main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/02/201911:59
Acordo ONCE - Microsoft.
Madrid

Microsoft incorpórase ao Padroado da Fundación ONCE

A empresa Microsoft formará parte do Padroado da Fundación ONCE, segundo acordou o máximo órgano de goberno da entidade, reunido este luns en Madrid. Esta incorporación enmárcase na estratexia fixada pola organización para impulsar a innovación como panca de integración das persoas con discapacidade.

 

A reunión estivo presidida por Miguel Carballeda, ratificado como presidente da Fundación ONCE. Tamén foron ratificados nos seus cargos Alberto Durán, como vicepresidente executivo, e José Luis Martínez Donoso, no posto de director xeral da entidade. Ademais, o encontro contou coa participación de Carlos de la Iglesia, director de Comunicación e Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica, compañía que asumirá a representación das empresas en substitución de Pelayo Mutua de Seguros. 

 

A incorporación de Microsoft ao máximo órgano de decisión da Fundación ONCE ten que ver coa aposta da entidade por impulsar a innovación e a tecnoloxía como elementos facilitadores para conseguir a plena inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

 

Ao finalizar a reunión, os membros do Padroado tiveron a oportunidade de asistir a unha conferencia de Pedro Moneo, fundador de Opinno e editor das revistas do MIT e Harvard Business Review en español. Moneo achegou a súa visión sobre a importancia da innovación e a transformación das organizacións para poder dar resposta ás necesidades de todas as persoas.

 

Na última reunión do Padroado da Fundación ONCE, que tivo lugar no pasado mes de decembro, aprobouse unha actualización do Plan Estratéxico 2018-2021 co obxectivo de fortalecer a innovación e a aposta polo I+D+i.

 

Deste xeito, a presenza de Microsoft reforza a aposta de Fundación ONCE por impulsar a innovación e a tecnoloxía, ferramentas que deben facilitar a inclusión social e laboral plena das persoas con discapacidade.

 

Precisamente, este impulso producirase de forma transversal e terá sempre o obxectivo de poñer ás persoas con discapacidade no centro da innovación. Así, promoveranse estratexias de impacto que axuden a que a información sobre produtos de apoio e solucións tecnolóxicas de accesibilidade chegue de forma efectiva aos usuarios.

 

A Fundación ONCE estudará tamén a posta en marcha dun programa de intercambio de profesionais con outras organizacións nacionais e internacionais do ámbito da innovación, o emprendemento social e/ou a accesibilidade co ánimo de coñecer outras experiencias. 

 

Por último, no presente exercicio lanzarase un programa de contidos, accións e proxectos de capacitación para o emprego nas profesións dixitais dirixido a persoas con discapacidade. Este programa chega tras a fase piloto da Academia Dixital, un proxecto posto en marcha pola Fundación ONCE en 2018 co obxectivo de formar en novas tecnoloxías a mozos con discapacidade e que, nesta etapa, finalizaron un total de 120 alumnos.

19/02/201908:33
Presentación de Suprime o Control.
A Coruña

Suprime o Control achega obradoiros, concursos e un servizo de asesoría por Whatsapp

A violencia machista, como boa parte dos problemas máis graves que nos afectan, pode ter boa parte do seu remedio na educación, na concienciación e na sensibilización, e todo dende as idades máis temperás. Esta é a fórmula da páxina web Suprime o Control, que impulsa a Deputación da Coruña e que estes días colleu novos azos coa ampliación do programa Suprime o Control. As novas actividades foron presentadas pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da entidade provincial, Ánxela Franco. Haberá obradoiros (en once centros de ensino de Ferrol, Eume e Ortegal) e un certame de microrrelatos. Amais, poténciase o servizo de asesoramento por WhastApp. 

As actividades desenvolveranse no IES Cabo Ortegal, IES de Ortigueira, CPI DE Atios, CPI San Sadurniño, IES de Mugardos, IES As Mirandas, CPI A Xunqueira, IES de Fene, IES Fernando Esquío, CPI Virxe da Cela, IES Punta Candieira. Segundo fixo saber Franco, nos obradoiros, que constan de tres sesións, trabállanse contidos relacionados coas relacións afectivo sexuais como as actitudes e condutas de control e aquelas formas de violencia de xénero máis sutís como os micromachismos, o papel das novas tecnoloxías nas relacións entre iguais, a diversidade afectivo sexual, a resolución de conflitos pacífica, os diferentes tipos de violencia sexual, os mitos do amor romántico e a influencia dos medios de comunicación na súa reprodución, etc. 

Estas accións enmárcanse na terceira edición de Suprime o Control, un programa quen pon o foco na educación en igualdade e na prevención de condutas machistas no ámbito educativo, ademais de fomentar a igualdade entre rapazas e rapaces. Un total de 680 alumnas e alumnos dos 11 centros educativos participan nesta nova fase do programa. Amais dos obradoiros devanditos, a nova edición de Suprime o Control incorpora outras actividades de interese, como un concurso de microrrelatos (que premiará a mellor contribución coa súa adaptación a formato audiovisual) ou un servizo de asesoría por Whatsapp, que está en activo dende comezos de curso e que permite aos rapaces e rapazas resolver anonimamente e con total privacidade as súas dúbidas sobre a devandita problemática e faceren consultas sobre violencia de xénero ou sobre o programa Suprime o Control. 

De cara aos meses de abril e maio organizaranse encontros coas familias en cada un dos centros participantes. O programa socioeducativo para a prevención da violencia de xénero Suprime o Control da Deputación da Coruña ten por obxecto ofrecerlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, ás súas familias, e ao profesorado, ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais ou produtos audiovisuais. Todas as novidades e calendarios das diferentes actividades de Suprime o Control, poden consultarse na web propia do programa.

19/02/201908:28
Presentación de Coruña Hacks Mini.
A Coruña

Os makers máis novos terán espazo de seu nos Coruña Hacks

Queriamos quedadas sobre tecnoloxías abertas e construtivas? Pois ímolas ter, e por partida tripla. Así, en tres tempos, é como veñen este ano os encontros Coruña Hacks, que estrean en marzo unha nova edición coa devandita novidade e, tamén, coa incorporación dun formato mini para a nova xeración de argalleiras e argalleiros (a celebrarse de maneira paralela e complementaria). Como lembraremos, Coruña Hacks vén da man dos colectivos GPUL, Coruña Developers e Árticos. Serán tres hackatons, os segundos sábados de marzo, abril e maio. 

Ao seu abeiro seguirase en parte a fórmula de costume: desenvolveranse proxectos libres co obxectivo de dar respostas, tecnolóxicas, a demandas sociais concretas. Ou sexa, trátase de impulsar os recursos dixitais para o ben o común. A maiores, haberá unha gala final con premios para os mellores proxectos. Apoiando a iniciativa atópase novamente o Concello da Coruña, que deu o seu respaldo a estes obradoiros dende as súas orixes (a través de Coruña Dixital e da Área de Participación e Innovación Democrática). Segundo lembran as entidades organizadoras, Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas que teñan a arela de experimentar coa tecnoloxía, dando forma a novos programas e servizos de utilidade común e afondando en detalles relacionados co hardware libre. A primeira xeira será no Centro Ágora e nela poderase debater sobre que proxectos se traballará e constituír os equipos coas persoas inscritas

Como dixemos, unha das grandes incorporacións deste ano son os formato mini, a través de Coruña Minihacks, unha proposta para rapaces de entre 8 e 16 anos que se desenvolverá os mesmos días que a versión adulta, aínda que moitas menos horas por xornada. Segundo informan os colectivos organizadores, nas sesións as participantes poderán programar historias, aplicacións ou videoxogos, co único requisito de poder levar un ordenador portátil.

19/02/201908:24
Reunión de Abel Caballero con Vodafone.
Vigo

O Concello de Vigo e Vodafone xuntan forzas para lograr que Vigo sexa un referente en 5G

Vigo quere ser un referente en tecnoloxías avanzadas de telecomunicación e deste propósito xa temos exemplos, como a súa candidatura ao Plan Nacional de Territorios Intelixentes, un programa para equipar as cidades de máis de 200.000 habitantes con tecnoloxías smart (Internet das Cousas, ferramentas de xestión e comunicación propias das Cidades Intelixentes, tecnoloxías 5G). Estes días o Concello de Vigo deu un novo paso nesta arela, un desafío que vai ser abordado conxuntamente con Vodafone. Segundo fixo saber o alcalde, Abel Caballero, o Concello e a operadora presentarán ante o Ministerio de Economía unha iniciativa para implantar o estándar 5G na cidade. Con isto, dixo Caballero, Vigo estará no punto de atención de Europa.

Caballero concretou este venres que o Goberno local presentará o proxecto piloto de tecnoloxía 5G ao programa convocado por Red.es, do Ministerio de Economía, co obxectivo “de obter axudas e estar durante dous anos e medio nesta experiencia”. Segundo fixo saber, trátase dunha iniciativa “da maior importancia para Vigo”. Estes e outros datos foron achegados polo alcalde logo da súa xuntanza co director xeral de Administracións Públicas de Vodafone España, Carlos Becker; o director territorial, Juan Manuel Navarro, e o director de Contas en Galicia, Jesús Sueiro. 

O rexedor tamén tivo tempo para debullar os ámbitos nos que se vai ver beneficiada a cidade galega co impulso definitivo do 5G, un estándar que dispara as posibilidades dos aparellos conectados até o inimaxinable: vehículos autónomos, servizos de emerxencias, eficiencia enerxética, desenvolvemento de drons, asistencia a voluntarios ou Industria 4.0. Tamén servirá para dar importantes avances en xestión de ambulancias, no pagamento da cidadanía ou no seguimento de fluxo de persoas a eventos ou a lugares de interese turístico, por exemplo as Illas Cíes. Caballero engadiu que a experiencia piloto ten especial relevancia porque “abrangue todos os ámbitos” que poidamos concibir. Ademais do Concello e Vodafone, no proxecto tamén participan PSA Peugeot-Citroen, o CTAG, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Cruz Vermella e a firma Kaleido. “Presentarémolo perante o Ministerio de Economía e confíamos en obter axuda e estar durante dous anos e medio nesta experiencia para que unha vez máis esta cidade estea á cabeza da tecnoloxía”, salientou.

18/02/201914:25
Las Acacias BOT imponse na First LEGO League Galicia.
Ferrol

Las Acacias BOT imponse na First LEGO League Galicia

Finalmente celebrouse este sábado en Ferrol a First LEGO League Galicia, a edición galega da competición internacional do mesmo nome e que se celebra por quinto ano consecutivo da man do Campus de Ferrol e, máis en detalle, do profesor José Antonio Becerra Permuy. Na proba, que é o torneo clasificatorio da liga mundial de LEGO promovido pola UDC e a Fundación Scientia, participaron máis de 300 estudantes, o que supuxo un novo récord en materia de implicación do noso alumnado. Impúxose finalmente o equipo do colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, Las Acacias BOT.

Máis en detalle, o equipo vigués obtivo o Premio Fundación Scientia, que lle dá o pase ao torneo estatal que terá lugar en Tenerife os días 23 e 24 de marzo. Xunto co equipo vigués irá, como segundo clasificado, o equipo Emotional Tricks, do CPI A Xunqueira de Fene. Nesta edición, participaron un total de 37 equipos e preto de 300 mozos e mozas de Galicia e Asturias. Ademais destes dous equipos que pasan á competición nacional, na mañá do sábado resultaron galardoados os seguintes equipos:

  • Primeiro Premio Airbus ao Proxecto Científico: Xunquinautas, do CPI A Xunqueira de Fene.
  • Segundo Premio Gabadi ao Proxecto Científico: Anonymous Bot, do IES Fene. 
  • Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot: Montecastelo Little Bot, do Colexio de Fomento Montecastelo de Vigo.
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores First LEGO League: Mega Space Team, de Mega Ribeira, de Ribeira. 
  • Segundo Premio aos Valores First LEGO League: Casanovasquad, do Club de Ciencia do IES Sofía Casanova, de Ferrol.
  • Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot: Montecastelo Little Bot, do Colexio de Fomento Montecastelo, de Vigo. 
  • Segundo Premio ao Deseño do Robot: Green Galactics, do Colexio de Fomento Peñarredonda, da Coruña.
  • Premio Fundación Princesa de Girona ao Emprendemento: Frouximakers, do CPI de Atios, de Valdoviño. 
  • Premio LEGO Education ROBOTIX ás novas promesas: Palacio de Granda, do Colexio ISP Laude Palacio de Granda, Siero, Asturias. 

O xurado ademais propuxo ao equipo Las Acacias Bot, do colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, para un dos catro premios Global Innovation que entrega a First LEGO League España. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu a entrega de premios e no seu discurso avogou polo empoderamento das mulleres na ciencia e a tecnoloxía. “ A tecnoloxía tamén é para as mozas e anímovos a que eses campos tamén sexan femininos”, declarou. “É unha alegría ver tantos nenas e nenas traballando en robótica e ciencia, anímovos a que sigades esa vocación e vos apuntedes en estudos da rama científica e tecnolóxica”, concluíu o reitor. Colaboran nesta edición Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña e mais o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

 

Detalles da competición
A competición First LEGO League consta de varias demostracións. Os participantes teñen que presentar un proxecto científico que nesta edición xira arredor da temática do espazo co desafío #INTOORBIT, ademais de deseñar, construír e programar un robot que ten que superar unha serie de retos. Na terceira proba, os alumnos deberán demostrar unha serie de valores de equipo. Os equipos, de entre dous e dez membros, están formados por estudantes de 10 a 16 anos. A First LEGO League ten unha edición Junior, non competitiva, dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos. Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster ilustrativo do seu traballo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS