Deloitte, Quobis ou Imatia, entre outras.

A edición 2019 da cita, organizada polo alumnado das tres escolas de enxeñaría do Campus de Vigo, inaugurouse coa arela de ir alén das cifras de participación de anteriores anos, tanto no que se refire ás empresas e os profesionais que interveñen nela, como aos estudantes que a visitan, como ao alumnado implicado no equipo organizador (este ano composto por máis de 70 alumnas e alumnos). Segundo explican os impulsores do foro, facendo reconto, o curso pasado recolléronse arredor de 2.500 currículos e a expectativa, como dixemos, é superar esta cifra. Nesta edición participan 34 empresas con expositor propio, e a elas súmanse outras tantas na organización de diferentes charlas, conferencias, obradoiros, etc. Entre as novidades do programa, este ano apostouse nos encontros entre empresas e estudantes polo formato do recrutamento rápido, segundo explican os organizadores “o último en selección de persoal”, un formato no que as alumnas e alumnos “dispoñen unicamente de dous minutos para falar coa empresa e, ao rematar, pasar á seguinte”.

As actividades arrancaron a primeira hora da mañá con varias charlas formativas (como facer un bo currículo, como mellorar as habilidades de comunicación...) e ao mediodía abriron os postos das empresas, coincidindo coa inauguración, na que participaron o reitor Manuel J. Reigosa; os directores das tres escolas de enxeñaría do campus: Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía; Íñigo Cuiñas, da EE de Telecomunicación, e Juan Pardo, da EE Industrial, que fixeron fincapé na importancia deste tipo de eventos. Tamén participou Tomás Prado, co-impulsor do foro, que agradeceu o apoio recibido ao longo dos últimos meses.

13/03/201913:59
Un momento da formación.
Sarria

COGAMI forma en TIC a unha ducia de persoas de Sarria e a súa contorna

confederación COGAMI vén de iniciar un curso de alfabetización dixital na aula CeMIT de Sarria, deseñado para introducir no manexo das novas ferramentas aos colectivos locais con capacidades diversas e en risco de exclusión. A formación, que financia a Consellería de Política Social, consta de 100 horas lectivas que se imparten até o día 1 de abril, en horario de 16 a 21 horas, e artéllase nos seguintes módulos: Internet, Write e Cálculo.

O curso arrancou cunha ducia de persoas, 3 mulleres e 9 homes, con idades comprendidas entre os 41 e os 55 anos, que proceden dos concellos de Sarria, Láncara e O Incio. O obxectivo xeral desta acción formativa é, en palabras de COGAMI, “adquirir os coñecementos básicos que lles permitan adquirir habilidades necesarias para desenvolverse con soltura na sociedade actual das tecnoloxías”. O alumnado, ao rematar o curso, adquirirá competencias como coñecementos teórico-prácticos básicos sobre o mundo da informática e o ordenador ademais de lle poida sacar o máximo partido ao ordenador a nivel usuario e saiba manexarse en operacións como envío de correo electrónicos, traballo con imaxes, textos, etc. 

Segundo informa a confederación galega, boa parte das persoas que forman parte da actividade formativa teñen experiencia nos sectores da construción, o transporte e o forestal. A metade delas teñen certificado de discapacidade e a outra metade teñen o certificado de incapacidade permanente total para profesión habitual, “co que teñen que reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral”, explica COGAMI, engadindo que este obradoiro insírese na súa estratexia para levarlle aos colectivos destrezas profesionais que lles permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora 99 persoas inscritas actualmente na comarca de Sarria.

13/03/201912:58
The North Code.
Santiago de Compostela

The North Codes

  • Gústanche os retos? Interésanche as novas tecnoloxías? Gustaríache aprender dunha forma divertida cos teus compañeiros de clase? Se a túa resposta é si... segue lendo!

The North Codes é unha iniciativa de DXC Technology que, por primeira vez, organizan en conxunto os centros DXC de Asturias e Santiago de Compostela. O obxectivo é que os mozos e mozas se acheguen á ciencia, á tecnoloxía, á enxeñería e ás matemáticas (STEM) dunha forma atractiva, divertida e fácil de desenvolver.

En que consiste?

The North Codes é un concurso de programación no que, por parellas, os mozos e mozas teñen que crear un videoxogo de aventuras utilizando a tecnoloxía Scratch.

Quen pode participar?

O concurso vai dirixido a estudantes que se atopen entre 5º curso de educación primaria e 4º curso de secundaria. Haberá dúas categorías: Junior (5º EP a 1º ESO) e Senior (2º a 4º ESO).

Que hai que facer?

Os equipos poderán desenvolver o seu proxecto ata o 20 de maio de 2019, que será a data límite de entrega. Os xuíces de DXC avaliarán todos os traballos recibidos en base á creatividade, orixinalidade, precisión e méritos técnicos, e boas prácticas de programación.

Por que participar?

Aprender informática desta forma é moi fácil e divertido; e axuda a desenvolver capacidades de gran utilidade para o futuro. Ademais, haberá premios fantásticos para os gañadores e moitas sorpresas!

Visita thenorthcodes.com para coñecer todos os detalles!

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS