
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Malia que a reivindicación da igualdade tecnolóxica sexa aplicable aos 365 días do ano, este 25 de abril a celebración das contribucións dixitais femininas cobra especial protagonismo coa sétima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha data impulsada e coordinada dende a nosa terra polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) co apoio incondicional da Secretaría Xeral de Igualdade, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e GAIN, entre outras entidades e empresas da nosa terra.
Para quen non o saiba, é unha conmemoración que abrangue unha manchea de países e unha manchea de entidades comprometidas con motivar ás mozas a apostaren polas novas tecnoloxías como vieiro formativo, investigador e profesional. Por que motivo? Pois porque, por mensaxes erróneas e falsos estereotipos, o eido académico TIC non conta con todas as mulleres coas que debera contar para garantir un óptimo desenvolvemento tecnolóxico das sociedades, as empresas, as culturas e os países. Para celebrar a vertente galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC participarán co CESGA (e no CESGA) catro mozas galegas representantes do noso tecido empresarial innovador e tecnolóxica: catro rapazas que investigan, traballan e emprenden coas TIC, que contarán cadansúa experiencia e responderán a todas as preguntas que se lles fagan desde os centros escolares (os centros conectados ao CESGA vía multiconferencia). Trátase das seguintes rapazas:
Axenda de actividades
A primeira edición do concurso #ApuntasTech? chega esta semana ao punto culminante do seu desenvolvemento coa celebración (este 25 de abril) do Día das Rapazas nas TIC, cuxa conmemoración é unha das razóns de ser do certame. Este concurso, que se dirixe a promover as vocacións tecnolóxicas entre as mozas, vén da man da Secretaría Xeral da Igualdade, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e AMIT-Gal (a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia).
A orixe do certame hai que encadrala na loita conxunta de Igualdade e do CESGA contra a fenda dixital de xénero que relega ás mulleres a un segundo plano no que carreiras e profesións TIC se refire. Desta colaboración xurdiu o impulso conxunto que lle deron ao proxecto europeo ICT-Go-Girls!, que está promovido e coordinado polo CESGA e ao abeiro do cal lanzáronse dende 2013 diversas iniciativas para conseguir que as mulleres alcancen una presencia igualitaria no sector das TIC, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 e 15 anos (franxa de idade que se considera chave para mudar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas).
Así, co referente de ICT-Go-Girls! púxose en marcha este ano o concurso ApuntasTech?, que pretende, dun “xeito lúdico e aberto”, escoitar todas as partes implicadas para “poder reunir as mellores propostas”, e xerar un catálogo dinámico que permita traballar as tecnoloxías de “forma amena”, sobre todo na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Logo está previsto elaborar unha escolma das mellores propostas e publicalas con licenza aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos en liña.
Bases e máis información
O concurso conta con 4 categorías, 2 para estudantes (primaria, secundaria e bacharelato) e 2 para adultos (centros educativos e outros centros/institucións). Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits. Este certame sitúase ao abeiro das actividades para celebrar o sétimo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day) este xoves 25 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet. Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada en www.ictgogirls.eu/dia-rapazas-nas-tic/.
Organización e colaboracións
O concurso está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters! así como a tenda online Bricogeek.com.
As mulleres galegas pechan fileiras arredor da igualdade tecnolóxica e científica, da reivindicación das importantes contribucións femininas a estes ámbitos e da necesidade de derrubar coas falsas crenzas e estereotipos que impiden ás mozas acceder plenamente aos estudos STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics). Nesta liña de traballo é onde se sitúa o primeiro grupo galego Enxeñeiras I Mas (I+), que presentou a semana pasada a súa proposta de programa de actividades para os vindeiros meses, entre as que se inclúen xornadas e visitas aos centros educativos para mostrar “a importancia de que as nenas coñezan as carreiras STEM”.
Na xuntanza do grupo participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen "amadriñou" en Vigo a creación do colectivo de mulleres enxeñeiras, cuxos obxectivos primeiros pasan por “poñer ideas en común, definir iniciativas para visualizar a situación das carreiras STEM, sumar sinerxías, obter feedback e traballar para impulsar o papel da muller nas enxeñarías”.
O grupo, que manterá reunións periódicas de traballo, integra a mulleres de diferentes eidos da enxeñaría (forestais, industriais, telecomunicacións, etc.) e ten a súa orixe en faladoiros previos entre as enxeñeiras e a presidenta provincial. Carmela Silva, que cualificou de “unha idea magnífica” a creación deste grupo, incidiu na “enorme preocupación que temos ante o descenso do número de rapazas na matriculacións nas carreiras técnicas”, e máis se temos en conta que o mundo vai estar dirixido polas persoas que teñan coñecementos avanzados nas disciplinas STEM: “Se o 75% das persoas que estudan esas carreiras son eles, eles serán os que dirixan mundo e iso non o podemos consentir”, engadiu. A vindeira posta en marcha dunhas xornadas para intercambiar recursos e debater sobre a situación das mulleres da enxeñaría, ou a organización de visitas aos centros educativos para que as nenas teñan referentes destas profesións técnicas, son algunhas das ideas que xurdiron deste primeiro encontro.
O 26 de abril imos ter en Vigo unha cita coas tecnoloxías futuras que comezan a ser, tamén, tecnoloxías do presente: a ser cousas que podemos ver e tocar e coas que podemos traballar. Estamos a falar da quinta edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, un evento argalleiro onde todo estará disposto para liberar o camiño creativo dos novos makers de calquera tipo de atranco. O obxectivo: espertar o interese das e dos rapaces polas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
Respecto das novidades principais desta edición, poranse en xogo máis obstáculos nas probas e introducirase un novo sistema de cronometraxe para as probas, desenvolvido por un grupo de traballo da devandita escola. Unha vez máis, o certame vén con dúas categorías para competir: Wall-E (para ensino secundario, ESO e Bacharelato, e convidando ao alumnado a montar e programar un robot móbil partindo dun kit básico, programable con Scratch e compatible coa plataforma de fontes abertas Arduino) e R2-D2 (para titulacións superiores e propoñendo aos asistentes a creación de robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 cm de lado, un peso máximo de 1.500 gramos e con sensórica, feitura, cor e configuración de tracción libre).
Para quen non o saiba, a Competición de Robots da EEI de Vigo vén da man da dita Escola en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo. Este ano, logo de ter xuntado ao longo da súa andaina máis de 3.000 estudantes, a intención dos organizadores da xuntanza é bater marcas en número de participantes, equipos e enxeños a concurso.
As contribucións do proxecto D3mobile do Grupo de Investigación de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO) da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) veñen de ser obxecto de estudo na IEEE Geoscience and Remote Sensing Magazine, unha das máis sobranceiras e prestixiosas revistas estadounidenses de investigación no ámbito das xeociencias. Máis polo miúdo, o que figura no artigo é un repaso polos logros das cinco primeiras edicións do certame D3Mobile Metrology World League, campionato educativo internacional de modelado en tres dimensións que, segundo se fai saber, foi quen de espertar un crecente interese entre os escolares polas titulacións e a investigación en enxeñaría, xeomática, metroloxía e 3D.
Isto cobra aínda máis importancia se temos en conta que a demanda do mercado de profesionais STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cobra cada ano máis peso, e que, segundo os últimos estudos, o número de estudantes que inicia estudos superiores nestes ámbitos está lonxe de poder cubrir as necesidades do mercado, xa que faltan vocacións científicas e técnicas, unha conxuntura que (precisamente) pretende mudar o grupo de investigación de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO) da USC a través do proxecto D3Mobile. Como lembraremos, este campionato científico lanzando dende o Campus de Lugo permite aos estudantes familiarizarse con conceptos de enxeñaría, estatística, metroloxía e xeomática, entre outros. En termos máis concretos, os participantes introdúcense no mundo do escaneado 3D mediante fotogrametría (a ciencia da medida mediante fotografías) utilizando como únicas ferramentas a cámara do seu teléfono móbil/tableta e software gratuíto. Mediante unha metodoloxía de ensino a distancia (e-learning) o alumnado aprende a medir coordenadas do mundo real cos seus propios dispositivos.
No devandito artigo publicado en Estados Unidos faise saber que o éxito deste proxecto STEM radica na facilidade de implantación na aula, ao tratarse dunha metodoloxía en liña que a fai compatible co traballo de clase en case calquera plan de estudos do mundo. Segundo explica o profesor Juan Ortiz e director do proxecto, este iniciouse en 2012 co obxectivo de centrarse sobre todo en centros educativos españois. Porén, a boa acollida no plano estatal, cunha participación de 126 institutos, motivou aos organizadores a lanzalo a nivel internacional no seguinte ano, o que se saldou coa mobilización de 1.476 estudantes de 44 países de todo o mundo participando na edición 2017 do campionato. Os gañadores da última edición, un equipo turco formado por dous alumnos liderados polo seu profesor, conseguiron alcanzar na proba de precisión erros medios inferiores á décima de milímetro.
As enquisas expostas aos alumnos trala súa concorrencia no D3Mobile reflicten “un especial interese entre os participantes por profesións relacionadas co desenvolvemento de contido en 3D”. As primeiras edicións deste proxecto contaron co soporte financeiro de diversas entidades públicas e privadas, que os autores incluíron no apartado de agradecementos do citado artigo internacional; todos eles contribuíron a que a D3Mobile sexa unha realidade hoxe: Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento; Centro Nacional de Metroloxía do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; Fundación Española para a Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía e Competitividade; Xunta de Galicia; Concello e Deputación Provincial de Lugo; Universia do Banco de Santander; Fundación Vodafone; BQ, Autodesk, Fundación Mulleres, PCE Ibérica, Fundación Barrié, Fundación Comforp, Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA), Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), Universidade Tecnolóxica Nacional (Arxentina) e EDUCACION 3.0.