main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/04/201908:01
Unha nena con síndrome de Down é suspendida no aire mediante unhas cintas.
Santiago de Compostela

Un concurso que premia tecnoloxía de baixo custo para persoas con discapacidade

O próximo mes de xullo volve a cita coa tecnoloxía e os produtos de apoio para persoas con discapacidade que teñen un baixo custo de fabricación, o que fai que sexan accesibles para máis persoas.

O 11 de xullo será a inauguración da decimosegunda edición do Encontro de Tecnoloxías Libres, Adaptacións Realizadas por Usuarios e Recursos de Libre Acceso, no que se enmarca o concurso Baixo Custo organizado polo Esaac.

Este concurso premia as innovacións realizadas por usuarios nas que se busca maximizar a utilidade dos produtos pero minimizando o seu custo de fabricación, co obxectivo de que poidan ser adquiridos ou directamente fabricados polo maior número posible de persoas.

Na edición do ano pasado resultaron premiados desenvolvementos como unha cadeira de rodas todoterreo, un micrófono para persoas con respirador, un estabilizador postural fabricado cunha impresora 3D ou unha mini handbike eléctrica para nenos.

Todos aqueles que teñades un produto ou unha idea podedes participar neste concurso, cuxo prazo de inscrición está aberto ata o próximo 15 de xuño.

No concurso do Esaac tamén participan o Cedetiuc de Chile, o Unitec de Arxentina e o Teias de Brasil.

10/04/201916:00
Logo 5G.
Santiago de Compostela

O operaror Orange reafirma o seu compromiso con Galicia no impulso das redes 5G

  • A compañía, unha das asinantes do Nodo 5G, comprométese a desenvolver casos de uso en ámbitos como a Industria 4.0, Educación, Turismo e Sanidade
  • A directora da Amtega clausurou a presentación do Informe sobre os 20 anos da liberalización das telecomunicacións, que o operador presentou en Galicia
  • Mar Pereira lembrou que a Xunta aposta pola competitividade como elemento catalizador de máis e mellores servizos para os galegos, independentemente de onde vivan
  • Destacou importancia das alianzas estratéxicas que facilitan a internacionalización do sector tecnolóxico galego

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, clausurou hoxe na Cidade da Cultura a presentación do Informe “Impacto de 20 anos de liberalización das telecomunicacións en España 1998-2018. 20 aniversario de Orange. Impacto en Galicia”no que a compañía confirmou a súa aposta por Galicia na extensión das novas redes 5G.

Pereira destacou que a Xunta leva case dez anos avanzando nunha estratexia dixital que busca, tamén, atraer investimento á Comunidade e promover alianzas que faciliten ás empresas galegas a internacionalización e apertura a novos mercados. Sinalou, ademais, que desde a Administración autonómica apóstase pola competitividade como elemento catalizador de máis e mellores servizos para os galegos, independentemente de onde vivan.

Nodo 5G

Orange é un dos tres asinantes do Nodo de Cooperación 5G que se puxo en marcha o pasado mes de novembro para desenvolver a lo menos 6 probas de concepto de aplicación das tecnoloxías 5G. Dentro deste compromiso o operador desenvolverá casos de uso desta tecnoloxía en ámbitos como a Industria 4.0, a Educación, o Turismo e a Sanidade.

O Nodo é unha das medidas do Plan Galicia 5G para posicionar á Comunidade como territorio preferente na extensión destas redes. Neste sentido, Mar Pereira destacou que esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e, polo tanto, é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio con especiais dificultades orográficas como o galego.

Captación de talento

Mar Pereira sinalou que para avanzar neste ámbito precísase tamén de capital humano capacitado. Por iso a Amtega en colaboración cos operadores e a Universidade de Vigo porá en marcha o vindeiro mes de setembro o primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G

A directora da Amtega apuntou que esta colaboración non se reduce unicamente ao 5G xa que a especialización dos profesionais do sector TIC e o fomento das vocacións tecnolóxicas son un reto para todos os axentes do sector, as administracións e as institucións educativas. O Plan DigiTalent, asentado nesta premisa e coa cooperación do sector, busca ofrecer orientación e formación en TIC para todo o ciclo vital da persoa, desde o espertar da vocación profesional a este ámbito, pasando pola especialización, a reciclaxe ata a formación específica para persoal directivo.

10/04/201908:12
Cartel do evento.
As Pontes

Amigus celebra as vacacións de Semana Santa cunha nova quedada maker

Este mes de abril a comunidade argalleira con devezos extra de crear tecnoloxías en colectividade e ver canto de lonxe poden chegar as moitas capacidades de cada quen, van ter unha ocasión ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes

Os obradoiros formarán parte do Fablab Pontes que estará operativo durante toda a Semana Santa (dende o 13 até o 21 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas) na biblioteca do Conservatorio Profesional de Música. As sesións estarán abertas a toda a cidadanía. Nas xeiras maker que organiza novamente Amigus faranse avanzar os proxectos abertos en anteriores citas, como por exemplo o barco autónomo solar ou o vehículo solar que participará na regata que se celebrará en Baiona en xuño. Tamén se darán novos pulos á fabricación dun escaner 3D e á optimización das impresoras 3D. Neste punto, será o obxecto de traballo un proxecto impulsado nos últimos meses e que require optimización: a impresora 3D de gran formato creada nas anteriores sesións. 

As ferramentas para poñerse mans á obra serán novamente ferramentas de software e hardware libre: dende placas Arduino e Raspberry Pi, até software de programación, deseño, modelado e animación 3D.

O obxectivo de Amigus é que todo o mundo se implique e descubra as posibilidades que leva dentro. “A cita non deixa de ser un workshop, un obradoiro, o que quere dicir que os asistentes a el han de involucrarse en todo o que alí sucede”, explican dende a asociación, salientando o potencial deste tipo de sesións de traballo para “adquirir novos coñecementos ou habilidades ou intercambio de impresións á vez que se favorecen as tarefas en equipo”.

A idade mínima para participar nos workshops e de 8 anos en adiante, e a inscrición é de balde.

Estas son as entidades colaboradoras: Concello das Pontes • COHEMPO • ENDESA • EuroEume • Nauta • No Ping • Nodo Dixital • Triade • Severiano Agrocomercial • Escourido Asociados • Clip Carbono • Ferretería Marcos • Lujo • Matojoma • You can school of English • Fitter • Pontesa Marmoles y granitos • Desguaces Vilabella • Óptica Carmela • Galiorient • Servicio Móvil • Areco • Panadería San José • Fotografía Fabian • Don Dino • CONPLC • IcoEume • Preludio Musical • Arprosa • Radio Eter

10/04/201908:05
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

MeLiSA organiza unha nova xornada de software libre científico o 25 de abril

A Asociación de Usuarios de Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA) vai organizar o vindeiro 25 de abril a segunda edición da súa Xornada de presentación de Software Libre para uso científico. A cita será na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, no Campus Sur. O obxectivo principal da xuntanza é o de compartir coñecementos e experiencias arredor dos programas abertos e a tecnoloxía sen cancelas para a comunidade investigadora. 

Asemade, presentarase a versión 4.0 da ferramenta BioStatFLOSS, que é unha escolma de software libre de utilidade para estudos de saúde, investigación biomédica e formación bioestatística.

A xornada conta co apoio da dita asociación e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. O acceso é libre, e a inscrición de balde, podendo ser realizada na ligazón http://xornada.melisa.gal/#formulario.

O programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas, coa recepción de asistentes, para dar paso pouco despois á inauguración e á benvida, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLiSA. Máis tarde será a quenda dos relatorios, a cargo de Rosa Crujeiras Casais (Ciencia en aberto), Francisco Pena Brage (Cálculo con software libre: Octave e Sagemath) e Juan Carlos Arroyo (Ferramentas útiles para desenvolvedores). Logo da pausa para o café do mediodía, retómanse as conferencias da man de Rafael Rodríguez Gayoso (CKAN: datos abertos e accesibles), María José Ginzo Villamayor (Sistemas de información xeográfica: QGIS) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (BioSatFLOSS 4.0: Escolma de Software Libre Científico para Windows).

10/04/201907:51
Unha muller maior realiza trámites coa Administración Pública a través dun computador.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía mellora a accesibilidade da Administración Pública, pero non é suficiente

A accesibilidade para os cidadáns, especialmente persoas con discapacidade e persoas maiores, dos trámites coa Administración Pública mellorou nos casos nos que intervén a tecnoloxía; con todo, aínda queda camiño por percorrer.

Así o recolle un estudo editado polo Real Padroado sobre Discapacidade que sinala que a accesibilidade destes trámites cando se realizan a través de Internet é moderada, mentres que no caso das accións presenciais aínda segue sendo baixa.

O padroado apunta que aínda queda moito camiño por percorrer, pero destaca que se foron logrando importantes avances, especialmente no desenvolvemento de tecnoloxías que melloran a autonomía e a accesibilidade á comunicación das persoas con discapacidade.

Neste sentido, destaca a posta en marcha do Observatorio de Accesibilidade Web, que busca impulsar a mellora da accesibilidade dos portais da Administración Pública, proporcionando asesoramento e distintas ferramentas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS