main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

07/03/201908:40
Fotografía comercial de Nuubo, o dispositivo gravador e un computador coa aplicación para ler os datos.
Barcelona

Eléctrodos téxtiles para facilitar a monitoraxe constante do corazón

Para moitas persoas maiores ou persoas con distintos tipos de discapacidade é moi importante manter unha monitoraxe case constante da actividade eléctrica do corazón, unha necesidade que adoita traducirse en incomodidade e limitacións debido aos cables e as conexións de moitos destes aparellos.

Con todo, a necesidade de crear un sistema de monitoraxe de electrocardiograma que fose compatible coa realización dun deporte de elite levou á compañía para lanzar esta tecnoloxía téxtil que non require case preparación na pel, é un sistema limpo, sen adhesivos e sen cables.

Nuubo estivo presente no Mobile World Congress de Barcelona da man de Vodafone e con Isidre Esteve, o deportista para o que Nuubo desenvolveu o sistema para permitirlle participar de novo no Dakar.

A tecnoloxía de Nuubo xunto ás redes de conexións de Vodafone permitiron ao equipo médico ter monitorada en todo momento a actividade eléctrica do corazón de Esteve durante o percorrido da proba.

Este dispositivo está pensado para que o paciente o poida utilizar durante 30 días, nos que se solicita información sobre a actividade do corazón que posteriormente o equipo médico analiza.

Nuubo consta dunha especie de chaleco no que se atopan os eléctrodos téxtiles e un dispositivo que almacena a información recollida.

07/03/201908:29
Participantes na homenaxe.
Santiago de Compostela

O CPEIG distingue a figura de Ana María Prieto con motivo do Día da Muller

Co gallo do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou un acto de celebración no que homenaxeou “a transcendencia para a profesión” do labor da primeira programadora galega, Ana María Prieto López, que faleceu en xuño de 2018 aos 76 anos de idade. O acto conmemorativo desenvolveuse a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC)

En nome da profesional distinguida asistiron o seu viúvo Antonio García López e a súa filla Clara García Prieto, que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do colexio profesional (peza da marca de cerámica galega Sargadelos). No acto participaron tamén o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex reitor da USC, Juan Lema; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; amais do xornalista e autor do libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía (Andavira Editorial/ CPEIG, 2015), Henrique Neira.

Segundo o CPEIG, Ana María Prieto López (Santiago de Compostela, 1942- Becerreá, 2018), foi “a primeira programadora galega da que se tivo constancia”, e do seu importante legado xa deixou constancia o colexio no libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía, publicación coordinada por Fernando Suárez e Javier García Tobío. 

Na súa intervención, o presidente do CPEIG lembrou que a figura de Ana María Prieto comezou a destacar dende os primeiros intres da súa carreira profesional, co mérito duplo de facelo nunhas contornas dominadas pola presenza masculina. “Deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada, compaxinándoa ademais coa súa vida familiar”, sinalou Suárez, facendo fincapé “na necesidade actual de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas do 12-13% de matriculación nos primeiros cursos da titulación universitaria”. E engadiu: “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas” . O presidente do CPEIG tamén destacou que o colexio, no seu labor de visualización das importantes contribucións das mulleres nas TIC, leva a cabo actividades como o entrega do premio Ada Byron a mulleres enxeñeiras en informática no seu evento anual da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, amais de achegar a públicos de todas as idades a relevancia do mundo dixital e aproximar a materia de estudio como un obxecto abordable e comprensible.

Moi agradecida por este xesto de homenaxe, Clara García Prieto describiu a súa nai como unha muller “humilde” que nunca lle deu a importancia que tiña ao seu traballo nin ao que logrou no plano profesional. “Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas”, manifestou, aínda que desta historia e dos seus logros confesou que tiveron conta non fai moitos anos. Antonio Mosquera precisou que a Enxeñaría en Informática segue a ser unha profesión “moi masculinizada”, situación aínda máis acusada neste últimos anos nos que se aprecia unha certa sensación de retroceso. “Casos como o de Ana María Prieto son fundamentais para que as mulleres teñan a un referente que xa rompeu barreiras”, dixo.

07/03/201908:25
Cartel da iniciativa.
Ourense

A Galipedia celebra a segunda wikimaratona do Día Internacional da Muller

Co gallo do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo), e ao abeiro dos actos de celebración do décimo sexto aniversario da Galipedia (a Wikipedia en galego), a comunidade responsable do mantemento e medre da enciclopedia dixital galega vai organizar a Segunda Wikimaratona do Día Internacional da Muller. Desenvolverase o sábado 9 de marzo en Ourense.

A idea principal da actividade consiste en editar artigos na Galipedia relacionados con mulleres destacadas, xa sexa creando artigos novos ou mellorando os existentes. Segundo informa a comunidade, para participarmos non é preciso que sexamos editoras ou editores habituais, pois o evento comezará cun obradoiro de iniciación á edición de artigos para tódolos participantes. Podemos consultar todos os detalles da actividade na propia web da Galipedia ou no teléfono 689 884088. Os únicos requisitos previos para participar nesta actividade son ter unha conta de usuaria/o.

06/03/201909:17
Un móbil utiliza EntamAR para mostrar un libro máxico sobre unha mesa baleira.
Barcelona

A tecnoloxía que transforma os hospitais en xogos de fantasía

A tecnoloxía pódese converter nun gran aliado dos nenos e mozos que teñen que pasar longas tempadas nun hospital facendo que a súa estancia sexa máis amena a través de xogos e aplicacións que, ademais, pódenlles axudar a desenvolver a súa imaxinación e a súa creatividade.

Ese é o obxectivo do proxecto EntamAR, liderado por Cruz Vermella Mocidade e no que tamén participan a Fundación Tecsos, a Fundación Vodafone España e a Cruz Vermella Española, e que puidemos coñecer na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona.

EntamAR é unha solución que utiliza a tecnoloxía de realidade aumentada para transformar as estancias dun hospital nun mundo de xogo e fantasía.

Os nenos e os mozos que pasan longas tempadas nun hospital, estancias que en moitos casos están relacionadas con enfermidades crónicas que derivan nunha discapacidade, poden apropiarse do centro para transformalo nun xogo co que aprender á vez que se divirten e desenvolven a súa imaxinación.

EntamAR está desenvolvido sobre a plataforma de realidade aumentada Onirix e permite aos mozos converter o hospital nun espazo de xogo introducindo elementos en dous e tres dimensións cos que personalizar cada unha das estancias do edificio.

Ademais, grazas a esta tecnoloxía, os nenos e mozos tamén poden desenvolver diferentes xogos, como de pistas, o Cluedo ou un "escape room", utilizando a realidade aumentada.

Todas estas opcións co mesmo obxectivo, facer máis levadía a estancia no hospital á vez que desenvolven a súa imaxinación, a súa creatividade e a aprendizaxe de novas tecnoloxías.

O proxecto EntamAR forma parte do programa "Infancia hospitalizada" de Cruz Vermella Mocidade, no que case 2.000 voluntarios de toda España levan a cabo actividades de apoio escolar e de lecer e tempo libre con nenos e nenas en proceso de diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade de longa duración nun centro hospitalario.

O primeiro piloto desta tecnoloxía comezou a finais de 2018 no Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA) en Oviedo. Nas próximas semanas levará ao Hospital da Fe en Valencia e ao longo de 2019 espérase que o proxecto continúe o seu despregamento no resto de hospitais españois.

06/03/201909:09
Cartel do evento.
Carballo

A Zona Pro do Carballo InterPlay ten aberta a súa inscrición

Entre os días 3 e 6 de abril desenvolverase a 6ª edición do Carballo InterPlay, festival internacional de contidos dixitais que contará con Arxentina como país convidado ao entender que é a punta de lanza na industria dos contidos dixitais en Latinoamérica e, moi especialmente, no que respecta á ficción e ás series feitas para a Internet. Contarase así coa presenza de representantes de canles e plataformas do país, así como do director do Buenos Aires Webfest.

Amais, o Carballo InterPlay, tras o éxito na pasada edición, repetirá o Día Pro, xornada para conectar a creadores coas principais plataformas e produtoras. Representantes das principais asociacións do sector en Galicia (AAAG, AGAG, CREA ou AGAPI) moderarán as mesas sectoriais Na procura do talento dixital, que queren dar a coñecer novas formas de creación, produción e xestión do talento audiovisual na Rede. 

Para participar na Zona Pro é preciso inscribirse (de balde) antes do 29 de marzo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS