
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este venres 17 o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia celebra dúas festas que lle tocan de preto: o Día das Letras Galegas e máis o Día da Internet. Unha vez máis, a entidade que preside Fernando Suárez non quere deixar pasar a ocasión para lembrar a importancia de que as galegas e galegos tiremos proveito da Sociedade da Información, envorcando esforzos para deixar pegada do noso nas redes ao tempo que traballamos por unha Internet máis segura, útil, confiable e accesible. Neste senso, o CPEIG avoga pola “ética profesional” como alicerce da sociedade dixital no Día Mundial de Internet que se celebra este 17.
Para fortalecer esta vertente protexida e amigable da Internet e para complementar e impulsar esta festa do 17 de maio e todo o que a xornada implica, o CPEIG participou arreo na elaboración do Código deontolóxico e de ética e práctica profesional, elaborado polo CCII (Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática, entidade profesional estatal que conta con Fernando Suárez como vicepresidente).
O código establece o marco de actuación profesional de todos os profesionais da Enxeñaría en Informática que deben respectar e cumprir unha serie de principios fundamentais no desempeño da súa función, como son “a honradez, a independencia, a lealdade, a dignidade e a legalidade”, entre outros. Tamén recolle unha Declaración de ética profesional, onde figuran os catro principios xerais de condcta profesional e ética: Protección do interese público e cumprimento legal, Responsabilidade con empregados e clientes, Dignidade profesional e promoción de obxectivos profesionais, e Competencia, responsabilidade e imparcialidade.
Fernando Suárez, ao fío da elaboración deste código e da festa do 17 de maio, considera a ética profesional como “un dos elementos esenciais” para a “consecución e sustentabilidade da Sociedade da Información e o Coñecemento”. Ademais, insiste “na necesidade de aplicar principios éticos no ámbito das tecnoloxías da información”, sobre todo naquelas actividades e servizos de interese xeral, “sempre buscando o consenso entre todas as partes implicadas e a implantación de mecanismos de autorregulación”. Un exemplo de ámbito no que cómpre traballar nos devanditos ámbitos é o da Intelixencia Artificial (temática que será o miolo da charla que ofrecerá Fernando Suárez este venres no Parque Científico de Xixón: Hai que ter medo á IA?). Neste punto, o presidente do CPEIG asegura que o impacto desta tecnoloxía nas xestións realizadas por empresas, administracións e cidadanía é “enorme”, e que está a demostrar un incuestionable potencial para transformar a sociedade tal e como a coñecemos.
Recomendacións
O CPEIG ofrece unha serie de recomendacións con motivo do Día de Internet sobre o chamado e-commerce, un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. Fernando Suárez lembra que as vendas online non paran de medrar, o que provoca o aumento das transaccións por Internet. Asegura tamén que este tipo de comercio é seguro, pero sempre seguindo unha serie de pautas de seguridade, e por suposto aplicando o “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”. En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTPS e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”.
O presidente do CPEIG tamén nos aconsella que teñamos sempre os dispositivos electrónicos “a punto”, os computadores, os móbiles e as tabletas, con antivirus instalados e actualizados para descartar infeccións con capacidade para recadar información persoal ou bancaria do dispositivo. Tamén pon o foco na necesidade de usarmos unha conexión segura a Internet, evitando redes Wi-Fi públicas “que non ofrecen ningunha garantía de seguridade”. O CPEIG salienta igualmente que o consumidor debe revisar a fondo a información das tendas online: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Amais, o colexio recomenda usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local.
Un ano máis, a Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet, que terá lugar o vindeiro 17 de maio, cunha programación especial de actividades durante a segunda quincena de maio, que se suma ás iniciativas que diariamente se realizan desde a Rede CeMIT na que se ofrecerán máis de 240 actividades e 2.000 horas de formación.
As actividades programadas desde a Rede CeMIT con motivo deste día teñen como finalidade sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da internet e así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.
Grazas á colaboración dos aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e á labor dos responsables das aulas CeMIT, entre o 15 e o 31 de maio, xunto coa programación habitual, ofrecerase un catálogo de actividades orientadas a nenas e nenos e adultos achegándolles ao eido da robótica, á seguridade en internet e ao uso de diferentes servizos dixitais.
Actividades programadas
Ao longo da segunda quincena do mes de maio están previstos a celebración de dous talleres de robótica educativa que serán impartidos polo aliado dixital Altia e que terán lugar nas aulas CeMIT de Padrón e Ames.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), tamén en calidade de aliado dixital, realizará dúas charlas sobre fake news e a seguridade na rede na aula CeMIT de Lugo e na aula CeMIT de Redondela, desde onde se retransmitirá por videoconferencia a outras aulas CeMIT.
Desde a aula CeMIT de Abengondo, o aliado dixital Serbelt Consultores, realizará un taller dirixido a particulares e autónomos sobre facturación con solución de código aberto.
Adicionalmente, de forma online, póñense a disposición dos cidadáns unha gran variedade de cursos a través da Plataforma de teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).
O único requisito para poder asistir a todas estas actividades gratuítas e programadas nas aulas CeMIT é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello ou a través da web http://cemit.xunta.gal.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Aliad@s Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con máis de 800 aliados dixitais.
Fallados os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, que serán entregados o vindeiro 24 de maio na Finca Montesqueiro de Oleiros, no decurso da XXIV Noite Galega das Telecomunicacións. Distínguise un ano máis, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.
En total, vanse entregar catro premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2019 recoñece a traxectoria de Rafael Moya Fernández un enxeñeiro de telecomunicación cunha dilatada e fecunda traxectoria profesional en Galicia. Moya leva máis de 23 anos vinculado a Telefónica e actualmente é o Director de Operacións da Zona Norte desta compañía. O xurado tivo en conta para outorgar este premio a contribución deste profesional “ao progreso da profesión, ocupando diferentes postos de responsabilidade e a súa constante sintonía e proximidade con todos aqueles cos que traballou directamente”.
O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). As xuntas directivas do COETG e a da AETG valoran como razóns determinantes da concesión deste premio “a contribución do CTAG ao desenvolvemento das TIC e a súa implicación no sector, a través dos proxectos de vangarda que desenvolve como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”.
O Premio Axians 2019 á Empresa Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación distingue o labor de Nueva Pescanova, “pola utilización das TIC na transformación do grupo para seguir sendo un referente a nivel mundial na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar en 80 países”, segundo a acta do xurado, que destaca tamén que o actual Plan Estratéxico da multinacional viguesa concibe “as TIC como panca de cambio en todos os seus procesos produtivos”.
O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais impulsado pola Amtega recae este ano no proxecto Aperta. Trátase dunha aplicación desenvolvida por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é axudar a combater o bullying nos centros educativos. O xurado valorou como razóns determinantes para outorgar esta distinción a vocación social dun proxecto que pretende facer fronte ao acoso escolar, grazas ao deseño dunha aplicación sociométrica que consiste na automatización dos tests que actualmente se realizan nos colexios para comprobar o ambiente social existente nunha clase.
Finalmente, o quinto dos premios do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación darase ao mellor expediente académico nesta disciplina e será entregado unha vez finalice o curso nun acto de seu.
O III Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos, convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), xa ten os seus gañadores.
En cada categoría os premiados foron os seguintes:
Centros con maior participación ex-aequo: Colexio Guillelme Brown (O Pereiro de Aguiar, Ourense) e CPI de Cova Terreña (Baiona, Pontevedra).
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, acaba de convocar a terceira edición da Semana STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), o campamento de innovación educativa da Xunta de Galicia dirixido a rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado durante os meses de outubro, novembro e decembro deste ano.
Tal como se recolle na convocatoria publicada no Portal Educativo, os centros interesados en participar disporán de prazo ata o 1 de xullo para tramitar a correspondente solicitude.
A Consellería oferta para este ano un total de 450 prazas (cada centro poderá participar con un curso e ata un máximo de 25 alumnos por etapa ) para estadías en réxime de internado dunha semana de duración -de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá- e totalmente gratuíta para o alumnado dos dous últimos cursos de Primaria e dos dous primeiros de Secundaria.
Esta iniciativa forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020) postas en marcha pola Consellería de Educación coa finalidade de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego. A Semana STEM arrancou de xeito pioneiro por primeira vez no curso 2017/18 e, despois de dúas edicións, levan participado nela un total de 750 alumnos e 38 centros educativos.
Actividades con enfoque lúdico, colaborativo e motivador
A Semana STEM axudará a reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.
As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar as súas competencias STEM.