
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A poboación feminina de Ponteareas vai ter ao alcance da man unha actividade para formarse en novas tecnoloxías e en recursos dixitais que contribúan a optimizar o currículo, a empregabilidade e as posibilidades de atopar o traballo ideal. Estamos a falar do Curso de balde de perfeccionamento informático para a busca de emprego, que vén da man da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera.
A actividade, que xa ten aberto o prazo de inscrición (dende onte e até o 21 de maio) esta dirixida a mulleres maiores de 16 anos. Ao abeiro da programación do plan de igualdade local, Verónica Carrera, ofrece este novo curso totalmente de balde para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A primeira quenda será do 22 de maio ao 29 de maio de 10 a 13 horas e a segunda quenda do 24 ao 31 de maio tamén de 10 a 13 horas. A matrícula realizarase online escaneando o código QR do cartel ou a través do sitio web habilitado.
Carrera explicou que durante estas seis horas de formación achegaránselles ás participantes técnicas e coñecementos que lles faciliten a procura de emprego a través da Rede, facilitándolles sitios web nos que informarse das ofertas de emprego e plataformas nas que inscribirse. Aquelas persoas que desexen obter maior información deben poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) emprazado no edificio do centro social na rúa Oriente, aberto ao público de nove a tres da tarde de luns a venres.
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, vai organizar este mes de maio catro accións formativas na súa sede de Barro: catro citas que poñen en xogo nas posibilidades da placa libre Arduino. Estas actividades súmanse ás 21 da comarca de Vigo, ás sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación), ás sete de Cambados e ás sete de Lalín. En total, 46 obradoiros. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. A primeira cita celebrarase este xoves, 9 de maio ás 17:00 horas, coa acción Programación con Arduino I. O xoves 16, ás 17.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Programación con Arduino II. A terceira acción, Programación con Arduino III impartirase o xoves, 23 de maio, ás 17:00h. E, por último, Programación con Arduino IV impartirase o xoves 30 de maio ás 17:00 horas.
A oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
A Deputación de Pontevedra vén de activar unha liña de axudas para os centros escolares e as súas iniciativas de fomento da ensinanza STEM, ou sexa, a ensinanza de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. O programa, que foi presentado esta fin de semana pola presidenta (Carmela Silva), quere poñer o foco no ámbito medioambiental e en tirar abaixo calquera tipo de atranco que se poida interpoñer entre o alumnado e a formación innovadora (en forma e en contido), especialmente en relación coas mozas.
“Dende esta Administración”, sinalou Carmela Silva, “queremos lograr que as disciplinas STEM sexan atractivas para as nosas rapazas e rapaces, porque estas materias son as que van xerar a riqueza no futuro e son o futuro”, dixo, lembrando que hoxe en día e no futuro as carreiras STEM son “as que van xerar máis emprego, máis actividade económica e máis riqueza, e as administracións temos que ser pioneiras en poñer en marcha proxectos que permitan que, nesta provincia, especialmente as rapazas, se tomen moi en serio estas disciplinas e opten por cursar estes estudos”. As axudas do programa, dirixidas aos centros escolares públicos de primaria e secundaria da provincia, encamíñanse a impulsar proxectos relacionados co medio ambiente no marco das disciplinas STEM.
Esta liña de subvencións conta cun orzamento de 10.000 euros e outorgaranse por concorrencia competitiva, segundo os criterios fixados nas bases. Os proxectos que opten ás axudas teñen que estar impulsados polo alumnado e coordinados por persoal docente. A finalidade é que sexan as alumnas e os alumnos os que ideen o proxecto, o desenvolvan e o saquen adiante, sempre co apoio e axuda do profesorado. Para optar a esta iniciativa, as propostas deben cumprir dúas premisas: estar relacionadas co medio ambiente e desenvolverse a través das disciplinas STEM. Deben contemplar, ademais estes obxectivos: promover o desenvolvemento de competencias, capacidades e aptitudes científicas e tecnolóxicas; fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía con accións que faciliten a aprendizaxe; e impulsar a participación activa de alumnado e profesorado.
Coremain é unha das empresas que participan no plan Digitalent da axencia AMTEGA, dirixido a fomentar as xa de por si importantes capacidades tecnolóxicas e científicas do noso alumnado. En virtude disto, a empresa TIC con sede principal no Polígono de Costa Vella de Santiago está a realizar actividades para mostrar á rapazada como é o día a día dunha empresa de novas tecnoloxías e que posibilidades se abren ao abeiro desta profesión, chamada a impulsar a gran revolución económica do noso tempo. A finais de abril, sen ir máis lonxe, Coremain recibiu os primeiros estudantes inscritos en O Core das TIC, a proposta desenvolvida pola empresa ao abeiro de Digitalent.
En virtude desta actividade, un total de sete estudantes de bacharelato do IES Brión (A Coruña) viviron “en primeira persoa” como é o día a día nunha compañía TIC, coñecendo a organización e a forma de traballar da empresa e experimentando de maneira práctica os labores da profesión tecnóloga. Por unha banda, e no marco dos proxectos de automatización desenvolvidos pola área BPO de Coremain, puideron coñecer o ciclo de vida dun proxecto TIC, desde o seu inicio ao detectarse unha necesidade dun servizo, até a formación do equipo e o acordo co cliente, a través dun obradoiro práctico. Os alumnos, deste xeito, utilizaron algunhas das tecnoloxías que aplica o equipo técnico de Coremain, executando unha práctica de automatización xunto a algúns compañeiros do equipo de I+D do proxecto.
En materia de robótica, realizaron un exercicio dunha función en .NET para a composición dunha calculadora, a través da cal puideron coñecer a linguaxe utilizada no proxecto e a súa aplicación para dar intelixencia aos robots. Até o mes de xuño a compañía compostelá proseguirá recibindo a visita doutros estudantes galegos inscritos ao proxecto O Core das TIC.
"Learning tools", ou Ferramentas de aprendizaxe como se traduciu ao galego, é unha tecnoloxía que reúne unha serie de axudas que Microsoft incorporou aos seus programas máis populares cunha clara intención: facilitar a aprendizaxe a nenos con discapacidade ou con dificultades e lograr aulas máis inclusivas.
Estas ferramentas son moi variadas, pero cumpren o mesmo obxectivo, que é o de facilitar a aprendizaxe a todos os nenos e axudalos no seu día a día no colexio a través dunha serie de axudas que cobren un espectro moi amplo de necesidades.
Seguramente o programa para o que son máis útiles estas "Learning tools" é Word, o procesador de texto da familia Office no que se concentran a maior parte destas axudas.
As opcións son moi variadas, desde ampliar o ancho das columnas para facilitar a comprensión, cambiar a cor da páxina para reducir a fatiga visual ou foco de liña, para facilitar a concentración nunha parte do texto e evitar distraccións.
Estas ferramentas tamén permiten aumentar o espazo entre palabras, letras ou liñas; dividir as palabras automaticamente por sílabas para facilitar a lectura; ou ler en alto o texto seleccionado.
Como se pode ver son moitos os nenos con distintos tipos de discapacidade e dificultades de aprendizaxe que se poden beneficiar destas axudas.
Outra ferramenta moi útil que está incorporada na opción de lector inmersivo é o dicionario de imaxes, pensado especialmente para nenos con problemas de aprendizaxe como a dislexia xa que mostra unha representación gráfica de cada palabra para facilitar a comprensión do texto.
O mellor de todo é que non é necesario ningún tipo de descarga ou programa adicional, senón que as axudas xa están incluídas nos programas de Microsoft. No caso de Word, que é o máis recorrente, basta con entrar no menú "Vista" e seleccionar a opción "Ferramentas de aprendizaxe".
Outros programas para os que están dispoñibles estas ferramentas son One Note, con opcións dirixidas especialmente a nenos con dislexia; Outlook, coa posibilidade de ler en alto os correos; o explorador da internet Edge, que le en voz alta as páxinas e documentos PDF; ou Teams, onde están dispoñibles as opcións de axuda á lectura.
"Learning tools", ou Ferramentas de aprendizaxe, son un conxunto de axudas moi útiles pensadas para facilitar a aprendizaxe no colexio e dirixidas a lograr aulas máis inclusivas dunha forma sinxela.