
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Memoria Dixital de Galicia, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura e Turismo avanza na conservación e universalización do patrimonio galego coa dixitalización dos fondos documentais de vinte entidades públicas e privadas sen fins de lucro, beneficiarias dunha liña de axudas da Xunta.
A Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu hoxe unha xornada de traballo na que unha trintena de profesionais das entidades beneficiarias coñeceron da man dos técnicos das áreas de Arquivos, Museos e Bibliotecas da Administración autonómica os requisitos e protocolos para a dixitalización dos seus fondos documentais e a súa futura incorporación a Galiciana. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Manuel Vila.
O bucle magnético é unha tecnoloxía fundamental para facilitar a accesibilidade de espazos culturais a persoas con discapacidade auditiva que utilizan audífonos ou implantes cocleares.
Por esta razón, o Museo da Ciencia de Valladolid decidiu instalar este sistema en boa parte das súas instalacións, co obxectivo de que as persoas usuarias destes dispositivos poidan gozar e aprender dunha forma máis accesible.
En concreto, este sistema que mellora a captación dos sons aos usuarios de audífonos e implantes está situado na zona do planetario, no auditorio e na recepción, xa que son as áreas nas que se considera que é máis necesario unha boa comprensión das explicacións.
Así, recibirán dunha forma máis nítida o son das proxeccións no planetario e das conferencias e actividades que se desenvolvan no auditorio. Ademais, poderán manter unha comunicación máis clara cos traballadores do museo situados na recepción.
Desde o seu nacemento no ano 2003 o Museo da Ciencia de Valladolid tivo en mente a accesibilidade das súas instalacións e das actividades que nelas desenvólvense baixo o plan "Ciencia con diferenza", que desde entón aglutina as iniciativas que tratan de achegar o museo ás persoas con discapacidade.
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu onte pola mañá unha xornada de presentación da terceira edición da convocatoria do programa de Fábrica Intelixente, que ten aberto o primeiro prazo de solicitude ata o vindeiro 8 de marzo. No taller expúxose a experiencia da empresa Cupa Innovación, beneficiaria desta orde na convocatoria do ano 2018, e presentáronse as principais características da liña de axudas.
No peche, a directora de GAIN, Patricia Argerey, apuntou que Galicia conta con grandes capacidades en sectores tractores da economía como a automoción e o téxtil, e que se están creando novos sectores como o aeroespacial e potenciando sectores altamente tecnolóxicos como a biotecnoloxía. Subliñou tamén que se fai preciso poñer en marcha medidas que fomenten a transformación do tecido produtivo cara modelos de negocio baseados na innovación e na tecnoloxía para ser competitivos nun mercado cada vez máis globalizado. Neste senso, Patricia Argerey subliñou que as tecnoloxías facilitadoras esenciais e a Fábrica do Futuro son clave. Para apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia lanzouse esta convocatoria que, nesta edición, está dotada con 12,7 millóns de euros e coa que se espera mobilizar preto de 31,3 millóns de euros.
As principais novidades de 2019 perseguen fomentar a participación das PEME: redución do orzamento mínimo dos proxectos de 4 a 2 millóns de euros; aumento do prazo de execución dos proxectos de 3 a 4 anualidades; e establecemento de dúas datas de corte ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas; entre outras. Mantéñense dúas características fundamentais dos proxectos: que deben ser estratéxicos para Galicia, producindo un efecto tractor nos ámbitos máis destacados da economía galega; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras para obter procesos e produtos de alto valor engadido. Argerey destacou que este programa se inscribe na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que ten como un dos retos prioritarios aumentar a intensidade tecnolóxica da industria galega para avanzar cara un novo modelo industrial baseado na innovación e na Axenda Industria 4.0.
Os destinatarios destas axudas son empresas de calquera tamaño capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico e organismos de investigación en colaboración con empresas, ambos con centro de traballo permanente en Galicia. O tipo de proxectos financiables son proxectos de I+D individuais ou en colaboración entre varias empresas que pertenzan ao mesmo grupo e organismos de investigación e proxectos de innovación en materia de procesos ou organización, individuais ou en cooperación entre empresas como máximo de dous grupos empresariais sendo unha delas unha PEME. A intensidade das axudas poderá chegar ata o 80%, dependendo do tipo de proxecto e de empresa. Outros requisitos esixibles para acceder á convocatoria son: ter un orzamento mínimo de 2 e máximo de 10 millóns de euros; unha duración mínima de 3 anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais. Establécense dous prazos de presentación de solicitudes: ata o 8 de marzo e ata o 31 de xullo de 2019.
Os días pasados, na Biblioteca e Arquivo de Galicia e presidida polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, celebrouse a xuntanza do Consello de Cooperación Bibliotecaria. Na reunión desenvolvida en Santiago constatouse un importante crecemento do número de persoas que tiran proveito das ferramentas TIC da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (Consellería de Cultura e Turismo). Máis polo miúdo a plataforma GaliciaLe.
Entre os puntos cruciais do día figuraba a presentación da memoria anual da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se deu conta dos novos rexistros e incorporacións á mesma: a de Beariz, a de Antón de Pepiño de Curtis e a de Barreiros. Outro dos puntos principais foi o impulso ao programa de dinamización da lectura Ler Conta Moito, que contará este ano cun orzamento de 345.000 euros, 150.000 máis que no exercicio anterior. Ademais, fíxose saber que as coleccións das bibliotecas públicas recibiron en 2018 a incorporación de 13.700 exemplares de novidades en galego, correspondentes a 426 títulos.
Como dixemos, tamén houbo novidades relativas á plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas, a plataforma GaliciaLe. Segundo se fixo saber, trátase dun servizo “cada vez máis consolidado entre as usuarias e usuarios das nosas bibliotecas, e proba diso é o medre no número de préstamos”. O informe presentado no Consello de Cooperación Bibliotecaria sinala que en 2018 houbo un 46% máis de lectores no catálogo de galego e un 67% máis no de castelán. No Consello explicouse que entre as razóns deste incremento figuran o fortalecemento da colección dos dous catálogos, que teñen máis títulos, licenzas e formatos. A isto cómpre engadir as accións de difusión levadas a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo, baixo o lema A biblioteca vai contigo, e polo Ministerio de Cultura e Deporte.
R retoma nesta recta inicial de 2019 o proxecto educativo-tecnolóxico CreaR, dirixido a pequenos (mostrándolles os beneficios estimularen as súa capacidades pola vía da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova). A nova andaina do programa comeza o sábado 23 no Fórum de Carballo. Até final de ano haberá máis obradoiros de robótica e charlas didácticas noutras localidades galegas co alicerce das bondades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se facemos un bo uso delas.
A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Carballo, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipo ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos.
“O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo. Por certo, que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.
Como dixemos, os obradoiros e as charlas do programa CreaR arrincan a súa andaina este 23 de febreiro en Carballo, e de aí até o final de ano visitarán tamén as localidades de Vilagarcía de Arousa, Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón. O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes. Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.