main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/03/201908:05
Presentación do curso Celga 3 en liña.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia presenta o curso Celga 3 en liña

  • O sistema oficial de acreditación do idioma galego avanza no acceso á súa aprendizaxe desde a modalidade da teleformación
  • “A seguinte convocatoria formativa do Celga incorporará tamén o nivel 2 en liña”, avanzou o secretario xeral de Política Lingüística na rolda de prensa de presentación
  • “Trátase dunha iniciativa enmarcada na política autonómica de impulsar a formación en liña”, sinalou a directora da Amtega
  •  O secretario xeral da Emigración incidiu na importancia que esta nova proposta ten “para os milleiros de galegos que residindo no exterior estean pensando en retornar a Galicia ou para aqueles que xa o fixeron”

 

A Xunta, por medio dos responsables da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Secretaría Xeral da Emigración, presentou hoxe o novo curso en liña preparatorio do nivel 3 do certificado de acreditación da lingua galega (Celga), un proxecto que se suma aos dous niveis xa existentes da formación en lingua galega desde a modalidade en liña e que supón un paso máis no seu acceso por parte da cidadanía, tanto a da Galicia territorial como a da colectividade galega no exterior.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “que a Xunta estrea nesta convocatoria de formación o Celga 3 en liña, do que se desenvolverán sete cursos con 30 prazas cada un, no marco do Plan de formación en lingua galega da Xunta, que chegará este ano a máis de 7000 persoas” e avanzou que “deseguido se iniciarán os traballos para incorporar á vindeira oferta de teleformación o nivel 2, que completará a formación en liña do sistema de acreditación oficial da lingua galega e posibilitará o acceso aos catro niveis de aprendizaxe que o configuran desde calquera parte do mundo”.

Pola súa banda, Mar Pereira sinalou que un ano despois da posta en marcha da plataforma de teleformación da lingua galega, “ampliamos a oferta formativa con este novo curso preparatorio para acceder a acreditación do Celga 3”, unha iniciativa enmarcada na política autonómica de impulsar a formación en liña. A directora da Amtega lembrou outras medias para favorecer a difusión da lingua como lingua.gal, o portal da lingua desde o que se accede a esta plataforma de teleformación e que ofrece diferentes recursos para aprender e traballar en galego; o tradutor Gaio ou a consecución do dominio .gal.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, puxo o foco na importancia que esta nova proposta de Política Lingüística ten para “os milleiros de galegos que residindo no exterior estean pensando en retornar a Galicia, ou para aqueles que xa o fixeron e que verán así equiparado o seu nivel de galego ao de todos aqueles que cursaron xa estudos na Galicia territorial”. “Trátase dun paso máis cara súa a integración total na súa terra de orixe, tamén no eido lingüístico”, engadiu.

O prazo de inscrición da formación preparatoria para as probas de acreditación do Celga está aberto ata o vindeiro 20 de xuño e xestiónase desde o Portal da Lingua Galega www.lingua.gal ou desde a sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

 

Celga 3 en liña
O curso Celga 3 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por primeira vez en 2019 vénse sumar aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1 e Celga 4 xa existentes, co fin de facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña.

Os obxectivos e contidos do curso Celga 3 en liña correspóndense cos do nivel B2 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que a guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica. Así, a través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das 8 unidades do curso, cada unha delas dividida en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Neles, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades. As unidades organízanse arredor dunha tarefa principal e son 8.

As persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer dun equipamento informático composto por un ordenador con conexión a Internet, dunha conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación) e mais dun micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz. Toda a información en http://www.lingua.gal/curso-celga-3-lina.

Sistema Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.

04/03/201918:30
Presentación da web.
Santiago de Compostela

A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha o portal Retorna, que ofrecerá unha canle única de asesoramento aos galegos do exterior de cara o seu regreso á comunidade

  • A directora de Amtega e o responsable de Emigración presentaron “unha ferramenta que hoxe é xa imprescindible” tanto para os galegos que residen fóra e pensan en retornar como para os que xa o fixeron, segundo Miranda
  • O novo sitio de Internet, enmarcado na web de GaliciaAberta, permite aos galegos de todo o mundo acceder ás axudas e establecer unha canle directa coa Administración galega

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o dinamizador de GaliciaAberta, Javier Rodríguez Siaba, vén de presentar o Portal Retorna (https://emigracion.xunta.gal/actividade/retorna), enmarcado na web da Secretaría Xeral da Emigración, e que ofrece unha canle única tanto de información e asesoramento como de contacto coa Administración autonómica galega. O obxectivo desta iniciativa, que entrou en funcionamento esta mesma mañá, é servir de enlace directo entre o departamento do Goberno galego e os milleiros de galegos que residen no exterior e que están plantexándose o regreso á súa terra de orixe.

“O Portal Retorna xa non se trata só dun xeito máis de comunicación coa diáspora e os retornados, senón dunha ferramenta que hoxe é xa imprescindible para todos os galegos do exterior, tanto para aqueles que están pensando en volver a Galicia como para aqueles que xa tomaron esta decisión e se atopan xa na nosa comunidade”, sinalou Miranda. O responsable de Emigración lembrou que “son cada día máis os galegos que regresan á Galicia territorial desde todas as partes do mundo; algúns deles están familiarizados coa Administración e a sociedade galega, pero hai outros moitos que precisan dunha guía sobre como asentarse na súa terra de orixe. A finalidade deste sitio web é comezar o proceso de acompañamento a cada un deles desde o seu lugar de procedencia, estea no punto do planeta no que estea”, engadiu.

Unha Administración aberta e accesible 
A directora da Amtega, pola súa banda, sinalou que a posta en marcha do portal Retorna enmárcase no actual proceso de transformación dixital da Administración pública para convertela nunha administración aberta e accesible as 24 horas os 365 días do ano e sen barreiras físicas ou temporais. Pereira incidiu en que non se trata só de incrementar os servizos dixitais senón tamén de facilitar o seu acceso e de aí a importancia de concentrar nunha mesma canle toda a información vinculada a un colectivo, neste caso á do emigrantes. 

A responsable autonómica destacou tamén que a importancia deste colectivo neste proceso de dixitalización recóllese na futura lei de Administración dixital de Galicia, actualmente en tramitación e na que se recolle expresamente a obriga dos galegos e galegas do acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan de aplicación.

Contacto directo e acceso á sede electrónica
O Portal Retorna permite ao usuario navegar polas máis de medio cento de medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para obter a información que precise e acceder no mesmo proceso e cun só clic á solicitude das axudas que estean dispoñibles nese momento por vía telemática e se axusten ás súas necesidades a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O formato dixital logra, ademais, eliminar as barreiras xeográficas e temporais que separan o Goberno galego da poboación do resto de países do mundo grazas a dúas ferramentas clave como son a caixa de correo de consultas e a solicitude de cita previa a través de Internet. Unha terceira canle de contacto coa Secretaría Xeral da Emigración é a telefónica, tamén dispoñible neste novo sitio web.
Esta iniciativa forma parte da futura Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, que completará esta oferta informativa no futuro cunha sede física específica e un reforzo do persoal técnico cualificado en materia de retorno. 

O retorno, unha tendencia ao alza
O incremento experimentado nos últimos anos nas cifras de retorno á comunidade superou o 21% en 2017 respecto a 2016, alcanzando as 6.202 persoas, e novamente no primeiro semestre de 2018, cando que rexistrou un aumento do 25 % respecto ao mesmo período do ano anterior. A comparativa das últimas cifras oficiais publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE), 2017, e as de 2009, reflicten un crecemento do 90% nos derradeiros oito anos, o que apunta a unha clara tendencia ao alza do número de galegos que deciden volver á súa terra de orixe. Mentres, o número de galegos nacidos en Galicia que residen no exterior continúa a diminuír ano tras ano, especialmente entre a poboación en idade laboral, que se reduciu nun 31% na última década.

04/03/201912:31
Fotografía da demostración do sistema Doro Smart Care no Mobile World Congress de Barcelona.
Barcelona

A tecnoloxía para a seguridade de persoas maiores vai máis aló da man de Doro

  • A compañía sueca Doro quixo levar a atención de emerxencias un paso adiante coa súa nova solución Doro Response, na que a tecnoloxía se pon ao servizo da autonomía, a seguridade e a calidade de vida das persoas maiores e os seus familiares.

 

Son varios os servizos existentes de entidades e empresas pensados para axudar a persoas maiores en caso de emerxencias. Xeralmente trátase de botóns de aviso que o senior debe pulsar en caso dunha urxencia, que nalgúns casos compleméntase con outra tecnoloxía como detectores de caída.

Pero Doro Response evolucionou estes sistemas centrándose na seguridade e a tranquilidade dos familiares, pero tamén pensando na privacidade e autonomía dos usuarios.

A diferenza dos modelos tradicionais, a tecnoloxía deseñada por Doro envía o aviso de emerxencia a todos os números móbiles asociados incluíndo a localización da persoa maior.

Os familiares que reciben a alerta, que sempre soará no teléfono aínda que estea en silencio, teñen dous minutos para contestar. Se algún deles o fai, o resto recibirá un aviso informando de que unha persoa xa está a tratar coa emerxencia.

Cando un familiar contesta o aviso, iníciase unha conversación co maior, para quen o teléfono se pon en mans libres.

Pola contra, se o aviso de dous minutos non ten resposta, a chamada salta a unha central xestionada por Doro na que especialistas atenden á persoa maior. En función dos sinais recibidos e da comunicación co usuario, a central de Doro ponse en contacto con veciños próximos do usuario para ver se se poden achegar a axudalo, ou, en caso dunha urxencia grave, chaman directamente a unha ambulancia.

O servizo Doro Response está dispoñible en Suecia, Noruega e o Reino Unido, e espérase que ao longo deste ano chegue a outros países, entre eles España. Nos países nos que xa opera, o servizo ten un custo duns 15 euros ao mes.

Un servizo similar é Doro Smart Care, que engade a este sistema sensores de movemento e de apertura de portas. Esta tecnoloxía aprende das rutinas da persoa maior e lanza avisos aos familiares en caso dun cambio nas rutinas. De feito, o sistema é capaz de identificar emerxencias máis graves para chamar directamente aos servizos médicos de urxencia.

Por exemplo, o sistema detecta se a persoa maior leva máis tempo durmido do habitual, se entrou no baño hai tempo e aínda non saíu ou se sae da casa a unha hora estraña ou non regresa á hora habitual.

En ambos os casos trátase de sistemas moi avanzados nos que a tecnoloxía se pon ao servizo da autonomía e a seguridade das persoas maiores e a tranquilidade dos seus familiares.

04/03/201908:54
Escolas conectadas.
Santiago de Compostela

Red.es e a Xunta levan a banda larga ultrarrápida a case un milleiro de centros docentes

Red.es e a Xunta veñen de dar a coñecer detalles recentes do programa Escolas Conectadas e a súa aplicación na nosa terra. Segundo informan, un total de 984 centros de ensino galegos xa gozan de conectividade a Internet de banda larga ultrarrápida, grazas ás actuacións contempladas en Galicia polo dito programa. Esta iniciativa veu cun investimento de 17.169.300 euros, achegados por Red.es co co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE). Pola nosa terra, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) executa até 2 millóns de euros adicionais.

As actuacións para a extensión da banda larga ultrarrápida entre os centros educativos de Galicia realizáronse no marco do convenio subscrito por Red.es (entidade adscrita ao Ministerio de Economía e Empresa), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

O obxectivo de Escolas Conectadas foi fornecer de conectividade de Internet ultrarrápida e redes internas de comunicacións aos centros docentes de primaria e secundaria obrigatoria e educación especial, do que se están beneficiando un total de 280.893 alumnos. Ademais, a estes centros tamén se lles dotou de acceso a RedIRIS, a rede académica e de investigación española.

O director xeral de Red.es, David Cierco Jiménez de Parga, dixo, ao fío deste proxecto e a súa vertente galega, que o espallamento da conectividade por banda larga de alta velocidade nos centros educativos “permite reducir a fenda dixital e impulsar unha educación innovadora, moderna e de calidade”. Amais, sinala, proporciona “a infraestrutura precisa para afrontar o aumento do tráfico en Internet e un uso crecente de novos dispositivos e recursos dixitais, que cada vez resultan máis imprescindibles no eido educativo”.

Nun plano máis detallado, Cierco fixo saber que os traballos requiriron da instalación de 4.283 puntos de acceso. Amais, explicou que o 20% das sedes escolares nas que se interveu sitúanse en poboacións de menos de 2.000 habitantes e o 33% das sedes teñen menos de 50 alumnos. O obxectivo disto, dixo, foi “lograr que o alumnado e o profesorado de zonas rurais e de zonas xeográficas de difícil acceso dispuxeran das mesmas condicións de conexión que se ten nos colexios dos grandes núcleos de poboación”. Tamén se conseguiu que no 60% das sedes docentes onde se interveu dispuxeran dun largo de banda de 500 Mbit/s, “superando amplamente o obxectivo previsto de 100 Mbps”, engadiu.

04/03/201908:22
Participantes na xornada.
Ourense

Máis de medio cento de persoas participaron no Hash Code de Google dende a ESEI de Ourense

Este xoves 28 celebrouse a nivel mundial a edición 2019 do concurso de programación Hash Code, no que Google (dende 2015) fai un chamamento a resolver un gran reto de enxeñaría a través de equipos de desenvolvedores. Un dos centros galegos participantes (xunto co grupo CDG en Santiago ou Everis na Coruña) na actividade foi a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, que se achegou no certame como Hash Code Hub. Ou sexa, que se puxo a disposición das persoas que quixeran concorrer no desafío. A sala habilitada para a cita encheu todos os postos dispoñibles, concorrendo un total de 54 persoas divididas en 16 grupos e afrontando durante catro horas a resolución dun gran reto de programación lanzado por Google

“A valoración que facemos é moi positiva, foi un éxito de xornada. Tivemos un cheo total e a xente víase moi contenta cando ás 10.30 h estabamos rematando de subir as resolucións dos retos”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Sobre a acollida que tivo a iniciativa do centro de unirse a este concurso, Rodríguez Martínez indica como na xornada celebrada este xoves participaron non só membros da comunidade universitaria senón persoas alleas a ela, estimando que un 70% das e dos participantes eran estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática e un 30% persoas de fóra. 

Hash Code, explican dende a UVigo, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iniciouse cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, puido competir desde calquera recanto, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final. A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense solicitou este ano a súa concorrencia como Hash Code Hub, presentando unha solicitude na que se explicaba o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada. Amais do Hash Code Hub achegado pola Universidade hai finalmente outros 733 espazos de actividade e traballo participantes, fornecidos por case un cento de países.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS