
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acolleu esta semana a constitución dun grupo de traballo integrado por representantes da Xunta e do Ministerio de Xustiza para avanzar de xeito conxunto na transformación dixital da Xustiza. No encontro, participaron a directora da Amtega, Mar Pereira; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e a directora xeral de Modernización do Ministerio de Xustiza, Sofía Duarte; e a secretaria da Sala de Goberno do TSXG, Concepción Otero, xunto con técnicos de ambas administracións.
O grupo de traballo acordou avanzar na implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) nun modelo de cooperación, que permita unha maior integración das plataformas tecnolóxicas desenvoltas polo Estado e as implantadas en Galicia no marco do Plan Senda.
Esta medida permitirá mellorar a automatización dos procesos e a experiencia de usuario. Ademais. abordarase unha análise de ferramentas tecnolóxicas que permitan avanzar cara á transcrición automatizada das vistas.
Avances na implantación do EXE
Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico e os indicadores de uso estanse a incrementar progresivamente. En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior.
O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados e funcionarios con Fortuny, o sistema dos fiscais, facilita un maior uso da firma electrónica.
Xunto coa extensión da sinatura dixital, outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios, a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial, a pedra angular da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...). Centraliza nun único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.
Este repositorio integra máis de 32 millóns de documentos, o dobre que en 2017. Cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.
Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.
A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte a través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.
Plan Senda
Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que están a levar a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego. O Plan púxose o en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros ata o 2020.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, os proxectos de Galiciencia -na que participaron 150 investigadores e investigadoras noveis de 30 centros galegos-, onde tamén asistiu á entrega dos premios deste ano.
Conde subliñou o papel desta feira, que é a maior de carácter científico de Galicia, espertando vocacións nos máis novos. Así agradeceu á organización este evento que axuda a inculcar nos mozos e mozas galegas o espírito da curiosidade, o emprendemento, o talento e a creatividade.
Conde, que asegurou que a ciencia é o mellor investimento que pode facer un territorio para basear o seu crecemento e competitividade no coñecemento e a innovación, destacou a alta calidade e nivel tecnolóxico das propostas presentadas e explicou que son a mellor mostra de que a ciencia en Galicia ten futuro.
Neste sentido, os vencedores da Galiciencia 2018 gañaron o pasado mes o primeiro premio da maior feira estatal, Exporecerca, e serán os representantes españois no certame europeo Expo Science Europa. Ademais, un participante das primeiras convocatorias foi o encargado de deseñar a aplicación móbil coa que o xurado valorou os distintos proxectos que nesta edición tiñan como temática principal a saúde e os bos hábitos.
A feira, que cumpre 14 edicións sumando visitantes e centos de proxectos, consolida Tecnópole como un espazo de referencia para a divulgación da ciencia e da innovación.
Proxectos premiados
O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido polos estudantes Nuno Sinde e Pedro Fernández do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio é o gañador absoluto da Galiciencia 2019. Reciben 1000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2020 (Barcelona).
O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeulle ao sistema de acendido intelixente para vehículos acoplado a un alcoholímetro, de Pablo Páramo do Colexio Maristas Santa María de Ourense.
En terceiro lugar quedou Iria González, do Campamento tecnolóxico T2W de Tecnópole. Esta estudante ourensá demostra que a aparente base de azar do programa de televisión The Wall é falsa. Ademais outorgáronse varias mencións especiais nas categorías de saúde e bos hábitos, mellor comunicación oral, innovación e método científico.
O día 11 de maio, co motivo do Scratch Day 2019, desde a aula CeMIT de Cuntis levarase a cabo un evento especialmente dirixido a rapazas e rapaces a redor dos 16 anos, no que se desenvolverán actividades de programación e talleres de introdución ao Scratch con enunciados para resolver mediante concursos, fomentando a creatividade, a colaboración e o traballo en equipo.
Con Scratch pódense programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartir as creacións con outras persoas da comundiade online e axuda ás nenas e nenos a aprender a pensar de forma creativa, a razoar sistemáticamente, e a traballar de forma colaborativa habilidades esenciais para a vida no século XXI.
Acerca do Scratch Day
O Scratch Day é unha xornada global de eventos onde a xente celebra o uso do Scratch, a plataforma de programación gratuíta e a comunidade en liña para nenas e nenos. Os eventos Scratch Day reúnen á mocidade da comunidade do Scratch para compartir proxectos, aprender os uns dos outros e dar a benvida aos recentemente chegados, chegando a ter lugar o ano pasado uns 1200 eventos.
Máis información
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e Arkitas Robótica S.L., en calidade de aliado dixital da Xunta, traen ao Gaiás a World Robot Olympiad – Galicia do ano 2019 (WRO – Galicia). Esta actividade enmárcase nas iniciativas do Plan DigiTalent para o fomento das vocacións TIC e a especialización dos perfís dixitais.
O 15 de xuño a Cidade da Cultura acollerá a World Robot Olympiad – Galicia 2019, na que poderán participar máis de 50 equipos e máis de 100 estudantes galegos repartidos en diferentes categorías, que abranguen dos 6 aos 19 anos. A competición engloba diversos retos a resolver por equipos e que se celebran de xeito independente, neste caso Regular e Football nos que poderán achegarse dun xeito lúdico e divertido á tecnoloxía e á enxeñería. Os retos da edición WRO 2019 a nivel mundial están inspirados na temática Smart Cities.
As inscricións a calquera das categorías da WRO poden realizarse ata o 30 de maio na seguinte ligazón: https://www.wroboto.es/inscripciones/
A participación na competición que se celebra en Galicia será clasificatoria para a fase nacional e a final internacional. A fase nacional, organizada pola Fundación educaBOT (https://fundacioeducabot.org), celebrarase en setembro en Platja d’Aro (Girona). Posteriormente, a final internacional terá lugar en novembro deste ano en Hungría. Na edición anterior, tres alumnos do colexio Compañía de María da Coruña xunto cun profesor participaron co seu robot na fase internacional, celebrada en Tailandia.
World Robot Olympiad
A World Robot Olympiad (WRO) é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería.
Os estudantes, coa orientación dun entrenador, deben construír un robot innovador que supere un reto. Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais.
Na WRO englóbanse diversos retos que se celebran de forma independente. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro.
Como novidade, nesta quinta edición, cabe destacar o Reto Lego Wedo. O novo reto consiste en construír un robot que poida recoller aos nenos nas súas casas e transportalos á escola. Ademais, o robot tamén debe poder entregar froita á escola.
Na categoría Football, os equipos de dous robots autónomos enfróntanse co obxectivo de marcar máis goles que o equipo rival.
Esta actuación, realizada co aliado dixital Arkitas (www.arkitas.es), súmase ás quince iniciativas que veñen desenvolvéndose desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.
Portal de DigiTalent
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal. Esta web é o punto de acceso ao catálogo de actividades e permite unha consulta adaptada ás necesidades dos distintos perfís de usuarios, ofrecendo información personalizada, segundo rango de idades, datas e lugares de celebración, entre outros criterios.
Ademais, é unha canle aberta de comunicación, ofrecendo acceso ás publicacións en redes sociais máis relevantes nesta materias, chegando ao público obxectivo de xeito máis dinámico e interactivo.
Catálogo de actividades DigiTalent 2018/19
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan de actuacións vivo e aberto á colaboración e reflexión de todos os axentes do ecosistema.
Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no novo espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.
Seis de cada dez microempresas galegas emprega software libre, experimentando un aumento do 10,3% no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis empregados, a porcentaxe supera o 87%, por riba da media española, o que sitúa a Galicia no quinto posto da comparativa por Comunidades Autónomas, por diante de Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso do software libre xa acada o 89,7%.
Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2018, publicados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Tipoloxía de software empregado
As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas libres. Non obstante, o maior incremento produciuse nas aplicacións relacionadas co software de seguridade, plataformas de aprendizaxe ou servidores de correo electrónico.
O uso do software de seguridade, plataformas de aprendizaxe, servidores de correo electrónico libres medrou tanto en microempresas (27,1%) como en empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia (41,2%), ocupando o segundo posto na comparativa por Comunidades Autónomas.
Uso por sectores
O sector servizos confírmase como o que máis uso realiza do software libre, independentemente do tamaño das empresas. Nas microempresas o uso de aplicacións libres supera o 64% das entidades e nas empresas de 10 ou máis empregados sitúase por riba do 90%.
As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC
Máis da metade das empresas TIC galegas oferta produtos en software libre (50,8%). Os programas de software libre máis ofertados son os sistemas de “Sistemas de xestión de bases de datos” “servidor web” e os programas “xestión de contidos de portais e páxinas web”.
En termos evolutivos, cabe salientar os seguintes: o “Software para dispositivos móbiles”, que experimenta un aumento de 3,6 puntos e o “E-learning”, que sobe case 4 puntos porcentuais.
Debilidades e fortalezas do software libre
Entre os motivos polos que as empresas TIC non empregan software libre, a máis destacada é a “incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais”, sendo a segunda causa a “complexidade ou risco de cambio”.
En relación ás fortalezas, os principais aspectos que valoran os clientes do Software Libre son o custo (70,7%), a independencia do provedor (57,3%) e a persoalización (44,8%).
Outro aspecto positivo que destaca este estudo é o aumento da formación TIC recibida polo persoal tanto técnico como usuario nas empresas TIC galegas no ano 2018. O maior crecemento produciuse na formación recibida en software libre do persoal técnico (59%), cun incremento de 13,6 puntos porcentuais. A formación en Software libre do persoal usuario (42,3%), experimentou un aumento de 9,4 puntos porcentuais.
En relación á previsión que realizan as propias empresas TIC galegas sobre a evolución do Software Libre, cabe salientar que un significativo 45,4% opina que se incrementará a súa presenza nos próximos anos.
Plan de Software Libre da Xunta
A Xunta de Galicia, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do software un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e entre a cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as actividades do Centro Demostrador TIC para achegar ás empresas as diferentes solucións en software libre ao seu alcance e as realizadas a través da Rede de Aulas CeMIT para formar á cidadanía neste tipo de ferramentas.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org