main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/04/201909:33
Representación da intelixencia artificial.
Santiago de Compostela

A Amtega e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións achegarán as novas tendencias tecnolóxicas a cidadáns e empresas

  • Grazas á colaboración entre ámbalas dúas entidades, este ano impartiranse talleres abertos e gratuítos sobre tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou o 5G
  • Estas actividades están en liña coa aposta da Amtega pola especialización de profesionais TIC e a capacitación dixital de profesionais doutros sectores
  • Ademais, a AETG analizará a calidade das redes móbiles e de banda larga en polo menos 250 núcleos da Comunidade

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) renovan a súa colaboración coa sinatura dun acordo que, entre outras actuacións, permitirá realizar este ano talleres abertos e gratuítos sobre novas tendencias tecnolóxicas como a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou o 5G.

Estas actividades formativas, abertas, gratuítas e presenciais, estarán dirixidas a cidadáns e empresas e administracións públicas. Esta actividade enmárcanse na aposta da Amtega pola especialización de profesionais TIC e a capacitación dixitais de profesionais doutros sectores.

Control sobre o terreo

Por outra banda, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia levará a cabo un estudo sobre a calidade das redes móbiles e de banda larga en polo menos 250 núcleos da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas. 

Servizo de asesoramento

O acordo contempla, ademais, a continuidade do servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación dirixido especialmente aos axentes implicados no ámbito regulatorio das telecomunicacións e ás entidades locais.

Este servizo realízase a través dun equipo de traballo específico integrado por Enxeñeiros de telecomunicación, cun soporte centralizado e permanente mediante contacto telefónico e correo electrónico. Ademais, a AETG elaborará a documentación específica de soporte para a tramitación e xestión administrativa das comunicacións previas que afecten a infraestruturas de telecomunicacións.

A Amtega achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia un total de 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.

22/04/201908:57
Pantallazo da web DigiTalent.
Santiago de Compostela

O Plan Digitalent da Amtega pon en marcha tres novas iniciativas para impulsar vocacións dixitais e novos perfís tecnolóxicos

  • Son as actividades previstas para o segundo trimestre do ano, que se suman ás 14 que se desenvolveron ao inicio do curso 2018-19
  • O 15 de xuño organizarase a fase local da World Robot Olympiad na Cidade da Cultura, unha competición global de robótica educativa con ata 110 prazas que permitirá a clasificación para a final nacional e internacional
  • Desenvolverase o concurso de programación The Norht Codes no que as parellas de participantes crearán un videoxogo de aventuras utilizando a tecnoloxía Scratch
  • Porase en marcha o programa de Bolsas DigiTalent, coa selección das empresas do sector TIC que ofrecerán prácticas non laborais a estudantes universitarios do ámbito STEM en empresas do sector TIC
  • Toda a información sobre as actividades do Plan está dispoñible no novo portal de DigiTalent

Durante o segundo trimestre deste ano o Plan DigiTalent, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), amplíase con tres novas actuacións: a fase local da World Robot Olympiad e as Bolsas DigiTalent, ambas impulsadas pola Amtega, e a iniciativa The North Codes promovida pola empresa DXC Technology. 

Estas actuacións súmanse ás catorce iniciativas que veñen desenvolvendo desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

Novo portal de DigitTalent

Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no novo portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal. Esta web é o punto de acceso ao catálogo de actividades e permite unha consulta adaptada ás necesidades dos distintos perfís de usuarios, ofrecendo información personalizada, segundo rango de idades, data e lugares de celebración, entre outros criterios.

Ademais, é unha canle aberta de comunicación, ofrecendo acceso ás publicacións en redes sociais máis relevantes nesta materias, chegando ao público obxectivo de xeito máis dinámico e interactivo.

Estímulo ás vocacións científicas STEM

O primeiro eixo do Plan DigiTalent está centrado en espertar, motivar e potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, tendo en conta a perspectiva de xénero. A día de hoxe, xa se lanzaron once actuacións neste ámbito, seis delas actualmente en curso: Tecnólogo por un día, impulsada pola Amtega, CreaR, da man do operador R, DixiXogo, en colaboración con Iecisa, GenTech promovida pola empresa Altia; e O Core das TIC e Futurelab+Codefun, organizadas polas empresas Coremain e Sivsa respectivamente. 

Agora este eixo refórzase coa organización o 15 de xuño da WRO Galicia na Cidade da Cultura, a fase local da World Robot Olympiad, que ofrecerá ao alumnado unha oportunidade de achegarse dun xeito lúdico e divertido á tecnoloxía e á enxeñería. O concurso engloba diversos retos a resolver por equipos e que se celebran de xeito independente, neste caso Regular e Football nos que poderán participar ata 110 estudantes galegos divididos en diferentes categorías, que abranguen dos 6 aos 19 anos. Os retos da edición 2019 están inspirados na temática Smart Cities. 

A esta actuación súmase a iniciativa The North Codes impulsada pola empresa DXC Technology, actualmente con prazo de inscrición aberto, e na que colaboran os centros de Santiago de Compostela e Asturias. Trátase dun concurso de programación no que os participantes, estudantes que estean cursando desde 5º de educación primaria ata 4º de secundaria, terán que crear un videoxogo de aventuras en 2D utilizando a tecnoloxía Scratch. 

Os participantes, por parellas, poderán ata o 20 de maio desenvolver o seu proxecto que se entregará a través da web do concurso. Posteriormente un xurado, formado por voluntarios de DXC Technology, avaliará todos os traballos en base a creatividade, orixinalidade, precisión, méritos técnicos e boas prácticas de programación; seleccionando 2 equipos gañadores por categoría. 

Impulso dos novos perfís dixitais

Outro dos eixos do Plan DigiTalent persegue reverter o gap de competencias dixitais para cubrir os postos vacantes e facilitar aos profesionais TIC a súa adaptación ao novos requirimentos da dixitalización. 

O labor neste eixo do Plan reforzarase coa posta en marcha do programa de Bolsas DigiTalent, impulsado pola Amtega, para a realización de prácticas non laborais en empresas do sector TIC. Neste segundo trimestres trimestre, identificaranse as empresas interesadas en participar neste programa e que ofertarán aos estudantes universitarios de disciplinas afíns ás TIC e do ámbito STEM a oportunidade de participar nun proxecto tecnolóxico e innovador. 

Catálogo de actividades DigiTalent 2018/19

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no novo espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

22/04/201908:49
Mans manexando un smartphone.
Santiago de Compostela

O servizo de videointerpretación da Xunta disporá este ano da aplicación para o sistema operativo IOS

  • É unha das iniciativas previstas no acordo de colaboración que vén mantendo a Xunta e a FAXPG para facilitar a relación das persoas xordas coa Administración pública
  • O pasado ano o servizo ampliouse a todos os teléfonos de emerxencias da Xunta o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065

 

O servizo de videointerpretación da Xunta contará este ano cunha aplicación para o sistema operativo IOS. É unha das medidas do acordo de colaboración asinado recentemente ente a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración pública.

Esta medida súmase as melloras implementadas o ano pasado, coa creación da app para os dispositivos con sistema operativo Android e a extensión do servizo a todos os teléfonos de emerxencia da Xunta: o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065 de apoio á mobilidade persoal.

O sistema de videointerpretación está dispoñible desde o ano 2011 de forma presencial a través de terminais ubicados en distintas oficinas públicas e en liña, a través do portal corporativo, para o que se precisaba dun ordenador con webcam. 

O obxectivo desta colaboración é avanzar a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre as persoas con dificultades auditivas ademais de garantir a igualdade de acceso de todos e todas aos servizos das administracións. 

Nesta mesma liña, o Goberno galego ven colaborando dende o ano 2009 coa Federación para desenvolver programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para facilitar a atención psicolóxica das vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva.

20/04/201910:13
Espazo de traballo dunha empresa TIC.
Santiago de Compostela

As empresas galegas incrementaron nun 80% o investimento en TIC

  • A Amtega publica hoxe o informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia 2018”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información
  • O tecido empresarial galego gastou en tecnoloxía 364 millóns de euros en 2017, 162 millóns de euros máis que o ano anterior
  • Este crecemento rexistrouse tanto na compra de produtos TIC, software como na contratación de servizos e consultoría tecnolóxicos
  • Máis do 85% das empresas de 10 ou máis traballadores e máis do 41% das microempresas galegas dispón dalgún plan interno de seguridade
  • Increméntase en máis dun 11% as empresas de 10 ou máis empregados con redes de máis de 100Mbps e en preto dun 58% as microempresas con estas conexións
  • Un 13% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega robots, situándose por riba da media estatal (11%).

O gasto total en TIC das empresas galegas durante o ano 2017 superou os 364 millóns de euros, o que supuxo un aumento de máis de 162 millóns de euros respecto ao ano anterior. O incremento rexístrase en todos os segmentos, que investiron máis tanto na compra de bens TIC, como de software ou na contratación de servizos e consultoría tecnolóxica.

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2018, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, conformado por un total de 200.801 empresas; 1.878 máis que o ano anterior, das que o 96,2% son microempresas, con menos de 10 traballadores.

Aumento da banda larga móbil 

O 32,7% das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia e o 15,3% das microempresas conta con velocidades iguais ou superiores a 100 Mbps. No último ano, as velocidades de conexión a Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron un 57,7% entre as microempresas e un 11,6% nas empresas de maior tamaño.

A práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores ten contratado conexión a Internet. Entre as microempresas, a porcentaxe sitúase no 68,3%, experimentando un crecemento do 9% no último ano.

Con respecto á banda larga móbil, cabe destacar que catro de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores acceden a Internet empregando banda larga móbil e nas microempresas acada xa o 72,2%. A contratación da banda larga entre as microempresas aumentou 3 puntos no último ano e converxe coa media estatal.

Web, redes sociais e as vendas online

Neste último ano incrementouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas, cun crecemento de 4,7 puntos porcentuais e sitúase no 30,9%. Nas empresas de maior tamaño, a dispoñibilidade de páxina web mantense en niveis semellantes ao ano anterior. Con respecto ás redes sociais, cabe salientar que a porcentaxe de empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia que as emprega (52,7%) supera a media estatal (51,8%). 

Unha das principais utilidades de Internet, segundo as propias empresas, é a de dirixir publicidade cara un colectivo concreto. A publicidade dirixida na Rede aumentou entre as microempresas 3,7 puntos no último ano e sitúase no 11,5%, superando a media estatal.

As vendas a través de Internet aumentaron nas microempresas galegas en 2,2 puntos porcentuais e situándose a medio punto da media estatal. No caso das empresas de 10 ou máis traballadores, as vendas a través de Internet superan o 18%.

Big Data, impresión 3D e robots

Unha de cada dez empresas galegas de 10 ou máis traballadores empregan Big Data. As fontes de datos que se empregan para a análise con Big Data difire segundo o tamaño da mesma: nas microempresas destacan os datos xerados por medios sociais e nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia sobresae o emprego de datos da propia empresa, captados con sensores ou dispositivos intelixentes. 

A transformación dixital que experimentan as empresas tradúcese na medición de novos indicadores. Así, por primeira vez, esta enquisa informa sobre a dispoñibilidade de impresión 3D, que emerxe entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores, (3,7%). No relativo ao uso de robots, obsérvase que é unha ferramenta utilizada polo 13% das empresas de 10 ou máis traballadores, valor por riba da media estatal (11%).

Xestións coas Administracións Públicas e Política de seguridade

A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet conta cunha ampla implantación nas empresas galegas: o 93,3% no caso das empresas de 10 ou máis empregados e tres de cada catro entre as microempresas. A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet entre as microempresas aumentou 0,4 puntos porcentuais no último ano, superando novamente a media estatal.

A seguridade é un tema de vital importancia a nivel empresarial. No ano 2018 o 85,3% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 41,6% das microempresas galegas empregan sistemas de seguridade. Entre as microempresas este indicador increméntase en 2 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

14/04/201914:00
Muller de costas usando un computador.
Santiago de Compostela

As mulleres representan preto do 34% dos traballadores do Hipersector TIC galego

  • En 2018 o número de mulleres que se incorporaron ao Hipersector TIC incrementouse en 354 empregos fronte aos 981 novos postos ocupados por homes
  • A maior presenza de traballadoras está no sector dos contidos que aglutina a preto do 42% das mulleres, mentres que no sector TIC a porcentaxe de emprego feminino está por debaixo do 32%
  • Máis do 26% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación tecnolóxica fronte ao 7% de mulleres coa mesma formación académica
  • Un 15,2% das empresas TIC galegas contan con mulleres directivas en postos de dirección
  • Son datos do estudo temático “As mulleres no sector TIC. Edición 2018”, publicado polo Osimga
  • O Plan DigiTalent contempla iniciativas que inciden na fenda dixital de xénero

No ano 2018 a porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, que integra os sectores tecnolóxico e de contidos, é do 33,9%, o que representa un total de 7.891 mulleres. O sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,9%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,6%. 

En termos evolutivos, no ano 2018, produciuse un crecemento significativo do emprego das mulleres no Hipersector TIC. As afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse no 2018 en 1.335 persoas (6,1%). Delas, 354 eran mulleres, o que supón un incremento do 4,7%. 

Ese incremento de traballadoras produciuse principalmente no sector TIC, con 326 novos empregos femininos (aumento do 6%), mentres que, no sector Contidos, a cifra mantívose moi similar á do ano 2017 (28 mulleres máis, un 1,3% máis que o ano anterior). 

O incremento no emprego procede, principalmente, dun maior volume de traballadores do Réxime Xeral, cun aumento do 6,8% mentres que no Réxime Especial de Autónomos o incremento foi do 2,5%. 

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A fenda de xénero no sector contidos é máis reducida que no sector TIC

No caso concreto do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social aumenta o seu número absoluto, acadando no ano 2018 as 5.734 traballadoras cun incremento dun 6% respecto ao ano 2017. Non obstante, a fenda de xénero continúa nunha liña de crecemento porque o ritmo de aumento do emprego masculino é superior (8,5%).

O subsector das telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de mulleres, acadando o 38,5% de traballadoras femininas. Por riba do 30% de persoal feminino tamén se sitúa nas empresas dedicadas ás Actividades Informáticas.

O sector contidos, un ano máis, é o que rexistra un maior equilibrio entre homes e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,9% e da emprego a 2.157 mulleres. A fenda de xénero no sector contidos supera os 16 puntos porcentuais. Non obstante, no 2018 reduciuse a fenda de xénero, en 0,4 puntos porcentuais.

Tanto no sector TIC como no sector contidos, a fenda de xénero é superior no ámbito dos emprendedores que no caso do réxime xeral. 

A formación académica e os roles das mulleres nas empresas TIC galegas

Mentres que o 26,7% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC, só o 7,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Tamén cabe salientar a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC: 18,4% de homes fronte a tan só un 3,9% de mulleres.

A presenza de mulleres nas distintas áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego non é homoxénea. Así, só o 9,7% das mulleres desenvolve funcións TIC, fronte ao 40,9% dos homes, cunha fenda de mais de 31 puntos. No caso das tarefas non TIC as mulleres están preto de acadar unha situación de equilibrio. En relación ao persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (16,9%) é 4,3 puntos inferior á dos homes (21,2%)

O 15,2% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección, unha porcentaxe só testemuñal nun tipo de posto onde predomina os homes. Esta situación aínda se acentúa máis cando se analiza o persoal adicado a I+D+i: Un 87,7% dos traballadores dedicados a I+D+i son homes fronte ao 12,3% de mulleres. 

Plan Digitalent

En 2018 a Amtega en colaboración con diferentes axentes do sector puxo en marcha o Plan Digitalent, un plan integral para o fomento da vocacións STEM, e a especialización dos profesionais TIC que combina distintas medidas pensadas para cubrir todo o ciclo vital da persoa, e con actuacións específicas para paliar a fenda de xénero nas profesións tecnolóxicas. 

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS