
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a novena edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática.
Tal e como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Máster en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura podense consultar o final desta nova.
Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistir de balde á "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.
Noite da Enxeñaría en Informática
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio organizará o 28 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
Ligazóns
Os membros do comité avaliador do programa startups R DiCo Challenge, integrado por representantes de R, a Amtega e máis a CRTVG, patrocinadora dun dos retos, xa escolleron as 20 propostas, vinculadas a algún dos 5 retos tecnolóxicos lanzados en decembro, que pasan á fase de preaceleración do programa.
As 20 candidaturas seleccionadas, das 42 que se presentaron, proceden de startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo dalgún centro tecnolóxico e universitario, e todas elas están arestora inmersas na devandita fase de preaceleración.
Para o reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, foron escollidos dous proxectos: a empresa Sixtema propón unha segunda pantalla intelixente para a visualización de contidos mentres que M. International Audiovisual aposta por unha rede de adquisición de partidos de fútbol base. No reto 2, aplicacións para Android TV, está, por exemplo, un proxecto de Cuicui Studios que propón unha aplicación de xogos brain training; e no reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, Adivina Producciones defende unha plataforma de realidade virtual para espectáculos culturais.
No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, figuran, entre outros, os proxectos de Muutech Monitoring Solutions, apostando por un sistema de monitorización integral para xestores de contidos dixitais; ITG, que propón Big Data para o consumo audiovisual, e Mario Pérez Fernández (Galopiño), con outra idea de visualización Big Data aplicada ao consumo televisivo. Algunhas das propostas do reto aberto son a de Sun Global Network, que concorre cunha multiplataforma de contidos especializados en motor, Imagames Gamification Services, cunha plataforma gamer para a experiencia audiovisual en R; Doc Hub, que propón un servizo de documentais e contidos de divulgación científico-tecnolóxica; Xoia Software Development e a súa proposta sobre contidos televisivos de realidade virtual ou Alexandre Fernández Pita (Vas caer!), que defende un concurso transmedia.
“Pitching”, aceleración e Demo Day
No actual treito de preaceleración asinouse un contrato de confidencialidade coas empresas ou emprendedores seleccionados, que terán contacto directo cos mentores estes días para intercambiar información e traballar en obradoiros de cara a preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada “Pitch Day” o 7 de marzo. Dela sairán os cinco proxectos definitivos que pasan á fase de aceleración.
Programa de aceleración
Será entón cando comecen as actividades de mentorización, titorización, formación e seguimento durante 4 meses (18 de marzo-19 de xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Quen desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.
A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.
Plan Dico Mindset
O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.
A Amtega e R colaboran no desenvolvemento do programa startups R Dico Challenge, que ten como obxectivo rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, mesmo con R como primeiro cliente. Xunto con este, os obxectivos esenciais son a xeración de emprego, o fomento do emprendemento e o empurre á innovación tecnolóxica a través do apoio a emprendedores e empresas novas ou consolidadas, relacionadas co ámbito dos contidos dixitais, de dentro ou de fóra da comunidade e do Estado, se é o caso.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a consultora Gartner inician unha colaboración estratéxica para achegar as tecnoloxías disruptivas ao ecosistema dixital galego. O acordo que foi anunciado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, facilitará o acceso a contidos elaborados por expertos de primeiro nivel en tecnoloxía que esta consultora internacional ten ao redor do mundo.
A directora da Amtega, que clausurou hoxe a primeira edición do Foro Gartner en Galicia ante responsables de transformación dixital de empresas TIC e doutros sectores, apuntou tamén que a Axencia contará co asesoramento especializado de Gartner na elaboración da futura estratexia dixital post 2020.
Mar Pereira, no contexto actual no que as tecnoloxías evolucionan vertixinosamente é fundamental para o sector tecnolóxico dispoñer de información de valor das novas tendencias e mercados para poder adoptar adecuadamente decisións estratéxicas para a súa competitividade.
Por outra banda, a directora da Amtega destacou a importancia que o actual Goberno galego lle dá á tecnoloxía como elemento transversal cun departamento baixo a tutela directa da Presidencia. Unha axencia concibida para sumar esforzos de cara a transformación dixital da Comunidade. Una transformación que, segundo destacou Pereira, tense que traducir en que os galegos “o noten”.
Este xoves 28 de febreiro vai ter lugar en Santiago unha máis que relevante cita co futuro tecnolóxico inmediato: un futuro empresarial, social, comunicativo, social e de xestión pública ateigado de posibilidades e vantaxes. Estamos a falar da Xornada de Innovación e Tendencias Tecnolóxicas, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Abanca, AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e a consultora Gartner.
Na cita participarán uns 120 representantes das principais organizacións tecnolóxicas e empresariais de Galicia. Celebrarase no Centro Obra Social Abanca no 19 da praza de Cervantes, en horario de 9.30 a 13.30 horas. Segundo explican as ditas entidades, a sesión servirá “para enriquecer o ecosistema tecnolóxico e dixital de Galicia”. O CPEIG engade que a xornada nace co triplo obxectivo de concienciar e achegar a empresas galegas as principais tendencias tecnolóxicas e retos habituais que trae consigo a dixitalización, da man de expertos de reputación mundial de Gartner; reflexionar nun foro de CIO (directores de tecnoloxía) das principais organizacións galegas para compartir experiencias, preocupacións e visións sobre temas de interese común para Galicia (talento, axilidade, privacidade…); e contribuír e enriquecer o ecosistema tecnolóxico e dixital de Galicia para fortalecer a súa imaxe de territorio innovador e dinámico.
Trala apertura conxunta para compartir obxectivos, abrirá a xornada o executive partner de Gartner para AMTEGA e ex CDO de RTVE, Miguel Ángel Morcuende, cunha mensaxe inspiradora sobre un termo xurdido no último Symposium ITxpo de Gartner, ContinuousNext, e ademais explicará como as organizacións e a sociedade en Galicia deben ir preparándose para un cambio permanente.
Posteriormente, o research VP de Gartner (vicepresidente de investigación), Brian Burke, continuará cun relatorio onde ofrecerá a súa visión sobre as principais tendencias tecnolóxicas de 2019 e sobre como liderar a súa adopción.
Amais, o senior director analyst de Gartner, Daniel Sánchez Reina, compartirá cos participantes experiencias de éxito de organizacións que souberon adaptarse culturalmente aos cambios, ademais de desenvolver un marco de traballo para dar eses primeiros pasos.
Por último, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, clausurará a xornada resaltando o compromiso da Axencia coa Axenda Dixital de Galicia, apuntalado cunha recente colaboración con Gartner como asesor estratéxico.
Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a un convenio asinado esta mañá pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa; e o director-xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, nun acto que contou coa presenza do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.
O programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.
O curso, que comezará en setembro, está estruturado en cinco módulos e un proxecto fin de curso. Máis de 200 horas lectivas, que cursadas na súa totalidade outorgarán o título de “Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G)” ás persoas cun título de grao ou unha enxeñaría no ámbito das TIC.
Os profesionais do sector cun mínimo de tres anos de experiencia e estudantes de grao que superaran o 75% dos créditos poderán acceder a un ou varios módulos do programa baixo a fórmula de Cursos Complementarios.
O Curso de Especialista será impartido tanto por docentes da universidade como por expertos de multinacionais de telecomunicacións e fabricantes de tecnoloxías.
Plan Galicia 5G
Coa sinatura deste acordo a Universidade de Vigo, formaliza a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia. En novembro formalizábase a adhesión ao nodo dos operadores Vodafone, Orange e Telefónica e están previstas novas adhesións nas vindeiras semanas.
O Nodo de Cooperación 5G é unha das medidas do Plan5G Galicia. A Comunidade foi a primeira do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarias para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.
O Plan Galicia 5G, elaborado pola Amtega, arrincaba o pasado mes de xullo concibido como unha medida complementaria ás impulsadas pola Unión Europea e o Estado. Tras a posta en marcha do Nodo, a segunda medida é o Plan formativo presentado hoxe para que o ecosistema 5G dispoña de capital humano coas capacidades adecuadas e que o coñecemento das oportunidades que xorden ao redor das 5G sexa accesible a diversos sectores profesionais.
Ademais, o Plan prevé a elaboración dun modelo de ordenanza municipal tipo, promovido pola Xunta e a FEGAMP que facilite os despregamentos e a creación dun Plan de Formación Especializada 5G en colaboración coas Universidades e os axentes do ecosistema 5G.