main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/05/201908:14
Persoas visitando o Museo da Cidade da Cultura.
Santiago de Compostela

GaliciaTIC mostra esta semana as oportunidades da nosa terra na revolución dixital

Esta semana temos unha cita coas novas tecnoloxías en Santiago: unha relevante xuntanza arredor da transformación tecnolóxica das empresas na compaña de centos de profesionais da nosa terra. Estamos a falar da 27 edición de GaliciaTIC. A cita é o 23 de maio e virá, novamente, da man da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e INETEC. Desenvolverase baixo o epígrafe Tendencias tecnolóxicas e oportunidades para Galicia e co obxectivo de superar a cifra de participación acadada na anterior convocatoria, a do ano pasado: 250 profesionais. 

O evento inaugurarase cun debate sobre a situación actual e de futuro do sector TIC en Galicia, analizando retos e oportunidades. Esta mesa contará coa participación de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Luis Sestelo, presidente de Ineo; Fernando Vázquez, director executivo e fundador de Imatia; Ramón Ares, director executivo de Ozona e de Miguel Merino, director de GaliciaTIC, como moderador. Seguidamente, Ed Gabrys, experto analista de Gartner, a prestixiosa consultora tecnolóxica, achegará un relatorio sobre o cambio cultural que se debe dar nas organizacións para conseguir unha verdadeira transformación dixital. 

Tras esta conferencia celebraranse unha serie de mesas nas que diversos expertos abordarán temas como as Cidades Intelixentes, o monitoraxe da experiencia do usuario, a computación na nube, a aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías 5G, as oportunidades e retos que brinda a Intelixencia Artificial na empresa, as tecnoloxías aplicadas á saúde e á Industria 4.0 e a escaseza do talento TIC, así como as solucións a esta problemática. 

Segundo fai saber Ineo acerca dos principais desafíos que se mostran e encaran en GaliciaTIC, o tempo que estamos a vivir é un intre clave de maduración nas tecnoloxías innovadoras e a súa aplicación ao mundo empresarial e á sociedade: un intre para achegar impulsos á transformación tecnolóxica dos sectores e das empresas, poñendo o foco nas de menor tamaño. “É por iso que na vindeira edición de GaliciaTIC seguiremos contribuíndo á devandita transformación, atraendo a sectores non tecnolóxicos e emprestando especial atención ás ferramentas e servizos que conformarán un novo ecosistema dixital nos vindeiros anos”, explican dende a organización do evento, que concentrará as actividades previstas nunha xornada matinal na que se darán cita ducias de profesionais do sector TIC e, tamén, representantes diversos de empresas non tecnolóxicas.

20/05/201914:06
Mozos visitando unha instalación da UDC.
A Coruña

A UDC impulsa as vocacións STEM con máis de medio cento de iniciativas

Universidade da Coruña está a ofrecer máis de 50 iniciativas de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de bacharelato da nosa terra (alumnado do STEMbach). Este impulso ás áreas chamadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) materialízase a través de once facultades e escolas diferentes dos campus de A Coruña e Ferrol. As propostas, permiten ás alumnas e alumnos desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas do máis diverso e atraente. Por exemplo: afondar no comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, mellorar a mobilidade viaria da cidade ou facer unha tarefa real cun robot autónomo que requira Intelixencia Artificial.

Tamén hai proxectos sobre radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano ou a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria, entre outros. Ademais, o profesorado da Universidade da Coruña está a disposición dos centros educativos para colaborar na dirección doutros proxectos de investigación que sexan propostos.

Amais disto, a UDC pon en xogo outros recursos para fortalecer esta vertente formativa, como visitas ás facultades e centros de investigación, xornadas, obradoiros, así como seminarios, relacionados coas materias STEM. De feito, neste curso recibiuse a visita dos centros IES Agra do Orzán, IES María Casares, IES Ramón Mª Aller Uloa, IES Francisco Daviña Rey e IES Arcebispo Xelmírez II. Para facilitar a coordinación cos quince centros galegos que imparten o STEMbach, en marzo a Universidade da Coruña lanzou unha páxina web, www.udc.gal/stembach, adicada a este novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. Nela, ademais de información de interese, os titores e alumnos dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación e as actividades complementarias de formación ofertados.

20/05/201908:25
Persoas cegas usando a aplicación de guiado.
Santiago de Compostela

Microsoft traballa nunha aplicación que facilitará percorrer o Camiño a invidentes

O proxecto Camino de Santiago para todos, froito da colaboración de Microsoft e a Fundación ONCE, avanza para facer posible que persoas con discapacidade visual poidan percorrer o Camiño de Santiago de xeito autónomo grazas ao guiado auditivo 3D de Soundscape, aplicación desenvolvida por Microsoft Research para o guiado de persoas en exteriores que, coa integración de BeepCons, o sistema de balizas intelixentes de ILUNION, permitirá a realización de tramos do Camiño aínda que se padeza discapacidade visual.

Este proxecto está enmarcado na estratexia de Microsoft polo desenvolvemento de solucións tecnolóxicas inclusivas e intégrase na iniciativa Camino de Santiago para todos, liderada pola Fundación ONCE, e que conta tamén coa colaboración de 4 ministerios, as comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés, a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago.

A aplicación Soundscape para dispositivos móbiles combina os sensores do móbil (GPS e compás) e a información recibida por balizas Bluetooth para realizar un guiado mediante sons en 3D, de xeito que a persoa que empregue a ferramenta pode coñecer o sentido e a dirección que debe seguir para avanzar nun camiño determinado. Dentro do proxecto piloto da aplicación de Soundscape ao Camiño percorreuse un tramo da ruta para probar o uso por persoas con diferentes eivas sensoriais e intelectuais, de xeito que os resultados da experiencia contribuirán á vindeira versión de Soundscape.

20/05/201907:50
Muller maior rodeada de dispositivos TIC.
Santiago de Compostela

Galicia é a segunda comunidade na que máis se incrementou o uso de internet entre as persoas maiores de 55 a 64 anos desde 2011

  • Multiplícase case por cinco a porcentaxe de persoas de 65 a 74 anos que empregan a rede no últimos sete anos
  • En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación
  • A porcentaxe de uso da entre os galegos de menos de 44 anos rolda o 100%
  • Nos fogares con nenos en idade escolar a contratación de Internet supera o 97%, 17 puntos máis que nos fogares sen nenos
  • En canto á contratación do servizo de banda larga os núcleos máis pequenos foron os que rexistraron o maior incremento nestes anos
  • Nos de menos de 10.000 habitantes a contratación aumentou máis do dobre pasando do 37,6% a preto do 76% e nos de 10.000 a 20.000 do 55,7% a case o 80%
  • O Plan de Banda Larga da Xunta e as iniciativas estatais incrementarán ao máis do 98% a porcentaxe de concellos con núcleos de acceso a redes de alta velocidade

A idade é un dos factores determinantes no uso da internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de 55 non chegan ao 65%. 

A pesar dos case 40 puntos de diferenza entre ambas as franxas de idade, no últimos anos esta fenda foise acurtando significativamente. Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%. 

Para algunhas persoas, maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da internet é inherente á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.

Contratación segundo o tamaño do hábitat

Os fogares galegos con servizo da internet contratado pasaron do 51,6% en 2011 a máis do 82%. Nos núcleos máis grandes, os de 20.000 a 100.000 habitantes superan a media galega cunha porcentaxe de fogares con banda larga contratada de entre o 86 e o 91%. 

Nos núcleos máis pequenos foi onde se rexistrou o maior incremento nestes anos. Nos de menos de 10.000 a contratación aumentou máis do dobre pasando do 37,6% a preto do 76% e nos de 10.000 a 20.000 do 55,7% a case o 80%

Mellora da cobertura

As actuacións en macha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado garanten que máis de 513.000 galegos de 309 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade no 2020. 

Ambas medias garanten que en 2020 máis do 98% dos concellos galegos teñan núcleos con acceso a redes de máis de 100 Mbps. Esta porcentaxe incrementarase coas novas convocatorias do Estado previstas para 2019-2021, a última foi publicada en abril de 2019 por un importe de máis de 20 millóns de euros, e prevese que se resolva este ano.

16/05/201916:30
Mans dunha muller sobre o teclado dun portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta inicia a elaboración da Estratexia dixital de Galicia 2030, folla de ruta para afrontar os retos da futura dixitalización na vindeira década

  • Salienta que esta nova estratexia pivotará sobre 4 piares que estarán aliñados coas políticas da futura dixitalización
  • Explica que a metodoloxía de elaboración derivará do Centro Común de Investigacións da UE, polo que haberá tanto paneis de profesionais, como unha comisión permanente de expertos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, durante a rolda de prensa de Consello, da aprobación do inicio do proceso de elaboración da Estratexia dixital de Galicia 2030. Unha folla de ruta para a vindeira década destinada a que a Comunidade estea preparada para afrontar os retos da futura dixitalización e poida beneficiarse das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

Máis polo miúdo, o titular do Goberno galego explicou que esta nova estratexia pivotará sobre 4 piares que estarán aliñados coas políticas europeas da futura dixitalización.

O primeiro deles, salientou, será a capacitación dixital, xa que o 90% dos empregos requirirán esa cualificación, en segundo termo, engadiu, favorecerase un clima de confianza e transparencia, asegurando que as tecnoloxías emerxentes respecten a privacidade e as normas éticas.

O terceiro dos vectores, indicou, favorecerá a consolidación dun ecosistema dixital forte, e, por último, o cuarto dos piares contemplará a promoción do liderado dixital coa misión de impulsar proxectos demostradores con impacto de transformación nos diferentes sectores económicos.

Nese sentido, abundou, a metodoloxía de elaboración da dita estratexia derivará do Centro Común de Investigacións da UE, polo que haberá tanto paneis de profesionais, como unha comisión permanente de expertos. Ademais, será un proceso participativo no que se terán en conta as achegas das empresas e dos axentes sociais.

Durante a súa intervención, Feijóo tamén lembrou que Galicia leva tempo apostando pola dixitalización. A ese respecto, fixo referencia a Axenda dixital de Galicia 2014 e 2020, coas que se mobilizaron en 10 anos preto de 3.000 M€ entre capital público e privado. Un esforzo, dixo, que se reflicte, por exemplo, nunha administración máis dixital, en 2018 o 50% dos trámites foron telemáticos ou nun ensino no que todas as aulas desde 5º de primaria a bacharelato contan con dotacións mínimas dixitais e preto de 20.000 estudantes utilizan só o libro dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS