
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Unha das principais vantaxes que ofrece a impresión 3D é a redución dos custos de fabricación e a posibilidade de personalizar cada peza ás necesidades dos usuarios, algo que é fundamental para a creación de tecnoloxía dirixida a persoas con discapacidade.
Un exemplo claro é o da compañía guipuscoana Gogoa, dedicada á fabricación de exoesqueletos e dispositivos dirixidos á rehabilitación e que incorporou a tecnoloxía de impresión MultiJet Fusion 3D de HP aos seus procesos produtivos.
O uso desta tecnoloxía permite a Gogoa unha gran flexibilidade no deseño dos seus produtos para mellorar o tempo de fabricación e para que se adapten facilmente a cada usuario, á vez que se abarata o prezo das próteses.
Todo iso redunda nunha mellora da calidade de vida dos usuarios destas próteses, moitas das cales están destinadas a persoas que están en proceso de rehabilitación para recuperar o movemento das súas extremidades inferiores.
É o caso do exoesqueleto Hank, desenvolvido por Gogoa, que está deseñado para axudar a persoas con dano cerebral adquirido (ABD) ou lesións na medula espinal nos procesos de rehabilitación.
Este exoesqueleto está considerado un dos máis lixeiros e avanzados do mercado e incorpora toda a tecnoloxía para o control deste tipo de dispositivos, incluído o control mediante sinais electroencefalográficas (EEG).
O control do exoesqueleto mediante sinais EEG permite reforzar as conexións neuronais de persoas con dano cerebral e mesmo abre a posibilidade a que unha persoa con paraplexia ou cuadriplexia poida volver camiñar.
Sen dúbida o desenvolvemento da impresión 3D é un dos avances máis importante no desenvolvemento de tecnoloxía e dispositivos dirixidos a persoas con discapacidade.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou o importante estímulo que supón a feira científica Galiciencia á creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar as vocacións científicas.
Conde asistiu no Auditorio de Ourense ao espectáculo “A maxia da ciencia”, organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).
Con esta iniciativa, búscase estender á cidadanía a invitación para acudir polas tardes, á marxe das visitas dos grupos escolares, á Galiciencia, que terá lugar entre o 8 e o 10 de maio no recinto de Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), coa saúde e os bos hábitos como tema principal.
A partir do mércores da próxima semana, pasarán pola décimo cuarta Galiciencia máis de 150 investigadores noveis procedentes de 30 centros educativos de Galicia. Agárdase que pasen pola feira máis de 2.000 visitantes, entre visitas organizadas de escolares, familias e particulares.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Ourense que o Technium R Encounter, que reúne durante toda a fin de semana a arredor de 500 afeccionados e profesionais da informática, permite achegar aos máis novos dun xeito lúdico tecnoloxías como a realidade virtual, a robótica ou a impresión 3D, ferramentas de traballo da fábrica do futuro.
Na súa intervención, o conselleiro apuntou que esta cita, que promove o intercambio de coñecementos e que inclúe distintas actividades como obradoiros e conferencias, é unha gran oportunidade para coñecer as últimas novidades tecnolóxicas que xa están no mercado.
Do mesmo xeito, fixo fincapé en que esta cita está centrada no talento e na creatividade, e contribúe a que a sociedade galega vaia incorporando as novas tecnoloxías desde o punto de vista da actividade económica, favorecendo que o talento vinculado á informática reverta no tecido empresarial.
Francisco Conde sinalou que a cuarta revolución industrial está a facer da tecnoloxía dixital o gran elemento transformador, apuntando que calquera empresa que queira ser hoxe en día competitiva e eficiente ten que dar o salto dixital.
Nese sentido, cómpre sinalar que en Galicia as empresas aumentaron nun 80% o investimento en tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), ata superar os 364 millóns de euros. Ademais, un 13% das empresas galegas con 10 ou máis traballadores xa emprega robots, o que sitúa a Comunidade dous puntos por riba da media estatal.
Kent Cullers é un astrofísico estadounidense que soñou desde neno con traballar na NASA e non se detivo ata conseguilo. Durante varios anos foi un dos responsables do famoso programa SETI, destinado a atopar sinais de intelixencia extraterrestre no espazo. A súa historia, aínda que non demasiado común (obviamente hai máis camareiros que astrofísicos no mundo), alcanza a categoría de extraordinaria por un simple detalle: Cullers é cego. De feito, probablemente sexa o primeiro astrónomo cego en Estados Unidos. Esta peculiaridade fixo mesmo que Robert Zemeckis se inspirase nel para crear un dos personaxes da súa película Contact. A historia de Cullers, do mesmo xeito que a doutros ilustres invidentes como Ray Charles ou Jorge Luís Borges, demostra que con tesón e unha vocación verdadeira os invidentes poden desempeñar practicamente calquera actividade profesional. Con tesón e coa axuda das ferramentas adecuadas, claro.
Ferramentas como a deseñada por Kristina Tsvetanova. As dificultades dun amigo invidente para inscribirse nun curso online, algo que para a maioría das persoas é un simple trámite, foi o que animou a enxeñeira búlgara a buscar unha solución que permitise aos cegos saltar sobre a fenda dixital. "Só o 1% da información total está dispoñible en braille. E esta é a única posibilidade que teñen os nenos e os adultos de alfabetizarse, de aprender a ler e a escribir", explica Tsvetanova. "É crucial para que despois poidan atopar un emprego". E se falamos de información na actualidade, do que falamos é do mundo dixital e da internet. Un mundo que resulta menos accesible para os 285 millóns de persoas que sofren algún tipo de discapacidade visual. Desa inxustiza que emocionou a Tsvetanova e da súa inquietude por axudar xurdiu Blitab, a primeira tableta do mercado capaz de converter en braille texto e gráficos procedentes de páxinas web ou dispositivos de almacenamento dixitais como unha memoria USB, e facelo ademais en tempo real. O sistema creado por Tsvetanova e os seus socios consiste nun líquido intelixente que se levanta formando pequenas burbullas para que poida ser lido.
Blitab permitirá aos invidentes estudar, informarse, xogar... e sobre todo sentirse parte dunha sociedade na que ninguén debe quedar excluído. Compañías, organizacións sen ánimo de lucro, gobernos e universidades de todo o mundo xa se interesaron pola súa idea, o que lle augura unha máis que interesante proxección. Tsevetanova, seleccionada como unha dos 35 innovadores menores de 35 polo MIT, pensa que os dispositivos que utilizan o audio non son competidores para Blitab porque "o braille nunca morrerá do mesmo xeito que a palabra escrita tampouco o fará". Unha idea fermosa e esperanzadora.
Este 3 de maio inaugúrase o encontro informático ourensán Technium R Encounter 2019, a gran cita da tempada para a nosa comunidade de seareiras e seareiros das novas tecnoloxías para compartir e tamén, para construír. A cita, que se desenvolve en Expourense, contará para a apertura oficial de actividades (ás 12.00 horas) coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis do director xeral da operadora galega R, Alfredo Ramos.
Segundo apunta a organización (a devandita compañía de cable), por primeira vez na historia, o encontro informático desenvólvese no recinto de Expourense, e co engadido extra de ofrecer unha velocidade de conexión de 10 Gbps. A sétima edición da party tamén fornecerá á comunidade de asistentes dunha contorna aberta ao público, de acceso libre e de balde, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades TIC.
Deste xeito, preto de 500 participantes tomarán parte nun evento sen ánimo de lucro organizado pola asociación Technium e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, de R e de Expourense. Os organizadores esperan que o novo espazo aberto ao público, denominado Extranet, tamén atraia centos de visitantes, xa que poderán acceder a conferencias gratuítas e recantos interactivos adicados ás impresoras 3D, os videoxogos e a realidade virtual.