
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A tecnoloxía pode ser un gran aliado para as persoas con discapacidade, pero o seu mal uso pode convertela nun gran inimigo que podería disparar a porcentaxe da poboación que ten unha discapacidade.
É o caso dos auriculares para escoitar música. Os riscos de poñer a música demasiado alta levaron á Organización Mundial da Saúde (OMS) a emitir unha advertencia sobre os seus efectos nocivos para a saúde.
Os datos da OMS mostran que máis de 1.000 millóns de mozos, o que representa preto da metade da poboación neste rango de idade, podería perder audición por culpa do mal uso desta tecnoloxía.
O curioso é que a solución a este problema está na propia tecnoloxía. A OMS deseñou un novo estándar para dispositivos como os auriculares para tratar de reducir estas cifras.
Este novo estándar, deseñado por esta entidade en colaboración coa Unión Mundial de Telecomunicacións, recomenda aos países a introdución de medidas para limitar o volume de son ou para advertir aos usuarios sobre os riscos de escoitar a música moi alta.
Medra unha vez máis a poboación de internautas no ámbito estatal. A día de hoxe, de feito, a porcentaxe de persoas que se conectan a diario a Internet é xa do 70%. Amais, e o que é máis importante, en 2018 déronse novos pasos para combater a fenda dixital de idade, xa que subiu a poboación internauta na franxa comprendida entre os 65 e os 74 anos, situándose o colectivo de persoas que se conectan semanalmente nunha taxa do 42%, fronte a do 38% do ano anterior. Estes e outros datos figuran no Perfil Sociodemográfico dos Internautas publicado hoxe polo observatorio ONTSI de Red.es.
Nel, a xeito de grandes fitos, fanse saber cousas que como que en 2018 conectáronse a Internet 30.224.165 persoas (o que supón a existencia de 599.357 internautas máis que o ano anterior) ou que o acceso semanal a Internet entre a xente nova (entre os 16 e os 34 anos) supera o 95%.
Con respecto ao uso de Internet por características sociodemográficas, destaca a conexión á rede con frecuencia semanal dos estudantes, que engloba o 98,2%. Séguenlle, cun 93,6% as persoas ocupadas por conta allea.
Ourense vai ter esta tempada un relevante número de obradoiros TIC, co engadido de extra de poñer o foco na xente nova e fomentar novas vocacións e talentos. Alén do devandito, boa parte do programa terá vontade “interxeneracional”. O centro de operacións é novamente o centro municipal La Molinera, principal foco da actividade divulgadora local arredor da innovación. O Concello achega máis de 200 prazas de balde.
Para comezar, haberá actividades sobre impresión 3D, presentacións dixitais, robótica, tecidos electrónicos e programación para a rapazada. Segundo informou o concelleiro de Promoción Económica, trátase de formación para cativas e cativos, co fin de que estimulen as súas capacidades e as súas habilidades. Poderán participar nenos e nenas de até 16 anos. Tamén haberá obradoiros dirixidos a público de todas as idades sobre litofanía, cargador para móbil reciclado, fabricación de próteses e férulas ou veleiro radio control. Estes talleres abriron o prazo de inscrición o 22 de febreiro.
Ofértanse un total de 205 prazas: 130 para as propostas interxeneracionais e 75 para público infantil. As actividades infantís, englobadas co título Obradoiros STEAM makers, serán sempre en horario de tarde, de 18 a 19.30 horas:
Cada actividade ten 15 prazas. As inscricións poderanse realizar nas páxinas web de La Molinera e da Aula CeMIT; www.lamolinera.net e cemit.xunta.gal/centro/55. Colaboran nestas actividades Abanca, a Fundación Aquae, Viaqua e a Fundación Telefónica.
Obradoiros para todas as idades
As actividades interxeneracionais agrupan 5 propostas para a co-creación en familia ou en grupos abertos a participantes de todas as idades, desde os 11 anos. Serán de 18 a 20h. Nestas actividades colaboran Abanca e maila axencia AMTEGA.
A Intelixencia Artificial afiánzase na nosa educación e sitúase entre os grandes intereses da comunidade escolar. Boa parte da culpa téñena iniciativas como as do Grupo de Investigación de Materiais Didácticos CAVILA, pertencente ao Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (NEG). Segundo nos veñen de contar os seus integrantes, o grupo e o Concello de Ames están a organizar un nova edición, a décima, do seu Seminario Obradoiro de Materiais Didácticos, centrado este ano de Robótica Educativa. A cita, engaden, é un conxunto de accións divulgativas e formativas de referente internacional. Desenvolverase os días 29 e 30 de marzo baixo o epígrafe Que facer cos robots nas escolas e nos fogares?
O seminario ten a súa orixe nunha necesidade máis que constatada: a necesidade de formar ás nosas novas xeracións en metodoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), acompañado (este labor formativo) dun tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos. Segundo informan dende CAVILA e NEG, a actividade “nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria”. Entre os obxectivos deste encontro cómpre salientar os seguintes: coñecer as tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para a utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas e tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contextos escolar.
O día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina (Ames, A Coruña) no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. Posteriormente levarase a cabo unha presentación da Aula Nova – CAFI. A xeira de traballo rematará cun encontro lúdico-cultural no que se celebrarán os 10 anos do seminario.
O día 30 o encontro será na Casa de Cultura local iniciando a xornada cunha exposición fotográfica. Máis tarde desenvolveranse varios obradoiros simultáneos nos que as persoas asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos. Como dixemos, o seminario está organizado polo grupo CAVILA (Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega) e o Concello de Ames, en colaboración co Grupo de Investigación Stellae (USC) e a spin-off compostelá DIMElab, entre outras entidades. A inscrición na xuntanza ficará aberta até o día 15 de marzo. A entrada é de balde previa inscrición. O encontro está aberto a todo o público. Quen desexe ir formalizando a inscrición, pode facelo a través do documento específico habilitado.
O 16 de marzo vaise celebrar a nivel internacional o Arduino Day, un evento de 24 horas organizado pola comunidade dos fundadores do hardware libre que xunta persoas de todo o mundo para compartiren as súas experiencias e aprender máis sobre esta plataforma de código aberto. Entre as asociacións galegas que se veñen de sumar á celebración atópanse Makers Lugo (na cidade da Muralla) e máis a Asociación Amigus (nas Pontes). Esta última comunidade, de feito, fará coincidir o aniversario de Arduino co desenvolvemento dunha nova edición dos seus Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes.
Será unha nova cita para enchouparnos en cousas de interese tecnolóxico pero tamén social, cultural e mobilizador, como o espírito Maker, a robótica, o software e o hardware libres, a arte, a creación dixital e a formación. Porén, desta volta farase fincapé nas posibilidades e potencialidades de Arduino.
A nova cita dos laboratorios participativos de Amigus, desenvolverase como de costume no Lar da devandita vila coruñesa. Segundo informa a asociación, o Arduino Day está aberto para calquera usuaria ou usuario que queira celebrar a plataforma libre e “todas as cousas incribles que se fixeron (ou se poden facer!) con esta tecnoloxía aberta”.
O programa será o seguinte:
Os mais pequenos poderán construír robots baseados na placa libre. Tódalas actividades realizaranse de 10:30 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. As persoas interesadas en asistir aos obradoiros deben enviar un correo a amigus@amiguslabs.org.
Estas son as entidades colaboradoras: Concello das Pontes • COHEMPO • ENDESA • EuroEume • Nauta • No Ping • Nodo Dixital • Triade • Severiano Agrocomercial • Escourido Asociados • Clip Carbono • Ferretería Marcos • Lujo • Matojoma • You can school of English • Fitter • Pontesa Mármoles y granitos • Desguaces Vilabella • Óptica Carmela • Galiorient • Servicio Móvil • Areco • Panadería San José • Fotografía Fabian • Don Dino • CONPLC • IcoEume • Preludio Musical • Arprosa • Radio Eter.