
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior. A extensión da sinatura dixital e a súa integración con Minerva son parte das medidas para a implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, que están a levar a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego.
O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva, que empregan xuíces, letrados e funcionarios, con Fortuny, o sistema dos fiscais, facilita un maior uso da firma electrónica.
Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios da consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial, a pedra angular e da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...). Centraliza en único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xeran diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.
Este repositorio integra máis de 32 millóns de documentos, o dobre que en 2017. Cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.
Plan Senda
Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros ata o 2020. En total, ambos plans sumarán un investimento de case 50 millóns de euros en 2020.
Vigo vai acoller en abril un máis que relevante evento sobre seguridade informática e sobre as cousas que temos que ter sempre en conta para protexer, nas redes, a información propia e máis a allea. Estamos a falar do congreso ViCON 2019, impulsado polos organizadores das charlas de cibersecurity Hack&Beers e no que coopera o Concello de Vigo. Segundo se fixo saber na presentación, onte, ViCON celebrarse no MARCO e será de balde, contando con relatores de “contrastada experiencia”, que ofrecerán a súa visión e coñecementos en salvagarda do coñecemento. ViCON, un paso adiante das charlas Hack&Beers, desenvólvese os días 12 e 13 de abril.
Na presentación en rolda de prensa, o concelleiro Carlos Font fixo fincapé na importancia do congreso e no feito relevante de celebrarse en Vigo, xa que o evento vai constituír unha referencial fonte de información sobre un tema tan candente como a seguridade informática para o ámbito público e para o privado. Antonio Fernandes, co-organizador da cita, explicou que o seu equipo ten unha ampla bagaxe en protección tecnolóxica, pero tamén en acontecementos de divulgación e debate arredor da mesma: congresos nacionais e tamén internacionais. A idea, agora, é traer toda esa experiencia a Vigo, con expertos de primeiro nivel como Joel Serna, Yago Hansen o Paula de la Hoz. A organización engadiu que no MARCO vaise falar dos asuntos máis interesantes actualmente en materia de ciberseguridade, como son a evolución das comunicacións militares ao longo da historia ou como é posible roubar os datos de móbiles e ordenadores a través dos seus cargadores.José Luis Rivas, tamén co-organizador, lembrou na rolda de prensa que as universidades galegas levan desde os anos 90 traballando na ciberseguridade, co que tanto Vigo como Galicia contan cunha ampla traxectoria docente na materia.
Desde 2015, Google convoca anualmente un concurso de programación chamado Hash Code no que convida a resolver en pequenos equipos un gran reto de enxeñaría. Nesta edición, que se celebrará o 28 de febreiro, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense será dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas poderán acudir ás súas instalacións para participar desde alí no certame.
Hash Code, explican desde a organización, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iníciase cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, pode competir desde calquera lugar, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.
Punto de encontro
“Google fai diferentes competicións a nivel mundial nas que ao final o que está buscando é captar talento, desenvolvedores de código que destaquen. Neste caso propón un reto de programación que a xente ten que solucionar en equipo en catro horas”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Este ano, apunta, o centro solicitou a Google ser un dos seus Hash Code Hubs, presentando unha solicitude na que explicaban o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada.
Deste xeito, á hora de inscribirse na páxina do certame as persoas que o desexen poden adscribirse á Escola Superior de Enxeñaría Informática e vir a competir a ela na tarde do día 28 de febreiro. O prazo para inscribirse está aberto ata o día 22 de febreiro. “Disporemos dunha sala grande onde conectaremos con Google, para seguir o certame, e incluso co outro hub galego que participa, para compartir con eles a experiencia e interaccionar”, comenta Francisco Javier Rodríguez. Aínda que aconsellan a cada participante traer o seu propio portátil para dispoñer dun equipo xa configurado ao seu criterio, desde o centro tamén habilitarán unha sala con ordenadores para aqueles que queiran facer uso deles.
Competir divertíndose
“O obxectivo é facilitar a participación neste evento, ser un punto de conexión. Poderías facer este reto desde a casa pero o que fomenta Google é que haxa sitios onde os equipos se coñezan, interactúen… non deixa de ser unha festa de promoción da programación”, comenta o director de Enxeñaría Informática. O reto que propón Google, sinala Francisco Javier Rodríguez, é un reto creativo que non o pode resolver unha soa persoa e cuxa resolución non ten que ser obrigatoriamente numérica. “Eles avalían a creatividade, como se afronta o reto... e de feito ata o 5 de marzo non se dan os resultados do certame”, apunta.
A idea de presentar a candidatura para ser nodo desta competición, comenta Francisco Javier Rodríguez, xurdiu porque “é unha forma de visibilizar o labor que fai a xente que traballa en enxeñaría informática”. Ás e aos participantes, detalla, “dálles a oportunidade de amosar as súas capacidades aínda que non gañen e permítelles pórse a probar, autoavaliarse afrontando un reto creativo e nun ambiente lúdico e de competición sa”. Tento en conta estas características, apunta o profesor, desde o centro están fomentando a participación en Hash Code 2019 do seu alumnado, “para que vexan que as accións da nosa profesión tamén teñen repercusión”, pero tamén de profesionais xa que, lembra, “é interesante que o noso alumnado se relacione con xente que xa está na empresa”.
O Concello de Lugo quere abordar de cheo a problemática dos novos trastornos aditivos. E farao cunha mesa redonda, a celebrar este 21 de febreiro nas instalacións do Vello Cárcere a partir das 19.00 horas, con entrada de balde e aberta á cidadanía en xeral. A sesión, moderada polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará coa participación de Manuel Isorna, doutor en Psicoloxía, Gerardo Rodríguez, da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados e María José Lamas, directora de ADAFAD. A cerna temática da mesa redonda serán as neoadiccións, un termo que en boa medida abrangue os trastornos que se derivan dun mal uso das novas ferramentas tecnolóxicas e dos servizos dixitais.
A cita Xuventude e adiccións sen sustancia: as neoadiccións e apostas online enmárcase dentro das mesas redondas sobre mocidade que vén organizando nos últimos meses o Goberno de Lugo.
Na súa presentación, a concelleira Carmen Basadre convidou aos mozos e mozas luguesas, ás súas familias e á veciñanza a asistir a este encontro divulgador e de debate sobre “un problema en auxe como son as adiccións sen sustancia”. Un problema, dixo, cuxas consecuencias se reflicten en múltiples aspectos do noso día a día, nas familias e nos colexios, e tamén en investigacións concretas que podemos ver, como a enquisa recente Adicción do País Vasco, publicada o pasado 2018, na que se mostra que o 21% dos adolescentes realiza un uso problemático do móbil ou da Rede e un 6,4% dos estudantes realizou apostas online.
O debate deste xoves, que será moderado polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará con testemuños en primeira persoa.
Hoxe celebrouse en Santiago unha xuntanza arredor da edición 4.0 de Galicia Open Future, a iniciativa galega de crowdworking e aceleramento de iniciativas innovadoras de Telefónica e a Xunta. Na cita participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o director do Territorio Norte de Telefónica, Javier Zorrilla, o director de I+D+i do Grupo Coren, David Robledo, o director de Novas Tecnoloxías en Produción da cooperativa agroalimentaria, Fernando Pomares, a directora de GAIN, Patricia Argerey, e máis o director executivo (CEO) de Ymaging, Iván Amat. Segundo lembraron aos medios, Galicia Open Future 4.0 concibiuse en base a unha serie de retos lanzados ás empresas galegas para resolvelos con solucións tecnolóxicas concretas. Un destes desafíos foi guindado por Coren. A empresa que gañou a proposta foi Ymaging, precisamente.
Ymaging, para quen non o saiba, é unha nova firma barcelonesa especializada no desenvolvemento de sistemas para a interpretación automatizada de datos complexos, contando con experiencia para clientes de diferentes sectores como a biomedicina, a xeofísica ou a agricultura intelixente (smart farming).
A finalidade da xuntanza foi compartir co conselleiro, en detalle, as características do reto e as solucións expostas para Coren por Ymaging. Por certo que a proposta achegada por Coren é a terceira proposta lanzada ao abeiro da Edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, logo das contribucións de Pescanova e FINSA, resoltas por Deicom e Conexiona.
A solución que buscaba a compañía do sector agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina. En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e malia identificación dos animais, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado. O obxectivo, nas súas palabras, “é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada exemplar de modo áxil e unívoco”. Isto permitirá á cooperativa galega obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo.
Ademais de Ymaging, elixíronse ademais tres finalistas: a alianza Torusware e Biostatech, o Centro Tecnolóxico Gradiant e Merasys.
A selección do gañador e os finalistas foi efectuada por un comité de avaliación, tendo en conta como principais criterios o problema que resolve, o grao de adecuación da proposta ao reto que se expuxo, a adicación do equipo e o tempo de posta en marcha da solución.
Ymaging, logo de ter sido elixida a súa proposta, obterá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán, ao finalizar, un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Amais das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá ao proxecto gañador un préstamo reembolsable pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de até 50.000 euros.