main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/05/201908:38
Debuxo que representa unha onda de son.
Madrid

Luvas con vibradores para que persoas con discapacidade auditiva sintan o son

A tecnoloxía utiliza habitualmente sinais alternativos para facer chegar a información ás persoas con discapacidade, e unha das opcións máis recorrentes é a vibración que permite comunicar obxectos con persoas cunha discapacidade sensorial.

En máis dunha ocasión vimos dispositivos para persoas con discapacidade visual que utilizan a vibración para transmitir a información ao usuario, e nesta ocasión son as persoas con discapacidade auditiva as que a través deste tipo de sinais son capaces de mellorar a súa relación coa contorna.

Falamos dunhas luvas que está a desenvolver o Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA) que conta cunha serie de actuadores e vibradores que busca transmitir distinta información sonora ao usuario.

En concreto, segundo explica o subdirector do CESyA, José Manuel Sánchez Pena, este dispositivo é capaz de trasladar ás persoas con discapacidade auditiva determinadas características do son, como o ritmo ou a aspereza, a través de vibracións.

O CESyA presentou esta luva na celebración de Sinfoton2-CM, un programa de actividades sobre tecnoloxía fotónica da Comunidade de Madrid.

Nesta edición, a entidade participa en Sinfoton2-CM compartindo os seus avances en optoelectrónica, é dicir, tecnoloxía que combina a óptica e a electrónica e que está orientada á adaptación de postos de traballo, servizos hospitalarios e o acceso ao lecer a persoas con discapacidade sensorial.

02/05/201908:31
Equipo da Universidade de Vigo que vén de facerse cun dos premios estatais do certame HackForGood.
Madrid

Un equipo vigués obtén un dos premios estatais de HackForGood

Un equipo da Universidade de Vigo vén de facerse cun dos premios estatais do certame HackForGood, convocado anualmente por Telefónica para impulsar proxectos e contribucións tecnolóxicas “en positivo” (solidarias, sociais, humanitarias, activistas) da comunidade hacker dos campus. O equipo da UVigo, que tamén se impuxo na edición local (HackForGood Galicia) de 2018, foi recoñecido no marco do HackForGood Big Day, o peche anual do evento de innovación social e interuniversitario HackForGood.

A cita celebrouse o pasado venres no Auditorio Innovation Center no Distrito Telefónica (Madrid) e nela o equipo vigués competiu con outros oito gañadores do HackForGood 2018 a nivel nacional. O grupo da UVigo, constituído por cinco estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, foi o creador de Atopa Project, unha aplicación web dirixida a loitar contra a exclusión social desde a escola baseada no uso da sociometría.

Os equipos participantes expuxeron os seus traballos un ano máis tarde de gañar a correspondente edición local para que os membros do xurado (composto por representantes de doce universidades de toda España e sete representantes de diversas áreas de negocio da compañía Telefónica) puidesen comprobar a evolución de cada un dos traballos gañadores das distintas sedes do evento. Finalmente o equipo vigués, composto por María Cabrero, Marta Blanco, Adrián Lombardía, Miguel Ángel Otero e Sara Berezo, fíxose co terceiro premio, dotado con 1.000 euros. 

Atopa Project xurdiu ao abeiro da asociación viguesa TEAVI, Transtornos do Espectro Autista, que foron os que primeiro se decataron de que a exclusión social é un dos principais problemas no ámbito escolar. “Nós, cinco alumnos da EE de Telecomunicación especializados en imaxe e son, sistemas de telecomunicación e telemática, decidimos abordar este problema e iniciar un desenvolvemento que poña solución a este problema”, explica o equipo nas súas redes sociais. Atopa, que o ano pasado conseguiu tamén un dos premios dos LProDays da EE de Telecomunicación, é unha aplicación web dividida en dúas interfaces: unha para o docente e outra para o alumno/a. Na interface do alumnado permítese responder a unha serie de preguntas, cun respaldo psicolóxico previo, que permitan establecer as relacións sociais de cada neno ou nena. No caso da do profesor a interface ten a opción de modificar as preguntas para adecualas ás diferentes idades escolares e, por outra banda, coas respostas obtidas do alumnado, permite visualizar un sociograma por pregunta.

02/05/201908:25
Imaxe dunha edición anterior de GaliciaTIC.
Santiago de Compostela

GaliciaTIC celebra a súa 17 edición este 23 de maio

O edificio CINC da Cidade da Cultura vai dar acollida á XVII edición de GaliciaTIC, o histórico evento tecnolóxico galego, un referente para calquera cita de profesionais e empresas dixitais de cantas se celebran na nosa terra e no ámbito estatal. A cita será o 23 de maio e virá, novamente, da man da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e a empresa INETEC. Ademais, desenvolverase baixo o epígrafe Tendencias tecnolóxicas e oportunidades para Galicia

Segundo fai saber Ineo acerca dos principais desafíos que se mostran e encaran en GaliciaTIC, o tempo que estamos a vivir é un intre clave de maduración nas tecnoloxías innovadoras e a súa aplicación ao mundo empresarial e á sociedade: un intre para achegar impulsos á transformación tecnolóxica dos sectores e das empresas, poñendo o foco nas de menor tamaño. “É por iso que na vindeira edición de GaliciaTIC seguiremos contribuíndo á devandita transformación, atraendo a sectores non tecnolóxicos e emprestando especial atención ás ferramentas e servizos que conformarán un novo ecosistema dixital nos vindeiros anos”, explican dende a organización do evento, que concentrará as actividades previstas nunha xornada matinal na que se darán cita ducias de profesionais do sector TIC e, tamén, representantes diversos de empresas non tecnolóxicas. 

Respecto do programa, o encontro dará comezo ás 9.30 co acto inaugural a cargo de Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Luis Álvarez Sestelo, Miguel Merino e Carlos Suárez. A continuación será a quenda da conferencia inaugural, que virá da man de Ed Gabrys, analista, senior director e responsable de comunicacións de Gartner. Logo será a quenda das mesas temáticas (sobre Cidades Intelixentes e traballo na nube, a cargo de Imatia e Ozona) e, despois dunha pausa para o café, falarase sobre 5G, seguridade, Intelixencia Artificial, eSaúde e captación de talento (organizan Deloitte, Orange, a operadora galega R, Sanitas, Ineo e a Fundación Kion).

02/05/201907:56
TechKids.
Santiago de Compostela

A Amtega e o CPEIG realizarán este ano preto de 50 actividades de impulso ás vocacións STEM e de formación especializada para profesionais TIC

  • A segunda edición do Programa Tech Kids achegará a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos á creación de videoxogos, apps, á programación de drons ou á robótica
  • Ata 300 profesionais do ámbito TIC poderán acceder a cursos de especialización semipresenciais e de teleformación

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia continúa a desenvolver as medidas previstas na Axenda Dixital de Galicia 2020 en colaboración cos axentes do sector. Con este obxectivo, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo con tres liñas de actuación, que se desenvolverán ao longo deste ano.

O convenio recolle a celebración da segunda edición do Programa Tech Kids, unha das actividades enmarcadas no Plan Digitalent da Amtega, que ten entre os seus obxectivos fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega.

Aplicación da tecnoloxía á vida real

Durante 2019 o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids distribuídas pola xeografía galega con diferentes desafíos temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.

A través destas actividades, rapazas e rapaces aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real e potenciarán habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.

Formación especializada

O CPEIG realizará tamén ata seis cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

A Amtega achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.

30/04/201913:01
Nena programando un robot Robobo nun portátil.
Ferrol

Trainnova, aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital, celebrou o Día das Rapazas nas TIC achegando á tecnoloxía a un grupo de rapazas do Complexo de atención a Menores de Ferrol

O pasado 25 de abril, Trainnova no seu compromiso como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, sumouse á conmemoración do Día das Rapazas nas TIC programando e desenvolvendo unha actividade para un grupo de rapazas de entre 14 e 17 anos do Complexo de Atención a Menores de Ferrol co obxectivo de promover o seu interese na tecnoloxía.

Alcance

A iniciativa promovida por Trainnova foi deseñada coa finalidade última de contribuír á creación dunha contorna mundial que empodere ás nenas e ás rapazas e as alente a contemplar unha vida profesional no eido das TIC, para que deste modo elas, e tamén as empresas tecnolóxicas, cultiven os beneficios dunha maior participación das mulleres no sector TIC.

Actividades desenvolvidas

Con motivo deste evento, as rapazas do Complexo de Atención a Menores de Ferrol tiveron a ocasión de achegarse á programación de videoxogos en tres dimensións (Kodu 3D) e á robótica e a programación a través da actividade de Robobo, un robot deseñado por unha spinoff da UDC.

Con Robobo as rapazas programaron o sistema de control do robot e posteriormente tiveron ocasión de conducilo para que aparcara nunha das dúas prazas de estacionamento que había: a de Ada Lovelace e a de Eva María Kiesler (Hedy Lamarr), na que unha vez aparcados os robots, estes explicaban quen era cada unha destas mulleres de referencia no campo das TIC que revolucionaron unha parte da tecnoloxía en tempos moi complicados para as mulleres e máis aínda nas TIC.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

 

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 800 aliados dixitais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS