main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/04/201917:15
Susana López Abella e Patricia Argerey dando unha charla no Día Internacional das Rapazas nas TIC.
Santiago de Compostela

A Xunta motiva ás nenas e mulleres novas ao emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina nas TIC

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interviñeron este xoves no Día Internacional das “Rapazas nas TIC” (Girls in ICT)
  • O acto estivo dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interviñeron hoxe no Día Internacional das Rapazas nas TIC, acto dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das tecnoloxías de comunicación e información, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia. No acto participaron máis de 400 alumnos e alumnas de primaria e secundaria.

Na súa intervención, a secretaria xeral cifrou, segundo datos do Foro Económico Mundial, só nun 6% as mulleres CEO de industrias tecnolóxicas. Para López Abella o sector das TIC necesita novos talentos, en paralelo cos datos da Comisión Europea, que prognosticou para Europa un déficit de formación de máis de 500.000 postos de traballo nas tecnoloxías da información e a comunicación para 2020. Isto débese a que non hai suficientes estudantes formándose en matemáticas, enxeñería, informática ou ciencias. Para a secretaria xeral, o escaso número de mulleres estudantes de carreiras técnicas é un agravante da problemática xeral.

As razóns polas que a porcentaxe de rapazas é baixo son múltiples, relatou López Abella, pero destacou a falta de coñecemento das opcións dispoñibles no mundo das TIC, a falta de modelos próximos e de proxectos divertidos e interesantes no ámbito escolar. Por iso, a Secretaría Xeral da Igualdade puxo en marcha este ano o Proxecto Nin + nin -, iguais, co obxectivo de rachar con estes prexuízos e facer ver que tanto mulleres como homes estamos capacitadas e capacitados para calquera profesión.

Neste contexto, para a secretaria xeral da Igualdade é necesario que as mulleres sexan parte activa na creación das tecnoloxías que marcan o día a día. Por iso o programa Rapazas nas TIC está deseñado para ofrecer unha serie de actividades de visualización e participación positiva das mulleres no eido das TIC, ademais de ofrecer ás alumnas a participación en accións de creación no ámbito das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.

Patricia Argerey, pola súa parte, tamén defendeu a importancia de incrementar a presenza das mulleres nas TIC tanto a nivel europeo como estatal e galego, e incidiu en que non se pode desperdiciar todo ese talento. Por este motivo, confiou en que o exemplo e experiencia das mulleres que participaron no acto sirva para animar ás rapazas a considerar este ámbito entre as súas futuras opcións académicas e profesionais.

A directora de Gain quixo recoñecer, ademais, o papel que o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) está desenvolvendo de forma activa a prol do aumento da porcentaxe feminina no sector das TIC con programas que tratan de promover o emprendemento entre rapazas de secundaria e bacharelato.

25/04/201910:34
Formación impartida pola AETG o ano pasado.
Santiago de Compostela

A AETG renova en 2019 o convenio de colaboración coa Amtega para achegar o último en tecnoloxía á sociedade

Dende a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia confirmamos un ano máis a nosa colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa sinatura dun acordo que, entre outras actuacións, permitirá realizar este ano talleres abertos e gratuítos sobre novas tendencias tecnolóxicas como a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou a 5G. Estas actividades formativas, abertas, gratuítas e presenciais, estarán dirixidas a cidadáns e empresas e administracións públicas e están enmarcadas na aposta pola especialización de profesionais TIC e a capacitación dixitais de profesionais doutros sectores.

Ademais, dando continuidade as actuacións desenvolvidas e edicións anteriores dende a AETG realizaranse análises da calidade das redes móbiles e de banda larga en alomenos 250 núcleos galegos e darase continuidade ao servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación, dirixido especialmente aos axentes implicados no ámbito regulatorio das telecomunicacións e ás entidades locais. Este servizo realízase a través dun equipo de traballo integrado por Enxeñeiros de telecomunicación, cun soporte centralizado e permanente mediante contacto telefónico e correo electrónico. O acordo contempla tamén a elaboración por parte da AETG da documentación específica de soporte para a tramitación e xestión administrativa das comunicacións previas que afecten a infraestruturas de telecomunicacións.

25/04/201907:59
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

CESGA, CPEIG e Igualdade xuntan forzas arredor do Día das Rapazas nas TIC

Este 25 de abril celebramos unha xornada para os 365 días do ano. Falamos do Día das Rapazas nas TIC, dirixido a conmemorar as importantes contribucións femininas ao ámbito dixital e, tamén, a achandar o camiño para convidar ás nenas e ás mozas a percorrer ese mesmo camiño da innovación. A xornada, que tamén é un declaración de loita contra a desigualdade académica e profesional TIC, vén da man do Centro de Supercomputación de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Secretaría Xeral de Igualdade. As actividades comezan ás 11.00 horas na sede do CESGA.

O Día das Rapazas nas TIC é unha conmemoración que abrangue unha manchea de países e unha manchea de entidades comprometidas con motivar ás mozas a apostaren polas novas tecnoloxías como vieiro formativo, investigador e profesional. Para celebrar a vertente galega da xornada participarán no CESGA catro mozas galegas representantes do noso tecido empresarial innovador e tecnolóxica: catro rapazas que investigan, traballan e emprenden coas TIC, que contarán cadansúa experiencia e responderán a todas as preguntas que se lles fagan desde os centros escolares (os centros conectados ao CESGA vía multiconferencia). Trátase das seguintes rapazas: 

  • Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, analista forense e perito xudicial informático. É directora executiva (CEO) da empresa Forensic-security.com, experta en ciberseguridade e integrante do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
  • Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en Telecomunicacións pola UVigo, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de aprendizaxe máquina (Machine Learning), TIC e técnicas de ludificación na detección precoz da deterioración cognitiva.
  • Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desenvolvedora de software, co-organizadora de GalsTech e co-impulsora de 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots de conversa e comunicacións. É unha dos tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo.
  • Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no departamento de Desenvolvemento Empresarial Innovador en Tecalis (Ames) e é responsable de marca de Signen KYC, quiosco dixital con sinatura online que emprega técnicas de seguridade avanzada mediante cadea de bloques, a tecnoloxía Blockchain.

Axenda de actividades

  • 11:00-11:05 Benvida por parte da directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey Vilar.
  • 11:05-11:10 Intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
  • 11:10-11:45 Transmisión por streaming do coloquio cos centros educativos. Visión e experiencia de catro galegas que traballan, emprenden e investigan empregando as novas tecnoloxías.
  • 11:45 Intervencións de alumn@s dende os centros educativos participantes conectados.
  • 12:15-12:30 Fallo do xurado das propostas gañadoras no concurso #ApuntasTech?
  • 12:30-13:30 Visita didáctica ao corazón do Supercomputador Finis Terrae e obradoiros tecnolóxicos para as/os participantes na xornada.
  • 17:00-19:00 Visitas didácticas ao corazón do Supercomputador Finis Terrae, talleres creativos e tecnolóxicos dirixidos principalmente a mozas e mozos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO: programación, Realidade Aumentada e Virtual, Impresión 3D, robótica maker, etc.

Para quen queira ver por streaming as actividades, poderá facelo a través da ligazón específica habilitada para tal efecto

Certame para estudantes

No marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, convocaron o primeiro concurso #ApuntasTech?. Tras o peche da convocatoria, hai inscritas 30 propostas de traballos sobre a tecnoloxía na aula. O fallo do xurado farase público este xoves, no transcurso do acto do Día das Rapazas nas TIC que se celebrará no CESGA, e que será retransmitido por streaming.

Un dos obxectivos do certame é “promover o traballo coa tecnoloxía na aula de forma diversa, lúdica e tendo moi presente a perspectiva de xénero”. Por iso, búscase que “o profesorado conte con estratexias, propostas e ferramentas concretas que axuden a apaixonar sobre o potencial transformador, de beneficio directo á sociedade, e creativo das tecnoloxías na aula”. Ao fío disto, o concurso pretende, “dun xeito lúdico e aberto”, escoitar “a todas as partes implicadas para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”. Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos online

O certame está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal) e a Asociación PuntoGal (.GAL). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!, así como a tenda en liña Bricogeek.com.

25/04/201907:53
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

MeLiSA lévanos á enriquecedora confluencia entre ciencia e software libre

Este xoves 25 de abril toca falar ben alto sobre programas abertos e tecnoloxías que se comparten e que se melloran compartíndoas. Estamos a falar da segunda Xornada de Presentación de Software Libre para Uso Científico, que se celebra a partir das 9.00 horas (até as 13.00) na aula magna da Facultade de Matemáticas da USC co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias ao redor dos programas sen cancelas no eido da investigación. 

Asemade, presentarase a versión 4.0 de BioStatFLOSS, que unha escolma de software libre de utilidade para estudos de saúde, investigación biomética e formación bioestatística.

A cita vén da man da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), e conta co apoio de AMTEGA e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. O programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas, coa recepción de asistentes, para dar paso pouco despois á inauguración e á benvida, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLiSA. Máis tarde será a quenda dos relatorios, a cargo de Rosa Crujeiras Casais (Ciencia en aberto), Francisco Pena Brage (Cálculo con software libre: Octave e Sagemath) e Juan Carlos Arroyo (Ferramentas útiles para desenvolvedores). Logo da pausa para o café do mediodía, retómanse as conferencias da man de Rafael Rodríguez Gayoso (CKAN: datos abertos e accesibles), María José Ginzo Villamayor (Sistemas de información xeográfica: QGIS) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (BioSatFLOSS 4.0: Escolma de Software Libre Científico para Windows).

25/04/201907:41
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CiTIUS conmemora cunha exposición o Día das Rapazas nas TIC

Este 25 de abril celébrase o Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) e as entidades da nosa terra non queren deixar pasar a oportunidade de lembrar o importante que é acadar a igualdade no eido dixital, ao igual que nos restantes eidos sociais, culturais, políticos, científicos ou empresariais. Amais do CESGA e o CPEIG, que celebran unha xornada rebordante de actividades na sede do primeiro centro, o CiTIUS da USC tamén quere facer un chamamento a prol de botar abaixo os atrancos que poden separar ás rapazas dos estudos tecnolóxicos. Para iso, abre este xoves unha exposición nas súas dependencias no Campus Sur.

A mostra repasa as contribucións das científicas e tecnólogas destacadas na historia para facer visible o seu legado e promover vocacións tecnolóxicas entre nenas e mulleres novas. A exposición estará aberta ao público de luns a venres de 10 a 15 horas e de 16 a 19 horas, ata o 31 de maio. A problemática segundo lembra o CiTIUS, un número cada vez menor de mulleres escolle estudos relacionados coa enxeñaría ou a informática nun mundo progresivamente máis tecnolóxico. Segundo o Ministerio de Educación e Formación Profesional (datos en formato PDF), só representaban o 12,2% do alumnado matriculado na titulación de Informática ou o 28,4% dos graos en Enxeñaría, Industria e Construción (estes dous datos corresponden ao curso 2017-2018). “Isto”, sinala o centro compostelán de investigación TIC, “tradúcese en menos participación feminina nestas profesións e, en última instancia, nunha fenda dixital de xénero que exclúe ás mulleres de postos de traballo precisamente mellor pagados”. En base a isto, engade o CiTIUS, “promover as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e mulleres novas é esencial para lograr unha sociedade máis igualitaria”. Con este obxectivo, o centro únese este 25 de abril ao Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) coa exposición As mulleres no mundo das TIC.

A mostra, que repasa algunhas das achegas realizadas ao longo da historia por distintas mulleres adiantadas o seu tempo, poderase visitar desde hoxe ata o 31 de maio, de luns a venres de 10 a 15 h e de 16 a 19 h. Ao rematar, os centros educativos interesados poderán solicitar que a exposición se exhiba temporalmente nas súas instalacións. Asemade, os pósters ficarán tamén dispoñibles en datas vindeiras na páxina web do CiTIUS para a súa descarga e impresión de balde, con fins educativos ou informativos.

As mulleres que compoñen a exposición son: Ada Lovelace, primeira programadora da historia; Roberta Williams, creadora da primeira aventura gráfica; Ángela Ruiz Robles, precursora do libro electrónico; Katherine Johnson, calculadora da NASA responsable da traxectoria do voo do primeiro estadounidense no espazo; Frances E. Allen, primeira muller en gañar o Premio Turing, o Nobel da computadora; Ana María Prieto López, pioneira galega da programación en España, Hedy Lammar, co-inventora do sistema do espectro ensanchado, precursora do Wi-Fi; Grace Hopper, pioneira en linguaxes de programación e creadora do primeiro compilador; as programadoras do ENIAC, o primeiro ordenador de propósito xeral; e Joan Clarke, excepcional analista de datos cifrados en mensaxes enviadas por submarinos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS