main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/05/201914:54
Un mozo con síndrome de Down utiliza unha tableta sorrindo xunto a unha moza nova.
Santiago de Compostela

Un día dedicado á accesibilidade da tecnoloxía para persoas con discapacidade

Este xoves celébrase a oitava edición do Global Accessibility Awareness Day (GAAD), un día dedicado á concienciación sobre a importancia da accesibilidade da tecnoloxía e o deseño web para facilitar o seu uso por parte das persoas con discapacidade e as persoas maiores.

Con este obxectivo naceu a finais de 2011 esta iniciativa, froito dun post dun desenvolvedor web nun blogue no que apostaba pola creación dun día dedicado á accesibilidade tecnolóxica.

Desde entón, a celebración deste día non parou de crecer coa celebración dun número crecente de eventos por todo o mundo. Nesta edición, en España terán lugar dous eventos, un organizado por Atos e outro pola Universitat Autònoma de Barcelona.

Pero o obxectivo da celebración deste día é que cada persoa poida achegar o seu gran de area e, sobre todo, concienciar ás persoas que non teñen unha discapacidade sobre a importancia da accesibilidade.

Por iso, os organizadores instan a realizar distintas accións de concienciación, como utilizar o computador sen rato durante unha hora, aumentar o tamaño da letra, comprobar o contraste de cor nunha páxina web ou analizar a orde dos elementos nunha web, algo fundamental para as persoas con discapacidade visual que navegan utilizando un lector de pantalla.

De feito, outra das propostas de GAAD é utilizar durante unha hora o computador ou o móbil cun lector de pantalla, ou dedicarlle un tempo para coñecer as opcións de accesibilidade dos dispositivos.

No fondo, o obxectivo deste día é tratar de facer ver a importancia da accesibilidade e subliñar o papel fundamental que a tecnoloxía ten para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e de moitas persoas maiores.

16/05/201907:55
Minidron sorteando obstáculos cónicos.
Santiago de Compostela

O CPEIG achega a programación e a robótica aos nenos hospitalizados no CHUS

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirá este xoves 16 de maio unha xornada lúdica de introdución á programación visual e robótica na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para os nenos e nenas que están hospitalizados, de 15:00 a 17:00 horas. A sesión será impartida polo grupo de Tecnoloxía á Investigación en Ocupación, Igualdade e Saúde do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), coordinado polo colexiado do CPEIG Javier Pereira Loureiro. 

Con accións desta índole, relacionadas coas novas tecnoloxías e a divulgación tecnolóxico-científica, o CPEIG pretende fomentar o talento dixital da nosa rapazada. Segundo informa o propio Javier Pereira, “o taller é unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á Enxeñaría en Informática e, tamén, para romper coa rutina dos cativos no hospital”. Durante a sesión, realizaranse unha serie de exercicios de programación con sinxelas funcións de realidade aumentada. Traballarase o acceso ao ordenador coa placa MakeyMakey transformando obxectos da vida cotiá (como froitas, utensilios de cociña ou as propias persoas) en mandos para utilizar os xogos deseñados previamente. 

O obradoiro avanzará coa interacción co ordenador, usando outros dispositivos como o Micro:bit e o Adafruit Playground, que permiten interactuar sen fíos e aproveitando os xiroscopios de que dispoñen para crear novas experiencias de control dos elementos que se poden ver nunha pantalla de ordenador. Ademais, probarán robots baseados no microcontrolador Arduino, como é o MBOT, onde a rapazada poderá ver como se pode mudar o seu comportamento en función dos sensores integrados, como o son ambiental, a luz ou a distancia a obxectos da contorna.

16/05/201907:40
Imaxe de arquivo da anterior edición da Maker Faire Galicia 2018.
Santiago de Compostela

O Gaiás acollerá en xullo a quinta edición da 'Maker Faire Galicia' que pasa de tres a cinco xornadas

  • O encontro chega á súa quinta edición en Compostela dedicando preto dunha semana ao mundo 'Maker' e da Industria 4.0, que terá lugar entre o 3 e o 7 de xullo
  • A 'Maker Faire Galicia' inclúe tres xornadas para público profesional e outros dous días para público xeral, con programación para cativada, familias e maiores

 

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá entre o 3 e o 7 de xullo a quinta edición da Maker Faire Galicia, que volve ao Gaiás enmarcada na programación do seu Centro de Emprendemento Creativo e con dúas novidades: celébrase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasa de tres a cinco días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres.

Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía... un lugar, en definitiva, para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

Este ano o evento celebra a súa quinta edición en Compostela co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.

Xornadas profesionais

As tres xornadas enfocadas ao público profesional –que se celebrarán o 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura– centraranse en temáticas clave para o futuro da industria e a innovación como mobilidade, enerxía, intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.

A fin de semana –6 e 7 de xullo– abriranse as portas do Museo Centro Gaiás para o público xeral, cunha programación para a cativada, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos, entre outras moitas actividades programadas e que buscan sorprender os visitantes.

Inscrición de proxectos ata o 31 de maio

Xa está dispoñible na web galicia.makerfaire.com o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio e, de todas as propostas achegadas, farase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento o público poderá ademais votar polos mellores proxectos. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de MakerMinimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).

15/05/201912:18
Home sentado usando lentes de realidade virtual.
Santiago de Compostela

A Maker Faire Galicia converterase este verán na cita argalleira máis importante da Península

Este verán Santiago vaise pór novamente no punto de mira da comunidade argalleira de todo o mundo. O motivo? A celebración dunha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira de inventoras e inventores máis sobranceira da nosa terra e do ámbito estatal e, en palabras da organización (VermisProject), unha das cinco máis relevantes a nivel europeo. O evento terá lugar do 3 ao 7 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia. A nova edición vén con dúas novidades: celebrarase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasará de 3 a 5 días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres xornadas.

Novamente, a feira será ante todo un espazo onde intercambiar coñecementos e darmos conta das vantaxes e beneficios de crear tecnoloxías abertas en comunidades. Será, tamén, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas, e abordarase o potencial da robótica o espírito maker para os ámbitos da gastronomía, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía. 

Este ano o evento celebra a súa quinta edición buscando consolidarse como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes. Ao igual que na edición anterior, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.

Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 argalleiros expuxeron os seus enxeños. As tres xornadas enfocadas ao público profesional centraranse en temáticas consideradas “clave” para o futuro da industria e a innovación como: mobilidade, enerxía, Intelixencia Artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.

Entre os obxectivos principais da xuntanza figuran os seguintes: crear unha contorna idónea para realizar contactos profesionais de calidade, presentar proxectos que marquen un antes e un despois na liña do progreso tecnolóxico e ofrecer unha oportunidade para poñernos ao día no mundo da innovación na industria.

A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que, en palabras da organización, “buscan sorprender aos visitantes”. Para quen queira máis datos sobre a cita e xeitos de formar parte dela, dicirlle que xa está dispoñible na súa páxina web, galicia.makerfaire.com, o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio, e de tódalas propostas achegadas farase unha escolma final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2019. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de MakerMinimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).

15/05/201912:13
Moza usando un ordenador.
Ribeira

Ribeira achega dous cursos gratuítos para perfeccionar coñecementos TIC

Concello de Ribeira vai achegar dúas actividades formativas para sacarmos proveito de Internet e das tabletas como fonte de información, recursos, comunicación e, tamén, oportunidades formativas e laborais. Estamos a falar de dous cursos de balde, un sobre Internet e outro sobre tabletas, que se van desenvolver na aula CeMIT de Ribeira co obxectivo de perfeccionar os nosos coñecementos en novas tecnoloxías. 

Así, do 21 ao 31 de maio haberá unha acción formativa dedicada á procura de información en Internet. Terá lugar na aula CeMIT os martes e os xoves de 10.30 a 12.30 horas. A continuación, os días 4, 5, 6, 10, 11 e 12 de xuño, de 16.30 a 18.30 horas, haberá outro curso sobre a aprendizaxe do uso de tabletas dixitais. Con tal motivo disporase de 8 dispositivos tecnolóxicos desta índole para que os asistentes poidan practicar. As persoas interesadas poden inscribirse na rúa 1 Cubeliño 20 baixo (teléfono 981 876 043) ou ben a través da web específica da aula, https://cemit.xunta.gal/es/centro/67.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS